Feitos:
1. O 29.3.2021 a empresa Terminal de Líquidos Ferrol, S.L. solicitou a autorización administrativa previa e a avaliación ambiental simplificada para a adecuación dunha planta de almacenamento de combustibles no porto exterior de Ferrol. O 7.9.2021, a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación resolveu arquivar a dita solicitude por desistencia do solicitante.
2. O 1.10.2021, a empresa Terminal de Líquidos Ferrol, S.L. solicitou novamente a autorización administrativa previa e a avaliación ambiental simplificada para a adecuación dunha planta de almacenamento de combustibles no porto exterior de Ferrol. Xunto coa solicitude presentou:
– Proxecto para a adecuación dunha planta de almacenamento de combustibles no porto exterior de Ferrol (A Coruña).
– Solicitude de avaliación de impacto ambiental simplificada.
– Documento ambiental simplificado para a adecuación dunha planta de almacenamento de combustibles no porto exterior de Ferrol (A Coruña).
– Notificación da resolución do trámite de competencia de proxectos do Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, pola que se continúa a tramitación de concesión solicitada por Terminal de Líquidos Ferrol, S.L.
3. O 14.10.2021 remitiuse a documentación ambiental do proxecto á Dirección Xeral de Calidade, Sostibilidade e Cambio Climático para o seu pronunciamento respecto do procedemento de avaliación de impacto ambiental que correspondese aplicar a esa infraestrutura.
4. O 3.11.2021, a Dirección Xeral de Calidade, Sostibilidade e Cambio Climático comunicou o inicio do período de consultas ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas, previsto no artigo 46 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental. O dito inicio comunicouse ao solicitante o 10.11.2021.
5. O 11.3.2022, a Dirección Xeral de Calidade, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu formular o informe de impacto ambiental do proxecto de adecuación dunha planta de almacenamento de combustibles no porto exterior de Ferrol, promovido por Terminal de Líquidos Ferrol, S.L., en que conclúe que non é previsible que o proxecto vaia producir efectos significativos sobre o medio ambiente, polo que non se considera necesaria a tramitación prevista na sección 1ª do capítulo II, título II da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
6. O 17.3.2022, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación remitiu á Terminal de Líquidos Ferrol, S.L. o citado informe ambiental, e requiriulle que incorporase ao proxecto os condicionados emitidos polos organismos consultados durante o procedemento de avaliación do impacto ambiental, en particular, o emitido polo organismo Porto de Ferrol.
7. O 13.4.2022, Terminal de Líquidos Ferrol, S.L. remitiu á xefatura territorial a contestación aos referidos condicionados, así como o documento de autorización de focos emisores en relación coa solicitude de autorización de instalacións con actividades potencialmente contaminadoras da atmosfera (CAPCA) grupos A e B.
8. O 20.11.2023, Terminal de Líquidos Ferrol, S.L. presenta un novo proxecto denominado «Renovación terminal» para a obtención da autorización administrativa previa establecida no artigo 40 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos. Xunto co proxecto presentan comunicación da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao sobre aprobación do proxecto construtivo «Renovación da terminal» da concesión C-945 titularidade de «Terminal de Líquidos de Ferrol, S.L.» e actualización de trámites concesionais.
9. O 12.1.2024, o Servizo de Industria da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña emitiu unha nota interior en que indica que Terminal de Líquidos Ferrol, S.L. comunicou, o 9.1.2024, que a planta de almacenamento de hidrocarburos que proxecta no porto exterior de Ferrol estará afectada polas disposicións establecidas no Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, no seu nivel superior.
10. O 21.2.2024, o xefe territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación acordou, para os efectos previstos no artigo 16 (consulta pública e participación na toma de decisións) do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, someter a información pública o proxecto da instalación de almacenamento de produtos petrolíferos no porto exterior de Ferrol, promovido por Terminal de Líquidos Ferrol, S.L.
Este acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 4 de marzo de 2024, no taboleiro de anuncios do Concello de Ferrol e no Portal da transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación. Durante o período en que a documentación estivo exposta non se recibiron alegacións.
11. O 23.2.2024 remitiuse unha consulta á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático sobre a validez do informe de impacto ambiental do 11.3.2022 ante a presentación do proxecto modificado.
O 1.3.2024, esa dirección xeral contesta que, segundo se indica na documentación achegada, as actuacións pretendidas non semellan atoparse incluídas nos supostos indicados no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e corresponde ao órgano substantivo valorar as modificacións propostas dentro do ámbito da resolución de avaliación de impacto ambiental de acordo co artigo 44 da referida Lei de avaliación ambiental.
12. O 27.9.2024, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria deu traslado, á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, do expediente SEM 2021/60b, logo de rematada a súa instrución asociada ao procedemento de outorgamento de autorización administrativa previa para a adecuación dunha planta de almacenamento de combustibles no porto exterior de Ferrol, promovido por Terminal de Líquidos de Ferrol, S.L., acompañando o informe favorable, emitido o 18.9.2024 polos seus servizos técnicos, e a proposta de outorgamento da autorización administrativa previa, ditada o 18.9.2024 polo seu director territorial.
Consideracións legais e técnicas:
1. O director xeral de Planificación Enerxética e Minas é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
2. A lexislación de aplicación a este expediente é a seguinte:
a) A Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos.
b) O Real decreto 2085/1994, do 20 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de instalacións petrolíferas, modificado polo Real decreto 1523/1999, do 1 de outubro.
c) A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
d) O Real decreto 1562/1998 polo que se modifica a instrución técnica complementaria MI-IP02, parques de almacenamento de líquidos petrolíferos.
e) O Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas.
3. As instalacións de almacenamento de hidrocarburos obxecto deste expediente de autorización administrativa previa, atópanse no emprazamento das instalacións de produción de biodiesel autorizadas en 2008 á empresa Entabán Biocombustibles de Galicia, S.A., no porto exterior de Ferrol, concello de Ferrol.
O proxecto actual pretende a renovación das instalacións da planta preexistente que cesou a súa actividade en 2014, perdendo a concesión de uso do dominio público portuario. Estas instalacións contan con 13 depósitos cun volume nominal de 54.289 m3.
4. As características técnicas da instalación proxectada, segundo o proxecto asinado por Sergi Ramón Escarre, enxeñeiro industrial, colexiado nº 11.770 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Cataluña, co visado T-88608 do 16.11.2023, que debe considerarse como un proxecto básico, son as seguintes:
– Adecuación da zona de almacenamento de combustibles, renovando tanques existentes e construíndo tanques novos coas seguintes capacidades:
|
Denominación |
Produto |
Ø tanque (m) |
H tanque (m) |
Volume nominal |
|
Renovación tanques existentes |
||||
|
T 03 |
Gasóleo/biodiesel |
19,00 |
18,50 |
5.000 |
|
T 04 |
Gasóleo/biodiesel |
19,00 |
18,50 |
5.000 |
|
T 05 |
Gasóleo/biodiesel |
19,00 |
18,50 |
5.000 |
|
T 06 |
Gasóleo/biodiesel |
19,00 |
18,50 |
5.000 |
|
T 07 |
Gasóleo/biodiesel |
19,00 |
18,50 |
5.000 |
|
T 08 |
Gasóleo/biodiesel |
19,00 |
18,50 |
5.000 |
|
T 09 |
gasóleo/biodiesel |
5,00 |
5,50 |
10.000 |
|
T 10 |
gasóleo/biodiesel |
5,00 |
5,50 |
10.000 |
|
Construción tanques novos |
||||
|
T 01 |
Gasóleo/biodiesel |
23,50 |
23,50 |
10.000 |
|
T 02 |
Gasóleo/biodiesel |
23,50 |
23,50 |
10.000 |
|
T 11 |
Gasóleo/biodiesel |
5,00 |
5,50 |
15.000 |
|
T 12 |
Gasolina |
5.000 |
||
|
Volume total: |
90.000 |
|||
– Implantación de dunha tubaxe de 10”, desde a terminal ata o atraque de buques. Adicionalmente, no dito atraque instalarase un brazo de carga e descarga que permita cargar e descargar buques.
– Sistema de lavado e condensado de gases que permite emitir os vapores tratados á atmosfera, cumprindo coa normativa de aplicación.
– Marquesiñas e sistemas de carga e descarga de cisternas.
– Novo edificio de oficinas, vestiario e sala de control.
– Novas zonas de servicios: caldeira e almacén de mantemento.
– Adecuación de instalacións contra incendios, eléctrica (seccionamento, distribución, rede de terra, potencia, control e alumeado), control de instrumentos, control de bombas, outros.
5. O proxecto básico cumpre co establecido na instrución técnica complementaria MI-IP02, parques de almacenamento de líquidos petrolíferos.
6. O proxecto de adecuación dunha planta de almacenamento de combustibles no porto exterior de Ferrol, conta con informe de impacto ambiental (IIA), emitido o 11.3.2022 pola Dirección Xeral de Calidade, Sostibilidade e Cambio Climático, en que se establecen os condicionados que debe cumprir o desenvolvemento do proxecto, e se conclúe que non é previsible que o proxecto vaia producir efectos significativos sobre o ambiente, polo que non se considera necesaria a tramitación do procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria.
Para dar cumprimento ao exixido no artigo 48.2, nas súas letras a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, relativo ao contido da autorización do proxecto, resúmese a seguinte información contida no dito IIA (feito público mediante Anuncio do 14.3.2022 do órgano ambiental, no DOG núm. 61, do 29 de marzo):
– Información exixida na letra a): o órgano ambiental resolveu «formular o informe de impacto ambiental do proxecto de adecuación dunha planta de almacenamento de combustible no porto exterior de Ferrol, en que conclúe que non é previsible que o proxecto vaia producir efectos significativos sobre o ambiente, polo que non se considera necesaria a tramitación prevista na sección 1ª do capítulo II, título II da devandita Lei de avaliación ambiental».
– Información exixida na letra b):
• Conclusión sobre os efectos significativos do proxecto no ambiente: punto 3.3 do IIA.
• Condicións ambientais establecidas e medidas previstas para prever, corrixir ou compensar os efectos adversos significativos no medio ambiente: puntos do 4.1 ao 4.5 do IIA.
• Descrición das características do proxecto: puntos 1.1, 3.1 e 3.2 do IIA.
• Medidas de seguimento e órgano encargado del: punto 4.5 do IIA.
7. O proxecto non afecta bens e dereitos de organismos ou empresas que prestan servizos públicos ou de interese económico, salvo a Autoridade Portuaria de Ferrol, da que o solicitante achegou comunicación sobre aprobación do proxecto construtivo «Renovación da terminal» da concesión C-945 titularidade de «Terminal de Líquidos de Ferrol, S.L.» e actualización de trámites concesionais.
8. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos do Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria en que se informa, de xeito literal, o seguinte:
«1. A solicitude de autorización administrativa previa do proxecto [...] cumpre coa normativa de aplicación.
2. Previo á execución das obras será necesario que o promotor presente o proxecto construtivo das instalación, para a súa aprobación, en que deberán terse en conta os condicionados impostos polos organismos consultados, en especial, os contidos no informe de impacto ambiental.
Así mesmo, e para dar cumprimento ao establecido no capítulo V. Documentos, do Decreto 37/2019, do 21 de marzo [...], deberá presentar ante este departamento territorial, nos prazos que se indican a seguir, a seguinte documentación:
– Notificación [...].
– Política de prevención de accidentes graves [...].
– Plan de emerxencia interior [...].
– Informe de seguridade [...].
[...]».
De acordo con todo o indicado,
RESOLVO:
1. Outorgar a autorización administrativa previa para o proxecto de adecuación dunha planta de almacenamento de combustibles no porto exterior de Ferrol, concello do Ferrol (A Coruña), promovido por Terminal de Líquidos de Ferrol, S.L., segundo o proxecto asinado por Sergi Ramón Escarre, enxeñeiro industrial, colexiado nº 11.770 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Cataluña, co visado T-88608 do 16.11.2023.
Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:
1. Para iniciar a execución das obras, o promotor deberá obter previamente a aprobación do proxecto de execución, para o cal deberá presentar ante o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria a correspondente solicitude acompañada do proxecto construtivo das instalacións, en que deberán terse en conta os condicionados impostos polos organismos consultados, en especial, os contidos no informe de impacto ambiental.
2. Para dar cumprimento ao establecido no capítulo V (documentos), do Decreto 37/2019, do 21 de marzo, polo que se determinan os órganos competentes e outras medidas para o control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, o promotor deberá presentar ante o Departamento Territorial da Coruña, nos prazos que se indican a seguir, a seguinte documentación:
– Notificación, prevista no artigo 7 do Real decreto 840/2015. Deberá remitirse nun prazo máximo de tres meses antes de comezar a construción ou a explotación, ou antes das modificacións que dean lugar a un cambio no inventario de substancias perigosas. Este prazo en ningún caso poderá ser superior a un ano desde a solicitude de licenza de obra.
– Política de prevención de accidentes graves, prevista no artigo 8 do Real decreto 840/2015. Deberá remitirse nun prazo máximo de tres meses antes de comezar a construción ou a explotación, ou antes das modificacións que dean lugar a un cambio no inventario de substancias perigosas. Este prazo en ningún caso poderá ser superior a un ano desde a solicitude de licenza de obra.
– Plan de emerxencia interior, previsto no artigo 12 do Real decreto 840/2015. Deberá remitirse nun prazo máximo de tres meses antes de comezar a explotación, ou antes das modificacións que dean lugar a un cambio no inventario de substancias perigosas.
– Informe de seguridade (análise de riscos e Información básica para a Administración), previsto no artigo 10 do Real decreto 840/2015. Deberá remitirse nun prazo máximo de tres meses antes de comezar a construción ou explotación, ou antes das modificacións que dean lugar a un cambio no inventario de substancias perigosas.
– Análise cuantitativa de riscos, de conformidade co artigo 4.4.4 da directriz básica de protección civil para o control e planificación ante o risco de accidentes graves nos cales interveñen substancias perigosas, aprobada polo Real decreto 1196/2003, do 19 de setembro, por propia iniciativa desta xefatura territorial, ou por petición razoada da dirección xeral con competencias en materia de protección civil, cando así se considere oportuno, en función das circunstancias específicas da contorna, instalacións, procesos e produtos da actividade industrial.
Esta documentación estará acompañada en todo caso dun informe de avaliación coa cualificación favorable realizado por un organismo de control dos definidos no artigo 41 do Regulamento da infraestrutura para a calidade e seguridade industrial, aprobado polo Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, e acreditado no campo regulamentario de accidentes graves.
3. Previamente á execución das obras será necesario que o promotor presente o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 4.5 do informe de impacto ambiental.
4. Esta resolución deberase publicar no Diario Oficial de Galicia, xunto cun extracto do contido da autorización administrativa previa outorgada, conforme o exixido no artigo 48.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
5. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización administrativa por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.
6. Esta autorización administrativa outórgase sen prexuízo do resto de autorizacións necesarias.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2024
Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas
