DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Luns, 2 de decembro de 2024 Páx. 63187

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

EXTRACTO da Resolución do 7 de outubro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se outorga autorización administrativa previa para o proxecto de adecuación dunha planta de almacenamento de combustibles no porto exterior de Ferrol, promovido por Terminal de Líquidos de Ferrol, S.L. (expediente SEM 2021/60b).

De conformidade co previsto no artigo 48.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, publícase o extracto do contido da resolución indicada no título, cuxo texto completo se pode consultar neste mesmo Diario Oficial de Galicia.

Primeiro. Peticionario

Terminal de Líquidos de Ferrol, S.L., con CIF B02790269 e domicilio na rúa Ourense, nº 34, 1º esquerda, 28020 Madrid.

Segundo. Características do proxecto

As instalacións de almacenamento de hidrocarburos obxecto deste expediente de autorización administrativa previa atópanse no emprazamento das instalacións de produción de Biodiesel autorizadas en 2008 á empresa Entabán Biocombustibles de Galicia, S.A., no porto exterior de Ferrol, concello de Ferrol. O proxecto actual pretende a renovación das instalacións da planta preexistente que cesou a súa actividade en 2014, perdendo a concesión de uso do dominio público portuario. Estas instalacións contan con 13 depósitos cun volume nominal de 54.289 m3.

As características técnicas da instalación proxectada, segundo o proxecto asinado por Sergi Ramón Escarre, enxeñeiro industrial, colexiado nº 11.770 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Cataluña, co visado T-88608 do 16.11.2023, que debe considerarse como un proxecto básico, son as seguintes:

– Adecuación da zona de almacenamento de combustibles, renovando tanques existentes e construíndo tanques novos coas seguintes capacidades:

Denominación

Produto

Ø tanque

(m)

H tanque

(m)

Volume nominal (m³)

Renovación tanques existentes

T 03

Gasóleo/biodiesel

19,00

18,50

5.000

T 04

Gasóleo/biodiesel

19,00

18,50

5.000

T 05

Gasóleo/biodiesel

19,00

18,50

5.000

T 06

Gasóleo/biodiesel

19,00

18,50

5.000

T 07

Gasóleo/biodiesel

19,00

18,50

5.000

T 08

Gasóleo/biodiesel

19,00

18,50

5.000

T 09

Gasóleo/biodiesel

5,00

5,50

10.000

T 10

Gasóleo/biodiesel

5,00

5,50

10.000

Construción tanques novos

T 01

Gasóleo/biodiesel

23.50

23.50

10.000

T 02

Gasóleo/biodiesel

23,50

23,50

10.000

T 11

Gasóleo/biodiesel

5,00

5,50

15.000

T 12

Gasolina

5.000

Volume total:.

90.000

– Implantación dunha tubaxe de 10», desde a terminal ata o atraque de buques. Adicionalmente, no dito atraque instalarase un brazo de carga e descarga que permita cargar e descargar buques.

– Sistema de lavado e condensado de gases que permite emitir os vapores tratados á atmosfera, cumprindo coa normativa de aplicación.

– Marquesiñas e sistemas de carga e descarga de cisternas.

– Novo edificio de oficinas, vestiario e sala de control.

– Novas zonas de servicios: caldeira e almacén de mantemento.

– Adecuación de instalacións contra incendios, eléctrica (seccionamento, distribución, rede de terra, potencia, control e alumeado), control de instrumentos, control de bombas, outros.

Terceiro. Consideracións

O 1.10.2021, Terminal de Líquidos Ferrol, S.L. solicitou a autorización administrativa previa e a avaliación ambiental simplificada para a adecuación dunha planta de almacenamento de combustibles no porto exterior de Ferrol.

O 11.3.2022, a Dirección Xeral de Calidade, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu formular o informe de impacto ambiental do proxecto de adecuación dunha planta de almacenamento de combustibles no porto exterior de Ferrol, promovido por Terminal de Líquidos Ferrol, S.L., en que conclúe que non é previsible que o proxecto vaia producir efectos significativos sobre o ambiente, polo que non se considera necesaria a tramitación da avaliación de impacto ambiental ordinaria.

O 20.11.2023, Terminal de Líquidos Ferrol, S.L. presenta un novo proxecto denominado «Renovación terminal» para a obtención da autorización administrativa previa establecida no artigo 40 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos. Xunto co proxecto presentan comunicación da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao sobre aprobación do proxecto construtivo «Renovación da terminal» da concesión C-945 titularidade de «Terminal de Líquidos de Ferrol, S.L.» e actualización de trámites concesionais.

O 21.2.2024, o xefe territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación acordou, para os efectos previstos no artigo 16 (consulta pública e participación na toma de decisións) do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, someter a información pública o proxecto da instalación de almacenamento de produtos petrolíferos no porto exterior de Ferrol, promovido por Terminal de Líquidos Ferrol, S.L. Durante o período en que a documentación estivo exposta non se recibiron alegacións.

O 27.9.2024, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria deu traslado á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, do expediente SEM 2021/60b, logo de rematada a súa instrución asociada ao procedemento de outorgamento de autorización administrativa previa para a adecuación dunha planta de almacenamento de combustibles no porto exterior de Ferrol, promovido por Terminal de Líquidos de Ferrol, S.L., acompañando o informe favorable, emitido o 18.9.2024 polos seus servizos técnicos, e a proposta de outorgamento da autorización administrativa previa, ditada o 18.9.2024 polo seu director territorial.

Cuarto. Contido da decisión

1. Outorgar a autorización administrativa previa para o proxecto de adecuación dunha planta de almacenamento de combustibles no porto exterior de Ferrol, concello de Ferrol (A Coruña), promovido por Terminal de Líquidos de Ferrol, S.L., segundo o proxecto asinado por Sergi Ramón Escarre, enxeñeiro industrial, colexiado nº 11.770 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Cataluña, co visado T-88608 do 16.11.2023.

Quinto. Condicións

1. Para iniciar a execución das obras, o promotor deberá obter previamente a aprobación do proxecto de execución, para o cal deberá presentar ante o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria a correspondente solicitude acompañada do proxecto construtivo das instalacións, en que deberán terse en conta os condicionados impostos polos organismos consultados, en especial, os contidos no informe de impacto ambiental.

2. Para dar cumprimento ao establecido no capítulo v (documentos), do Decreto 37/2019, do 21 de marzo, polo que se determinan os órganos competentes e outras medidas para o control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, o promotor deberá presentar ante o Departamento Territorial da Coruña, nos prazos que se indican a seguir, a seguinte documentación:

– Notificación, prevista no artigo 7 do Real decreto 840/2015. Deberá remitirse nun prazo máximo de tres meses antes de comezar a construción ou a explotación, ou antes das modificacións que dean lugar a un cambio no inventario de substancias perigosas. Este prazo en ningún caso poderá ser superior a un ano desde a solicitude de licenza de obra.

– Política de prevención de accidentes graves, prevista no artigo 8 do Real decreto 840/2015. Deberá remitirse nun prazo máximo de tres meses antes de comezar a construción ou a explotación, ou antes das modificacións que dean lugar a un cambio no inventario de substancias perigosas. Este prazo en ningún caso poderá ser superior a un ano desde a solicitude de licenza de obra.

– Plan de emerxencia interior, previsto no artigo 12 do Real decreto 840/2015. Deberá remitirse nun prazo máximo de tres meses antes de comezar a explotación, ou antes das modificacións que dean lugar a un cambio no inventario de substancias perigosas.

– Informe de seguridade (análise de riscos e Información básica para a Administración), previsto no artigo 10 do Real decreto 840/2015. Deberá remitirse nun prazo máximo de tres meses antes de comezar a construción ou explotación, ou antes das modificacións que dean lugar a un cambio no inventario de substancias perigosas.

– Análise cuantitativa de riscos, de conformidade co artigo 4.4.4 da directriz básica de protección civil para o control e planificación ante o risco de accidentes graves nos cales interveñen substancias perigosas, aprobada polo Real decreto 1196/2003, do 19 de setembro, por propia iniciativa desta xefatura territorial, ou por petición razoada da dirección xeral con competencias en materia de protección civil, cando así se considere oportuno, en función das circunstancias específicas da contorna, instalacións, procesos e produtos da actividade industrial.

Esta documentación estará acompañada en todo caso dun informe de avaliación coa cualificación favorable realizado por un organismo de control dos definidos no artigo 41 do Regulamento da infraestrutura para a calidade e seguridade industrial, aprobado polo Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, e acreditado no campo regulamentario de accidentes graves.

3. Previamente á execución das obras será necesario que o promotor presente o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 4.5 do informe de impacto ambiental.

4. Esta resolución deberase publicar no Diario Oficial de Galicia, xunto cun extracto do contido da autorización administrativa previa outorgada, conforme o exixido no artigo 48.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

5. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización administrativa por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

6. Esta autorización administrativa outórgase sen prexuízo do resto de autorizacións necesarias.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas