DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Luns, 2 de decembro de 2024 Páx. 63136

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 21 de novembro de 2024 pola que se notifican as resolucións da presidenta do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) relativas á asignación complementaria de dereitos de axuda básica á renda para a sostibilidade da reserva nacional da campaña 2023 e dos casos pendentes das campañas 2021, 2022 e a denegación das solicitudes de dereitos de axuda básica á renda para á sostibilidade da campaña 2023.

Para os efectos de establecer en Galicia o procedemento de solicitude para a asignación de dereitos de axuda básica á renda para a sostibilidade procedentes da reserva nacional da campaña 2023, no marco establecido polo Real decreto 1045/2022, do 27 de decembro, sobre dereitos de axuda básica á renda para a sostibilidade da política agraria común, publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural do 15 de marzo de 2023, pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.

O Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), con base no disposto nos artigos 20 a 29 do Real decreto 1045/2022, tramitou e informou sobre as solicitudes de acceso á reserva nacional, e deu traslado dos expedientes á persoa titular da presidencia do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) para a súa resolución.

De acordo co disposto no artigo 28.1 do devandito Real decreto 1045/2022, a persoa titular da presidencia do FEGA comunicou ao Fogga, para a súa notificación ás persoas solicitantes, a resolución sobre a asignación de solicitudes de dereitos de axuda básica á renda para a sostibilidade da reserva nacional.

Así mesmo, logo da análise das diferentes casuísticas na asignación de dereitos non resoltas ata a data, notifícanse as resolucións de asignación de dereitos da reserva nacional pendentes das campañas reguladas nas ordes da Consellería do Medio Rural, do 15 de xaneiro de 2021 e do 21 de xaneiro de 2022, polas que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.

Conforme o anterior, esta dirección

RESOLVE:

Primeiro. Facer pública e notificar na páxina web do Fogga (https://fogga.xunta.gal/gl/pac/consultas_pac/dereitos_axuda_basica_renda_sostibilidade) as resolucións da presidenta do FEGA relativas á asignación complementaria de dereitos de axuda básica á renda para a sostibilidade da reserva nacional da campaña 2023 e os casos pendentes das campañas 2021, 2022 e a denegación das solicitudes de dereitos de axuda básica á renda para a sostibilidade da campaña 2023.

Segundo. Contra a resolución da persoa titular da presidencia do FEGA, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no prazo dun mes contado desde o día seguinte á publicación desta notificación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2024

Juan José Cerviño Varela
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria