DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Mércores, 4 de decembro de 2024 Páx. 63936

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 18 de novembro de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes dos montes veciñais en man común de Xestosa e de Pena de Cabras, A Costa, Xenestévez, O Igrexario, Costa do Ribeiro, A Costa do Porto da Vila 1 e A Costa do Porto da Vila 2, no concello de Toén.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Xestosa e o MVMC Pena de Cabras, A Costa, Xenestévez, O Igrexario, Costa do Ribeiro, A Costa do Porto da Vila 1 e A Costa do Porto da Vila 2, pertencentes á CMVMC da parroquia da Xestosa, no concello de Toén, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 30.9.2022 a CMVMC da parroquia de Xestosa presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2413044) de revisión de esbozo dos montes da súa pertenza, situados no concello do Toén. Esta solicitude non incluía documentación técnica ningunha referente á proposta en si, senón que foi presentada para os únicos efectos de xustificar administrativamente o remate de traballos correspondente co expediente de axuda núm. 21320662/2021, dentro das axudas ao impulso á boa gobernanza das comunidades de montes.

Segundo. Posteriormente, a mesma comunidade presentou varias solicitudes complementarias da anterior:

• Solicitude do 13.11.2023 (Rexel núm. 2023/3026639), coa que achegaron arquivos xeográficos en formato vectorial coa proposta.

• Solicitude do 30.11.2023 (Rexel núm. 2023/3184576), coa que achegaron unha certificación do acordo da Asemblea Xeral que autoriza a proposta, ademais de novos arquivos xeográficos en formato vectorial lixeiramente modificados respecto da proposta inicial.

• Solicitude do 4.12.2023 (Rexel núm. 2023/3209150), coa que achegaron arquivos xeográficos en formato vectorial adicionais coa poligonal final resultante da proposta.

Terceiro. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 5 de decembro de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase se indica que o perímetro obxecto de revisión inclúe a totalidade da súa lonxitude, incluídas as estremas con outras comunidades veciñas.

A superficie do MVMC Xestosa, unha vez revisado o esbozo e tendo en conta os procedementos de deslindamento concorrentes coa parroquia de Toén, coa parroquia de Puga e mais con Moreiras e Trelle, sería de 615,05 ha fronte ás 581 ha do acordo de clasificación, o que supón un incremento do 5,9 %.

No que respecta ao MVMC Pena de Cabras, A Costa, Xenestévez, O Igrexario, Costa do Ribeiro, A Costa do Porto da Vila 1 e A Costa do Porto da Vila 2, e tendo en conta o deslindamento concorrente coa parroquia de Puga, a superficie pasaría a ser de 52,49 ha fronte ás 39,32 ha do acordo de clasificación, o que supón un incremento do 33,5 %; incremento este anormalmente elevado pero que se explicaría por un balance superficial moi favorable derivado da dita avinza con Puga.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Xestosa e do MVMC Pena de Cabras, A Costa, Xenestévez, O Igrexario, Costa do Ribeiro, A Costa do Porto da Vila 1 e A Costa do Porto da Vila 2, de xeito que os seus perímetros quedarían revisados nas estremas con particulares e, no caso do MVMC Xestosa, tamén nas veciñanzas cos MVMC O Castro, Coto de Castro (Xinzo das Teixugueiras), Coto de Castro (Teixugueiras), da Seara e de San Tomé, do TM de Cartelle, e mais co MVMC Fragoso do TM de Castrelo de Miño.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozo de montes veciñais en man común.

De acordo con ela mesma, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 5 de decembro de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 4 de novembro de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo dos MVMC Xestosa e o MVMC Pena de Cabras, A Costa, Xenestévez, O Igrexario, Costa do Ribeiro, A Costa do Porto da Vila 1 e A Costa do Porto da Vila 2, pertencentes á CMVMC da parroquia da Xestosa, no concello de Toén.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 18 de novembro de 2024

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense