Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC San Cristovo, pertencente á CMVMC de San Cristovo, no concello de Monterrei, e unha propiedade particular, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 19.6.2023, a CMVMC de San Cristovo presentou un escrito (Rexel 2023/1808906), no cal solicitan a aprobación dun deslindamento cun predio particular.
Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:
– Certificación do acordo da asemblea xeral.
– Levantamento planimétrico realizado pola empresa Servicat Ingeniería.
Segundo. O 26.9.2023, o Servizo de Montes de Ourense emitiu un informe favorable ao considerar que non existe unha afección significativa sobre a integridade territorial do monte.
Terceiro. O 16.10.2023, publicouse no DOG o anuncio polo que se facía pública a proposta de deslindamento e se abría o período de alegacións; anuncio que tamén se lle remitiu ao Concello de Monterrei para os efectos da súa publicación no taboleiro de anuncios.
Cuarto. O 26.2.2024, a CMVMC de San Cristovo presentou un escrito complementario (Rexel 2024/637149), co cal se reafirmaba na proposta de deslindamento inicial ao aducir a ausencia de alegacións a ela.
Quinto. Finalmente, a comunidade promotora presentou, o 27.4.2024, outro escrito complementario (Rexel 2024/1427028), co cal achegaba a seguinte documentación:
– Acta de deslindamento do 11.3.2024.
– Acta de conciliación levantada o 22.4.2024, no Xulgado de Paz de Monterrei.
– Informe de deslindamento.
Sexto. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 3 de maio de 2024 en relación coa citada solicitude.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. Esta resolución dítase o abeiro do artigo 54 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segundo. O artigo 54 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento de montes veciñais con propiedades particulares. E establece que no caso de informe favorable, unha vez ratificado o deslindamento provisional pola asemblea xeral, darase traslado ao xurado provincial dos acordos acadados e, cando menos, da seguinte documentación: acta do deslindamento, memoria descritiva con planos topográficos, acta de conciliación levantada no xulgado de paz ou de primeira instancia correspondente e certificacións de aprobación por parte da comunidade. O xurado provincial de montes veciñais en man común ditará resolución aprobatoria do deslindamento e notificarállela ás persoas interesadas. A dita resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 3 de maio de 2024, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 4 de novembro de 2024:
Aprobar o acto de conciliación acadado entre o MVMC San Cristovo, pertencente á CMVMC de San Cristovo, no concello de Monterrei, e unha propiedade particular.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 18 de novembro de 2024
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
