DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Xoves, 5 de decembro de 2024 Páx. 64187

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 2024, do tribunal designado para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no grupo III de persoal laboral da Xunta de Galicia, operador/a de ordenador (persoal Cixtec), pola que se fai pública a baremación provisional da fase de concurso.

Mediante a Resolución do 22 de decembro de 2022 convocouse o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no grupo III de persoal laboral da Xunta de Galicia, operador/a de ordenador (persoal Cixtec) (DOG número 245, do 27 de decembro de 2022). Esta resolución foi modificada pola Resolución do 20 de xaneiro de 2023 (DOG número 15, do 23 de xaneiro) e pola Resolución do 6 de febreiro de 2023 (DOG número 26, do 7 de febreiro).

A base IV.3 da Resolución do 22 de decembro de 2022 dispón que os méritos enumerados na súa base IV.1 e IV.2 deberán referirse á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, que foi o 27 de decembro de 2022. Estes méritos deberán acreditarse de conformidade co procedemento que se estableza mediante resolución da persoa titular da consellería competente en materia de función pública, que será publicada no DOG.

No DOG número 57, do 20 de marzo de 2024, publicouse a Resolución do 13 de marzo de 2024 pola que se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos do proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no grupo III de persoal laboral da Xunta de Galicia, operador/a de ordenador (persoal Cixtec). O prazo para a acreditación dos méritos estableceuse en dez (10) días, polo que rematou o 5 de abril de 2024.

A base IV.5 da Resolución do 22 de decembro de 2022 establece que, unha vez rematado o prazo de acreditación de méritos, o tribunal efectuará a baremación do concurso coa colaboración técnica que precise do persoal da dirección xeral competente en materia de función pública, así como que, despois de finalizada a fase de baremación, o tribunal publicará o baremo provisional, con indicación das puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que foron avaliadas de acordo coas previsións contidas na propia base.

De conformidade co exposto, na sesión que tivo lugar o 2 de decembro de 2024, o tribunal nomeado pola Resolución do 14 de setembro de 2023 (DOG número 178, do 19 de setembro) para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no grupo III de persoal laboral da Xunta de Galicia, operador/a de ordenador (persoal Cixtec),

RESOLVE:

Primeiro. Facer pública a baremación provisional da fase de concurso, con indicación da puntuación obtida polas persoas aspirantes que foron baremadas de acordo coas regras contidas na base IV.3 da convocatoria.

A puntuación provisional obtida polas persoas baremadas figura reflectida no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal: https://www.xunta.gal/funcion-publica/procesos-selectivos/consulta

Segundo. De conformidade co establecido na base IV.5 da convocatoria e de acordo co Informe do 9 de outubro de 2024, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, sobre a aplicación da tramitación de urxencia aos procesos selectivos de estabilización da Lei 20/2021, conforme o artigo 33.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas aspirantes disporán dun prazo de cinco (5) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, para formular reclamación contra as puntuacións provisionais ante o tribunal.

As reclamacións presentaranse a través de Fides na epígrafe de inscrición en procesos selectivos. Para isto, a persoa aspirante accederá ao proceso de estabilización a que se refire esta resolución en que desexe formular reclamación, na epígrafe «Que podo facer?», «Presentación alegacións baremo».

Terceiro. Sen prexuízo do cumprimento do disposto no punto sexto da Resolución do 13 de marzo de 2024 (DOG número 57, do 20 de marzo), as persoas aspirantes baremadas deberán ter en conta que a forma documental de acreditar os méritos neste proceso é a que figura no anexo III da Resolución do 5 de decembro de 2023 (DOG número 237, do 15 de decembro).

Para os efectos informativos, no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal https://www.xunta.gal/funcion-publica/procesos-selectivos/consulta publícase un modelo de certificación de servizos prestados que se axusta ao contido da letra c) do anexo III da devandita Resolución do 5 de decembro de 2023.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2024

Alfonso Pereira Martínez
Presidente do tribunal