Antecedentes:
O nematodo da madeira do piñeiro (NMP), Bursaphelenchus xylophilus, é considerada unha das pragas de coníferas máis perigosas a nivel mundial. Este organismo nocivo presenta unha enorme capacidade de dispersión a través do material vexetal, da circulación de mercadorías mediante embalaxes de madeira ou pola transmisión a través do voo natural do seu insecto vector (Monochamus galloprovincialis).
O NMP está incluído na lista A2 da Organización Europea de Protección das Plantas (EPPO), no anexo II do Regulamento de execución (UE) 2019/2072 como praga corentenaria da Unión. Ademais, está incluída na listaxe de pragas prioritarias do Regulamento delegado (UE) 2019/1702 da Comisión.
Durante o ano 2010 detectouse por primeira vez a presenza do NMP na Comunidade Autónoma de Galicia, no concello das Neves (Pontevedra). O 26 de novembro de 2010 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 17 de novembro de 2010, da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, pola que se declara no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia a presenza do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. e se ordena comezar as medidas para a súa erradicación (DOG núm. 228, do 26 de novembro).
O 4 de febreiro de 2011 publicouse o Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro, que declara de utilidade pública a loita para a erradicación do organismo de corentena do nematodo do piñeiro Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al., e ordena as medidas para evitar a súa propagación (DOG núm. 24, do 4 de febreiro). O artigo 18.2 do dito decreto establece que as medidas adoptadas serán realizadas polos titulares do aproveitamento nos prazos sinalados pola normativa de aplicación. No caso de non adoptarse as medidas nos ditos prazos, a Administración poderá proceder á súa execución de forma subsidiaria. O artigo 20.1 do dito decreto establece que no caso de desistencia do propietario de realizar as tarefas de erradicación, ou ben porque se teñan decretado de utilidade pública os traballos de erradicación, a Administración realizará os traballos silvícolas con medios propios ou mediante contratos con empresas do sector.
O 2 do outubro de 2012 publicouse a Decisión de execución da Comisión 2012/535/UE, do 26 de setembro de 2012, relativa ás medidas de emerxencia para evitar a propagación na Unión de Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al (DO L 266 do 2.10.2021, p. 42).
O 3 de decembro de 2013 publicouse a Resolución do 15 de novembro de 2013, da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, pola que se dá publicidade ao inicio da execución de medidas fitosanitarias para a erradicación do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Stenier et Buher) Nickle et al. (nematodo do piñeiro) na zona demarcada das Neves e na franxa tampón de 20 quilómetros coa fronteira con Portugal (DOG núm. 231, do 3 de decembro).
O 7 de xaneiro de 2015 publicouse a Resolución do 19 de decembro de 2014, da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, pola que se dá publicidade ao inicio da execución de medidas fitosanitarias para a erradicación do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Stenier et Buhrer) Nickle et al. (nematodo do piñeiro) na zona demarcada das Neves e na franxa tampón de 20 quilómetros coa fronteira con Portugal (DOG núm. 3, do 7 de xaneiro).
No ano 2016 foi detectado un novo positivo no concello de Salvaterra do Miño (Pontevedra), próximo ao positivo do ano 2010, que non modificou a zona demarcada. Como consecuencia desta detección, o día 21 de xuño de 2016 publicouse a Resolución do 6 de xuño de 2016, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se declara no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia a presenza dun novo brote do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. (nematodo do piñeiro) e se ordena comezar as medidas para a súa erradicación (DOG núm. 117, do 21 de xuño).
O 20 de abril de 2017 publicouse a Resolución do 6 de abril de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se dá publicidade ao inicio da execución de medidas fitosanitarias para a erradicación do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Stenier et Buher) Nickle et al. (nematodo da madeira do piñeiro) na zona demarcada das Neves e na franxa tampón de 20 quilómetros coa fronteira con Portugal (DOG núm. 76, do 20 de abril).
No ano 2018 foron detectadas cinco mostras con presenza do nematodo que ampliou a zona demarcada. O día 11 de xaneiro de 2019 publicouse a Resolución da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, do 28 de decembro de 2018 (DOG núm. 8, do 11 de xaneiro de 2019).
O día 22 de marzo de 2021 foi aprobado polo Comité Fitosanitario Nacional o Plan nacional de continxencia de Bursaphelenchus xylophilus que proporciona directrices específicas sobre os procedementos de erradicación e contención do B. xylophilus, incluíndo as medidas oficiais, que son de aplicación en todo o territorio nacional.
O día 7 de xaneiro de 2022 publicouse a Resolución do 28 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se prorrogan as medidas para a erradicación do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. ou nematodo da madeira do piñeiro (DOG núm. 4, do 7 de xaneiro de 2022).
Desde a data da primeira presenza desenvolvéronse en toda a zona demarcada un plan de actuacións encamiñadas á erradicación do nematodo e a vixilancia para detectar a posible aparición de novos focos, tanto na propia zona demarcada como no resto da comunidade autónoma.
Como froito das prospeccións realizadas fóra da zona demarcada durante o ano 2024 detectáronse varias mostras con presenza de nematodo. As mostras procederon de catro piñeiros situados no concello de Lobios, nas coordenadas indicadas no anexo I.
Consideracións legais e técnicas:
1. De acordo co artigo 3 do Real decreto 739/2021, do 24 de agosto, o nematodo da madeira do piñeiro, ao ter status legal de praga de corentena da Unión, non se pode introducir, trasladar, manter, multiplicar nin liberar no territorio da UE. Este real decreto atribúe ás comunidades autónomas, nos seus respectivos ámbitos territoriais, a aplicación das medidas de protección contra as pragas dos vexetais.
2. O artigo 1 da Decisión de execución da Comisión 2012/535/UE, do 26 de setembro de 2012 (en diante, Decisión), define a tempada de voo do vector como o período comprendido entre o 1 de abril e o 31 de outubro, salvo no caso de que exista unha xustificación técnico-científica para unha duración diferente, tendo en conta unha marxe de seguridade de catro semanas adicionais ao principio e ao final da tempada de voo prevista.
O artigo 1 da decisión define madeira sensible a madeira de coníferas (coniferales), que entra nunha das seguintes categorías: madeira no sentido do artigo 1, punto 2, do Regulamento (UE) 2016/2031 (conserva total ou parcialmente a súa superficie natural redonda, con ou sen cortiza; non conserva a súa superficie natural redonda porque foi serrada, cortada ou escindida; atópase en forma de estelas, partículas, serraduras, desperdicios de madeira, lascas ou retallos e non foi sometida a un procesamento que implique o uso de cola, calor ou presión ou unha combinación deles para a produción de pellets, briquetas, madeira contrachapada ou taboleiros de partículas; utilízase ou está previsto utilizala como material de embalaxe, independentemente de que se utilice realmente ou non para o transporte de mercadorías), madeira en forma de colmeas e caixas niño para aves. Non se entenderá por madeira sensible a madeira aserrada nin os troncos de Taxus L. e Thuja L., nin a madeira tratada para eliminar o risco de infestación polo NMP.
O artigo 1 da decisión define plantas sensibles as plantas (excepto os froitos e sementes) de Abies Mill., Cedrus Trew, Larix Mill., Picea A. Dietr., Pinus L., Pseudotsuga Carr. y Tsuga Carr.
O artigo 5.1 da decisión establece que no caso de que se demostre a presenza do NMP nunha planta sensible se creará unha zona demarcada. A zona demarcada constará dunha zona en que se constatou a presenza do NMP (zona infestada) e dunha zona que rodee a zona infestada (zona tampón). A zona tampón deberá ter unha anchura mínima de 20 km.
O artigo 6.1 da decisión establece que os Estados membros adoptarán medidas para erradicar o NMP presente nas zonas demarcadas do seu territorio, segundo o establecido no anexo I.
O Plan nacional de continxencia de Bursaphelenchus xylophilus establece as medidas de erradicación no caso de detectarse a presenza do NMP.
3. O artigo 14 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal (BOE núm. 279, do 21 de novembro), habilita a Comunidade Autónoma de Galicia para adoptar algunha das medidas fitosanitarias establecidas no artigo 18 da dita lei, o que implica a facultade de desinsectar, desinfectar, inmobilizar, destruír, transformar ou someter calquera outra medida profiláctica os vexetais e os seus produtos, así como o material con eles relacionado, que sexa ou poida ser vehículo de pragas.
A adopción destas medidas implica a entrada nos predios e nas parcelas dos particulares afectados polo organismo de corentena para a erradicación de todas as especies sensibles, sen prexuízo de que os titulares dos aproveitamentos procedan á execución das medidas previstas nesta resolución, de conformidade no artigo 19 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal.
4. Esta resolución é obxecto de publicación, de conformidade co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dada a concorrencia tanto dun interese público na materia como dunha pluralidade de interesados.
5. A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias é o órgano competente para ditar a presente resolución consonte o artigo 19.1.b) do Decreto 223/2022, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural.
En virtude do exposto e da lexislación en vigor,
RESOLVO:
Primeiro. Declarar, con base no establecido no artigo 16 do Decreto 10/2011, a presenza da praga de corentena Bursaphelenchus xylophilus nos puntos referenciados nas coordenadas e concellos do anexo I.
Segundo. Establecer unha zona demarcada por Bursaphelenchus xylophilus arredor das árbores infectadas, conforme o artigo 5 da Decisión de execución 2012/535/UE. A zona demarcada estará formada por unha zona infestada de 100 m de radio ao redor das árbores infectadas e unha zona tampón de 20 quilómetros arredor da zona infestada. No anexo III desta resolución pódese consultar o mapa da nova zona demarcada.
Terceiro. Establecer unha zona de corta de radio de 100 m arredor das árbores positivas atendendo o establecido no anexo I, puntos 2 e 3, da Decisión 2012/535/UE.
Cuarto. Dentro da zona demarcada deberán executarse as medidas de erradicación conforme o artigo 6 e o anexo I da Decisión de execución 2012/535/UE, destinadas a lograr a erradicación.
Quinto. Establecer as seguintes medidas de erradicación na zona de corta:
Os propietarios das parcelas incluídas na zona de corta terán a obriga de cortar, separar e eliminar todas as plantas sensibles. A corta e a destrución das plantas levarase a cabo desde o exterior da zona cara ao centro desta. Tomaranse todas as precaucións necesarias para evitar a propagación do NMP e o seu vector durante a corta.
Despois da corta as autoridades competentes tomarán mostras de todas as árbores sintomáticas, mortas e con mala saúde, de árbores asintomáticas e troncos cortados, de residuos de talla e de residuos xerados naturalmente que presenten signos de actividade dos insectos vectores. Todas as mostras deberán analizarse para detectar a presenza do NMP.
Sexto. Establecer as seguintes medidas de erradicación na zona demarcada:
Os propietarios das parcelas ou administracións implicadas de toda a zona demarcada terán a obriga de identificar e cortar todas as árbores sensibles en que se detecte a presenza do NMP, plantas sintomáticas, mortas, decaídas ou afectadas por incendios forestais ou tormentas. Ademais, deberán retirar e eliminar as plantas cortadas e os restos de corta tomando todas as precaucións necesarias para evitar a propagación do NMP e o seu vector ata que finalice a corta.
Os prazos para executar as medidas indicadas son os seguintes:
– De forma inmediata se as árbores sintomáticas, decaídas ou afectadas aparecen dentro da tempada de voo do insecto vector, é dicir, entre o 1 de abril e o 31 de outubro.
– Ata o día 1 de abril do ano seguinte, se as árbores sintomáticas, decaídas ou afectadas aparecen fóra dese período de voo.
Se non se executan no dito prazo, a Administración poderá proceder á súa execución de forma subsidiaria mediante medios propios ou mediante contratos con empresas do sector, e os gastos poden repercutir sobre os seus titulares.
Para retirar e eliminar as árbores cortadas e restos de corta deben cumprirse as seguintes condicións:
I. Fóra da tempada de voo do vector (do 1 de novembro ao 31 de marzo): destrución in situ (converter a madeira cortada en estelas de menos de 3 cm de grosor e 3 cm de anchura) ou descortizado da madeira e posterior tratamento ou transformación, realizando algunha das seguintes actuacións:
– Tratamento térmico nunha instalación de tratamento autorizada, co fin de alcanzar unha temperatura mínima de 56º C durante, polo menos, 30 minutos por toda a madeira (especialmente no centro desta) e a cortiza, garantindo que están libres de NMP e de vectores vivos; no caso dun tratamento térmico de compostaxe, a compostaxe levarase a cabo conforme unha especificación do tratamento que aprobe o Comité Permanente de Vexetais, Animais, Alimentos e Pensos da UE, ou:
– Ser utilizadas nunha instalación de transformación como combustible ou para outros efectos destrutivos que garantan que quedan libres de NMP e de vectores vivos.
II. Na tempada de voo do vector as plantas sensibles deberán cortarse inmediatamente e destruírse in situ, tal como se indica no punto anterior. No caso de que non se destrúa in situ deberán trasladarse inmediatamente a unha instalación de tratamento autorizada ou de transformación, tal como se indica no punto anterior. Antes do seu traslado as plantas cortadas deberán someterse a descortizado, ou tratamento con insecticida contra o vector, ou deben ser cubertas cunha rede para evitar a entrada de insectos vectores inmediatamente despois da corta.
Os traslados deben realizarse en todos os casos baixo supervisión oficial.
Sétimo. Condicións para o traslado de vexetais, madeira e cortiza sensibles de zona demarcada a zona non demarcada e de zona infestada a zona tampón.
Na zona demarcada procederase ao cumprimento dos requisitos para a circulación de vexetais e produtos vexetais orixinados na zona demarcada establecidas no artigo 10, no anexo I punto 10 e no anexo III da Decisión 2012/535/UE, que se indican a seguir:
I. Requisitos para a circulación e traslado de plantas sensibles:
As plantas sensibles destinadas a plantación só poderán ser trasladadas fóra da zona demarcada ou trasladarse da zona infestada á zona tampón se cumpren as condicións seguintes:
a) Ser cultivadas nun lugar de produción en que non se observaron o NMP nin os seus síntomas desde o principio do último ciclo vexetativo completo.
b) Ser cultivadas ao longo de toda a súa vida cunha protección física completa que garanta que o vector non pode alcanzar as plantas.
c) Ser inspeccionadas oficialmente, analizadas e declaradas libres do NMP e do vector.
d) Ir acompañadas dun pasaporte fitosanitario para os destinos que estean dentro da Unión.
e) Ser transportadas fóra da tempada de voo do vector ou en contedores ou embalaxes pechados que garantan a imposibilidade de infestación co NMP ou co vector.
II. Requisitos para a circulación e traslado de madeira e cortiza sensibles.
A madeira e cortiza sensible, excepto as embalaxes, só poderán trasladarse fóra da zona demarcada ou trasladarse da zona infestada á zona tampón se cumpren as seguintes condicións:
a) Ser sometidas previamente a tratamento térmico adecuado nunha instalación de tratamento autorizada, co fin de alcanzar unha temperatura mínima de 56º C durante polo menos 30 minutos por toda a madeira e cortiza, garantindo que están libres de NMP e de vectores vivos; no caso dun tratamento térmico de compostaxe, a compostaxe levarase a cabo conforme unha especificación do tratamento que aprobe o Comité Permanente de Vexetais, Animais, Alimentos e Pensos da UE.
b) Ir acompañadas dun pasaporte fitosanitario expedido por unha instalación de tratamento autorizada. Polo que respecta á madeira sensible en forma de colmeas e caixas niño para aves, ir acompañada do pasaporte fitosanitario ou marcada de conformidade co anexo II da publicación nº 15 das Normas internacionais para as medidas fitosanitarias da FAO.
c) Ademais de cumprir os dous requisitos anteriores, no caso de que a madeira non estea totalmente descortizada só poderá ser trasladada fóra da tempada de voo do vector ou, no caso de que se traslade durante a tempada de voo do vector, esta deberá levar unha capa protectora que garanta a imposibilidade de infestación polo NMP ou o vector.
Todos os movementos de madeira deberán realizarse baixo supervisión oficial, presentando as comunicacións ou solicitudes de autorización que correspondan.
III. Requisitos para a circulación e traslado de material de embalaxe.
A madeira sensible en forma de material de embalaxe de madeira poderá trasladarse se cumpre as condicións seguintes:
a) Ser sometida, nunha instalación de tratamento autorizada, a un dos tratamentos autorizados especificados no anexo I da publicación nº 15 das Normas internacionais para as medidas fitosanitarias da FAO, Regulamentación da embalaxe de madeira utilizada no comercio internacional, que garanta que está libre do NMP vivo e de vectores vivos.
b) Estar marcado conforme o anexo II da devandita norma internacional.
IV. Excepcións para o traslado de madeira sensible e estelas de zona demarcada a zona non demarcada ou de zona infestada a zona tampón.
Non obstante o disposto nos puntos II e III, no caso de que non exista ningunha instalación de tratamento adecuada dentro da zona demarcada ou infestada, a madeira sensible poderá ser trasladada fóra da zona demarcada, ou da zona infestada ata a zona tampón, sempre e cando se traslade á instalación de tratamento autorizada situada á menor distancia para o seu tratamento inmediato.
Deberán cumprirse as condicións seguintes:
a) A xestión, o tratamento, o almacenamento e o transporte das plantas sensibles cortadas garantan que o vector non pode estar presente na dita madeira nin escapar desta.
b) Os traslados realizaranse fóra da tempada de voo do vector ou cunha capa protectora que garanta a imposibilidade de infestación doutras plantas, de madeira o de cortiza polo NMP ou o vector.
c) Os traslados deberán realizarse baixo supervisión oficial, presentando as comunicacións ou solicitudes de autorización que correspondan.
A madeira e cortiza sensibles convertidas en estelas de menos de 3 cm de grosor tamén poderá trasladarse fóra da zona demarcada sempre e cando o seu destino sexa a instalación de tratamento autorizada situada á menor distancia da dita zona, ou fóra de zona infestada ata a zona tampón, para ser utilizadas como combustible, coa condición de que se cumpran as letras b) y c) deste punto.
Oitavo. Os concellos total ou parcialmente incluídos na zona demarcada afectados polas medidas de erradicación son os que se determinan no anexo II que se xunta á presente resolución.
Noveno. Mantéñense en vigor as medidas fitosanitarias establecidas na Resolución do 6 de abril de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se dá publicidade ao inicio da execución de medidas fitosanitarias para a erradicación do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. na zona demarcada das Neves e na franxa tampón de 20 quilómetros coa fronteira con Portugal.
Décimo. O incumprimento na adopción destas medidas de erradicación poderán ser sancionadas consonte a Lei 43/2002, de sanidade vexetal.
Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2024
Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias
ANEXO I
Coordenadas das árbores en que se detectou a presenza de Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. (nematodo da madeira do piñeiro)
|
Provincia |
Concello |
Coordenada X |
Coordenada Y |
|
Ourense |
Lobios |
569070 |
4636164 |
|
Ourense |
Lobios |
569087 |
4636191 |
|
Ourense |
Lobios |
569066 |
4636154 |
|
Ourense |
Lobios |
569068 |
4636196 |
ANEXO II
Concellos total ou parcialmente incluídos na zona demarcada do NMP
Lobios, Entrimo, Lobeira, Muíños e Bande.
ANEXO III
Mapa da zona demarcada do NMP

