O Estatuto de autonomía de Galicia, nos seus artigos 1.2 e 4.3, establece que a Comunidade Autónoma de Galicia asume como tarefa principal a defensa da identidade de Galicia e a promoción da solidariedade entre todos os integrantes do pobo galego, configurando como un principio reitor da súa política social e económica facer efectivo o dereito das persoas galegas a viviren e traballaren na súa propia terra. Así mesmo, no seu artigo 29, atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1.7ª da Constitución española, a competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a través da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, e de acordo co establecido no artigo 29.b), f) e p) do Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ten, entre outras, as competencias en materia de dirección e coordinación das actuacións da consellería en materia de intermediación e orientación laboral, cualificación profesional, promoción da empregabilidade e formación profesional para o emprego e, singularmente, a coordinación da participación das entidades colaboradoras, sen ánimo de lucro, na execución e desenvolvemento dos servizos de políticas activas de emprego, a través da colaboración público-privada, así como o desenvolvemento de accións estratéxicas para atraer e fidelizar o talento.
No marco desas competencias está o desenvolvemento de medidas que contribúan á creación de riqueza e emprego de calidade en Galicia ao tempo que facilitar un desenvolvemento equilibrado do territorio, e nese sentido está a despregar medidas dirixidas a facilitar e apoiar a atracción e fidelización de talento de persoas que desexen retornar a Galicia. Deste xeito, dáse cumprimento a un dobre obxectivo, como posibilitar que as empresas galegas poidan identificar o talento que precisan para afrontar os seus retos futuros ao mesmo tempo que crear oportunidades para as persoas galegas residentes no exterior que desexen retornar a Galicia e desenvolver aquí o seu proxecto vital e profesional.
Así mesmo, a Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, recolle no seu capítulo V do título II a adopción de medidas de fomento do retorno da poboación galega residente no exterior e da súa descendencia, a través de diferentes programas e actuacións para acadar a súa plena integración social. Nesa liña enmárcase a Estratexia Galicia Retorna, aprobada polo Consello da Xunta de Galicia o 15 de decembro de 2022, que inclúe diferentes medidas destinadas, por un lado, a rexuvenecer a poboación galega e contribuír a superar a crise demográfica que atravesa a nosa comunidade, e, por outro, a facilitar o dereito das persoas emigrantes galegas e da súa descendencia a regresar a Galicia. Entre esas medidas está o programa Retorna Cualifica Emprego, concretamente na área 4-Área Laboral, medida 66.
A Xunta de Galicia continúa apostando por dar ás persoas que tiveron que emigrar, así como á súa descendencia, a oportunidade de regresar a Galicia e poder desenvolver un proxecto de vida nesta comunidade. Para iso, cómpre facilitar que as persoas interesadas en retornar a Galicia dispoñan tanto de información como de formación que lles permita acadar a posibilidade de contar cunha oferta de traballo e chegar a Galicia coa garantía da súa inserción laboral, e son precisamente estes os obxectivos do programa Retorna Cualifica Emprego.
A presente orde tramítase como expediente anticipado de gasto, ao abeiro do disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, polo que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, ao existir crédito axeitado e suficiente para este fin no proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 17 de outubro de 2024.
Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, todos os actos de trámite ditados ao abeiro da presente orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.
As bases do programa regulado nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto deste réxime, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito. A convocatoria financia a realización do programa Retorna Cualifica Emprego deseñado pola consellería sen que haxa lugar a variacións no contido deste, polo que o determinante para levalo a cabo son os requisitos que deben cumprir as entidades solicitantes recollidos no artigo 6 da presente orde e sen que exista ningún aspecto ou característica que faga preciso establecer unha prelación sobre a base dela fixar criterios de concorrencia.
Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento¸ e no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. No que resulte de aplicación, someterase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeneral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.
En consecuencia, obtidos os informes preceptivos na tramitación e autorizado por acordo do Consello da Xunta de Galicia o pagamento de anticipos de ata o 80 %, no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto e finalidade
Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das subvencións destinadas á realización do programa Retorna Cualifica Emprego e convocar estas subvencións para a anualidade 2025.
Artigo 2. Principios de xestión
Os principios que rexen a xestión da presente convocatoria de axudas son:
a) Publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade e non discriminación.
b) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
c) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Artigo 3. Contido do programa Retorna Cualifica Emprego
1. As entidades beneficiarias das subvencións deberán levar a cabo o desenvolvemento do programa na súa integridade, é dicir, desenvolverán as accións previstas nos tres eixes e nos termos que se establecen no punto 2 do presente artigo.
2. As accións que comprende o programa Retorna Cualifica Emprego estrutúranse nos seguintes eixes:
Eixe Divulgación e Comunicación.
Eixe Formación-Cualificación.
Eixe Contratación.
2.1. Eixe Divulgación e Comunicación: este eixe ten como finalidade dar a coñecer o programa e as medidas que o integran, e comprende as seguintes accións:
a) Deseño, planificación e xestión de campañas de comunicación do programa (xornadas, foros...) tanto en Galicia como nos países en orixe sendo área xeográfica de referencia e prioritaria os países da Arxentina, O Uruguai, Venezuela, Cuba, O Brasil, Reino Unido, Francia, Alemaña e Suíza, sen prexuízo de que poida atenderse a demanda de calquera persoa que, reunindo os requisitos, poida residir noutro país. En todo caso, as accións de comunicación deberán ter a conformidade previa da consellería e deberá ter lugar unha no primeiro trimestre de 2025 e outra dentro do segundo trimestre de 2025.
b) Divulgación e difusión do programa a través de diferentes canles e soportes de comunicación para dalo a coñecer e para buscar a implicación do tecido empresarial; en todo caso, calquera acción divulgativa deberá contar previamente coa conformidade da consellería e axustarse ás normas de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.
c) Promover as relacións coas entidades e organismos representativos da cidadanía galega no exterior para contribuír ao coñecemento do programa entre a poboación destinataria que poida estar interesada en participar.
d) Contactar coas empresas con centros de traballo en Galicia para detectar cales son os perfís demandados para os postos de traballo que poden ofrecer ao non estar sendo cubertos pola poboación residente actualmente en Galicia e que, polo tanto, están en condicións de ofrecer un contrato de traballo a aquelas persoas participantes no programa que, reunindo os requisitos, están interesadas en trasladarse a Galicia para ocupar ese posto de traballo.
e) Formalización dos compromisos coas empresas interesadas de ofertas de contratos de traballo para seren cubertas polas persoas participantes no programa que reúnan os requisitos e se axusten aos perfís demandados polas empresas e reservándose as empresas a competencia para realizar os procesos de selección habitual.
f) Preseleccionar nos seus países de orixe as persoas interesadas en participar no programa con base nos requisitos establecidos no artigo 7 da presente orde.
2.2. Eixe Formación-Cualificación: este eixe ten como finalidade dotar dos recursos de formación e cualificación necesarios que poidan ser de interese para complementar a cualificación profesional que poida demandar o posto de traballo, deste xeito comprendería as seguintes accións:
a) Diagnose de empregabilidade: partindo da experiencia e formación que posúa a persoa preseleccionada, elaborarase un plan personalizado de cualificación e empregabilidade en que se recollan aquelas competencias e capacidades que poida ser necesario completar cara a obtención do posto de traballo, polo tanto, nese plan personalizado, no que atinxe ao ámbito de formación, poderá comprender diferentes tipoloxías desde formación como se detallan na seguinte letra b).
b) Formación/Cualificación:
b.1) Formación en competencias clave nivel 2 e nivel 3: ten como obxectivo que aquelas persoas que desexen contar cunha vía para poder realizar en Galicia accións formativas conducentes a certificados profesionais para así non ter que agardar a ter homologados os seus estudos poidan realizar esta formación no seu país de orixe a través dos recursos formativos dispoñibles no campus virtual da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, coa posibilidade de realizar as probas de superación que lles permitan obter a certificación de ter superadas as competencias clave de nivel 2 ou de nivel 3.
A actuación no que atinxe a esta formación por parte da entidade beneficiaria consistirá en difundir entre a poboación interesada a posibilidade de acceder de xeito libre e gratuíto aos contidos formativos que están dispoñibles no campus virtual da Consellería e que conta, ademais, cun servizo de titorización.
b.2) Accións formativas relacionadas co sector produtivo e posto de traballo ofertado pola empresa, xa que terá como obxectivo reforzar a capacitación profesional da persoa permitíndolle adquirir, actualizar, reciclar e completar o perfil de competencias profesionais axeitados a ese posto de traballo que se lle oferte.
b.3) Competencias dixitais: desenvolvemento das destrezas necesarias para empregar as TIC como ferramenta no ámbito laboral (creación de correo electrónico, uso de navegadores da internet…).
b.4) Habilidades brandas (traballo colaborativo e en equipo, comunicación, negociación, xestión do estrés, creatividade, capacidade de adaptación, flexibilidade, actitudes...).
No que atinxe á formación das epígrfes b.2+b.3+b.4, o número máximo de horas impartidas das ditas epígrafes por participante non poderá superar en total as 100, coa distribución desas horas entre bloques que se considere axeitada en función do perfil da persoa participante.
As accións de formación e cualificación que conteña o plan individualizado poderán ser realizadas pola persoa con carácter previo ao seu traslado a Galicia para ocupar o posto de traballo ofertado, ou unha vez estea xa incorporado ao dito posto de traballo.
2.3. Eixe Contratación: este eixe ten como finalidade procurar a inserción laboral das persoas participantes e supón a realización dos trámites necesarios para a formalización do contrato de traballo ofertado por unha empresa das que teñan subscrito coa entidade beneficiaria un compromiso de contratación das persoas participantes no programa Retorna Cualifica Emprego. Por cada inserción laboral que se axuste aos requisitos establecidos nesta orde, a entidade beneficiaria percibirá 1.980 euros.
Este eixe comprenderá as seguintes actuacións:
a) A entidade beneficiaria deberá contar co compromiso de contratación por parte de empresas que dispoñan de ofertas de emprego en Galicia susceptibles de ser ocupados por persoas participantes no programa Retorna Cualifica Emprego, e reservándose as empresas a realización dos seus procesos habituais de selección. No documento que formalice o compromiso deberá reflectirse información sobre perfís das persoas que se van contratar, descrición dos postos que se van cubrir, número de persoas para contratar, xornada e localización do centro de traballo.
En todo caso, a modalidade de contratación será contrato indefinido a tempo completo ou parcial e neste caso deberá ser, como mínimo, equivalente á media xornada dun/dunha traballador/a a tempo completo.
No caso de producirse a extinción anticipada do contrato de traballo formalizado, a empresa poderá volver a instar a cobertura da vacante producida por unha vez máis, neste caso os períodos de contratación de ambas as persoas computaranse agregadamente como un único destinatario final para os efectos do cómputo de contratación.
Coa presentación da solicitude de subvención as entidades deberán presentar a totalidade do número de compromisos de contratación a que se fai referencia na epígrafe 2.3.a) do presente artigo, tendo en conta que o requisito mínimo para poder presentarse á presente convocatoria é de, polo menos, 40 compromisos de contratación.
En todo caso, a consellería poderá exixir toda aquela documentación que considere oportuna para garantir que os ditos compromisos de contratación sexan efectivos e deste xeito que, de ser aceptada pola empresa a persoa candidata proposta, a formalización do contrato ou acordo por escrito entre a empresa e persoa se efectúe con carácter previo a que a persoa se traslade a Galicia, con independencia de que a súa alta laboral na Seguridade Social se realice unha vez estea en Galicia, se ben esa alta, así como o inicio da actividade laboral, deberá realizarse no prazo máximo dun mes desde a chegada a Galicia.
b) Realización e/ou acompañamento, se é o caso, ás persoas seleccionadas para formalizar o contrato de traballo para tramitar todas as xestións necesarias para trasladarse a Galicia (expedición de documentos de viaxe necesarios, incluídos os billetes de traslado). Neste sentido, a entidade beneficiaria deberá informar por escrito as persoas das condicións (dereitos e obrigas) que implica a participación no programa e, sobre todo, das condicións da contratación que se lles ofrece, con carácter previo en todo caso á súa aceptación e traslado a Galicia.
c) Coordinación e seguimento coa empresa que oferta o posto de traballo ao respecto dos trámites que esta debe realizar para levar a cabo a contratación e que pode implicar que a empresa teña que solicitar directamente na área funcional de traballo e inmigración (oficinas de estranxeiría), as correspondentes autorizacións de residencia temporal e traballo por conta allea de duración determinada, cando sexa o caso.
d) Comprobación final previa ao traslado da persoa de que dispón de toda a documentación e permisos necesarios e en regra para poder trasladarse a Galicia e desenvolver o posto de traballo conforme a normativa vixente que sexa de aplicación.
e) Aboamento ás persoas que formalicen un contrato de traballo dunha axuda económica de 1.400 euros para cubrir os primeiros gastos de instalación en Galicia (alimentación, produtos hixiene, transportes diarios...). Este importe poderá ser aboado en dous pagamentos, segundo o considere a entidade beneficiaria á vista das circunstancias da persoa, de xeito que poderá aboarse un primeiro pagamento de 600 euros coa formalización do precontrato e un segundo pagamento de 800 euros coa formalización do contrato de traballo.
f) Aboamento ás persoas que formalicen un contrato de traballo e precisen de xeito inmediato formalizar un contrato de alugamento de vivenda, dun complemento económico de ata 1.800 euros para os efectos de atender as obrigas derivadas da constitución de fianza e da alta en subministracións (luz, auga etc.); así mesmo, a entidade beneficiaria prestará información e asesoramento para que poidan acadar un aloxamento en réxime de alugamento ou por outras vías.
g) Aboamento ás persoas que formalicen un contrato de traballo dunha axuda para facilitar o acceso a unha vivenda en alugamento. O importe desta axuda será de 600 euros durante 3 meses como máximo e proporcional ao tempo que permaneza no programa. En casos excepcionais debidamente xustificados e con autorización previa da consellería, o dito importe poderá destinarse a sufragar os gastos de aloxamento noutro tipo de residencia por un tempo máximo de 3 meses. En todo caso, as entidades beneficiarias deberán facilitar información á consellería sobre o acceso á vivenda das persoas retornadas e, para estes efectos, deberán requirirlles a estas persoas a documentación xustificativa pertinente.
h) Seguimento e acompañamento das persoas contratadas desde o inicio da súa relación laboral ata a finalización do programa e que poderá realizarse por distintos medios (teléfono, correo electrónico, videoconferencia, etc.) pero da que deberá quedar constancia mediante documentación acreditativa que permita comprobar que se realizou ese seguimento e acompañamento.
3. A participación nas accións do programa Retorna Cualifica Emprego será totalmente gratuíta para as persoas participantes, sen prexuízo de que a entidade beneficiaria poida exixirlles a devolución daqueles importes que tivesen percibido as persoas por incumprimento dos compromisos adquiridos tal e como se indica no punto 4 do presente artigo.
4. A entidade beneficiaria deberá informar ás persoas participantes que acepten formalizar un contrato de traballo e trasladarse a Galicia dos compromisos que adquiren no marco do programa Retorna Cualifica Emprego, con base nos obxectivos que ten este programa, de xeito que a aceptación do posto de traballo implica unha permanencia mínima en Galicia de 12 meses; este compromiso deberá constar por escrito e recoller que, no caso de que a persoa finalice a súa relación laboral por cesamento voluntario ou despedimento procedente disciplinario, a entidade beneficiaria poderá solicitar o reintegro da axuda económica de 1.400 euros prevista na epígrafe 2.3.e) do presente artigo, así como o complemento económico de 1.800 euros previsto na epígrafe 2.3.f) do presente artigo, e deixará de percibir o importe mensual para facer fronte ao alugamento de vivenda previsto na epígrafe 2.3.g) do presente artigo.
Artigo 4. Réxime xurídico
1. Aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeneral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.
2. Así mesmo, tamén serán de aplicación:
a) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
b) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
c) Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.
d) Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia.
e) Normativa sobre protección de datos persoais: Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; Regulamento xeral de protección de datos persoais (RXPD); Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da administración electrónica.
f) Calquera outra norma da Unión Europea, ou normativa nacional ou autonómica vixente que poida resultar de aplicación.
Artigo 5. Financiamento
1. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total de dous millóns trescentos mil euros (2.300.000 €), con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.323A.481.0, código de proxecto 2023 00123.
2. Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación e condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, despois de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Neste caso, publicarase a ampliación do crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio do novo cómputo de prazo para resolver.
3. En todo caso, e tendo en conta o establecido no artigo 6.b.2) da presente orde, o obxectivo mínimo obrigatorio por entidade é de 40 persoas retornadas contratadas para 40 postos de traballo e establécese un obxectivo máximo por entidade de 100 persoas retornadas contratadas para 100 postos de traballo, agás no caso de que non exista un número suficiente de entidades beneficiarias, suposto en que se podería superar ese máximo ata o límite do crédito dispoñible. Así mesmo, o límite mínimo poderá ser modificado cando resulte necesario para axustalo ao remanente de crédito ata o seu esgotamento.
4. No suposto de esgotarse o crédito, darase axeitada publicidade no Diario Oficial de Galicia indicando nese suposto que o prazo de solicitudes queda pechado.
Artigo 6. Entidades beneficiarias
Poderán solicitar as subvencións previstas nesta orde as entidades xurídicas privadas que cumpran os requisitos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e que, ademais, reúnan as seguintes condicións:
a) Que careza de fin de lucro. Considerarase que tamén carecen de fin de lucro aquelas entidades que desenvolvan actividades de carácter comercial, sempre que os beneficios resultantes destas se invistan na súa totalidade no cumprimento dos seus fins institucionais non comerciais.
b) Que teña plena capacidade de obrar e acrediten a seguinte solvencia económica, financeira e técnica ou profesional:
b.1) Solvencia económica e financeira:
i. Ao tratarse de persoas xurídicas, contas anuais depositadas no Rexistro de fundacións ou rexistro correspondente en función da súa natureza ou do seu réxime xurídico. As contas deberán estar asinadas pola entidade concorrente en cada unha das súas follas ou o documento contar con sinatura electrónica do representante legal da entidade.
ii. Se por causa xustificada non é posible achegar as ditas contas, a solvencia económica acreditarase mediante a presentación do balance de situación xunto cun informe bancario.
b.2) Solvencia técnica:
i. Experiencia mínima de 2 anos na xestión e desenvolvemento de programas de formación e cualificación para o emprego e de atracción de talento, con financiamento público.
ii. Acreditar un mínimo de compromisos equivalente a 40 postos de traballo con empresa/s con centros de traballo en Galicia que ofrezan postos de traballo vacantes para ofertar as persoas destinatarias do programa Retorna Cualifica Emprego.
c) Que teña experiencia acreditada en actividades de asesoramento e asistencia técnica en procesos de selección de talento. Esta experiencia acreditarase mediante unha relación das actividades realizadas nese ámbito, indicando o tipo ou tipos de postos de traballo obxecto de selección así como, se é o caso, indicando en que países se realizaron e o destinatario público ou privado destes servizos.
d) Que acredite ter capacidade, solvencia, eficacia, experiencia e recursos humanos e materiais para a realización, a organización e a coordinación das accións do programa Retorna Cualifica Emprego previstas no artigo 3 da presente orde. Para estes efectos, como mínimo, deberá contar cos seguintes recursos:
d.1) Recursos humanos: un/unha prospector/a laboral, un/unha orientador/a laboral, unha persoa titulada media ou superior con experiencia e/ou coñecemento en tramitación de autorizacións administrativas necesarias para residir en España, un/unha técnico/a en selección de recursos humanos e un/unha administrativo/a. Acreditarase mediante unha descrición dos recursos humanos destinados á execución do programa en que deberá constar as titulacións académicas e/ou profesionais, así como a experiencia laboral das ditas persoas.
d.2) Recursos materiais: instalacións para reunións, entrevistas, formación, así como sistemas de comunicación de voz e datos e medios audiovisuais. Acreditarase a través dunha descrición dos recursos materiais de que dispoña a entidade para a realización do programa.
Artigo 7. Persoas destinatarias das accións do programa Retorna Cualifica Emprego
1. As persoas destinatarias finais do programa Retorna Cualifica Emprego serán persoas emigrantes de nacionalidade española e orixe galega residentes no exterior, que estean interesadas en integrarse laboralmente en Galicia e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar en posesión da nacionalidade española.
b) Ser menor de 55 anos.
c) Residir fóra de España.
d) Acreditar un mínimo de un ano de residencia fóra de España inmediatamente anterior á data de inicio de participación no programa Retorna Cualifica Emprego.
e) Estar vinculado a Galicia por algún destes xeitos:
i. Ser emigrante nacido en Galicia.
ii. Ser emigrante non nacido en Galicia, pero ter residido en Galicia de forma continuada durante seis (6) anos con nacionalidade española antes de emigrar.
iii. Ser descendente por consanguinidade de emigrante nacido/a en Galicia, sempre que a persoa solicitante nacese no estranxeiro.
f) No caso das persoas nacidas no estranxeiro, estaren vinculadas a un concello galego. Este requisito poderá acreditarse con posterioridade, pero sempre antes de que a persoa formalice o contrato de traballo.
2. A entidade beneficiaria da subvención efectuará a preselección das posibles persoas participantes no programa de acordo cos requisitos establecidos no punto anterior e que, ademais, manifesten a súa dispoñibilidade e conformidade para trasladarse a Galicia para incorporarse ao posto de traballo ofertado. O cumprimento dos requisitos acreditarase do seguinte xeito:
a) Pasaporte ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade española para as persoas participantes que non teñan DNI (documento de nacional de identidade español).
b) Documentación acreditativa da residencia actual fóra de España.
c) Documentación xustificativa de ter residido fóra de España durante un mínimo dun ano inmediatamente anterior á data de inicio de participación no programa Retorna Cualifica Emprego.
d) Documentación acreditativa da súa vinculación con Galicia, segundo o caso:
i. Persoas nacidas en Galicia: pasaporte ou certificado de nacemento en Galicia.
ii. Persoas non nacidas en Galicia, pero que residiron en Galicia de forma continuada durante seis (6) anos con nacionalidade española antes de emigrar: histórico do padrón municipal do/dos concello/s galego/s onde residiron.
iii. Descendentes por consanguinidade de emigrante nacido/a en Galicia: certificados de nacemento ou libros de familia que acrediten toda a liña de parentesco por consanguinidade, desde a persoa emigrante nacida en Galicia ata o nacemento da persoa solicitante.
e) Para persoas solicitantes nacidas no estranxeiro: certificado de inscrición no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE), ou, na súa falta, calquera outra documentación acreditativa da súa vinculación cun concello galego.
3. Poderán tamén participar nas accións do programa Retorna Cualifica Emprego o resto das persoas integrantes da unidade familiar que, sen reunir os requisitos establecidos no punto 1 do presente artigo, estean tamén en disposición de aceptar un contrato de traballo en Galicia e consonte cos requisitos que a normativa que sexa de aplicación exixa (permisos temporais de residencia, de traballo, e calquera outro que sexa necesario). Para os efectos de participar neste programa, considéranse integrantes da unidade familiar do participante que posúa a nacionalidade española os seguintes:
a) O/a cónxuxe, sempre que non recaese acordo ou declaración da nulidade do vínculo matrimonial, divorcio ou separación legal.
b) A parella con que se manteña unha relación análoga á conxugal inscrita nun rexistro público establecido para estes efectos e sempre que non se tivese cancelado a dita inscrición, o que deberá ser suficientemente acreditado. As situacións de matrimonio e inscrición como parella rexistrada consideraranse, en todo caso, incompatibles entre si.
Artigo 8. Criterios para a determinación da contía da subvención
1. A metodoloxía para calcular a contía da subvención, para os efectos da súa concesión, xustificación e liquidación, así como para a determinación e cuantificación económica dos supostos de incumprimento que, de ser o caso, se produzan, axustarase ao réxime de módulos de acordo co disposto nos artigos 52 a 55 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e conforme o previsto neste artigo.
2. Con base no orzamento global establecido no artigo 5 da presente orde, establécese un importe máximo de 11.495,00 euros por persoa participante no programa; tendo en conta ese importe máximo por persoa, aboaranse os seguintes importes por persoa:
a) Por gastos derivados de divulgación do programa, captación de persoa e entrevista persoal: 350 euros.
b) Por elaboración do plan personalizado de cualificación e empregabilidade: 1.050 euros por cada plan.
c) Por formación en competencias clave: 315 euros.
d) Por formación relacionada co sector produtivo e o posto de traballo ofertado, competencias dixitais ou habilidades brandas: 13 euros/hora/persoa, cun máximo de 1.300 euros (100 horas).
e) Por inserción laboral: 1.980 euros por cada persoa inserida que formalice un contrato de traballo que cumpra os requisitos establecidos na presente orde.
f) Por gastos de traslado desde o país de orixe a Galicia: 1.500 euros.
g) Aboamento á persoa para a atender as súas necesidades básicas á súa chegada a Galicia (alimentos, produtos hixiénicos, transporte diario...): 1.400 euros.
h) Complemento económico destinado á formalización dun contrato de alugamento de vivenda, para os efectos de atender as obrigas derivadas da constitución de fianza e alta en subministracións (luz, auga etc.): 1.800 euros.
i) Axuda á persoa para facilitar o acceso a unha vivenda en réxime de alugamento: 600 euros mensuais por un período máximo de 3 meses e proporcional ao tempo que permaneza no programa.
3. Con cargo ao dito orzamento, e dentro das contías establecidas no punto anterior, está a axuda que a entidade beneficiaria terá que aboar directamente ás persoas participantes por importe de 1.400 euros destinada a atender as primeiras necesidades da persoa que se traslade a Galicia para ocupar un posto de traballo e cuxo aboamento poderá realizarse en dous pagamentos segundo o recollido no punto 2.3.e) do artigo 3 da presente orde, así como o importe do complemento económico destinado á formalización dun contrato de alugamento de vivenda para atender as obrigas de constitución de fianza e alta en subministracións e o importe para o alugamento mensual da vivenda.
4. Para os efectos de liquidación e pagamento, o importe para aboar será o resultante de aplicar cada un dos módulos previstos nas respectivas epígrafes do punto 2 do presente artigo polo número de persoas que se atopen en cada unha das ditas epígrafes. O dereito a liquidación e pagamento que proceda polas epígrafes a), b), c) e d) do anterior punto 2 do presente artigo poderase producir con independencia da efectiva inserción laboral. No caso dos gastos da epígrafe f), o dereito á devindicación producirase co correspondente precontrato de traballo.
5. Unha vez executadas as actuacións subvencionadas, para efectos do cálculo da contía da subvención no momento da súa xustificación e liquidación, así como da determinación e cuantificación económica dos supostos de incumprimento que, de ser o caso, se produzan, ademais de aplicar o disposto nos puntos anteriores deste artigo, terase en conta as regras establecidas nos artigos 25 e 27 da presente orde.
Artigo 9. Gastos subvencionables
O importe da subvención destinarase a cubrir os gastos efectivamente realizados pola entidade relativos aos seguintes conceptos subvencionables ao abeiro da presente orde, conforme os artigos 28 e 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada. En particular, comprenden os seguintes:
a) Recursos humanos: gastos de persoal, integrando os custos salariais e de seguridade social do persoal habitual ou contratado especificamente para este programa, especificando a porcentaxe de dedicación. Inclúese os gastos que se orixinen por indemnización por fin de contrato que sexa necesario aboar á persoa traballadora contratada.
b) Gastos de axudas de custo e desprazamentos do persoal imputado ao programa, necesarios para o desenvolvemento das accións. Estes gastos deberán ser moderados e limitados (tarifas de transporte económicas, aloxamentos de categoría media, axudas de custo limitadas tomando como referencia as establecidas para a Administración pública no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnización por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.
c) Material funxible: adquisición de materiais funxibles, compoñentes precisos, subministracións e produtos similares, sempre que estean relacionados e sexan precisos para a realización das actividades obxecto do programa.
d) Servizos externos: contratacións con entidades externas en materias necesarias para o desenvolvemento das actuación do programa.
e) Gastos de traslado a Galicia, así como axuda para satisfacer as primeiras necesidades ao chegar das persoas que se van incorporar ao posto de traballo ofertado e gastos do importe da axuda por asistencia a accións do eixe formación, así como os gastos derivados da formalización dun contrato de alugamento de vivenda previstos no artigo 3 da presente orde.
f) Outros gastos relacionados co servizo como os gastos financeiros, os gastos de asesoría xurídica, os gastos de asesoría financeira, os gastos notariais e rexistrais especialmente derivados de créditos bancarios formalizados coa finalidade de dispoñer de efectivo para a realización do obxecto da subvención concedida mentres non sexa aboada pola Administración, de conformidade cos termos e dentro dos límites previstos no artigo 29, punto 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Tamén os gastos de enerxía eléctrica, auga, combustible, comunicacións, limpeza, seguridade, seguros, etc.
g) Custos indirectos, considerados como tales aqueles segundo o establecido polo artigo 29, punto 9 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 42.6 do Decreto 11/2009 polo que se regula o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia. Entre estes atoparase o alugamento dos locais en que se desenvolva a actividade.
En todos os custos indirectos establecerase e xustificarase a fracción do custo total que se considere imputable á actividade subvencionada segundo a aplicación dun método xusto e equitativo que debe constar por escrito e previamente á realización dos gastos.
Os tributos serán considerados gastos subvencionables cando o beneficiario os aboa efectivamente consonte o establecido no artigo 29, punto 8 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
En ningún caso terán a consideración de gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.
h) Gastos por coordinación e xestión do programa.
Artigo 10. Subcontratación
1. As entidades beneficiarias poderán contratar ata un 50 % do importe da actividade subvencionada cos límites e obrigas establecidas no artigo 29 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
2. Non se considerará como gastos subcontratados aqueles en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actuación subvencionada, tales como a contratación de persoal técnico ou docente para a impartición das actuacións subvencionadas, o alugamento de instalacións para a realización das accións e/ou os gastos de subministracións relacionados con elas, sempre que non sexan provistos pola mesma persoa física ou xurídica.
3. Para o caso de que a realización das actuacións obxecto de axuda na presente orde se requira a contratación con outra entidade, cando o importe do gasto subvencionable da subcontratación cunha mesma entidade supere as contías establecidas para os contratos menores no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas, de diferentes persoas ou empresas provedoras non vinculadas entre si, con carácter previo á contratación do servizo, salvo que, polas súas especiais características, non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, nos termos do artigo 29 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As ofertas presentadas deberán conter os mesmos conceptos ofertados.
No caso de renuncia dunha ou máis das entidades que presentaran as ofertas, estas deberán ser substituídas por outras ata acadar o mínimo de tres exixido.
A elección entre as tres ofertas presentadas, que se deberán achegar na xustificación, realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposición económica máis vantaxosa.
4. Non poderá realizarse a subcontratación con persoas ou entidades en quen concorra algunha das circunstancias consignadas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como as establecidas no artigo 71 da Lei 9/2017, do 8 de novembro.
5. No contrato ou convenio subscrito para acordar a subcontratación, deberá acreditarse que se recollen as garantías precisas para o tratamento de datos de carácter persoal, debendo incluír as cláusulas necesarias para o seu cumprimento, conforme o disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
6. En ningún caso se poderá concertar, total ou parcialmente, a prestación ou adquisición de servizos ou subministracións necesarios para a execución da actividade subvencionada cunha persoa ou entidade vinculada coa entidade beneficiaria, salvo que concorran as seguintes circunstancias:
a) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.
b) Que se obteña a autorización previa da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.
A carga de proba de que a contratación se realiza en condicións normais de mercado corresponderá á entidade beneficiaria. A Administración actuante determinará a suficiencia ou insuficiencia da xustificación presentada.
Artigo 11. Réxime de concesión
1. O procedemento de concesión de subvencións tramitarase e resolverase en réxime de concorrencia non competitiva, de conformidade co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, segundo o cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.
De acordo co disposto no artigo 71.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, a instrución e resolución das solicitudes efectuarase seguindo a orde correlativa de entrada no rexistro electrónico da Xunta de Galicia e ata o límite da dotación orzamentaria, de ser o caso, salvo que aquelas tivesen que ser obxecto de corrección por non reunir os requisitos ou non acompañarse da documentación requirida, para o que se considerará na orde de prelación que se siga para a súa resolución, a data en que as solicitudes reúnan os requisitos e/ou documentación requirida, unha vez emendada a ausencia ou insuficiencia que, de ser o caso, apreciou o órgano convocante.
As axudas outorgaranse conforme os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación. A súa xestión realizarase con criterios de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.
2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria. Porén, poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria, quedando este incremento condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
En todo caso, é necesario informe favorable previo da modificación orzamentaria que corresponda.
Artigo 12. Presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Esta obrigación de presentación electrónica mantense durante toda a tramitación do expediente.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda. Se a emenda deste concreto defecto (presentación presencial da solicitude) se realiza unha vez transcorrido o prazo indicado na convocatoria da subvención para a presentación de solicitudes, o órgano competente ditará resolución en que se desestimará a solicitude por presentarse fóra do prazo, de acordo co artigo 23 en relación co artigo 20.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de persoa usuaria e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Estes formularios soamente terán validez se están debidamente asinados pola persoa que ten a representación legal da entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.
3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicional das presentes bases reguladoras.
4. O non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, serán causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
5. As entidades beneficiarias realizarán as seguintes declaracións responsables, empregando para o efecto o formulario do anexo I:
a) Relación doutras axudas concedidas ou solicitadas para o mesmo proxecto ou conceptos obxecto de solicitude.
b) A veracidade de todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan.
c) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Estar ao día nas obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
f) Que a entidade solicitante coñece que as persoas ou empresas provedoras non poderán estar asociadas nin vinculadas coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvenciones de Galicia, nin no artigo 43 do Regulamento que desenvolve a dita lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 sobre empresas vinculadas.
g) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos da actuación para a cal se solicita a axuda.
h) Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con toda as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados.
i) Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.
j) Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.
k) Estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.
l) Cumprir os requisitos establecidos no artigo 6 da presente orde, sen prexuízo da súa verificación ou acreditación posterior.
Artigo 13. Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase transcorridos cinco (5) días hábiles desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia e estenderase ata o 20 de xaneiro de 2025, ou ata que se produza o esgotamento do crédito asignado a esta convocatoria. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
2. O esgotamento de crédito publicarase no Diario Oficial de Galicia, producirá a imposibilidade de continuar outorgando subvencións ao abeiro desta convocatoria e constituirá motivación suficiente para a denegación do resto de subvencións non concedidas.
Artigo 14. Documentación complementaria
1. As entidades interesadas deberán achegar xunto coa solicitude da axuda (anexo I) a seguinte documentación:
a) Escritura de constitución e/ou modificación.
b) Poderes acreditativos da representación da persoa que asina a solicitude de participación.
c) Proposta técnica.
d) Descrición dos recursos humanos destinados ao programa indicando as titulacións académicas e as funcións que se van desenvolver.
e) Declaración dos recursos materiais e instalacións de que dispoña a entidade para a realización do programa.
f) Compromisos de contratación por parte de empresas que dispoñan de ofertas de emprego en Galicia susceptibles de seren ocupadas por persoas participantes no programa Retorna Cualifica Emprego, tendo en conta o disposto no artigo 6.1.b.2.i) da presente orde no que atinxe ao número mínimo de compromisos exixibles para poder participar na presente convocatoria.
g) Calquera outra documentación que a entidade solicitante considere de interese en relación co obxecto da subvención.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou estes documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
6. Sen prexuízo do disposto nos puntos anteriores, a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego poderá requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarias para a tramitación e resolución do procedemento.
Artigo 15. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente, con carácter previo á concesión, os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade representante.
d) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
e) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.
f) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
g) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
c) Consulta de concesión de subvencións e axudas.
2. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da empresa ou da persoa representante para realizar a consulta.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos pertinentes.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás empresas ou ás persoas traballadoras autónomas a presentación dos documentos correspondentes.
4. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, conforme o artigo 21.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que a persoa beneficiaria ten débedas ou obrigas con algunha das administracións, requiriráselle para que, no prazo de dez días, regularice a situación e presente o correspondente certificado.
Artigo 16. Representación
1. As persoas físicas que realicen a sinatura ou a presentación electrónica de documentos en representación das entidades solicitantes ou beneficiarias deberán ter a representación necesaria para cada actuación, nos termos establecidos no artigo 5 da referida Lei 39/2015, do 1 de outubro.
2. A persoa asinante da solicitude deberá acreditar que, no momento da presentación desta, ten poder bastante en dereito para actuar en nome e representación da persoa xurídica solicitante. O incumprimento desta obriga, de non emendarse, dará lugar a que se teña por desistido da solicitude, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Artigo 17. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo de correo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 18. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deberán realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados de xeito electrónico accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 19. Instrución e emenda
1. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.
2. A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde.
3. No caso de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán á entidade interesada para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará que a persoa ou entidade interesada desiste da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da devandita lei.
4. En aplicación dos principios de eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada polo establecido no punto 1 do artigo 11 da presente orde.
Artigo 20. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 21. Resolución e recursos
1. A competencia para resolver as solicitudes corresponderá, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, á Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.
2. O prazo máximo para resolver e notificar será dun (1) mes e computarase desde a presentación da solicitude pola persoa interesada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
3. No caso de existir solicitudes que non acaden o dereito á subvención, ao esgotarse o crédito dispoñible, pasarán a formar unha lista de espera, coas entidades solicitantes que poderán ser susceptibles de recibir a axuda se se produce un incremento do crédito, ben por dispoñer de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nas subvencións inicialmente concedidas ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a estas axudas, de conformidade co disposto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous (2) meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 22. Modificación da resolución de concesión
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O órgano competente para a concesión destas axudas, nos supostos que proceda, poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria e coa debida antelación. Estas bases habilitan para aprobar, nos supostos que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e aos requisitos da convocatoria e demais normativa aplicable.
Artigo 23. Obrigas das entidades beneficiarias
1. As entidades beneficiarias das subvencións adquiren os compromisos e obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable.
2. Son tamén obrigas mínimas das entidades beneficiarias as seguintes:
i) Executar a actuación que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido segundo o disposto nestas bases.
ii) Solicitar un mínimo de 3 ofertas diferentes e acreditar que a proposta seleccionada se adecúa aos prezos do mercado, nos supostos en que utilicen fórmulas de subcontratación para importes iguais ou superiores a 15.000 €.
iii) Conservar todos os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.
iv) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actuacións definidas no artigo 3 e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.
v) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas; ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
vi) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da aplicación dos fondos recibidos, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.
vii) Manter rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados.
viii) Comunicar ao órgano convocante a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos concorrentes que financien as actuacións, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a dita concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a solicitude de pagamento coa xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. O incumprimento desta obriga considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.
ix) Dar axeitada publicidade do carácter público do financiamento en todas as accións que deriven da execución do programa, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Así, en todo tipo de publicidade e información relativos ás actuacións subvencionadas terá que constar a condición de subvencionada pola Xunta de Galicia-Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
x) Subministrar toda a información necesaria para que o órgano concedente poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei. Así como facilitar calquera outra información relacionada coa medición dos indicadores dos instrumentos de planificación que sexan de aplicación.
xi) Garantir no desenvolvemento e na difusión das accións de formación a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das mulleres e dos homes, e do uso dunha linguaxe non sexista.
xii) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
xiii) No caso de opoñerse a consulta por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ou no suposto de non presentar o consentimento a que se refire o artigo 15 desta orde, deberán presentar coa xustificación da realización das actividades obxecto do programa Retorna Cualifica Emprego, declaración responsable ou certificación de atoparse ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, e de que están ao día no pagamento das obrigas por reintegro de acordo co disposto no artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
xiv) Tratar dun xeito confidencial toda a información recibida directa ou indirectamente e non utilizar ningún dato desa información distinto ao obxecto da presente orde. Así mesmo, queda obrigada a manter de xeito confidencial e a non revelar ningún dato da información coñecida sen o consentimento previo da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e cumprir coas obrigas sinaladas no artigo 28 do Regulamento (EU) 2016/679.
xv) Asumir a responsabilidade civil derivada da atención ás persoas destinatarias participantes das accións do programa Retorna Cualifica Emprego, a través da subscrición dun seguro de responsabilidade civil que cubra calquera eventualidade que poida producirse contra as persoas e bens, como consecuencia do desenvolvemento do programa Retorna Cualifica Emprego.
xvi) Contratar un seguro de cobertura de accidentes para as persoas participantes nas actuacións que cubra tanto os riscos que poidan ter as persoas participantes durante o desenvolvemento das accións como nos dos desprazamentos.
xvii) Remitir á Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, no prazo de seis (6) meses desde a presentación da documentación xustificativa da subvención, informe relativo á situación laboral das persoas participantes que formalizaron contrato de traballo en Galicia, co fin de efectuar o seguimento das contratacións realizadas. No caso de que a entidade non teña a posibilidade de acceder á dita documentación (vida laboral), a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración actuará de oficio consultando directamente na Seguridade Social a vida laboral das persoas beneficiarios na súa condición de Administración pública. Así mesmo, no prazo de doce (12) meses desde a presentación da xustificación, procederase do mesmo xeito e cos mesmos efectos.
Artigo 24. Pagamento
1. Unha vez ditada e notificada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar un anticipo de ata o 80 % da subvención concedida, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e nesta convocatoria.
A porcentaxe restante, ou a parte que corresponda, librarase logo da xustificación por parte das entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.
2. Os anticipos deberán ser solicitados polas entidades beneficiarias mediante o modelo que estará dispoñible na páxina web da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego. Achegarase, coa solicitude, declaración responsable segundo o previsto no artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 10, 11 e 12 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de que a entidade está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración Pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. A concesión do anticipo quedará condicionada ao cumprimento, por parte da entidade beneficiaria, dos requisitos establecidos no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. O órgano concedente poderá solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación da execución da actuación subvencionada que considere convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que a entidade beneficiaria os presentase, o órgano convocante iniciará o correspondente procedemento de decaemento no dereito de cobramento.
5. En aplicación do artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan eximidas da obriga de constituír garantías para a realización e cobramento dos anticipos.
Artigo 25. Xustificación final da subvención e liquidación
1. A xustificación da subvención realízase a través do réxime de módulos, de acordo co establecido nos artigos 52 a 55 do Decreto 11/2009 polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e os artigos 76 a 79 do Regulamento da Lei xeral de subvencións, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.
2. As entidades beneficiarias presentarán antes do 10 de decembro de 2025, ante a Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, a xustificación do cumprimento das actuacións subvencionadas e dos gastos realizados, mediante o réxime de módulos. Esta xustificación comprenderá as actuacións realizadas desde o 1 de decembro de 2024 ata o 30 de novembro de 2025.
3. A xustificación presentarase por vía telemática, de acordo co artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; a entidade beneficiaria para xustificar a realización da actividade subvencionada presentará a seguinte documentación, cuxos modelos ou documentos tipos estarán dispoñibles na páxina web da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego:
a) Solicitude de pagamento debidamente cuberta e asinada pola persoa responsable da entidade beneficiaria, que incluirá unha declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas ou subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas, para a mesma finalidade das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou, de ser o caso, declaración de que non foron solicitadas outras axudas ou subvencións.
b) No caso de opoñerse á consulta por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ou no suposto de non prestar o consentimento a que se refire o artigo 18 desta orde, deberán presentar certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, e de que están ao día no pagamento das obrigas por reintegro, de acordo co disposto no artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
c) Para o aboamento das accións de divulgación, captación e entrevista persoal previstas nos artigos 3.2.1 e 8.2 da presente orde: certificación acreditativa das accións realizadas con cada persoa, con indicación da data da entrevista persoal.
d) Para o aboamento do plan personalizado, plan de cualificación e empregabilidade previsto nos artigos 3.2.2 e 8.2 da presente orde: certificación acreditativa dos plans de cualificación e empregabilidade elaborados, con identificación das persoas.
e) Para o aboamento por accións de información sobre as competencias clave e o campus virtual, previstas nos artigos 3.2.2 e 8.2 da presente orde: certificación acreditativa da sesión realizada con cada persoa indicando a data en que tivo lugar.
f) Para o aboamento das horas de formación relacionadas co sector produtivo e o posto de traballo ofertado, competencias dixitais e habilidades brandas, previstas nos artigos 3.2.2 e 8.2 da presente orde: certificación da realización das horas de formación por cada persoa participante, indicando a denominación, o contido, a duración, as datas de realización e o lugar de impartición.
g) Para o aboamento do importe correspondente por cada persoa inserida laboralmente, previsto nos artigos 3.2.3 e 8.2 da presente orde: certificación acreditativa dos contratos formalizados polas persoas participantes no programa.
h) Para aboamento dos gastos de traslado desde o país de orixe a Galicia previstos nos artigos 3.2.3 e 8.2 da presente orde: certificación acreditativa onde consten os datos da persoa e a data do traslado, así como, de ser o caso, copia das transferencias bancarias correspondentes aos pagamentos realizados polos ditos conceptos.
i) Para aboamento dos gastos derivados do alugamento de vivenda e da fianza, previstos nos artigos 3.2.3 e 8.2 da presente orde: certificación acreditativa do importe aboado e no que constará a data de aboamento do alugamento e da fianza, así como copia das transferencias bancarias correspondentes aos pagamentos realizados polos ditos conceptos.
j) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das obrigas establecidas na presente orde con indicación das actividades realizadas, datas de inicio e finalización destas, resultados obtidos e valoración cualitativa destes, número de persoas participantes, e outros aspectos que se consideren relevantes.
k) Memoria económica xustificativa que conterá, como mínimo, os seguintes aspectos:
1º. Certificación ou declaración pola entidade beneficiaria da relación de persoas que participaron no programa, indicando para cada persoa o período de permanencia e a tipoloxía de actividade realizada con cada participante.
2º. Contía global da subvención xustificada, calculada sobre a base das actividades cuantificadas no punto anterior, e conforme os módulos recollidos no artigo 8 da presente orde.
l) Certificación, con base no establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de que o importe da subvención non supera o custo das actividades realizadas ao abeiro da presente orde.
m) Para o suposto de que o importe do gasto subcontratado supere as contías dos contratos menores establecidas no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, memoria xustificativa da elección entre as tres ofertas presentadas cando a elección non recaía na proposición económica máis vantaxosa.
n) Memoria relativa ao persoal do programa, que conterá información sobre os contratos do persoal adscrito ao programa, así como os seus perfís profesionais.
o) Calquera outra documentación xustificativa ou informes que, de acordo coa normativa autonómica, nacional ou europea, resulten exixibles.
4. Ao abeiro do disposto no artigo 55 do Decreto 11/2009 polo que se regula o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e no artigo 79 do Regulamento da Lei xeral de subvencións, as entidades beneficiarias estarán dispensadas da obriga de presentación de libros, rexistros e documentos de transcendencia contable ou mercantil ou calquera outra documentación xustificativa dos gastos realizados, sen prexuízo da obriga do beneficiario de conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en ccanto poidan ser obxecto das correspondentes actuacións de comprobación e control, segundo dispón o artigo 14.1.g) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, así como de calquera outra obriga derivada da normativa estatal ou da Unión Europea que así o exixa.
5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito á cobranza total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da devandita lei.
A Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, logo de solicitude da entidade beneficiaria, poderá autorizar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non poderá exceder a metade deste e sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros. En todo caso, o prazo de xustificación, incluída a ampliación, deberá permitirlle ao órgano concedente a verificación do cumprimento dos requisitos fixados na presente orde dentro do exercicio orzamentario.
6. O persoal técnico da Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego realizará a correspondente comprobación técnico-económica. No caso de que a documentación presentada sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez (10) días, e advírteselle que, de non facelo, logo de resolución, revogarase a subvención concedida e, se é o caso, deberá reintegrar as contías percibidas en concepto de anticipo e os xuros de demora.
Así mesmo, se da devandita comprobación resulta o incumprimento, total ou parcial, dos fins para os que foi concedida a subvención, das obrigas previstas ou dos requisitos establecidos para a xustificación, comunicarase tal circunstancia á entidade beneficiaria xunto cos resultados da comprobación técnica e económica e iniciarase, se é o caso, o procedemento de reintegro total ou parcial da subvención.
Artigo 26. Réxime de incompatibilidades
As subvencións reguladas na presente orde serán incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo proxecto formativo procedentes de calquera Administración pública ou entre público ou privado, estatal ou de organismos internacionais.
Porén, a axuda económica de 1.400 euros para cubrir os gastos de primeira instalación en Galicia que perciban as persoas que formalicen un contrato de traballo e se trasladen a Galicia, prevista no artigo 3.2.3.e) da presente orde, é compatible coa obtención doutras axudas que teñan a mesma finalidade. Así mesmo, o complemento económico destinado á formalización dun contrato de alugamento de vivenda, así como a axuda mensual para alugamento tamén é compatible coa obtención doutras axudas que teñan a mesma finalidade.
Artigo 27. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas
1. Producirase a perda do dereito ao pagamento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento da actuación, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.
2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de pagamento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Procederá a perda total do dereito ao pagamento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:
a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.
b) Non xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actuación e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.
c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en concreto a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, non achegar canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
d) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Non comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións e axudas concorrentes coas percibidas. Este suposto orixinará o reintegro do 100 % do importe da subvención recibida, máis os xuros de demora e sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.
f) Non comunicarlle ao órgano concedente a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.
4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, o órgano concedente poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:
a) No caso de condicións referentes á contía ou aos conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de executar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, se é o caso, deberanse reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción.
b) Suporá o reintegro dun 10 % da subvención concedida o incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para o mesmo programa.
c) Suporá o reintegro dun 10 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente.
d) Procederá o reintegro dun 2 % do importe da axuda concedida no caso do incumprimento das obrigas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no artigo 31 destas bases reguladoras.
e) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento dos fins para os que se concedeu a subvención ou da obriga da xustificación e dará lugar á perda do dereito ao seu cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.
Artigo 28. Devolución voluntaria da subvención
De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.
En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.
Artigo 29. Fraude, corrupción e conflito de intereses
Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con actuacións financiadas total ou parcialmente con cargo a fondos no marco da presente convocatoria poderá poñer estes feitos en coñecemento da Xunta de Galicia, a través da canle de denuncias da Xunta de Galicia de comunicación de información en materia de integridade institucional, dispoñible na seguinte ligazón: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias
Así mesmo, serán de aplicación ás actuacións desenvolvidas ao abeiro da presente orde as medidas recollidas no Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.
Artigo 30. Fiscalización e control
As entidades beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control, incluída a consulta aos sistemas de información, que realice o órgano convocante, con anterioridade ou posterioridade á concesión da subvención, para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos da entidade beneficiaria fixados no artigo 23, e ás de comprobación material e control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás do Tribunal de Contas Europeo, da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF) ou da Fiscalía Europea.
Así mesmo, as entidades beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de comprobación e control e facilitarán toda a información requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.
Artigo 31. Especificacións de publicidade e información
As entidades beneficiarias das subvencións quedan obrigadas a dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución. En particular, nos espazos en que se desenvolvan actuacións do programa Retorna Cualifica Emprego contarase co emblema da Xunta de Galicia-Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, xunto coa declaración «Cofinanciado pola Xunta de Galicia-Consellería de Emprego, Comercio e Emigración». Tamén se fará unha breve descrición da actuación na páxina web e nas contas nos medios sociais, no caso de dispoñer delas, mencionando os obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Xunta de Galicia-Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Ademais, en todos os documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da actuación, destinados ao público ou ás persoas participantes, proporcionarase unha declaración que saliente a axuda da Xunta de Galicia-Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de xeito visible.
Artigo 32. Seguimento, informes e memorias
1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración levará a cabo a función de control, así como a de avaliación e seguimento das accións obxecto da presente convocatoria.
Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normativa vixentes que resulten de aplicación.
2. As entidades beneficiarias proporcionarán en todo momento a información que lles sexa solicitada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e deberá enviar a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego os informes de seguimento das actuacións que de seguido se indican:
Con periodicidade mensual, ficheiro electrónico que permita á dirección xeral realizar as explotacións necesarias para o seguimento das accións; deberá conter datos de atención e de accións realizadas, número de persoas contactadas (indicando datos de sexo, idade, perfil profesional, titulación académica) número de empresas adheridas (indicando sector produtivo, tamaño da empresa, localización do centro de traballo en que ofertan os postos, perfil dos postos ofertados).
Unha memoria cuatrimestral e unha memoria anual das actividades realizadas.
Disposición adicional primeira. Delegación de competencias
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.
Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións
1. De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
2. A base de datos nacional de subvencións cederá información ao Sistema de fondos europeos, segundo as previsións normativas contidas na normativa europea e nacional que resulte de aplicación.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2024
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
