BDNS (Identif.): 800759.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Persoas beneficiarias
Poderán optar a estas subvencións as empresas e persoas traballadoras autónomas do sector dos videoxogos que conten cunha oficina ou sucursal permanente na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia, polo menos cun ano previo a esta convocatoria.
Así mesmo, as persoas beneficiarias deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme) segundo a definición contida no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOUE-L-2014-187/1), en función dos seus efectivos, do seu volume de negocio e do seu balance anual.
Segundo. Finalidade
Estas bases teñen por obxecto determinar as condicións polas cales se regulará a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais, para o desenvolvemento do sector dos videoxogos na Comunidade Autónoma de Galicia, e proceder á súa convocatoria para o ano 2025.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 11 de novembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o desenvolvemento do sector dos videoxogos na Comunidade Autónoma de Galicia para a anualidade 2025 (código de procedemento CT207K).
Cuarto. Importe
Estas axudas financiaranse cun crédito total de 150.000 euros para as anualidades 2025 e 2026, imputables á aplicación orzamentaria 13.A1.432B.470.0, código de proxecto 2015 00003, da Axencia Galega das Industrias Culturais, coa seguinte distribución por anualidades:
Anualidade 2025: 75.000 €.
Anualidade 2026: 75.000 €.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2024
José Carlos López Campos
Presidente do Consello Reitor
da Axencia Galega das Industrias Culturais
