Unha vez examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Medo de Foncuberta, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Foncuberta, e mais o MVMC Medo de Tioira, pertencente á CMVMC de Tioira e O Batán, no concello de Maceda, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 30.1.2024 a CMVMC de Tioira e O Batán presentou un escrito (Rexel 2024/280164) en que solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Foncuberta.
Coa solicitude achegou a seguinte documentación:
– Acta de deslindamento.
– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Maceda.
– Certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais.
– Levantamento topográfico.
Segundo. O Informe do Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense do 14 de febreiro de 2024 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Medo de Tioira, pertencente á CMVMC de Tioira e O Batán, e mais o MVMC Medo de Foncuberta, pertencente á CMVMC de Foncuberta, desde o vértice 1, Marco da Vereña ou Marco do Rabizo (o situado máis ao S), ata o vértice 3, Marco da Vereña (o situado máis ao N).
Logo de analizar os vértices e a súa localización obsérvase que:
• O punto final da liña (vértice 3, Marco da Vereña) non constitúe o punto final da estrema, senón que serviría de referencia para determinar a dirección da liña. O remate da estrema vén dado, tal como se recoñece na propia documentación da conciliación, polo vértice 2, definido na dita documentación como punto de apoio.
• Pola súa parte, no punto inicial do deslindamento conflúe tamén o MVMC do Medo de Baños de Molgas, Francos, Froufe, A Lama e Vide, comunidade esta que non participa da conciliación.
Porén, o dito punto, identificado como Marco da Vereña, correspóndese exactamente na súa xeolocalización co marco Vereña incluído nun acordo transaccional, de xeito que xa existiría unha conformidade indirecta da Comunidade de Baños de Molgas sobre ese punto.
O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.
Consideracións legais e técnicas:
Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se deberá seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará unha resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 14 de febreiro de 2024, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade, o día 4 de novembro de 2024:
Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Medo de Foncuberta, pertencente á CMVMC de Foncuberta, e mais o MVMC Medo de Tioira, pertencente á CMVMC de Tioira e O Batán, no concello de Maceda.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 25 de novembro de 2024
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
