DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Xoves, 12 de decembro de 2024 Páx. 65326

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 26 de novembro de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Medo de Vilardecás e mais o de Barxela-Medo, no concello de Maceda.

Tras ser examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Monte Medo de Vilardecás, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Vilardecás e Lamelas, e mais o MVMC Barxela-Medo, pertencente á CMVMC de Barxela, no concello de Maceda, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 30.1.2024 a CMVMC de Vilardecás e Lamelas presentou un escrito (Rexel 2024/279675) en que solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Barxela.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Maceda.

– Certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais.

– Levantamento topográfico.

Segundo. O Informe do Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense do 14 de febreiro de 2024 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Monte Medo de Vilardecás, pertencente á CMVMC de Vilardecás e Lamelas, e mais o MVMC Barxela-Medo, pertencente á CMVMC de Barxela, desde o vértice 1 (o situado máis ao SO) ata o vértice 8 (o situado máis ao NE).

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que lle propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se deberá seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará unha resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 14 de febreiro de 2024, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 4 de novembro de 2024:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Monte Medo de Vilardecás, pertencente á CMVMC de Vilardecás e Lamelas, e mais o MVMC Barxela-Medo, pertencente á CMVMC de Barxela, no concello de Maceda.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 26 de novembro de 2024

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense