Mediante a Resolución do 22 de decembro de 2022 convocouse o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, para o ingreso na agrupación profesional de persoal funcionario da Xunta de Galicia, na escala de persoal subalterno da Xunta de Galicia e na escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais da Xunta de Galicia, e para o ingreso nas categorías 10B, 10C, 14 e 14A do grupo V do persoal laboral da Xunta de Galicia (DOG núm. 244, do 26 de decembro). Esta resolución foi modificada pola Resolución do 20 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro) e pola Resolución do 6 de febreiro de 2023 (DOG núm. 26, do 7 de febreiro) (corrección de erros no DOG núm. 64, do 31 de marzo).
A base III.3 da Resolución do 22 de decembro de 2022 establece que, rematada a fase de baremación, o tribunal publicará no DOG o baremo provisional da fase de concurso do proceso selectivo, con indicación das puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que foron baremadas. Contra a baremación provisional, as persoas aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar reclamación ante o propio tribunal, no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da dita baremación no DOG.
Á vista das reclamacións presentadas e realizadas, de ser o caso, as oportunas correccións á baremación inicialmente asignada a cada aspirante, o tribunal publicará no DOG a baremación definitiva da fase de concurso.
Pola Resolución deste tribunal do 3 de outubro de 2024 (DOG núm. 192, do 4 de outubro) publicouse a baremación provisional para o ingreso na agrupación profesional de persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, na escala de persoal subalterno, na escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais e na escala de persoal de mantemento.
De conformidade co exposto, examinadas e resoltas as reclamacións das persoas aspirantes a determinados corpos, escalas o especialidades, na sesión do 12 de decembro de 2024, o tribunal nomeado pola Resolución do 29 de maio de 2024 (DOG núm. 108, do 5 de xuño) para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, na agrupación profesional de persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, na escala de persoal subalterno, na escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais e na escala de persoal de mantemento,
RESOLVE:
Primeiro. Facer pública a baremación definitiva do concurso de méritos na agrupación profesional de persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, na escala de persoal subalterno e na escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de recursos naturais e forestais, con indicación da puntuación obtida polas persoas aspirantes que foron baremadas de acordo coas regras contidas na base III.3 da convocatoria.
A puntuación definitiva obtida polas persoas baremadas reflíctese no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal: https://www.xunta.gal/funcion-publica/procesos-selectivos/consulta
As persoas aspirantes que formularon alegacións á baremación provisional a través de Fides poderán consultar en fides.xunta.gal as respostas motivadas ás súas alegacións.
Segundo. De acordo co disposto na base IV.13 da resolución de convocatoria, contra este acordo poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro competente en materia de emprego público, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2024
José Luis Soto Campos
Presidente do tribunal
ANEXO
Escalas e especialidades da agrupación profesional de persoal funcionario
das cales se publica o baremo definitivo
|
Agrupación profesional |
|
Escala de persoal subalterno |
|
Escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de recursos naturais e forestais |
