DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Venres, 13 de decembro de 2024 Páx. 65352

I. Disposicións xerais

Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 4 de decembro de 2024 pola que se modifica a Orde do 18 de abril de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, no relativo á regulación das condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención a persoas maiores.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de asistencia social, en virtude do establecido no artigo 27.23 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Con base nesta atribución competencial, aprobouse a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, na cal se configura e se define o Sistema galego de servizos sociais.

O Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade, establece que lle corresponde á dita consellería propor e executar as directrices xerais do Goberno no dito ámbito do benestar que engloban as competencias en materia de servizos sociais.

A Orde do 18 de abril de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, no relativo á regulación das condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención a persoas maiores, en vigor ao abeiro da disposición transitoria terceira do Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, ten como finalidade garantir a adecuación das instalacións, a calidade na prestación dos servizos e unha asistencia axeitada ás necesidades e características das persoas usuarias. En particular, a letra B) do punto 1 do anexo I establece os requisitos de persoal das residencias de persoas maiores.

A experiencia acumulada durante as máis de dúas décadas de vixencia desta norma evidencia que, co obxecto de acadar unha mellor atención ás persoas usuarias do centros residenciais de atención a persoas maiores, resulta necesario establecer unha ratio de persoal de enfermaría proporcional en función do grao de dependencia e do número de persoas usuarias.

En consecuencia, esta orde ten por finalidade a modificación da Orde do 18 de abril de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, no relativo á regulación das condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención a persoas maiores, no relativo á vixilancia e coidado da saúde das persoas residentes, e establece a proporción de persoal de enfermaría con que deben contar as residencias de maiores.

De acordo co que establece o artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a tramitación desta disposición axústase ao cumprimento dos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia. Durante a súa tramitación déuselles audiencia e información ás entidades que puideren resultar afectadas por ela. Así mesmo, solicitáronse os informes preceptivos en cumprimento do disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 18 de abril de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, no relativo á regulación das condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención a persoas maiores

A letra B) do punto 1 do anexo I, referida aos requisitos de persoal, da Orde do 18 de abril de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, no relativo á regulación das condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención a persoas maiores, queda redactada como segue:

«B) Requisitos de persoal.

Todo centro residencial deberá contar coa figura dun responsable.

O persoal será o adecuado en número e especialización para prestar os servizos correspondentes.

A ratio mínima de persoal de atención directa en réxime de xornada completa será de 0,20 por usuario en módulos destinados á atención de persoas con autonomía e de 0,35 en módulos destinados a persoas dependentes. Para estes efectos, entenderase por atención directa a realizada tanto por persoal xerocultor como sanitario.

A vixilancia e o coidado da saúde das persoas residentes deberá estar garantido por persoal cualificado para esta función. Ademais da presenza localizada de persoal médico, deberán contar con persoal enfermeiro/a na seguinte proporción:

• Ratio de 0,02 por persoa usuaria sen dependencia ou en situación de dependencia de grao I.

• Ratio de 0,03 por persoa usuaria en situación de dependencia de grado II ou III.

No caso de non ter recoñecida a dependencia, considerarase unha persoa dependente (graos II ou III) aquela cunha valoración Barthel igual ou inferior a 50.

Sen prexuízo do anterior, deberáselles prestar unha asistencia sanitaria integral a todas as persoas residentes, a través de prestacións de servizos profesionais propios ou concertados».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade