DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Venres, 13 de decembro de 2024 Páx. 65416

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 2024, conxunta da Universidade de Vigo e do Servizo Galego de Saúde, pola que se convoca concurso de acceso a unha praza vinculada de corpo docente universitario (TUPV2401).

De acordo co disposto na Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo (BOE do 23 de marzo), do sistema universitario, en diante LOSU, e, en virtude do previsto no Real decreto 678/2023, do 18 de xullo, polo que se regula a acreditación estatal para o acceso aos corpos docentes universitarios e o réxime dos concursos de acceso a prazas dos ditos corpos (BOE do 6 de setembro), en diante RDCA, no Real decreto 1558/1986, do 28 de xuño (BOE do 31 de xullo), polo que se establecen as bases xerais do réxime de concertos entre as universidades e as institucións sanitarias, en diante RDIS, e a teor do establecido nos estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro, da Xunta de Galicia (DOG do 22 de febreiro).

Esta reitoría, en execución da oferta de emprego público de persoal docente e investigador para o ano 2022, aprobada, tras obter a autorización da Comunidade Autónoma de Galicia, pola Resolución do 1 de decembro de 2022 (DOG do 15 de decembro), e conforme os acordos do Consello de Goberno da Universidade adoptados na sesión do 30 de xullo de 2024 e da Comisión Mixta Universidade de Vigo-Sergas, na sesión do 19 de xullo de 2024, resolve convocar, polo procedemento de urxencia, o concurso de acceso á praza dos corpos de funcionarios docentes universitarios vinculada con institucións sanitarias que se detalla no anexo I, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

Primeira. Normas xerais

1.1. Este concurso rexerase pola LOSU, o RDCA, o RDIS, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro), en diante LPACAP, a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE do 2 de outubro), en diante LRXSP, o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público (BOE do 31 de outubro), en diante EBEP, a normativa reguladora dos concursos de acceso aos corpos docentes universitarios e ás categorías de profesorado permanente laboral e axudante doutor, aprobada polo Consello de Goberno o 3 de abril de 2024, modificada polos acordos do Consello de Goberno do 30 de maio e 29 de outubro de 2024, e as bases desta convocatoria e demais normativa que resulte de aplicación.

1.2. O réxime xurídico desta praza será o establecido no RDIS e no concerto asinado entre a Universidade de Vigo e o Servizo Galego de Saúde (Sergas), para a utilización das institucións sanitarias na investigación e docencia universitarias, o día 18 de outubro de 2001 (DOG do 31 de decembro).

A praza convocada dos corpos docentes universitarios queda vinculada coa institución sanitaria e a categoría asistencial básica nos termos que se especifican no anexo I.

Segunda. Requisitos das persoas candidatas

2.1. Para poderen ser admitidas a realizar estas probas selectivas, as persoas que sexan aspirantes deberán reunir os requisitos exixidos nesta base na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata a toma de posesión:

a) Ter nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles Estados aos que, en virtude de tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores e traballadoras nos termos establecidos no EBEP.

Tamén poderán participar o cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe, das persoas con nacionalidade española e de quen sexa nacional doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas. Este último beneficio será igualmente de aplicación a familiares de nacionais doutros Estados cando así se prevexa nos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España.

b) Ter feitos os dezaseis anos de idade e non ter superado os setenta.

c) Estar en posesión da titulación de doutor ou doutora. No caso de títulos obtidos no estranxeiro, deberase achegar credencial que acredite a súa homologación ou o seu recoñecemento para o exercicio como docente de universidade.

d) Ao ser praza de corpos docentes universitarios vinculada con praza asistencial de institucións sanitarias, os concursantes deberán estar en posesión do título oficial de especialista que corresponda á praza.

e) Estar acreditado ou acreditada para o corpo docente de profesores e profesoras titulares de universidade, conforme o establecido no RDCA ou no Real decreto 1312/2007, do 5 de outubro, ou ben estar habilitado/a para o corpo de profesores e profesoras titulares de universidade conforme o establecido no Real decreto 774/2002, do 26 de xullo.

f) Ter aboado as taxas por dereitos de exame dentro do prazo de presentación de solicitudes.

g) Non ter sido separado do servizo, mediante expediente disciplinario, de ningunha Administración pública, nin atoparse inhabilitado para o exercicio das funcións públicas. Quen sexa aspirante de nacionalidade distinta á española deberá acreditar non estar baixo sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

h) Posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas correspondentes á praza.

2.2. As persoas candidatas estranxeiras acreditarán o coñecemento de polo menos unha das dúas linguas oficiais da Universidade, de conformidade coa lexislación vixente e cos seguintes efectos:

As persoas candidatas acreditarán un coñecemento suficiente do español como lingua estranxeira de nivel B2 ou superior, mediante algún dos certificados incluídos na táboa de acreditacións aceptadas pola Asociación de Centros de Linguas no Ensino Superior (ACLES). Estarán exentas deste requisito as persoas que sexan nacionais de Estados que teñan o español como lingua oficial.

A acreditación do coñecemento do idioma galego farase de conformidade coa normativa autonómica aplicable mediante un diploma Celga3 (ou equivalente) ou superior. A Universidade de Vigo disporá os medios necesarios para que o profesorado seleccionado que non poida acreditalo inicialmente estea en condicións de facelo antes de transcorridos dous anos desde o nomeamento.

2.3. As persoas aspirantes que teñan recoñecida legalmente unha discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán achegar fotocopia do certificado en vigor que acredite o recoñecemento da discapacidade de que se trate. En caso de precisar algunha adaptación, e co obxecto de que se poida garantir a igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade e poder adoptar as medidas oportunas, xuntarase á solicitude de participación no concurso un escrito, en que se solicite as adaptacións de tempo e medios correspondentes. Entenderase que as persoas aspirantes a que se refire este parágrafo que non soliciten as adaptacións no momento de presentar a solicitude de participación ao concurso non as precisan ou renuncian a elas; non poderán solicitalas en ningún outro momento posterior do procedemento.

Á vista das propostas de adaptación efectuadas, a Comisión de Acceso determinará as medidas de adaptación ás necesidades das persoas con discapacidade que fosen admitidas ao concurso e así o solicitasen.

2.4. De conformidade co artigo 72.2 da LOSU, non poderá participar neste concurso quen ocupe unha praza de corpos docentes universitarios nesta ou noutra universidade, obtida mediante concurso de acceso, salvo que se producise o desempeño efectivo dela durante polo menos dous anos.

Terceira. Solicitude telemática

3.1. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado. Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

3.2. Para solicitar a participación neste concurso, as persoas interesadas deberán cubrir previamente, para cada referencia/praza, e en todo caso durante o prazo indicado na base 3.1, o formulario que se establecese especificamente e que estará dispoñible a través das ligazóns indicadas no punto «Observacións» da información electrónica desta convocatoria (accesible na web http://secretaria.uvigo.gal/uv/web/convocatoria/public/index filtrando por tipo: «Concursos de profesorado» e empregando como palabra clave «TUPV2401»). Esta mesma aplicación permitirá levar a cabo a liquidación dos dereitos de exame a que se fai referencia na base 3.5.

3.3. A solicitude xerada a través da inscrición anterior deberá ser presentada, en todo caso, durante o prazo indicado na base 3.1, a través da sede electrónica da Universidade de Vigo (https://sede.uvigo.gal), mediante o procedemento específico SPDI - Concurso público profesores/as titulares de universidade (prazas vinculadas). De conformidade co disposto no artigo 16.8 da LPACAP, carecerá de validez e eficacia a presentación de solicitudes e a realización de calquera acto efectuado a través de medios distintos aos indicados nestes dous puntos.

3.4. Na sede presentaranse en formato pdf os seguintes documentos, e será causa de exclusión a falta dalgún deles:

a) Copia da solicitude xerada na fase de inscrición.

b) Copia simple do documento nacional de identidade. Quen for aspirante, non posúa a nacionalidade española e teña dereito a participar deberá presentar fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, de ser o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo de quen for nacional doutro Estado co que teñan o dito vínculo. Así mesmo, deberán presentar declaración xurada ou promesa de non estaren separados de dereito do seu cónxuxe e, de ser o caso, do feito de viviren ás súas expensas ou estaren ao seu cargo.

c) Copia simple do título de doutor ou doutora. Cando corresponda, deberase xuntar a credencial de homologación ou recoñecemento profesional.

d) Copia simple dos documentos que acrediten o cumprimento dos requisitos que se sinalan nas letras d) (título oficial de especialista) e e) (acreditación a profesor/a titular de universidade) da base 2.1.

e) Unicamente no caso de aspirantes que ocupen unha praza de corpos docentes universitarios (funcionarios) e non pertenzan á Universidade de Vigo, certificado orixinal (folla de servizos) da universidade ou organismo de que dependan, que acredite o seu desempeño.

f) Xustificante, de ser o caso, da exención parcial ou total de taxas.

g) Unicamente no caso de aspirantes nacionais de Estados que non teñan o español como lingua oficial, certificación ou documento que acredite o cumprimento dalgún dos requisitos de idiomas que se sinalan na base 2.2.

3.5. Os dereitos de exame para cada praza (TUPV2401) serán de 44,17 euros. O pagamento deberase levar a cabo no prazo de presentación de instancias a que se refire a base 3.1. A falta de pagamento dos dereitos de exame en prazo non é emendable e determinará a exclusión definitiva do concurso de quen sexa aspirante, excepto que acredite o pagamento ou a exención da citada taxa.

A liquidación de taxas realizarase a través da aplicación de inscrición e o importe correspondente poderase aboar en efectivo ou con tarxeta. En efectivo poderase facer unicamente nalgunha das entidades bancarias colaboradoras coa Universidade de Vigo: Abanca, Banco Santander ou CaixaBank. Con tarxeta realizarase a través da aplicación informática, que permitirá seleccionar esta opción; será necesario seguir con atención o proceso ata a súa finalización, comprobando que o pagamento foi realizado correctamente.

Segundo o disposto no artigo 23 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento as persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 % e os membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial. Aplicarase unha bonificación do 50 % na taxa de inscrición aos membros de familias numerosas de categoría xeral. Nos tres supostos será necesario que coa solicitude presenten as respectivas certificacións que o acrediten.

Así mesmo, terán unha bonificación do 50 % da taxa as persoas que figurasen como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria e non estean percibindo prestación ou subsidio por desemprego, aspectos que deberán ser certificados pola oficina dos servizos públicos de emprego.

De conformidade co disposto na Lei 8/1989, do 13 de abril, de taxas e prezos públicos, procederá a devolución das taxas de participación cando non se realice o feito impoñible por causas non imputables ao suxeito pasivo, e a persoa interesada deberá solicitar a devolución e achegar os datos necesarios para a transferencia bancaria correspondente. Xa que logo, non procederá a devolución nos supostos de exclusión definitiva por causa imputable á persoa interesada.

3.6. Os erros de feito que se puidesen advertir poderanse emendar en calquera momento, de oficio ou por petición da persoa interesada. Quen sexa aspirante queda vinculado aos datos que fixese constar na súa solicitude, e unicamente poderá demandar a súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 3.1 para a presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo, non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada pola universidade.

3.7. A publicación dos actos que integran este procedemento no taboleiro de anuncios da sede electrónica servirá de notificación para todos os efectos, de acordo co previsto no artigo 45.1 da LPACAP.

Con independencia dos lugares en que regulamentariamente se deban publicar, tanto a convocatoria coma os actos e acordos que integran este proceso selectivo publicaranse a título divulgativo na páxina electrónica da Universidade de Vigo https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/convocatoria/public/index.

Cuarta. Admisión de aspirantes

4.1. No prazo máximo de 15 días hábiles desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes o reitor da Universidade de Vigo ditará resolución en que aprobe a relación provisional de persoas admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión.

4.2. Contra a dita resolución as persoas interesadas poderán presentar reclamación perante o reitor, no prazo de cinco días hábiles contados desde o día seguinte ao da súa publicación. Posteriormente ditarase unha resolución reitoral que aprobe a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas. As reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da lista definitiva.

Quinta. Desenvolvemento das actuacións en modo virtual ou presencial

Os concursos realizaranse nas dependencias da Universidade de Vigo, sexan virtuais ou físicas, de acordo co disposto pola normativa de concursos e, de ser o caso, pola presidencia da correspondente comisión, atendendo ao seguinte:

a) Desenvolveranse de forma virtual, a través do campus remoto da Universidade de Vigo, os actos de constitución e presentación de documentación por candidatos e candidatas.

b) Desenvolverase de forma mixta o acto de defensa a que se refire a base 7.5, de modo que será virtual, a través do campus remoto da Universidade de Vigo, para os membros da comisión que non pertenzan á Universidade de Vigo, e presencial, na dependencia física da Universidade de Vigo que estableza a presidencia, para candidatos e candidatas e para os membros da comisión que pertenzan á Universidade de Vigo.

En caso de que todos os integrantes da comisión sexan externos, o/apresidente/a ou o/a secretario/a deberán estar presentes no acto de defensa na dita dependencia física.

Sexta. Comisións de acceso

6.1. As comisións de acceso deberán procurar unha composición equilibrada entre mulleres e homes, salvo cando non for posible por razóns fundadas e obxectivas, debidamente motivadas. De acordo co que establece a normativa de 2024 da Universidade de Vigo reguladora dos concursos de acceso, a composición das comisións é a que figura no anexo II desta convocatoria e terá a categoría primeira das recollidas no artigo 30 do Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo.

O nomeamento como membro dunha comisión é irrenunciable, salvo cando concorra causa xustificada, debidamente alegada pola persoa interesada e así apreciada pola reitoría.

Unha vez publicadas as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas ao concurso, desde o Servizo de Persoal Docente e Investigador remitiráselle á presidencia e á secretaría de cada comisión a relación de candidatos e candidatas correspondente á praza ou prazas que esa comisión vaia avaliar.

Todos os membros integrantes da comisión, tanto titulares como suplentes, deberán declarar formalmente se incorren, ou non, nos supostos de conflito de intereses a que se refire o artigo 32.4 do RDCA ou nalgún dos supostos de abstención do artigo 23 da LRXSP.

Resolta a renuncia, a abstención ou a recusación, as persoas afectadas serán substituídas polos seus respectivos suplentes e, na súa falta, por orde correlativa e, en último caso, resolverá o reitor.

6.2. Agás petición expresa da presidencia e debidamente autorizada, cada comisión terá a súa sede e actuará no centro en que teña a súa sede o departamento a que está adscrita a praza convocada.

6.3. As comisións deberanse constituír no prazo de quince días hábiles desde a publicación da relación definitiva de persoas admitidas e excluídas. Transcorrido o prazo sen que se constituíse a comisión correspondente, o reitor substituirá a persoa que exerza a presidencia titular.

A constitución de cada comisión exixirá a asistencia de cinco membros, titulares ou suplentes, de ser o caso. A presidencia, unha vez realizadas as consultas pertinentes cos restantes membros, convocará a quen sexa membro titular e, de ser o caso, suplente, cunha antelación mínima de cinco días hábiles, fixando lugar (hipervínculo de acceso ao campus remoto), data e hora para proceder ao acto de constitución da comisión. Os membros titulares serán substituídos polos seus respectivos suplentes, en primeiro lugar, ou por orde correlativa.

No acto de constitución, a comisión establecerá o baremo e os criterios de valoración do concurso adecuados ao perfil de cada praza, tendo en conta que os méritos relativos a experiencia investigadora e de transferencia e de experiencia docente e de innovación educativa deben ter o mesmo peso. A comisión fará públicos estes criterios no taboleiro de anuncios da sede electrónica da Universidade de Vigo antes do acto de presentación de candidatos e candidatas.

6.4. Unha vez constituída a comisión, en caso de ausencia da persoa que exerza a presidencia, esta será substituída polo catedrático ou catedrática de universidade con maior antigüidade que teña recoñecidos, polo menos, dous tramos de investigación.

6.5. Para que a comisión poida actuar validamente requirirase a asistencia de, polo menos, tres dos seus membros, entre os que figurarán obrigatoriamente as persoas que ocupen a presidencia e a secretaría. Os membros da comisión que estivesen ausentes da proba cesarán en tal condición, sen prexuízo das responsabilidades en que puidesen ter incorrido.

6.6. Á secretaría de cada comisión corresponderanlle as actuacións administrativas e a xestión económica propias da comisión, auxiliada polo persoal de administración e servizos do departamento a que estea adscrita a praza.

6.7. Durante o desenvolvemento do concurso a comisión resolverá as dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que proceda nos casos non previstos nelas. En todo momento a súa actuación axustarase ao disposto na LPACAP e na LRXSP.

Sétima. Acto de presentación e proba

7.1. A presidencia da comisión convocará a quen participe no concurso ao acto de presentación cunha antelación mínima de cinco días hábiles, indicando lugar (hipervínculo a campus remoto), día e hora do acto.

7.2. No acto de presentación, quen sexa concursante entregará en soporte informático:

a) O seu curriculum vitae normalizado completo (CVN), no cal detallará os seus méritos, historial académico docente e investigador e sanitario-asistencial.

b) O seu proxecto docente e investigador adecuado ao perfil do concurso.

c) Un exemplar das publicacións e dos documentos acreditativos do consignado no curriculum, con independencia de que a comisión poida solicitar documentación complementaria acreditativa orixinal ou compulsada. Aqueles exemplares que non puidesen ser achegados en formato electrónico entregaranse en soporte físico.

7.3. No acto de presentación determinarase, mediante sorteo, a orde de actuación das persoas candidatas e a comisión fixará e publicará no taboleiro de anuncios da sede electrónica da Universidade de Vigo, o lugar, a data e a hora de comezo da proba, a cal deberá iniciarse no prazo máximo de cinco días hábiles contado desde o día do acto de presentación. Este prazo poderá ser renunciable por escrito polas persoas concursantes. Igualmente, fixará o prazo durante o que poderán examinar a documentación presentada polas restantes persoas que concursen.

7.4. As mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización do exercicio polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación ou, eventualmente, nos primeiros días do parto, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, engadindo á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberase realizar dentro dos cinco días hábiles seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso dos integrantes da comisión aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación. A comisión acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Para iso terá en conta, ademais do alegado pola interesada, os dereitos dos demais aspirantes a unha resolución do proceso axustada a tempos razoables e as necesidades e intereses da universidade. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

7.5. A comisión valorará exclusivamente os méritos que, sendo alegados no curriculum vitae por quen sexa aspirante, estean debidamente xustificados, sempre referidos á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

7.6. Os concursos constarán dunha única proba, que consistirá na exposición oral, durante un tempo mínimo de trinta minutos e máximo de dúas horas, dos méritos e historial académico docente e investigador, así como do proxecto docente e investigador presentado. A continuación, a comisión debaterá co candidato ou candidata durante un tempo máximo de dúas horas sobre os seus méritos, o seu proxecto docente e investigador e a adecuación destes ao perfil da praza obxecto do concurso.

7.7. Finalizada a proba, cada membro da comisión entregaralle á presidencia un informe razoado axustado aos criterios previamente fixados de cada unha das persoas que concursen, con expresión explícita de voto favorable ou desfavorable.

7.8. A proposta de provisión de prazas realizarase con base na puntuación acadada por cada candidato/a e nos informes emitidos polos membros da comisión. En caso de empate recorrerase á votación, sen que sexa posible a abstención. De persistir o empate, dirimirá o voto do presidente ou presidenta.

Oitava. Proposta, presentación de documentos, nomeamento e toma de posesión

8.1. As comisións proporán e elevarán ao reitor, motivadamente e con carácter vinculante, unha relación de todos os candidatos e candidatas que superasen a proba por orde de preferencia para o nomeamento, nun número que non exceda o número de prazas convocadas a concurso. Poderán propor a non provisión da praza xustificando esta decisión. Este acordo publicarase no taboleiro de anuncios da sede electrónica da Universidade de Vigo.

8.2. No prazo dos tres días hábiles seguintes ao de rematar a súa actuación, a secretaría da comisión entregará no Servizo de Persoal Docente e Investigador da Universidade de Vigo a documentación completa relativa ás súas actuacións e a documentación presentada por cada persoa que concursase.

8.3. As persoas propostas para a provisión das prazas deberán presentar, no prazo dos dez días hábiles seguintes ao de publicación da proposta da comisión, a través da sede electrónica da Universidade de Vigo (https://sede.uvigo.gal), empregando o procedemento SXER - Instancia xenérica, con indicación da referencia da praza e dirixidos ao Servizo de Persoal Docente e Investigador, os seguintes documentos:

a) Copia electrónica auténtica do título de doutor ou doutora, copia electrónica auténtica da acreditación e copia electrónica auténtica do título oficial de especialista.

b) Declaración xurada ou promesa de non incorrer en incompatibilidade, segundo o establecido na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas (BOE do 4 de xaneiro de 1985).

c) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos, de acordo co establecido no artigo 56.1.d) do EBEP.

No caso de ser nacional doutro Estado, acreditar non estar inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no seu Estado, nos mesmos termos o acceso ao emprego público.

d) Certificado médico oficial ou informe de saúde emitido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) de non padecer enfermidade nin defecto físico ou psíquico que o/a incapacite para o desempeño das funcións correspondentes a docente de universidade.

Quen tiver a condición de funcionario ou funcionaria de carreira estará exento de xustificar e presentar os documentos dos puntos c) e d). Os aspirantes que non pertenzan á Universidade de Vigo deberán presentar certificado (folla de servizos) da universidade ou organismo doe que dependan que acredite a súa condición e de cantas circunstancias consten na súa folla de servizos. Os aspirantes que pertenzan á Universidade de Vigo estarán exentos de presentar esta folla de servizos.

8.4. O reitor da Universidade de Vigo efectuará o nomeamento como funcionario ou funcionaria docente de carreira das persoas propostas pola comisión nun número que non exceda o de prazas convocadas a concurso, unha vez que acreditasen en prazo a documentación requirida. De non facer, o reitor procederá ao nomeamento da seguinte persoa na orde proposta.

8.5. O nomeamento especificará a denominación da praza: corpo e área de coñecemento. Comunicaráselle ao correspondente rexistro para efectos de outorgamento do número de rexistro de persoal e inscrición nos corpos respectivos, remitiráselle para a súa publicación ao Boletín Oficial del Estado e ao Diario Oficial de Galicia e comunicaráselle ao Consello de Universidades.

8.6. No prazo máximo de vinte días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación do nomeamento no Boletín Oficial del Estado, a persoa proposta deberá tomar posesión do seu destino, momento en que adquirirá a condición de funcionario ou funcionaria de carreira do corpo de profesoras e profesores titulares de universidade.

8.7. As referencias a materias e centro de adscrición que poida ter a convocatoria non suporán dereito de vinculación exclusiva para tal destino para quen teña adxudicada a praza.

Novena. Comisión de Reclamacións

9.1. Contra a proposta da comisión, as persoas admitidas no concurso poderán presentar reclamación perante o reitor da Universidade de Vigo, no prazo máximo de cinco días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación no taboleiro de anuncios da sede electrónica da Universidade de Vigo. A reclamación presentarase a través da sede electrónica (https://sede.uvigo.gal), mediante o procedemento SXER - Instancia xenérica, dirixida ao Servizo de Persoal Docente e Investigador da Universidade de Vigo e con indicación da referencia da praza. Admitida a trámite a reclamación, suspenderase o nomeamento ata a súa resolución definitiva.

9.2. As reclamacións que se presenten anunciaranse no taboleiro de anuncios da sede electrónica da Universidade de Vigo. As persoas interesadas disporán dun prazo de cinco días hábiles para formular alegacións respecto do contido da reclamación.

9.3. As reclamacións serán valoradas pola Comisión de Reclamacións da Universidade de Vigo, que examinará o expediente relativo ao concurso, valorará os aspectos puramente procedementais e verificará o efectivo respecto, por parte da comisión de selección, da igualdade de condicións dos candidatos e candidatas e dos principios de mérito e de capacidade destes no procedemento do concurso de acceso. Resolverá no prazo máximo de tres meses, ratificando ou non a proposta reclamada. Neste último caso, retrotraerase o expediente ata o momento en que se produciu o vicio e a Comisión de Selección deberá formular unha nova proposta, tras a que o reitor ditará a resolución de acordo coa proposta da Comisión de Reclamacións.

9.4. As resolucións do reitor a que se refire o punto anterior deste artigo esgotan a vía administrativa e serán impugnables directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décima. Devolución da documentación presentada polas persoas aspirantes

A documentación presentada ao concurso deberá ser retirada do Servizo de Persoal Docente e Investigador, logo de petición da persoa interesada, dentro do prazo de tres meses contados desde a finalización do procedemento ou, de ser o caso, desde que a resolución impugnada adquira firmeza. A documentación que non fose retirada no dito prazo será destruída.

Décimo primeira. Protección de datos

As persoas participantes están obrigadas a facilitar aqueles datos e información que a Administración exixa para a tramitación e instrución deste procedemento e, en caso de non o facer, serán excluídas do proceso selectivo.

De conformidade co artigo 13 do Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección de persoas físicas con respecto ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, e co disposto no artigo 11 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos e de garantía dos dereitos dixitais, os datos persoais que figuren nos ditos documentos serán tratados baixo a responsabilidade da Universidade de Vigo, co propósito de xestionar a tramitación deste concurso, ao abeiro da LPACAP, a LOSU e os estatutos da Universidade de Vigo.

De conformidade co disposto no artigo 45 da LPACAP, a Universidade de Vigo está lexitimada publicar daqueles datos persoais que fosen precisos atendendo á natureza e finalidade do acto que sexa obxecto de publicación. Non obstante, e co fin de previr riscos da publicidade de datos persoais de vítimas de violencia de xénero, a persoa afectada comunicaralle esta circunstancia coa maior celeridade á Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo (986 81 34 19 e igualdade@uvigo.es).

As persoas participantes teñen dereito a solicitar ao responsable do tratamento, en calquera momento, o acceso, rectificación ou supresión dos seus datos persoais e a limitación do seu tratamento, así como a opoñerse a este tratamento e a solicitar, salvo casos de interese público e/ou exercicio de poderes públicos, a portabilidade dos seus datos. Estes dereitos poderanse exercer a través de calquera dos medios e vías previstos na súa política de protección de datos (dispoñible en https://www.uvigo.gal/proteccion-datos), incluído o envío ao seu delegado de protección de datos a través do correo electrónico dpd@uvigo.gal

Así mesmo, se a súa solicitude non é atendida pola Universidade de Vigo, teñen dereito a presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos.

Décimo segunda. Norma derradeira

12.1. O tempo transcorrido entre a publicación desta convocatoria e a resolución do concurso non poderá exceder dos seis meses. Para estes efectos, non computará o mes de agosto.

12.2. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

As persoas interesadas poderán optar por interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución perante o reitor. Neste caso non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto, segundo o previsto no artigo 123.2 da LPACAP.

Vigo, 2 de decembro de 2024

Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO I

Datos da praza

Praza núm. 1.

Referencia:

TUPV2401-C01-610-TUPV-TC-01

Nº de prazas:

1

Corpo/categoría:

Titular de universidade-praza vinculada

Área de coñecemento:

A0610 Medicina

Departamento:

D00c01 Bioloxía funcional e ciencias da saúde

Actividade docente e investigadora:

Prácticas de tecnoloxía hospitalaria

Organización do sistema sanitario e enxeñaría de procesos nos servizos sanitarios

Centro de traballo:

312 Escola de Enxeñaría Industrial

Especialidade:

Pneumoloxía

ANEXO II

Comisións de acceso

Praza núm. 1: TUPV2401-C01-610-TUPV-TC-01.

Área: Medicina.

Cargo

Nome

Corpo

Institución

Comisión titular

Presidenta

Carmen Sieiro Vázquez

Catedrática de universidade

Universidade de Vigo

Secretario

Marcos Antonio López Patiño

Profesor titular de universidade

Universidade de Vigo

Vogal 1º

Luis Pérez de Llano

Facultativo especialista de área

Representante proposto polo Sergas

Vogal 2ª

María Elena Toubes Navarro

Facultativa especialista de área

Representante proposta polo Sergas

Vogal 3º

Javier Pereira Loureiro

Profesor titular de universidade

Universidade da Coruña

Comisión suplente

Presidenta

Lilian Rosana Ferreira Faro

Catedrática de universidade

Universidade de Vigo

Secretario

Rafael Durán Barbosa

Profesor titular de

universidade

Universidade de Vigo

Suplente 1º

Antonio Golpe Gómez

Facultativo especialista de área

Representante proposto polo Sergas

Suplente 2ª

Tara Pereiro Brea

Facultativa especialista de área

Representante proposta polo Sergas

Suplente 3ª

María Jesús Núñez Iglesias

Profesora titular de universidade

Universidade de Santiago de

Compostela

Lista adicional de suplentes

Suplente 4ª

María del Carmen Vidal Pan

Profesora titular de universidade

Universidade de Santiago de

Compostela

Suplente 5º

Arturo González Quintela

Catedrático de universidade

Universidade de Santiago de

Compostela