DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Luns, 16 de decembro de 2024 Páx. 65819

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 9 de decembro de 2024 pola que se modifica a Resolución do 12 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa das axudas para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento VI501A) e se amplía a dotación orzamentaria das modalidades A e B do citado programa.

1. O 13 de febreiro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 12 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa das axudas para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento VI501A).

En virtude do ordinal primeiro da citada resolución, este programa comprende as seguintes modalidades de adquisición, as cales son, conforme o ordinal vixésimo terceiro, incompatibles entre si:

– Modalidade A: adquisición de vivendas localizadas nun municipio pertencente ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes.

– Modalidade B: adquisición de vivendas situadas no ámbito dun centro histórico.

– Modalidade C: adquisición de vivendas cualificadas definitivamente como vivendas protexidas de protección autonómica de réxime xeral ou especial.

2. O punto primeiro do ordinal vixésimo noveno da citada resolución establece que as axudas previstas nesta convocatoria se farán efectivas por un importe total de 3.450.000 euros, distribuídos entre as tres modalidades da seguinte forma:

a) Para a modalidade A corresponde un importe de 1.900.000 euros, con cargo á aplicación 06.81.451B.780.0.

b) Para a modalidade B corresponde un importe de 500.000 euros, con cargo á aplicación 06.81.451B.780.2.

c) Para a modalidade C corresponde un importe de 1.050.000 euros, con cargo á aplicación 06.81.451B.780.4.

3. De acordo co punto segundo do dito ordinal, o financiamento desta convocatoria aprobouse nos seguintes termos:

– Na modalidade A, con cargo aos fondos finalistas do Estado asignados á anualidade 2024 do Programa de axuda ás persoas mozas e para contribuír ao reto demográfico do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025.

– Nas modalidades B e C, con cargo aos fondos propios da Comunidade Autónoma.

4. Unha vez rematado o prazo para presentar solicitudes previsto no ordinal vixésimo oitavo da Resolución do 12 de febreiro, resultan remanentes na aplicación orzamentaria 06.81.451B.780.4, correspondentes á modalidade C, por importe de 760.740,00 euros, financiada con fondos propios da Comunidade Autónoma.

5. Tendo en conta que o número de solicitudes presentadas e susceptibles de obter a axuda nas modalidades A e B supera o importe do crédito orzamentario previsto inicialmente na convocatoria para estas modalidades, resulta necesario ampliar a dotación orzamentaria cos remanentes da modalidade C, de conformidade cos artigos 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 30.2.b) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A posibilidade de ampliación do crédito orzamentario está recollida no punto terceiro do ordinal vixésimo noveno da Resolución do 12 de febreiro de 2024.

6. Por outra banda, a Resolución do 12 de febreiro de 2024 inclúe o financiamento da modalidade A con cargo exclusivamente a fondos finalistas do Estado, polo que cómpre modificar o punto segundo do ordinal vixésimo noveno, coa finalidade de incluír o financiamento tamén con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma.

Polo exposto, en atención ás facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar o punto segundo do ordinal vixésimo noveno da Resolución do 12 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa das axudas para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento VI501A), que pasa a ter a seguinte redacción:

O financiamento desta convocatoria farase nos seguintes termos:

– Na modalidade A, con cargo aos fondos finalistas do Estado asignados á anualidade 2024 do Programa de axuda ás persoas mozas e para contribuír ao reto demográfico do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, así como con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma.

– Nas modalidades B e C, con cargo aos fondos propios da Comunidade Autónoma.

Segundo. Ampliar, para a convocatoria de 2024, a dotación orzamentaria das modalidades A e B do Programa para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia.

A ampliación da dotación será de 760.740,00 euros, distribuídos da seguinte forma:

Modalidade

Aplicación orzamentaria

Anualidade 2024

Modalidade A

06.81.451B.780.0

670.740,00 €

Modalidade B

06.81.451B.780.2

90.000,00 €

Total

760.740,00 €

Esta ampliación non implica a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo máximo para resolver.

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2024

María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo