De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):
Primeiro. Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas e xurídicas privadas legalmente constituídas domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas.
Segundo. Finalidade
Determinar as condicións de concesión en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións establecidas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para impulsar o apoio á realización de festivais de cinema de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector e proceder á súa convocatoria para o ano 2025.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 18 novembro 2024 pola que se aproban as bases, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento CT215B).
Cuarto. Importe
Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito global de 300.000 euros, código de proxecto 2015-00003, repartido nas aplicacións orzamentarias seguintes:
10.A1.432B.460.0: 50.000 euros (entidades locais).
10.A1.432B.470.0: 35.000 euros (empresas).
10.A1.432B.481.0: 215.000 euros (asociacións).
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2024
José Carlos López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais
