DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Luns, 16 de decembro de 2024 Páx. 65754

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 18 de novembro de 2024 pola que se aproban as bases, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento CT215B).

A Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), no artigo 3 determina que a Agadic ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, cooperando na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación de ingresos suficientes e estables. O artigo 5.1 da Lei 4/2008 establece que unha das funcións da Agadic é a de promover a distribución dos produtos culturais do noso país, fomentando a creación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados, e o artigo 5.2 establece que a Agadic poderá, para o logro dos seus obxectivos, conceder subvencións.

A través da Axencia Galega das Industrias Culturais, a Xunta de Galicia, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, centraliza os programas de apoio destinados a empresas e industrias culturais privadas do sector audiovisual.

Un dos obxectivos da Axencia é consolidar o tecido industrial cultural galego e convertelo nun tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentando a creación, a demanda e a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, aumentando o peso relativo do sector no sistema produtivo galego. Ao mesmo tempo, quere promover a distribución e comercialización dos produtos culturais dentro e fóra do noso país, fomentando a captación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega e lingua galegas como elementos singulares a novos mercados. Así, tal como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, na súa exposición de motivos, a actividade cinematográfica e audiovisual conforma un sector estratéxico da nosa cultura e da nosa economía como manifestación artística e expresión creativa, que é un elemento básico da entidade cultural dun país. A súa contribución ao avance tecnolóxico, ao desenvolvemento económico e á creación de emprego, xunto á súa achega ao mantemento da diversidade cultural, son elementos suficientes para que o Estado estableza as medidas necesarias para o seu fomento e promoción, e determine os sistemas máis convenientes para a conservación do patrimonio cinematográfico e a súa difusión dentro e fóra das nosas fronteiras. Todo iso considerando que a cultura audiovisual, da cal sen dúbida o cinema constitúe unha parte fundamental, se acha presente en todos os ámbitos da sociedade actual.

Con estas axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais quere seguir impulsando un marco de actuación cultural sustentado no impulso do sector audiovisual galego para a comunidade, consolidando industrias audiovisuais rendibles desde o punto de vista económico e social, facéndoas competitivas e susceptibles de exportar os seus produtos e, ao tempo, impulsando e convertendo o sector audiovisual en estratéxico para a comunidade, buscando a excelencia dos produtos culturais coa posta en valor da cultura galega a través da creación e divulgación de produtos audiovisuais galegos.

Por todo iso, na súa virtude e no uso das atribucións que me foron concedidas resolvo, aprobar as bases a convocatoria pública de subvencións aos festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia, para o ano 2025, de conformidade cos seguintes artigos:

De acordo co anterior,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1.1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais para festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia e convocalas para o ano 2025 (código de procedemento CT215B).

1.2. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L), en virtude do cal as subvencións que se concedan quedan exentas da obriga de notificación previa e de comunicación á Comisión Europea.

Informarase o beneficiario sobre o importe da axuda e o seu carácter de minimis facendo unha referencia expresa ao citado Regulamento (UE) nº nº 2023/2831.

A aplicación do réxime de minimis implica que a axuda total de minimis concedida, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) nº 2023/2831, non pode ser superior a 300.000 € durante o período dos tres anos previos.

Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

2. Persoas beneficiarias.

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas físicas e xurídicas privadas legalmente constituídas domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas.

3. Financiamento.

Os créditos dispoñibles para o financiamento desta convocatoria ascenden a 300.000 €, que se imputarán aos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais para 2025, nas aplicacións, código de procedemento e importes que se reflicten no cadro seguinte:

Aplicación orzamentaria

Código de proxecto

Anualidade 2025

13.A1.432B.460.0

2015 00003

50.000 €

13.A1.432B.470.0

35.000 €

13.A1.432B.481.0

215.000 €

O expediente tramítase como anticipado de gasto e no ano 2024 poderase chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución se entenderán condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento de 2025, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se producisen aqueles.

4. Solicitudes.

4.1. Para poder ser persoa beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, e que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 9. Así mesmo, deberá cumprir cos requisitos dos artigos 2 e 4 das bases reguladoras e a solicitude será cualificada conforme os criterios establecidos no artigo 17, e deberá acadar a puntuación mínima establecida de 30 puntos e un mínimo de 10 puntos por bloque dos criterios de valoración.

4.2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

5. Prazo de duración do procedemento de concesión.

As solicitudes serán tramitadas de acordo co procedemento de concorrencia competitiva, que non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude.

6. Información ás persoas interesadas.

6.1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais: http://agadic.gal

b) Nos teléfonos 881 99 60 77/881 99 60 78.

c) No enderezo electrónico agadic@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

6.2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

6.3. De acordo co establecido no artigo 14.ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas físicas e as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

7. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao de publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.

8. Base de datos nacional de subvencións.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

A entidade outorgante das axudas consignará na Base de datos nacional de subvencións, no prazo de 20 días hábiles a partir da concesión da axuda, a información sinalada no artigo 6.1 do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea as axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L).

9. Rexistro Público de Subvencións.

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e ser persoa beneficiaria da axuda levará implícita a autorización para a inscrición dos datos facilitados na solicitude. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2024

José Carlos López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia
Galega das Industrias Culturais

ANEXO I

Bases reguladoras das axudas para festivais do sector audiovisual celebrados
en Galicia e convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT215B)

Artigo 1. Obxecto, finalidade, réxime e principios de xestión

1. O obxecto destas bases é regular ás subvencións establecidas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), para o apoio á realización de festivais de cinema de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector, e proceder á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT215B).

2. Para os efectos desta convocatoria, entenderase por festivais aqueles certames, semanas e mostras que teñan por obxecto a promoción e difusión da produción cinematográfica e audiovisual e se celebren en Galicia.

3. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado. No caso de percibirse outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

4. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poida superar o 100 % do custo do evento.

5. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L), en virtude do cal as subvencións que se concedan quedan exentas da obriga de notificación previa e de comunicación á Comisión Europea.

Informarase o beneficiario sobre o importe da axuda e o seu carácter de minimis facendo unha referencia expresa ao citado Regulamento (UE) nº 2023/2831.

A aplicación do réxime de minimis implica que a axuda total de minimis concedida, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) nº 2023/2831, non pode ser superior a 300.000 € durante o período dos tres anos previos.

Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

6. A xestión destas subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas e xurídicas privadas legalmente constituídas domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas.

2. As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

3. Quedarán excluídas as solicitudes conxuntas das entidades locais en que non se acredite a realización conxunta do festival e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

4. Será requisito para a concesión de subvencións ás entidades locais que estas cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, o que deberán acreditar antes da concesión, segundo o previsto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades galegas.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursas en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo II desta convocatoria.

Artigo 3. Financiamento, contías máximas e intensidade das axudas

1. Os créditos dispoñibles para o financiamento desta convocatoria ascenden a 300.000 €, que se imputarán aos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais para 2025, nas aplicacións, código de procedemento e importes que se reflicten no cadro seguinte:

Aplicación orzamentaria

Código de proxecto

Anualidade 2025

13.A1.432B.460.0

2015 00003

50.000 €

13.A1.432B.470.0

35.000 €

13.A1.432B.481.0

215.000 €

2. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras a declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. O importe do crédito da ampliación será distribuído entre as diferentes aplicacións orzamentarias segundo o criterio do órgano concedente.

3. Ao estar distribuída a contía total máxima anual da subvención en distintas aplicacións orzamentarias, a alteración da distribución non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria, tal e como se recolle no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Sen prexuízo das dotacións indicadas en cada aplicación orzamentaria, cando por razón de falta de solicitudes, incumprimento de requisitos para ser persoa beneficiaria e outros que impliquen que non se esgotase a contía establecida nunha aplicación, a Dirección da Axencia poderá determinar o incremento do crédito establecido nas outras.

5. A contía das subvencións determinarase en función das dispoñibilidades orzamentarias, o custo do proxecto e a puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración.

6. No caso de existiren solicitudes que non acadan o dereito á subvención por terse esgotado o orzamento dispoñible, pasarán a unha lista de agarda formada polas persoas solicitantes que poderán ser susceptibles de recibir a axuda se se produce un incremento de crédito, ben por dispoñer de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta liña de axudas.

7. A porcentaxe máxima de concesión de subvención a través da correspondente convocatoria a un festival non poderá exceder o 30 % do seu orzamento subvencionable cando a solicitante sexa unha entidade local e o 50 % cando a solicitante sexa unha entidade privada. Para as solicitudes conxuntas de entidades locais, ou solicitudes de entidades locais resultantes de fusión, a porcentaxe poderá alcanzar ata un máximo do 75 % do orzamento subvencionable.

8. Sen prexuízo da posible presentación de máis dun proxecto distinto por unha mesma persoa solicitante, só poderá ser obxecto de subvención un proxecto por solicitante. No caso de que varios proxectos se consideren subvencionables, optarase polo que teña maior puntuación. A contía máxima que se poderá solicitar é de 50.000 euros por proxecto.

9. Este expediente tramítase como anticipado de gasto e no ano 2024 poderase chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución se entenden condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento de 2025, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se producisen aqueles.

Artigo 4. Proxectos subvencionables. Requisitos

1. Consideraranse proxectos subvencionables, para os efectos destas bases, os festivais que se desenvolvan en Galicia e que, reunindo as características descritas no artigo 1.2, cumpran os seguintes requisitos:

a) Celebrarse nas datas comprendidas entre o 1 de novembro de 2024 e o 31 de outubro de 2025, ambos os días incluídos.

Enténdense incluídos os festivais iniciados ata o día 31 de outubro do ano 2025 e que máis do 50 % das actividades se desenvolva dentro deste período.

b) Ter unha duración mínima de 4 xornadas e realizar un mínimo de 20 proxeccións.

c) Ter realizado un mínimo de tres edicións consecutivas inmediatamente anteriores ao ano da convocatoria respectiva.

d) Que a programación proposta para a edición obxecto de axuda conteña un mínimo dun 5 % de títulos ou 5 sesións de produción cinematográfica galega e/ou dirección galega.

e) Que acaden unha puntuación mínima na fase de valoración de 30 puntos, segundo o disposto no artigo 16, e quedarán excluídos de subvención os que non acaden a dita puntuación.

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á realización do proxecto e se realicen dentro do período subvencionable, no período comprendido entre o 1 de novembro de 2024 e a data de remate da xustificación, o 31 de outubro de 2025, que é o período en que se poden celebrar os festivais, e se inclúan entre os seguintes:

1.1. Gastos relativos ás proxeccións presenciais: alugamento de espazos e equipamentos de proxección, son e iluminación, e outros que se poidan detallar e xustificar.

1.2. Gastos relativos á creación, desenvolvemento e xestión de contornas dixitais para a realización de actividades virtuais durante a celebración do evento: contratación de tecnoloxía, servizos de plataformas, aloxamento de espazos e outros que se poidan detallar e xustificar.

1.3. Xestión de películas: dereitos de exhibición, subtitulación estándar e transporte de copias.

1.4. Promoción e difusión: materiais de prensa e publicidade, contratación de espazos publicitarios, publicacións e outros relacionados que se poidan detallar e xustificar.

1.5. Xestión de invitados: loxística de traslados e aloxamentos en medios de transporte colectivo con pasaxes de turista ou equivalente e cun máximo de 130 euros por persoa e día en pernoctacións e manutención.

1.6. Galardóns en cuxa convocatoria e publicidade se constará a colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais: fabricación de estatuíñas, galardóns ou similares, e cantidades monetarias cun límite total de 4.000 euros, impostos e retencións fiscais incluídos, que se entreguen como premios do festival.

1.7. Gastos de persoal: serán subvencionables os gastos do persoal que teña subscrito un contrato específico, conforme unha categoría laboral asignada para a realización da actividade subvencionada, sempre que non superen o 40 % do orzamento total do certame. Cando exista unha relación mercantil entre a entidade solicitante e o persoal autónomo, deberá xuntarse o contrato correspondente e a súa factura; se a relación é laboral, deberá achegarse, xunto ao contrato, a nómina correspondente, con expresa indicación do réxime xeral da Seguridade Social. Nesta epígrafe inclúense, entre outras, as tarefas de dirección, programación e organización.

1.8. Gastos de servizos derivados directamente da execución do certame, entre outros os relacionados coa produción, servizo técnico, prensa e comunicación, protocolo e relacións públicas, presentación de contidos e aqueles non especificados que se poidan xustificar.

1.9. Gastos xerais non previstos entre os gastos anteriores e directamente relacionados coa actividade, co límite máximo do 10 % da suma destes.

Todos os gastos subvencionables deberán estar pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

2. En ningún caso serán subvencionables:

– Gastos ordinarios de funcionamento e mantemento da entidade.

– Os gastos de soldos, salarios ou calquera outro tipo de retribución ou remuneración, seguros sociais ou retencións de impostos do promotor, se é persoa física, ou das persoas pertencentes á entidade promotora do festival que non estean contratadas especificamente para as actividades de dirección artística e organización do festival. En ningún caso serán subvencionables os soldos e salarios do persoal da entidade promotora cando esta sexa unha entidade local.

– Investimento ou adquisición de material ou equipamentos que supoñan incremento de patrimonio da persoa solicitante.

– Premios que consistan en entrega de cantidades monetarias que excedan o límite de 4.000 euros.

– Degustacións gastronómicas e actividades complementarias que non teñan carácter cultural.

– Os gastos excluídos no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Subcontratación

1. De acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, enténdese que un beneficiario subcontrata cando concerta con outra entidade da mesma natureza e que realice a mesma actividade a execución total ou parcial da actividade subvencionable. Para determinar a existencia de subcontratación, atenderase ao obxecto social da entidade con que se pretenda contratar a actividade.

2. Non se admitirá a subcontratación de actividades e servizos con entidades co mesmo obxecto social que a persoa beneficiaria.

Artigo 7. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. En relación coa presentación de solicitudes, as persoas beneficiarias ás cales vai dirixida esta resolución de subvencións, que sexan persoas físicas, encádranse nun colectivo especialmente cualificado en canto á súa capacidade técnica, profesional e funcional, que acredita a posibilidade e dispoñibilidade de acceso aos medios electrónicos e, polo tanto, teñen a obriga de empregalos para a realización de calquera trámite deste procedemento administrativo, tal e como establece o artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

Artigo 8. Prazo de presentación das solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixese, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

A) Persoas xurídicas privadas:

1.1. Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritas no rexistro que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

B) Entidades locais:

1.1. Acreditación do cumprimento do deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do exercicio 2023.

1.2. Certificación emitida e asinada electronicamente polo secretario ou secretaria da entidade local solicitante, en que se faga constar o acordo do concello polo que se solicita a subvención, así como o compromiso de financiar o importe ou parte non subvencionable obxecto da actividade ata o importe total de execución.

1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

C) Persoas físicas.

Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude, de ser o caso.

2. As persoas solicitantes deberán presentar a seguinte documentación específica:

2.1. Ficha do proxecto-autoavaliación debidamente cuberto e asinado (anexo III).

2.2. Segundo a orde que se especifica e sen información adicional, os seguintes datos relativos á edición do certame inmediatamente anterior ao da convocatoria:

2.2.1. Relación de obras audiovisuais galegas presentadas cun mínimo do 20 % de produción galega acreditada e/ou de autoría galega (director/a de orixe galega ou con máis de dous anos de residencia acreditada en Galicia), coa ficha técnica correspondente, en que consten o formato, a duración, a autoría, o ano de produción, e, de ser o caso, a empresa produtora galega e a porcentaxe de participación.

2.2.2. Documentación que acredite as seccións competitivas con premio económico ofertadas, de ser o caso.

2.2.3. Documentación que acredite a celebración de programas complementarios de carácter profesional directamente relacionados co ámbito audiovisual que individualmente ou en conxunto teñan como mínimo tres horas de duración (obradoiros, ciclos de conferencias, mesas de traballo, outros que se detallen), de ser o caso.

2.2.4. Documentación que acredite a realización de actividades relacionadas coa educación audiovisual e a formación de novos públicos.

2.2.5. Documentación acreditativa dos ingresos procedentes de patrocinios privados, venda de entradas, inscrición en actividades e venda de produtos propios do certame (asentos na contabilidade oficial, facturas, ingresos bancarios).

2.3. Memoria da edición inmediatamente anterior á da convocatoria en que se detallen exclusivamente aspectos relativos ao que se describe no punto 1 do artigo 16, epígrafe B), destas bases. Poderase achegar un documento complementario á memoria da edición anterior con información adicional que a persoa beneficiaria considere relevante para unha mellor defensa da solicitude.

2.4. Memoria do proxecto que se presenta para a edición desta convocatoria en que se detallen exclusivamente aspectos relativos ao que se describe no punto 1 do artigo 16, epígrafe C), destas bases. Poderase achegar un documento complementario á memoria do proxecto con información adicional que a persoa beneficiaria considere relevante para unha mellor defensa da solicitude.

2.5. Descrición da estratexia de comunicación e impacto en redes sociais e outras plataformas deseñada para a difusión da edición do certame que se presenta á convocatoria.

2.6. Descrición da estratexia de captación de recursos públicos e privados deseñada para cumprir o plan de financiamento da edición do certame que se presenta á convocatoria.

2.7. Memoria económico-financeira (anexo IV) co orzamento completo e detallado dos gastos subvencionables sinalados no artigo 5 e a previsión doutros ingresos públicos e privados. A memoria incluirá o orzamento desagregado, con e sen IVE.

2.8. Para as solicitudes conxuntas presentadas por entidades locais, memoria de aforro de custos respecto da presentación de modo individual.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

5. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos, ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento de débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Concesión de subvencións e axudas.

– Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

– Concesión pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Notificacións de resolucións e actos administrativos

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Unha vez notificada a resolución, as persoas beneficiarias comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Instrución do procedemento

1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1º. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

2º. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resultase de obrigado cumprimento.

3º. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderánselles pedir datos e información complementaria ou aclaratoria necesaria ás persoas interesadas, a persoas profesionais expertas, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases. Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención. Para realizar estas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Dirección da Agadic para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.

3. De conformidade co establecido no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe da subvención da proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, poderase instar a persoa beneficiaria á reformulación da súa solicitude presentando un novo anexo IV (memoria económico-financeira) e unha nova memoria do proxecto segundo o establecido no artigo 9 desta convocatoria.

En calquera caso, a reformulación de solicitudes respectará o obxecto, condicións e finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos na convocatoria.

Artigo 15. Comisión de Valoración

1. Para a avaliación das solicitudes presentados constituirase unha comisión de valoración, nomeada pola Dirección da Agadic, que será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios fixados nestas bases.

2. Esta comisión estará formada por catro persoas: dúas persoas profesionais de recoñecido prestixio nos ámbitos audiovisual e/ou cultural en xeral, das cales unha exercerá como presidente, e terá voto de calidade en caso de empate, e dúas persoas pertencentes ao cadro de persoal da Agadic, unha das cales exercerá a secretaría da comisión e actuará con voz pero sen voto.

3. Para a composición da comisión terase en conta o establecido no artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

4. A condición de vogal da comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituída en ningún caso. As persoas que formen parte da comisión declararán, por escrito, non ter relación coas persoas solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria, e absteranse se se dá algunha das circunstancias do artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

5. A Comisión de Valoración, previamente á cualificación das solicitudes, elaborará unha acta concretando os criterios técnicos definidos nestas bases para aplicalos de xeito coherente e homoxéneo. Así mesmo, tras a súa avaliación deixarase constancia documental das puntuacións.

6. A avaliación das solicitudes presentadas farase en dúas fases. A primeira será a avaliación dos criterios automáticos e a segunda fase será a avaliación dos criterios técnicos. A puntuación final das solicitudes consistirá na suma de ambas as dúas valoracións.

7. Unha vez efectuada a avaliación, a comisión emitirá un informe relacionando as solicitudes por orde de prelación, indicando a puntuación asignada a cada unha delas de xeito motivado e redactarase unha acta que reflicta as deliberacións e acordos da comisión para a súa elevación ao órgano instrutor.

Artigo 16. Criterios de valoración

A puntuación máxima que poderán acadar as solicitudes será de 80 puntos, outorgados segundo os seguintes criterios de valoración:

A) Historial do certame e valoración obxectiva da edición inmediatamente anterior á convocatoria.

25 puntos

1. Antigüidade do festival

Máximo 6 puntos

– Entre 5 e 10 anos

2 puntos

– Máis de 10 anos e ata 15 anos

4 puntos

– Máis de 15 anos

6 puntos

2. Contribución ao fortalecemento do sector audiovisual galego: número de obras de produción ou autoría galega presentadas (mínimo do 20 % de propiedade da obra por parte dunha produtora con domicilio social en Galicia ou director/a de orixe galega ou con máis de dous anos de residencia acreditada en Galicia).

Máximo 4 puntos

– Curtametraxes

0,25 puntos

– Longametraxes

1 punto

3. Número de seccións competitivas ofertadas con premio económico:

1 punto por cada sección.

Máximo 3 puntos

4. Programas complementarios de carácter profesional directamente relacionados co ámbito audiovisual que individualmente ou en conxunto tivesen como mínimo tres horas de duración (obradoiros, ciclos de conferencias, mesas de traballo, outros que se detallen): 1 punto por cada actividade.

Máximo 3 puntos

5. Actividades directamente relacionadas coa educación audiovisual e a formación de novos públicos: 1 punto por cada actividade.

Máximo 3 puntos

6. Porcentaxe total acreditada de ingresos procedentes de patrocinios privados, venda de entradas, rexistros e inscricións e venda de produtos propios do certame, sobre o orzamento total executado na edición inmediatamente anterior á da convocatoria.

Máximo 6 puntos

Entre o 10 % e o 20 %

2 puntos

Máis do 20 % e ata o 30 %

4 puntos

Máis do 30 %

6 puntos

B) Calidade da programación, profesionalización do certame e repercusión da edición inmediatamente anterior á convocatoria.

25 puntos

Programación e profesionalización: calidade e interese dos contidos, especialización e elementos diferenciais con respecto a outros certames, presentación de obras en estrea autonómica, nacional e internacional, incidencia e prestixio de cara á posterior circulación das obras presentadas, repercusión dos/das autores/as participantes, proxección a nivel nacional e internacional do certame, calidade e interese das actividades profesionais programadas, convivencia das actividades presenciais coas virtuais, calidade técnica da exhibición, grao de profesionalización da dirección artística e do equipo de programación, evolución cualitativa do certame.

Ata 15 puntos que se asignarán segundo os aspectos mencionados, proporcionalmente e con motivación

Asistencia de público e repercusión: valorarase o número de espectadores detallando a asistencia física e virtual, a repercusión en medios de comunicación xerais e prensa especializada, o impacto en redes sociais e outras plataformas de difusión, a incidencia do festival no sector audiovisual galego e nos/nas autores/as galegos/as, a repercusión social e económica na contorna local de celebración do certame.

Ata 10 puntos que se asignarán segundo os aspectos mencionados, proporcionalmente e con motivación

C) Valoración do proxecto da edición da convocatoria.

30 puntos

1. Calidade e interese dos contidos propostos en canto a liña editorial, obras programadas, presenza de autores/as, deseño de actividades paralelas de ámbito audiovisual e participación de profesionais do sector, accións dirixidas á participación e formación de novos públicos, medidas para favorecer a inclusión e accesibilidade, accións deseñadas para a contorna dixital, accións de sustentabilidade ambiental e outros aspectos que a persoa beneficiaria queira destacar para a mellor defensa do proxecto.

Ata 10 puntos que se asignarán segundo os aspectos mencionados, proporcionalmente e con motivación

2. Deseño do plan de comunicación e impactos do festival.

Ata 4 puntos, con motivación

3. Análise do plan de financiamento presentado e da estratexia deseñada para a captación de fondos propios de carácter privado.

Ata 4 puntos, con motivación

4. Coherencia entre o orzamento total e o proxecto presentado. Terase en conta a aplicación das partidas orzadas, o equilibrio entre elas e a relevancia da contía destinada aos dereitos de exhibición das obras con respecto á programación proposta.

Ata 4 puntos, con motivación

5. Porcentaxe de axuda solicitada con respecto ao orzamento subvencionable do proxecto que se presenta (sen IVE). *Se a solicitante é una entidade local, a porcentaxe de referencia reducirase en 20 puntos porcentuais.

Máximo 8 puntos

a) Ata o 30 % (ata o 10 % no caso das entidades locais)

8

b) Máis do 30 % ata o 40 % (máis do 10 % ata o 20 % no caso das entidades locais)

6

c) Máis do 40 % ata o 50 % (máis do 20 % ata o 30 % no caso das entidades locais)

1

2. A puntuación mínima que debe acadar unha solicitude para ser proposta como subvencionable é de 30 puntos, debendo acadar un mínimo de 10 puntos por bloque, tal e como se describe no cadro seguinte:

A) Historial do certame e valoración obxectiva da edición inmediatamente anterior á convocatoria

10 puntos

B) Calidade da programación, profesionalización do certame e repercusión da edición inmediatamente anterior á convocatoria

10 puntos

C) Valoración do proxecto da edición da convocatoria

10 puntos

3. Como puntuación adicional, en cumprimento do Acordo do Consello da Xunta polo que se determinan os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal, outorgarase ata 45 puntos a aquelas solicitudes que cumpran as seguintes condicións:

A) Agrupacións de concellos baixo calquera fórmula, agás a de fusión municipal:

– 15 puntos por presentación de solicitudes conxuntas.

– Ata 15 puntos, segundo os seguintes criterios:

a) Número de concellos agrupados: ata 5 puntos.

b) Número de servizos que se van prestar de forma compartida: ata 5 puntos.

c) Repercusión sobre o número total de poboación: ata 5 puntos.

– Pola valoración da memoria explicativa do aforro de custos que supón a prestación conxunta sobre a individual: ata 15 puntos.

B) Fusión municipal. Pola mera presentación da solicitude por parte da entidade resultante da fusión: 45 puntos.

Artigo 17. Audiencia

1. Efectuada a valoración, a comisión realizará un informe en que se concretará o seu resultado, á vista do cal o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada e que lles deberá ser notificada ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións, de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non obstante, poderase prescindir do trámite a que se refire o parágrafo anterior cando non figure no procedemento ou non se vaian ter en conta na resolución outros feitos ou probas aducidas polas persoas interesadas. Neste caso, a proposta de resolución terá carácter definitivo.

Artigo 18. Resolución da convocatoria

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente, da documentación requirida e do informe da comisión avaliadora, ditará a proposta de resolución, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas, así como as solicitudes inadmitidas e denegadas e a súa causa, que elevará á Presidencia do Consello Reitor da Agadic.

2. A proposta do importe económico da subvención correspondente a cada solicitude será proporcional á porcentaxe de puntos acadados sobre os puntos totais posibles do cadro de valoración de criterios. No caso de que a suma das cantidades resultantes supere o crédito total dispoñible aplicarase unha minoración proporcional aos puntos obtidos sobre as ditas contías.

3. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do Acordo do 24 de xullo do 2012, DOG núm. 164, do 29 de agosto), deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución.

Esta resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa, cando menos:

– Da relación de entidades beneficiarias da axuda.

– Das solicitudes inadmitidas e as desistidas, indicando a causa de non admisión ou desistencia.

– A desestimación expresa do resto das solicitudes.

4. A concesión da subvención queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

5. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que as persoas interesadas poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

6. Na resolución informaranse por escrito as persoas beneficiarias sobre o importe da axuda e sobre o seu carácter de minimis, facendo unha referencia expresa ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativa á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 13 de decembro de 2023, serie L).

7. A resolución da convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Artigo 19. Aceptación e renuncia da subvención

1. Unha vez notificada a resolución, as persoas beneficiarias comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

2. A entidade beneficiaria poderá remitir á Agadic o orzamento adaptado á subvención concedida (só no suposto de que a subvención recibida sexa inferior á solicitada e, como máximo, pola diferencia entre ambas as cantidades, a recibida e a solicitada). A dita documentación deberase remitir no prazo máximo de 10 días, contados desde a notificación da resolución de concesión.

3. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da dita norma.

Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias da subvención teñen que cumprir as obrigas seguintes:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención e acreditalo ante o órgano concedente, así como cumprir os requisitos, prazos e condicións establecidos nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión.

b) Xustificar ante a Axencia Galega das Industrias Culturais, de acordo co previsto nestas bases e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e desfrute da subvención.

c) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes empresas, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

d) Notificar á Agadic as axudas, ingresos ou recursos que financien a actuación subvencionada, obtidos ou solicitados a outras administracións ou entidades públicas ou privadas, con posterioridade á presentación da solicitude da convocatoria correspondente.

e) Proporcionar en todo momento a información que sexa solicitada respecto da subvención concedida e someterse ás actuacións de comprobación da Agadic, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou do Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

f) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención. Tanto nos actos públicos como en todo o material de difusión que se elabore, incluídas notas de prensa e formatos específicos para redes sociais, debe facerse mención expresa da colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais no desenvolvemento das actividades subvencionadas. 

Adicionalmente, a persoa beneficiaria comprométese a utilizar en todo o material de difusión que se produza, tanto dixital como impreso, o logotipo oficial da marca principal da Xunta de Galicia, dispoñible na ligazón web: https://www.xunta.gal/identidade-corporativa, seguindo na medida do posible as normas relativas á convivencia con outras marcas que se especifican no Manual de uso da identidade corporativa da Xunta e respectando o tamaño mínimo de reprodución que garanta a lexibilidade.

Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta da persoa beneficiaria da subvención.

g) Comunicar por escrito con antelación suficiente a programación e demais actos co fin de que, se se considera oportuno, poida estar representada a Axencia Galega das Industrias Culturais a través das persoas que se designen para este efecto.

h) No material empregado, como catálogos, publicacións, vídeos e demais material relacionado con actividades dos festivais, nos actos públicos, as persoas beneficiarias comprométense a facer mención expresa da colaboración da Agadic no desenvolvemento dos festivais.

i) A emisión dun clip promocional do audiovisual galego editado pola Agadic antes de cada proxección do festival.

j) Facilitar toda a información que lle requiran a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións

k) Outras obrigas previstas na normativa de subvencións.

Artigo 21. Modificación da resolución

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e forma que se determinen nas resolucións de concesión e deberase obter a autorización previa da Axencia Galega das Industrias Culturais para realizar cambios no proxecto.

2. Cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda, isto poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión polo órgano concedente.

3. Tamén se poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia da persoa beneficiaria se se cumpren os seguintes requisitos:

a) Que a modificación sexa autorizada expresamente polo órgano concedente.

b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que fosen determinantes para a concesión da axuda, a determinación da persoa beneficiaria, nin dane dereitos de terceiros.

c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non puideron preverse no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non poderían supor a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. A solicitude de modificación debe ser formulada pola persoa beneficiaria ou representante legal, de ser o caso, expresando os motivos dos cambios que se propoñen e xustificando a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

Salvo naqueles supostos en que proceda a aplicación do establecido no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non se admitirán cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación.

5. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa e notificaráselle ao interesado.

Artigo 22. Xustificación da subvención

1. Os gastos xustificados deberán responder, de maneira indubidable, á natureza da actividade subvencionada e ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais na resolución de concesión da subvención ou coas modificacións ou reasignacións, de ser o caso, autorizadas.

2. Só se considerará gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

3. A documentación xustificativa da subvención incluirá o custo total da actividade subvencionada e constará dos seguintes documentos:

A. Persoas físicas beneficiarias ou entidades xurídicas privadas:

a) Memoria de actuación que xustifique o cumprimento das condicións exixidas nestes artigos reguladores, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Memoria económica abreviada co contido seguinte: estado representativo dos gastos incorridos nas actividades subvencionadas, debidamente agrupadas e, se procede, as cantidades inicialmente orzadas e as desviacións que se producisen. A memoria deberá incluír un orzamento con IVE e outro sen IVE (anexo IV).

c) Copia das facturas ou documentos xustificantes dos gastos imputados á actividade obxecto da subvención de acordo co establecido no artigo 6 do Real decreto 1619/2012 (na súa última redacción) polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación e se modifica o Regulamento do imposto sobre o valor engadido, e copias dos documentos xustificativos do seu pagamento pola persoa beneficiaria incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior.

d) Se é o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Programas de man e/ou carteis, e calquera outro material promocional, publicitario ou informativo empregado na campaña de difusión (que presentarán todo tipo de persoas beneficiarias).

f) Acreditación documental das entradas postas á venda (follas de billeteira, facturas de pagamento dos dereitos de propiedade intelectual, plataformas dixitais de vendas, etc.), ou certificados de asistencia de público.

g) Copia dos contratos mercantís e laborais subscritos con motivo da contratación de persoal directamente relacionado coa actividade, xunto coas correspondentes certificacións das altas na Seguridade Social, nóminas e copias dos boletíns de cotización.

h) Acreditación documental da colaboración da Agadic nos premios entregados (que presentarán todo tipo de persoas beneficiarias).

i) Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros de demora destes, de acordo co disposto no artigo 48.2.g) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

j) Declaración de axudas (anexo V).

B. Entidades locais beneficiarias

a) Memoria de actuación que xustifique o cumprimento das condicións exixidas nestes artigos reguladores, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Memoria económica abreviada co contido seguinte: estado representativo dos gastos incorridos nas actividades subvencionadas, debidamente agrupadas e, se procede, as cantidades inicialmente orzadas e as desviacións que se producisen. A memoria deberá incluír un orzamento con IVE e outro sen IVE (anexo IV).

c) A presentación dunha conta xustificativa integrada:

– Pola certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

– Pola certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

c.1. O cumprimento da finalidade da subvención.

c.2. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada, coa seguinte relación: identificación da persoa acredora, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c.3. Se é o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De acordo co previsto no artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, considérase que estas realizan os gastos cando se contabilizase o recoñecemento da obriga polo órgano competente e, ademais, estas estarán obrigadas a acreditar documentalmente a efectividade dos pagamentos realizados no prazo máximo de sesenta días naturais contados a partir da data do ingreso na conta bancaria das entidades beneficiarias dos aboamentos das subvencións concedidas.

d) Programas de man e/ou carteis, e calquera outro material promocional, publicitario ou informativo empregado na campaña de difusión (que presentarán todo tipo de persoas beneficiarias).

e) Acreditación documental das entradas postas á venda (follas de billeteira, facturas de pagamento dos dereitos de propiedade intelectual, plataformas dixitais de vendas, etc.), ou certificados de asistencia de público.

f) Copia dos contratos mercantís e laborais subscritos con motivo da contratación de persoal directamente relacionado coa actividade, xunto coas correspondentes certificacións das altas na Seguridade Social, nóminas e copias dos boletíns de cotización.

g) Acreditación documental da colaboración da Agadic nos premios entregados (que presentarán todo tipo de persoas beneficiarias).

h) Declaración de axudas (anexo V).

4. Establécense os seguintes prazos de xustificación:

– Para aqueles certames celebrados entre o 1 de novembro de 2024 e 1 de maio de 2025, o prazo de xustificación remata o 30 de xuño do 2025.

– Para os certames celebrados a partir do 2 de maio, o prazo de xustificación máximo será o 31 de outubro de 2025.

Transcorrido o dito prazo sen que a persoa beneficiaria presente a documentación xustificativa ante a Agadic, a Axencia requiriralle que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

3. Consideraranse gastos realizados os que foron efectivamente pagados ata a data de remate de xustificación determinada no artigo 8.1.

4. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables en que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ser aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

5. Cando á persoa beneficiaria se lle outorgue unha subvención por importe superior a 30.000 euros e sexa un suxeito dos incluídos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, terá que cumprir os prazos de pagamento establecidos no punto anterior, circunstancia que se acreditará pola presentación da conta de perdas e ganancias abreviada, e no suposto que non poida presentala acreditarase o cumprimento dos prazos legais de pagamento coa certificación dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

Artigo 23. Pagamento da subvención

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co programa e/ou proxecto presentados e se xustifique correctamente o seu emprego, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados.

2. A Agadic, consonte as previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia e no 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderá aboar como pagamento anticipado, que suporá entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, de acordo coas seguintes condicións:

– Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros, ata un 80 % da subvención concedida, e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

– Cando o importe da subvención concedida supere os 18.000 euros, ademais, un 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros, e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario, e terán que ser solicitados cunha antelación mínima dun mes da data de xustificación.

O importe restante aboarase tras a acreditación pola persoa beneficiaria do cumprimento total das obrigas establecidas nestas bases.

Os anticipos terán que ser solicitados cunha antelación mínima dun mes á data de xustificación da anualidade correspondente.

3. As persoas beneficiarias que reciban pagamentos anticipados quedan exoneradas da constitución de garantías, de conformidade co artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que establece que o Consello da Xunta poderá eximir da obriga da súa constitución aquelas persoas beneficiarias non incluídas nos supostos de exoneración do artigo 65.4 do Decreto 11/2009.

4. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención outorgada en canto a persoa beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e coa Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha outra débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, e a Agadic está autorizada para proceder á comprobación e conseguinte verificación destes datos.

5. Será requisito necesario para o pagamento da subvención outorgada total ou o anticipo a entrega dunha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis pola entidade beneficiaria nos tres últimos anos.

6. De conformidade co disposto no artigo 3.2 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, cando estas reciban pagamentos anticipados considerarase como gasto realizado o que foi efectivamente pagado pola entidade local beneficiaria con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado nesta convocatoria.

Artigo 24. Perda do dereito ao cobramento da subvención

1. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento por parte da persoa beneficiaria da súa obriga de estar ao día nas súas obrigas coa Facenda estatal e autonómica, e coa Seguridade Social.

2. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobramento da subvención as previstas como causas de reintegro se non se aboase a axuda.

3. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención é o establecido para o reintegro.

Artigo 25. Causas de reintegro

1. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como cos compromisos asumidos durante o tempo de duración da axuda. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

2. Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e os xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos no artigo 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.

3. Son causas de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos fornecidos pola persoa beneficiaria que servisen de base para a concesión da axuda, ou a ocultación daqueles datos que a impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, tarefas, compromisos ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a cal a axuda foi concedida.

c) O incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables, ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

d) O incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 30 desta resolución.

e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

g) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.

Artigo 26. Gradación dos incumprimentos

1. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do proxecto ou da obriga de xustificación, será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.

En particular, consideraranse incumpridos os obxectivos da axuda cando non se xustifique polo menos o 60 % dos custos previstos no proxecto.

2. O incumprimento parcial dos obxectivos ou a non execución de actividades concretas do proxecto dará lugar á perda parcial do dereito ao cobramento da subvención nas porcentaxes que se determinen nos parágrafos seguintes ou, de ser o caso, ao reintegro parcial da subvención.

O alcance do incumprimento determinarase en proporción ao investimento deixado de practicar ou practicado indebidamente, e minorarase a subvención proporcionalmente.

3. Nos seguintes casos de incumprimento procederá o reintegro parcial do seguinte xeito:

a) Se se incumpre a obriga de dar publicidade do financiamento do proxecto, consonte o establecido nesta resolución, ou a obriga de comunicar a obtención doutras axudas para o mesmo proxecto, aplicarase un factor de corrección do 2 %.

b) Suporá a perda dun 5 % non comunicar á Axencia Galega das Industrias Culturais a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención, unha vez recalculada a subvención e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

4. A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando á intensidade da axuda o factor que resulte da suma de todos os factores de corrección. No caso de que algún dos factores de corrección sexa negativo, a intensidade da axuda será cero.

A aplicación do factor de corrección realizarase coa revisión da xustificación da última anualidade e, de ser o caso, requirirase a entidade beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación do expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.

5. No caso das condicións que constitúan obrigas que a persoa beneficiaria debe acreditar na fase de xustificación (deberes de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse, en todo caso, para proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto soamente resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecten en controis posteriores ao pagamento por algún incumprimento relativo a estas obrigas.

Artigo 27. Procedemento de reintegro

1. Se, aboada parte ou a totalidade da axuda, acaecesen os motivos que se indican no artigo 24 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas, e a exixencia do xuro de demora correspondente, desde o momento de pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano concedente destas, e comunicarase á persoa beneficiaria a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro, e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007, e no 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

4. A resolución do procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa. Contra esta resolución de reintegro, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outros posibles interesados poderán interpor o recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

5. Sen prexuízo do anterior, ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 28. Control

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Axencia Galega das Industrias Culturais, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, propoñerase o reintegro da subvención concedida.

3. Así mesmo, no caso de axudas plurianuais, a Axencia Galega das Industrias Culturais poderá convocar anualmente as persoas beneficiarias a unha entrevista para coñecer a planificación das actividades en curso e valorar a consecución dos obxectivos e resultados do ano anterior.

4. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establecen o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 29. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do sistema interno de información da Agadic ou do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través das canles habilitadas para o efecto:

https://industriasculturais.xunta.gal/es/transparencia (no formulario que se desexe utilizar, anónimo ou con identificación, seleccionarase a epígrafe Canles específicas e, dentro del, elixirase a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ou

http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente.

Artigo 30. Normativa aplicable

1. Será de aplicación a seguinte normativa:

1.1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e supletoriamente á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións.

1.2. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

1.3. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

1.4. Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e demais normativa de xeral aplicación.

1.5. Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno

1.6. Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L).

Artigo 31. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 32. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais. O prazo para interpor o recurso de reposición será dun mes, se o acto for expreso, ou desde o día seguinte a aquel en que se producise o acto presunto. Transcorrido o dito prazo, unicamente se poderá interpor recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Disposición adicional. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director da Axencia Galega das Industrias Culturais para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file