O Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2017/1004 (en diante, Regulamento FEMPA), xunto co Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ao Fondo Social Europeo Plus (FSEP), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados, constitúen o marco de financiamento comunitario para o período 2021-2027.
O Regulamento FEMPA establece, no seu artigo 3, que contribuirá á aplicación da política pesqueira común (PPC) e da política marítima da Unión e que terá, como prioridade 1, a de fomentar a pesca sustentable e a recuperación e conservación dos recursos biolóxicos acuáticos. O apoio no marco desta prioridade, que se desenvolve no capítulo II, abarcará as intervencións que contribúan á consecución dos obxectivos da PPC establecidos no artigo 2 do Regulamento (UE) nº 1380/2013, isto é, apoiar actuacións que fomenten un sector da pesca sustentable e respectuoso co ambiente para conseguir os obxectivos da PPC, por medio de, entre outros, o obxectivo específico de reforzar as actividades pesqueiras que sexan económica, social e ambientalmente sustentables.
Ademais, mediante a Decisión do 29 de novembro de 2022, a Comisión aprobou o programa Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, Programa para España, para recibir axuda do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura en España.
O sector da pesca constitúe un sector estratéxico para o desenvolvemento da nosa Comunidade que ten o reto de contribuír á consecución de determinados obxectivos. Ademais, este sector ten que aproveitar ao máximo os fondos deste marco para acadar os novos retos que se formulan e, neste senso, tanto o sector extractivo coma o sector transformador terán que aproveitar todas as posibilidades que brindan estes instrumentos para acadar o obxectivo de sector competitivo, sustentable e respectuoso co ambiente.
O artigo 1, 1.1, da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, mesmo cando a súa execución se realice nunha ou en varias anualidades; no primeiro caso, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto dos orzamentos xerais da comunidade autónoma aprobado polo Consello da Xunta que corresponda ao exercicio orzamentario no cal se vaia materializar a contraprestación, e no segundo, sempre que exista crédito para a primeira anualidade e que se cumpran os requisitos do artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Ademais, o artigo 3, 3.3, estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.
Segundo o Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, modificado polo Decreto 149/2024, do 20 de maio, correspóndelle á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica tanto a promoción da competitividade dos produtos pesqueiros, marisqueiros e da acuicultura e o fomento da súa calidade, como a conservación, protección e xestión sustentable dos recursos mariños.
En consecuencia, en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación, oído o sector afectado,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer a convocatoria para o ano 2025 e as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas destinadas a tripulantes de buques pesqueiros para promover as actividades pesqueiras que sexan económica, social e ambientalmente sustentables.
O código do procedemento administrativo regulado por esta orde é o PE119A.
Artigo 2. Definicións
Para os efectos desta orde, aplicaranse as definicións do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021; do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021 e, na súa falta, a demais normativa de aplicación.
Artigo 3. Finalidade das axudas
As axudas terán como finalidade a primeira adquisición dun buque de pesca (procedemento PE119A).
Artigo 4. Crédito orzamentario
1. Para o ano 2025 as axudas concederanse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria correspondente á Consellería do Mar e o importe total máximo das subvencións que se concedan no devandito exercicio será de:
16.02.723A.780.0, código proxecto: 2024.00145 (axuda inicial para a primeira adquisición dun buque de pesca): 100.000 €.
A concesión estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente, no momento da resolución para o gasto que se vaia efectuar, no orzamento de gastos para o ano 2025.
2. O período de elixibilidade do actual programa operativo (2021-2027) abrangue desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de decembro de 2029, segundo dispón o artigo 63, punto 2, do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados.
3. O importe fixado nesta convocatoria, así como as aplicacións a que se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.
4. As axudas mencionadas contan co financiamento do FEMPA nun 70 % e do Estado membro (Comunidade Autónoma de Galicia) nun 30 %.
5. Poderanse adquirir compromisos de carácter plurianual de acordo co artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
6. A tramitación deste expediente acóllese á Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que a aprobación do expediente queda condicionada á efectiva existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos definitivos da Comunidade Autónoma para 2025.
Artigo 5. Persoas beneficiarias e requisitos xerais
Poderán ser beneficiarias as persoas pescadoras tripulantes de buques pesqueiros que cumpran os seguintes requisitos:
1. Estar enrolada nun buque con porto base en Galicia.
2. Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
3. Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. Non estar en ningún dos supostos establecidos no número 1, letras a) e b), do artigo 11 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021:
– Ter cometido infraccións graves consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello ou o artigo 90 do Regulamento (CE) nº 1224/2009 do Consello, ou consonte outros actos lexislativos adoptados polo Parlamento Europeo e polo Consello no marco da PPC.
– Estar, ou ter estado involucrada nos últimos 24 meses, na explotación, xestión ou propiedade dalgún buque pesqueiro incluído na Lista de buques INDNR da Unión Europea segundo dispón o artigo 40, número 3, do Regulamento (CE) nº 1005/2008 polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada; estar, ou ter estado involucrada nos últimos 12 meses, na explotación, xestión ou propiedade dalgún buque que enarbore o pavillón dun país incluído na Lista de terceiros países non cooperantes prevista no artigo 33 do citado regulamento.
6. No marco do FEMP ou FEMPA, non ter sido declarada culpable de cometer fraude, tal como se define no artigo 3 da Directiva (UE) nº 2017/1371.
7. Ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
8. Antes de que se dite a proposta de resolución de concesión, deben estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
9. Á solicitude xuntaráselle unha declaración responsable por parte da persoa solicitante, ou apoderada, do cumprimento dos requisitos establecidos nos números 2 a 8 deste artigo.
Artigo 6. Requisitos específicos das persoas beneficiarias
Sen prexuízo do anterior, a persoa beneficiaria deberá cumprir os seguintes requisitos:
1. Non ter máis de 40 anos de idade no momento de presentar a solicitude de axuda.
2. Ter traballado, cando menos, cinco anos como pescadora ou ter a titulación profesional exixida segundo o tipo de embarcación que se vai adquirir (de acordo co establecido no Real decreto 36/2014, do 24 de xaneiro).
3. Poderase prestar apoio para a primeira adquisición conxunta dun buque de pesca por parte de varias persoas físicas, sempre que cada unha delas cumpra as condicións establecidas nos números 1 e 2 deste artigo.
Tamén se poderá conceder apoio para a adquisición da propiedade parcial dun buque de pesca por unha persoa física que cumpra as condicións establecidas nos números 1 e 2 deste artigo e da que se considere que ten dereitos de control sobre o devandito buque por ser propietaria de, polo menos, o 33 % do buque ou das accións do buque.
4. Estar de alta ou situación asimilada á alta no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar.
Soamente se poderá conceder a axuda regulada nesta orde en relación cun buque de pesca que:
1. Pertenza a un segmento de frota que no informe sobre capacidade pesqueira, vixente no momento da solicitude, a que se refire o artigo 22.2 do Regulamento (UE) nº 1380/2013, amose equilibrio coas posibilidades de pesca. Malia o anterior, antes da concesión da axuda o buque deberá estar en situación de equilibrio (isto aplicaríase no caso de que entrase en vigor un novo informe de capacidade antes da concesión da axuda).
2. Estea equipado para as actividades pesqueiras.
3. Non teña máis de 24 metros de eslora total.
4. Estivese inscrito no Rexistro Xeral da Frota Pesqueira durante, polo menos, os tres anos civís anteriores ao ano de presentación da solicitude no caso dun buque de pesca costeira artesanal, e durante, polo menos, cinco anos civís no caso doutro tipo de buque.
5. Estivese inscrito no Rexistro Xeral da Frota Pesqueira como máximo durante os trinta anos civís anteriores ao ano de presentación da solicitude de axuda.
6. Estea operativo e inscrito no Rexistro Xeral da Frota Pesqueira e non teña solicitada a baixa definitiva.
7. Os investimentos para os cales se solicite axuda non poderán estar iniciados antes de que se acredite o non inicio nos termos indicados no artigo 12 desta orde e non poderán estar finalizados nin pagados antes da data da presentación da solicitude.
8. Para o pagamento da axuda o buque adquirido deberá estar inscrito en situación de alta no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia.
Artigo 7. Obrigas xerais das persoas beneficiarias
As persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:
a) Executar as actuacións obxecto da subvención dentro do prazo conferido para o efecto, e con cumprimento das condicións establecidas na respectiva resolución de concesión e demais normativa de aplicación.
b) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, que será a data contable do último pagamento, esta non pode:
– Cesar a actividade produtiva.
– Relocalizar a actividade produtiva fóra de Galicia.
– Cambiar a propiedade da infraestrutura ou dun elemento de infraestrutura de forma que proporcione unha vantaxe indebida e sen autorización expresa do órgano concedente.
– Producir cambios substanciais que afecten a natureza, os obxectivos ou as condicións de execución da operación, de modo que se menoscaben os seus obxectivos orixinais.
– O buque non poderá ser transferido fóra da Unión nin reabandeirado con pavillón de fóra da Unión.
A Consellería do Mar solicitará o reintegro da axuda de forma proporcional ao período durante o cal se incumprisen os requisitos, segundo o disposto no artigo 65 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competente, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
d) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano da data contable do último pagamento, para os efectos de comprobación e control. Cando proceda, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable ás persoas beneficiarias.
e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.
f) Comunicarlle á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente, tanto públicos como privados.
g) Comunicarlle á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.
h) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado, con expresa mención á participación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, nos termos regulamentariamente establecidos.
i) Non incorrer, durante un período comprendido entre a presentación da solicitude da axuda e os cinco anos seguintes á materialización do pagamento final, nalgunha das situacións a que fai referencia o artigo 5.5 desta orde. Se calquera desas situacións se produce durante o dito período, deberá reintegrar, total ou parcialmente, o importe da axuda, de conformidade co establecido no artigo 44 do Regulamento FEMPA e no artigo 103 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
j) Respectar a Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea. Ter en conta a promoción e a igualdade entre mulleres e homes, e a non discriminación. Evitar calquera discriminación por razón de xénero, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual, e ter en conta a accesibilidade para as persoas con discapacidade, de ser o caso.
Artigo 8. Obrigas específicas das persoas beneficiarias
Sen prexuízo do anterior, a persoa beneficiaria deberá exercer de xeito habitual a actividade pesqueira a bordo do buque.
Artigo 9. Investimento máximo subvencionable e intensidade das axudas
1. As axudas reguladas nesta orde teñen o carácter de subvencións de capital e non constitúen axudas de Estado.
2. O investimento máximo subvencionable será o menor valor de entre o prezo de adquisición do buque e unha taxación pericial do valor do buque para comprobar que o custo de adquisición é adecuado co valor de mercado. A axuda será o 40 % do devandito custo.
Artigo 10. Investimentos obxecto de subvención e gastos subvencionables
1. Para a adquisición dun buque de pesca, o investimento que poderá ser obxecto de subvención é o custo de adquisición da embarcación.
2. Non serán subvencionables:
– Os gastos de xestoría, rexistro, etc., distintos do prezo de compra do buque.
– As construcións ou importacións de buques.
– O imposto do valor engadido (IVE) cando sexa recuperable.
– Outros impostos recuperables.
– A adquisición de elementos e todo tipo de bens que sexan pagados en man ou mediante préstamos de entidades provedoras.
3. A elixibilidade das operacións basearase no documento Criterios de selección para a concesión das axudas no marco do Programa nacional do FEMPA, que a autoridade de xestión do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura someteu á aprobación do Comité de Seguimento.
Artigo 11. Compatibilidade das axudas
1. Os gastos cofinanciados por esta orde serán compatibles con outras liñas de axudas, sempre que a suma de todas elas non supere o límite da intensidade máxima de axuda pública prevista no artigo 41 do Regulamento FEMPA.
2. Non obstante, a obtención concorrente de axudas outorgadas para a mesma finalidade polas administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cando o importe total das subvencións percibidas por cada persoa beneficiaria supere os límites que se indican no punto anterior, dará lugar á redución proporcional que corresponda no importe das subvencións, ata axustarse a ese límite na última subvención que se conceda.
Artigo 12. Certificación de non inicio
1. Con carácter xeral, as actuacións para as cales se solicita axuda non poderán estar iniciadas antes da presentación da solicitude.
2. O non inicio das actuacións para a primeira adquisición dun buque de pesca acreditarase mediante declaración responsable de que os investimentos non foron iniciados (incluído no anexo I).
Artigo 13. Prazo de presentación das solicitudes
Para esta convocatoria de 2025 o prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Artigo 14. Forma de presentación de solicitudes
As persoas solicitantes profesionais do sector pesqueiro ou coa formación para selo terán a capacidade administrativa para o acceso e a dispoñibilidade para a tramitación electrónica. Desta forma establécese a obrigatoriedade do emprego dos medios electrónicos de acordo co disposto no artigo 10, números 2 e 3, de Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións publicas. Polo tanto, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións publicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Artigo 15. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude de axudas destinadas á adquisición dun buque de pesca (anexo I, código de procedemento PE119A), a seguinte documentación:
a) Anexo II de indicadores FEMPA.
b) Anexo IV de nomeamento de representante para os efectos de presentación da solicitude, se é o caso.
c) Anexo V co plan de empresa (no cal se integra o plan de financiamento do proxecto).
d) Compromiso non condicionado de adquisición do buque, indicando nome, matrícula, importe do custo asinado polo potencial vendedor e comprador.
e) Informe de vida laboral emitido na mesma data que a presentación da solicitude.
f) Copia de todas as follas dos cadernos de inscrición marítima que deberán estar actualizados.
g) Certificado de navegabilidade ou certificado de conformidade do buque, en vigor.
h) De ser o caso, documento acreditativo de ter a titulación profesional exixida segundo o tipo de embarcación que se vai adquirir, atendendo ao Real decreto 36/2014, do 24 de xaneiro.
i) Certificados bancarios actualizados das contas bancarias do solicitante onde consten os fondos propios dispoñibles para realizar o investimento e/ou dos recursos alleos.
j) Taxación pericial do valor do buque para comprobar que o custo de adquisición é adecuado co valor de mercado. Este documento tamén poderá presentarse na xustificación do pagamento, pero no caso de que o valor de adquisición sexa superior ao valor de taxación, minorarase a axuda que corresponda ao ser o investimento máximo subvencionable o valor de taxación.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. As persoas interesadas poderán actuar por medio de representante para os efectos de presentación da solicitude. A acreditación da representación deberá realizarse mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación utilizando o anexo IV desta orde.
Artigo 16. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa física solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante ou NIF da entidade representante, segundo o caso.
c) Certificación de que a persoa solicitante está ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
d) Certificación de que a persoa solicitante está ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
e) Certificación de que a persoa solicitante está ao día no cumprimento das súas obrigas coa Facenda da Xunta de Galicia.
f) Consulta de acharse ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións emitido pola Consellería de Facenda e Administración Pública (Atriga).
g) Consulta de non estar en concurso de acredores, artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, obtida a través do Rexistro Público Concursal do Ministerio de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes.
h) Informe acreditativo de que non cometeu infraccións graves consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, o artigo 90 do Regulamento (CE) nº 1224/2009, ou consonte outros actos lexislativos adoptados polo Parlamento Europeo e polo Consello, no marco da PPC, emitidos pola unidade administrativa correspondente da Consellería do Mar.
i) Informe acreditativo de non ter cometido infraccións graves consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, o artigo 90 do Regulamento (CE) nº 1224/2009, ou consonte outros actos lexislativos adoptados polo Parlamento Europeo e polo Consello no marco da PPC, emitido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
j) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, no caso de opoñerse expresamente á súa consulta. O certificado deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEMP ou FEMPA. Se da información anterior non se entendese acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitarase á persoa interesada que achegue o certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.
k) Consulta, no Sistema nacional de publicación de subvencións do Ministerio de Facenda e Función Pública, de non ter sido declarado culpable de cometer fraude, no marco do FEMP ou FEMPA.
l) Consulta de que a persoa solicitante non estea, nin estivese involucrada nos últimos 24 meses, na explotación, xestión ou propiedade dalgún buque pesqueiro incluído na Lista de buques INDNR da Unión Europea, segundo dispón o artigo 40, número 3, do Regulamento (CE) nº 1005/2008 polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada; nin de que tampouco estea, nin estivese nos últimos 12 meses, involucrada na explotación, xestión ou propiedade dun buque que enarbore o pavillón dun país incluído na Lista de terceiros países non cooperantes prevista no artigo 33 do citado regulamento.
m) Consulta de concesión de subvencións e axudas.
n) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente (anexo I e anexo IV) e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Os consentimentos abranguerán desde a data de solicitude ata os 5 anos posteriores ao pagamento final, para verificar o cumprimento de non atoparse en ningún dos supostos establecidos no número 1, letras a) e b), e no número 3 do artigo 11 do RFEMPA.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 17. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 18. Tramitación de solicitudes
1. A tramitación das solicitudes realizarase por fases. No caso de que unha solicitude non supere unha das fases implicará que a súa tramitación finalizará sen que poida pasar á fase seguinte; neste caso, o órgano competente emitirá a correspondente resolución.
A) Fase de admisión de solicitudes.
1. O Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota da Consellería do Mar analizará os expedientes e requirirá a documentación necesaria, de ser o caso.
2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, e se así non o fixer, terase por desistida da súa solicitude.
Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.
A documentación requirida para emenda da solicitude deberá ser presentada na forma que se determina nos artigos 14 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. Sen prexuízo do anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
4. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o solicitante non poderá modificar a súa solicitude de axuda aumentando o importe total do investimento nin incluíndo novos conceptos para os cales solicita a axuda.
5. Sempre que se teñan en conta para a resolución das axudas aspectos distintos dos aducidos polas persoas interesadas, daráselles a estas un trámite de audiencia con carácter previo á avaliación dos expedientes pola Comisión de Valoración.
6. Para os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, o órgano instrutor emitirá un informe desfavorable previo á proposta de resolución denegatoria que proceda, en que se indicarán as causas que a motivan.
7. Aquelas solicitudes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria continuarán tramitándose de acordo co establecido neste artigo.
B) Fase de avaliación das solicitudes.
Para a avaliación das solicitudes utilizaranse catro categorías de criterios de selección: xerais, horizontais ambientais e sociais, específicos de viabilidade técnica e/ou económicos, e, por último, específicos do tipo de actividade:
|
Criterios |
Peso |
|
Xerais |
30 % |
|
Horizontais ambientais e sociais |
20 % |
|
Específicos de viabilidade técnica e/ou económicos |
20 % |
|
Específicos do tipo de actividade |
30 % |
Para calcular a puntuación final dunha operación utilizarase a seguinte fórmula:

I) Criterios xerais de avaliación (0-10 puntos).
Os criterios xerais teñen por obxecto asegurar que as operacións elixibles vaian dirixidas a alcanzar os obxectivos definidos no Programa operativo do FEMPA. Estes criterios puntuaranse da seguinte maneira:
I.1. Contribución á estratexia, DAFO e tipos de actividade do programa (0-6 puntos):
O valor para que unha operación sexa financiable debe acadar un mínimo de 3 puntos. Cada solicitude debe obter como mínimo 1 punto en cada un dos subcriterios seguintes:
I.1.1) Adecuación á estratexia (0-2 puntos):
a) Comprobarase se a actuación está prevista na estratexia e se é unha operación da Lista de operacións de importancia estratéxica (1 punto).
b) No caso de recollerse expresamente na estratexia ou ser unha actuación do PNDB (Programa nacional de datos básicos do sector pesqueiro), outorgarase a máxima puntuación (2 puntos).
I.1.2) Contribución á DAFO (0-2 puntos):
a) Revisarase se a operación achega, contribúe ou recolle algún dos aspectos do DAFO (1 punto).
b) No caso de que se mencione de forma expresa unha necesidade do DAFO, poderá outorgarse a máxima puntuación (2 puntos).
I.1.3) Adecuación ao tipo de actividade (0-2 puntos):
a) Comprobarase que a actuación estea recollida no tipo de actividade no Programa operativo (1 punto).
b) No caso de que a actividade sexa nomeada expresamente poderá outorgarse a puntuación máxima (2 puntos).
I.2. Contribución aos indicadores de resultado (0-2 puntos):
a) Contribución aos indicadores de resultado específicos. Outorgarase 1 punto se contribúe ao indicador afectado.
b) Contribución aos indicadores de resultado de obxectivo específico. Se contribúe outorgarase 1 punto.
c) Se a actividade está enmarcada dentro do PNDB outorgarase unha puntuación máxima de 2 puntos, ao ser unha actividade de importancia estratéxica no Programa FEMPA.
I.3. Contribución a plans ou programas (0-2 puntos):
Para que unha operación se poida financiar, a puntuación mínima que deberá obter será de 1 punto.
Avaliarase o grao de adecuación da operación a plans, políticas ou compromisos nacionais ou internacionais e a aqueles plans ou programas autonómicos, rexionais e/ou locais relacionados.
O valor 0 aplicarase cando as operacións non teñan correlación cun plan ou programa.
O valor 1 aplicarase cando as operacións teñan correlación cun plan ou programa.
O valor 2 aplicarase cando as operacións teñan correlación con máis dun plan ou programa.
Poderá outorgarse unha puntuación de 2 cando contribúa a un plan ou programa de ámbito social.
I.4. Unha vez valorados os criterios xerais, a puntuación máxima será de 10 puntos e a mínima superior a 4, e suporá o 30 % da puntuación final. A aplicación dos criterios xerais de valoración permitirá determinar se a operación é apta ou non apta para ser cofinanciada polo FEMPA. Será non apta se obtén unha puntuación igual ou menor a 4.
O órgano instrutor emitirá un informe para as solicitudes que alcanzasen esta fase, en que se cualificará a operación como apta ou non apta. Os proxectos que sexan cualificados como non aptos entenderanse non viables para a obtención dos fondos públicos.
II. Criterios horizontais ambientais e sociais (0 a 4 puntos).
II.1. Aspectos ambientais (0-2 puntos):
– Vinculación dos proxectos coa posta en marcha, xestión e seguimento de plans de xestión (plans de xestión e normas de explotación).
Se a actuación está expresamente mencionada nalgún dos plans ou normas, asignaránselle 2 puntos; se non está expresamente mencionada, asignarase o valor de 1 punto, e se non contribúe a ese criterio, o valor será de 0 puntos.
II.2. Aspectos sociais (0-2 puntos):
– Afección do proxecto á pesca costeira artesanal.
– Participación e/ou dirixido a mulleres.
– Persoa beneficiaria menor de 30 anos.
– Persoa beneficiaria menor ou igual a 40 anos.
No caso de que a actuación non contribúa a ningún criterio asignarase o valor de 0, se contribúe polo menos a un criterio, o valor será 1 punto e, se contribúe a dous ou máis, o valor será de 2 puntos.
III) Criterios específicos de viabilidade técnica e/ou económicos (0-10 puntos).
Contribución cuantitativa aos indicadores de resultado: empregos mantidos.
A puntuación será de 5 se o proxecto contribúe ao mantemento dun posto de traballo e será de 10 puntos se contribúe ao mantemento de 2 ou máis postos de traballo.
IV. Criterios específicos do tipo de actividade (0-10 puntos).
Número de buques que teña o segmento de frota a que pertenza o buque obxecto do investimento con porto base en Galicia:
Ata 10 buques: 2 puntos.
De 11 ata 50 buques: 4 puntos.
De 51 ata 100 buques: 6 puntos.
De 101 ata 200 buques: 8 puntos.
Máis de 200 buques: 10 puntos.
En caso de empate, terá prioridade a persoa máis nova, tendo en conta a data de nacemento.
C) Fase de selección.
1. Unha vez finalizada a fase anterior, a Comisión de Selección procederá a formular a proposta de resolución de concesión das axudas.
2. Na proposta que formule a Comisión de Selección figurarán de maneira individualizada os solicitantes propostos para obteren a subvención, e indicarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios fixados nesta orde. Ordenaranse os expedientes seleccionados de acordo coa puntuación obtida ata esgotar as dispoñibilidades orzamentarias. Así mesmo, indicarase a proposta do importe da subvención para cada un deles.
3. A comisión de selección, de ser o caso, establecerá unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria, non acaden a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito. Nesta lista de reserva indicaranse os expedientes seleccionados ordenadamente de acordo coa puntuación obtida.
4. No caso de que a suma dos investimentos subvencionables dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, non será necesario que figure a avaliación individualizada de cada expediente.
5. O presidente da Comisión de Avaliación elevará proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará as correspondentes resolucións de concesión.
6. No caso de empate na valoración, a Comisión de Selección aplicará os criterios de desempate establecidos nos criterios de selección.
Artigo 19. Comisión de Selección
1. Os expedientes serán avaliados por unha comisión de selección constituída na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.
2. A composición da Comisión avaliadora estará formada polos seguintes membros:
a) Presidencia: subdirector/a xeral de Competitividade da Cadea Mar-Industria.
b) Vogais: dous funcionarios adscritos á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, designados polo presidente, e a Xefatura do Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota, que exercerá a secretaría.
3. No caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente. O órgano colexiado precisará de, polo menos, a maioría simple dos membros para a realización da selección. No caso de excepcional ausencia do presidente, actuará como tal o secretario.
4. A comisión poderá propoñer que o órgano instrutor requira documentación complementaria necesaria para a correcta valoración da solicitude de que se trate.
5. A Comisión avaliadora poderá traballar asistida dos asesores que xulgue conveniente, así como solicitar informes a expertos técnicos na materia.
6. A reunión da Comisión de Selección poderá celebrarse presencial ou telematicamente.
7. A comisión de selección reunirase nunha sesión única para a elaboración da proposta de concesión ao órgano concedente, salvo no caso de que a suma dos investimentos subvencionados dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, caso en que poderá realizar cantas sesións considere necesarias, emitindo propostas parciais de concesión en cada unha das sesións.
Artigo 20. Resolución e aceptación
1. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar, que poderá delegar a dita competencia na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.
2. Esta autorización non implicará a aprobación do gasto, que lle corresponderá en todo caso ao órgano competente para ditar a resolución de concesión da subvención.
3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de cinco meses desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4. Unha vez notificada a devandita resolución, o interesado terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a aceptación desta. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.
5. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os compromisos asumidos polas persoas beneficiarias; os créditos orzamentarios a que se imputa o gasto; a contía da subvención individualizada e a porcentaxe do financiamento do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura; os prazos e o modo de pagamento da subvención, e o prazo e a forma de xustificación por parte da persoa beneficiaria do cumprimento da finalidade para a cal se percibe a subvención.
Artigo 21. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento, polas persoas interesadas, da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 22. Recursos
1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.
2. Se, transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 20, non lle é notificada a resolución á persoa interesada, entenderase desestimada por silencio administrativo negativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar, en calquera momento, ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses, contados en ambos os casos a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
3. Sen prexuízo do anterior, as persoas interesadas poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.
Artigo 23. Modificación da resolución
1. Unha vez ditada resolución de concesión, e antes da presentación da xustificación de cobramento, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou a obtención concorrente de subvencións e axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á súa modificación.
2. A autorización para a modificación dos termos en que foi concedida a axuda quedará condicionada aos seguintes requisitos:
a) Que o proxecto modificado non poida dar lugar a unha nova análise da solicitude.
b) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases reguladoras e da convocatoria oportuna.
c) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.
d) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.
e) Que o proxecto modificado, no caso de que fose presentado co resto das solicitudes, resultase seleccionado na concesión inicial, seguindo os criterios de selección fixados.
3. As modificacións deberán ser solicitadas pola persoa beneficiaria, por escrito, con anterioridade á súa realización, nun prazo non inferior a dous meses antes da data límite de xustificación do investimento e requirirá resolución expresa da Consellería do Mar. Na solicitude, a persoa beneficiaria deberá deixar constancia, debidamente motivada, das razóns que aconsellan a modificación proposta.
4. Non se admitirán nin aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 60 % do investimento inicialmente aprobado e, en ningún, caso suporá un incremento da subvención concedida.
5. Non obstante o indicado nos parágrafos anteriores, poderanse autorizar modificacións que se orixinen por causas de forza maior ou situacións sobrevidas suficientemente xustificadas que, en todo caso, deberán ser apreciadas polo órgano concedente e debidamente motivadas.
6. Non se admitirá a subrogación dun novo propietario na condición de solicitante ou persoa beneficiaria das axudas, agás nos casos de enfermidade que dificulte ou imposibilite a realización desta actividade, sucesión mortis causa, adquisición da propiedade como consecuencia de procesos de disolución e liquidación de persoas xurídicas, operacións de fusión ou escisión parcial ou total de sociedades ou naqueloutros casos en que, a xuízo do órgano competente para a concesión das axudas, a transmisión da propiedade do investimento subvencionado e a subrogación do novo propietario na posición do solicitante ou persoa beneficiaria non desvirtúe a finalidade das axudas e non produza enriquecemento. En calquera caso, a nova persoa beneficiaria deberá cumprir os requisitos desta orde e asumir as obrigas derivadas da concesión.
7. As modificacións nos prazos de xustificación dos investimentos terán a consideración de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, polo tanto, deberán tramitarse de acordo co establecido neste artigo.
8. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente, no cal se dará audiencia á persoa interesada. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución, outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas pola persoa interesada.
Artigo 24. Prazos de execución, xustificación e pagamento
1. Con carácter xeral, o prazo para xustificación material e documental dos investimentos será o 30 de setembro de 2025, salvo que a resolución individual de concesión da axuda dispoña un prazo distinto.
2. Transcorrido o prazo indicado sen que a persoa beneficiaria presente a documentación xustificativa, procederase segundo o artigo 45 do Regulamento de subvencións de Galicia.
3. Para o pagamento da axuda é imprescindible o cumprimento dos seguintes requisitos:
a) Que o investimento obxecto da axuda e a súa xustificación estea realizado de conformidade coa resolución de concesión, integramente rematado e totalmente pagado. A acreditación da realización do investimento realizarase co pagamento da adquisición.
b) Que as persoas beneficiarias estean ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Igualmente, a persoa beneficiaria non terá pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.
c) Que o buque estea inscrito en situación de alta no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia.
4. As solicitudes de pagamento presentaranse conforme o disposto no artigo 14 desta orde, en calquera das formas previstas nos artigo s 14 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, coa seguinte documentación:
– Anexo III, de declaración responsable doutras axudas no pagamento, compromiso do requisito de admisibilidade e indicadores de resultado.
– Certificación do Rexistro Mercantil acreditativa da propiedade do buque adquirido na súa totalidade.
– Documento público de compravenda do buque en que consten todas as circunstancias e pagamentos efectivamente realizados.
– Se é o caso, certificación bancaria dos pagamentos realizados con posterioridade á escritura de compravenda e antes da fin do prazo de xustificación. En todo caso, o pagamento deberá permitir seguir unha pista de auditoría suficiente nos termos establecidos no artigo 7.e) desta orde.
– Documento xustificativo do pagamento do imposto de transmisións patrimoniais.
– Seguro da embarcación que garanta a cobertura de danos a terceiros.
– Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigas tributarias, ou, na súa falta, xustificante da presentación da solicitude da alta na Administración correspondente.
– Só no caso de que non se presentase para a concesión da axuda, taxación pericial do valor do buque para comprobar que o custo de adquisición é axeitado co valor de mercado. Se o valor de adquisición é superior ao valor de taxación minorarase a axuda para facer corresponder o investimento máximo subvencionable co valor de taxación.
Se o interesado presentase taxacións distintas, admitirase a de menor valor.
5. No suposto de falta de xustificación documental ou material, a persoa beneficiaria perderá o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, segundo os casos.
Artigo 25. Reintegro das axudas
1. Se a persoa beneficiaria incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións e obrigas que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.
2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no 74 a 76 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
3. Ademais, será tamén causa de reintegro, de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C84/06), a comisión de infracción ao dereito comunitario pola persoa beneficiaria e, en especial, ás normas da política pesqueira común durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.
4. Sen prexuízo da obriga de reintegro, se, como consecuencia dunha comprobación posterior ou de calquera outra verificación, se constata falsidade nas declaracións mencionadas nesta orde, serán de aplicación as infraccións e sancións establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
5. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.
Artigo 26. Infraccións e sancións
Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia.
Artigo 27. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da devandita lei, á cal estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 28. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude
Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria, poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral Administración do Estado, polos medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo dito servizo no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf.
Artigo 29. Publicidade
1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, con expresión da convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputan, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo , de ser o caso. A aceptación da axuda supón a inclusión da operación e os seus datos na lista pública de operacións prevista de acordo co artigo 49.3 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/) a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas.
3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiráselle á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Disposición adicional primeira
No non previsto nesta orde observarase o que establecen o Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2017/1004; o Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, que establece as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración; o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e á política de visados; o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e posteriores modificacións; o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación.
Disposición adicional segunda
Delégase no director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a resolución destas axudas.
Disposición derradeira primeira
Facúltase o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.
Disposición derradeira segunda
Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2024
Alfonso Villares Bermúdez
Consellleiro do Mar
