DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Mércores, 18 de decembro de 2024 Páx. 66218

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 9 de decembro de 2024, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se regulan o recoñecemento, a certificación e o rexistro da participación do profesorado en proxectos europeos como actividades de formación permanente do profesorado.

A Orde do 14 de maio de 2013 pola que se regula a convocatoria, o recoñecemento, a certificación e o rexistro das actividades de formación permanente do profesorado en Galicia, establece no artigo 35, relativo ás actividades realizadas no estranxeiro, o procedemento e os requisitos para o recoñecemento das actividades formativas realizadas no estranxeiro e organizadas por organismos oficiais, por universidades ou por institucións de formación do profesorado oficialmente recoñecidas e que conten con prestixio acreditado polas autoridades educativas do respectivo país, sempre que o seu contido garde relación coas ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

En virtude das facultades atribuídas pola disposición derradeira primeira da Orde do 14 de maio de 2013, publicouse a Resolución do 23 de agosto de 2016, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que regula o recoñecemento, a certificación e o rexistro de participación do profesorado en proxectos europeos como actividades de formación do profesorado.

Desde a publicación da dita resolución desenvolvéronse no sistema educativo galego diferentes edicións de programas europeos de internacionalización, evolucionando este desde os que abriron camiño, enmarcados no período 2007-2013, ata os que actualmente se desenvolven, encadrados no programa Erasmus+ 2021-2027. Desde que Erasmus+ comezou o seu desenvolvemento como programa paraugas para os programas de internacionalización, ata a edición actual 2021-2027, habilitáronse novas modalidades que flexibilizaron a participación das organizacións: creouse a carta ECHE para a educación superior, xurdiron as acreditacións dos centros para a participación regular e flexible en programas E+ de acción clave 1 e aumentaron as posibilidades e os formatos dos consorcios e os tipos de mobilidades.

Ademais disto, o programa eTwinning segue a fomentar a creación de redes, irmandamentos e colaboracións internacionais, co esforzo de moitas persoas docentes; a súa xestión está centralizada no SCA (Bruxelas) e no SNA (Servizo Nacional de Apoio no MEFP), e con coordinacións nas distintas comunidades autónomas.

Todos os cambios xurdidos no seo do programa Erasmus+ fan preciso actualizar e adecuar o escenario de recoñecementos das actividades vinculadas a ese programa dentro do marco da formación do profesorado. Ademais diso, a crecente afluencia na participación neste programa e en eTwinning fai precisa unha adaptación dos procedementos administrativos que axilicen e faciliten o recoñecemento para as persoas solicitantes.

É obxectivo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional promover e afianzar a participación nestes programas educativos en favor da colaboración e a internacionalización das institucións.

En consecuencia, en virtude das facultades atribuídas pola disposición derradeira primeira da Orde do 14 de maio de 2013 pola que se regula a convocatoria, o recoñecemento, a certificación e o rexistro das actividades de formación permanente do profesorado en Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta resolución ten como obxecto regular o recoñecemento, a certificación e o rexistro da participación nos programas europeos impulsados pola Administración educativa para os efectos de formación permanente do profesorado, segundo o disposto nos artigos 35 e 36 da Orde do 14 de maio de 2013 pola que se regula a convocatoria, o recoñecemento, a certificación e o rexistro das actividades de formación permanente do profesorado en Galicia.

Os efectos desta resolución serán de aplicación a aqueles programas europeos rematados con posterioridade á entrada en vigor da dita orde, isto é, despois do 23 de maio de 2013, e encadrados no programa Erasmus+ 2021-2027, é dicir, a todos os convenios con número de edición 2021- e posteriores.

Igualmente, modifícase o recoñecemento por participación en proxectos eTwinning para aqueles que comecen con posterioridade á publicación desta resolución.

Segundo. Destinatarios

Esta resolución será de aplicación ao profesorado que desenvolve o seu labor docente ou especializado nos centros sostidos con fondos públicos, dentro do ámbito de xestión desta consellería, que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e a aquel que ten destino nos servizos técnicos dependentes desta consellería.

Terceiro. Procedemento de recoñecemento

Os programas Erasmus+ son proxectos das organizacións educativas e, por esta razón, serán os responsables da coordinación do proxecto ou convenio correspondente nos centros educativos, ou os representantes dos equipos directivos os responsables de solicitar o recoñecemento para todas as persoas docentes participantes desde ese centro nun proxecto concreto no curso académico actual.

A achega de documentación xustificativa será por vía electrónica segundo as instrucións que publique o Servizo de Programas de Formación no portal educativo.

A documentación acreditativa de participación en mobilidades por motivos de formación deberá facer constar o número de convenio, a denominación da mobilidade, a modalidade (observación, curso estruturado, docencia) as datas de inicio e finalización, as horas de duración, se procede, e o lugar de realización.

A dirección xeral competente en materia de formación permanente do profesorado resolverá a petición nun prazo máximo de seis meses desde a recepción da solicitude en sede electrónica.

Para estes efectos poderá, de ser o caso, requirir do centro solicitante ou solicitar de oficio doutras unidades administrativas aquela documentación ou información complementaria necesaria para a valoración da acreditación da actividade como formación permanente do profesorado. Unha vez transcorrido o dito prazo sen resolución expresa por causas alleas ao centro interesado, entenderase concedida a petición.

Cuarto. Programas Erasmus+

A solicitude de recoñecemento de horas de formación permanente do profesorado pola participación en programas Erasmus+ seguirá o procedemento establecido no punto terceiro. A resolución de recoñecemento farase segundo as equivalencias recollidas no anexo I.

a) O recoñecemento por coordinación de programas europeos nun centro farase de xeito anual e por un único proxecto por persoa; unha persoa non poderá sumar as horas de todos os proxectos desenvolvidos e coordinados por ela e recoñeceráselle sempre o de maior número de horas (de ter coordinado máis dun) na equivalencia do anexo I (o que máis mobilidades xerou).

b) A acreditación dun centro educativo será susceptible de recoñecemento para a persoa coordinadora e as colaboradoras só se esta se fai efectiva e pública na páxina do Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE), e as datas polas que se recoñecerá serán as do ano académico previo á concesión da acreditación.

c) O recoñecemento por coordinación de consorcios e proxectos será en horas de innovación; non poderá ter un mesmo número de convenio máis dunha persoa coordinadora por curso académico e non será posible acumular diferentes roles na mesma persoa (coordinación e colaboración, coordinación e participación), exceptuando a participación en actividades de formación vencelladas ao convenio.

d) A participación en actividades por motivos de formación (cursos estruturados, mobilidades de observación e docencias) terá o seu recoñecemento tal e como recolle o anexo I de equivalencias e segundo o asinado pola organización de acollida.

e) As titorías serán recoñecidas segundo o anexo I e a documentación acreditativa será asinada polo equipo directivo segundo a acta que facilitará o Servizo de Programas de Formación.

Quinto. Actividades formativas asociadas a Erasmus+

O recoñecemento da formación impartida e recibida en cursos estruturados ou ben en períodos de observación e outras actividades no marco de actividade KA1 (Erasmus+) farase de acordo co establecido no artigo 35 da Orde do 14 de maio de 2013. O recoñecemento da equivalencia en horas de formación realizarase segundo o establecido no anexo I.

Xunto coa solicitude de recoñecemento achegarase fotocopia compulsada do certificado en que conste que se superou a actividade, as horas de duración desta no caso de cursos estruturados, as datas e o lugar de realización, así como o programa da actividade. O dito certificado deberá estar emitido en calquera das linguas oficiais da Unión Europea e incluír a tradución oficial para o galego ou para o castelán.

Sexto. Proxecto e-Twinning

O profesorado participante en proxectos e-Twinning poderá pedir o recoñecemento como horas de formación permanente do profesorado xuntando certificación segundo o anexo V, ao cal deberá anexar unha memoria da actividade que inclúa relación de obxectivos que ten que acadar e evidencias que sustenten o proxecto. Os proxectos que acrediten mediante copia compulsada ter recibido o selo de calidade nacional ou europeo estarán exentos da entrega da memoria da actividade. Aqueles proxectos que acheguen acreditación de ter obtido o selo de calidade nacional con máis de 18 puntos terán recoñecemento en horas de innovación.

O recoñecemento de horas de formación ou innovación realizarase segundo as equivalencias establecidas no anexo II. Non se recoñecerán en ningún caso máis horas das indicadas para proxectos de carácter anual.

O profesorado participante en proxectos e-Twinning que xa recibise acreditación pola mesma actividade a través doutro programa ou convocatoria (Erasmus+, Proxecta, etc.) non poderá solicitar un novo recoñecemento baseado nesta mesma actividade.

Disposición adicional única. Horas de formación xa recoñecidas previamente

Non se poderán recoñecer en ningún caso horas de formación por actividades que xa obtivesen un recoñecemento en horas de formación permanente do profesorado por diferente concepto previamente.

No caso dos proxectos E+ que conten cun número de convenio igual ou posterior a 2021 e xa teñan recoñecemento segundo a Resolución do 4 de agosto de 2016 e polos que se vexan desfavorecidos con relación ao establecido nesta resolución poderán solicitar a modificación e rectificación ao Servizo de Programas de Formación.

Esta solicitude realizarase a través do procedemento PR004A-Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo normalizado, dirixida á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos (Servizo de Programas de Formación), facendo constar o número de convenio e o código de actividade (código X), así como o/os curso/s ao/aos cales atinxe a modificación.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2024

Jesús Manuel Álvarez Bértolo
Director xeral de Centros e Recursos Humanos

ANEXO I

Acción Erasmus+

Función

Horas de certificación (por curso académico)

Tipo

ECHE

Coordinación

30 horas

Innovación

KA130-HED

Coordinación

30 horas

Innovación

KA120, KA120-VET (acreditacións Erasmus)

Coordinación

30 horas

Innovación

Colaboración

20 horas

Formación

KA121, KA121-VET (proxectos acreditados de mobilidade de alumnado e persoal)

KA122, KA122-VET (proxectos de curta duración para a mobilidade de alumnado e persoal) KA131-HED, KA171-HED

Coordinación por proxecto

30 horas (ata 10 mobilidades)

40 horas (entre 11 e 30 mobilidades)

50 horas (máis de 30 mobilidades, excepto KA122)

Innovación

Colaboración de proxecto

Ata 20 horas

Formación

Participación en curso

Ata 60 horas (segundo o programa do curso)

Formación

Participación en observación/formación

5 horas/días lectivo (máximo 60 horas)

Formación

Participación en docencia

Formación

Titoría MLD (mobilidade de longa duración)

20 horas por cada participante en MLD

Formación

Titoría de docentes en prácticas

10 horas por cada docente en prácticas

Formación

KA121, KA121-VET (proxectos acreditados de mobilidade de alumnado e persoal), consorcios

Coordinación de consorcio

40 horas (ata 10 mobilidades)

Innovación

50 horas (entre 11 e 30 mobilidades)

Innovación

60 horas (máis de 30 mobilidades)

Innovación

KA131-HED, KA171-HED

Coordinación en membro de consorcio

20 horas (ata 10 mobilidades)

Innovación

30 horas (entre 11 e 30 mobilidades)

Innovación

40 horas (máis de 30 mobilidades)

Innovación

KA220 (asociacións de cooperación)

Coordinación da asociación

60 horas

Innovación

Coordinación nunha institución socia española

50 horas

Innovación

Participación nunha institución socia española (coordinadora ou socia)

40 horas

Formación

KA210 (asociacións a pequena escala)

Coordinación da asociación

50 horas

Innovación

Coordinación nunha institución socia española

40 horas

Innovación

Participación nunha institución socia española (coordinadora ou socia)

30 horas

Formación

Proxectos e-Twinning 

Proxectos cunha duración máxima de 3 meses

Socio fundador

20 horas por proxecto

Formación

Proxectos cunha duración máxima de 3 meses

Socio anexado

10 horas por proxecto

Formación

Proxectos cunha duración máxima de 6 meses

Socio fundador

30 horas por proxecto

Formación

Proxectos cunha duración máxima de 6 meses

Socio anexado

20 horas por proxecto

Formación

Proxectos cunha duración máxima dun curso escolar

Socio fundador

40 horas por proxecto

Formación

Proxectos cunha duración máxima dun curso escolar

Socio anexado

30 horas por proxecto

Formación

Proxectos e-Twinning con selo de calidade nacional con 18 puntos ou máis*

Proxectos cunha duración máxima de 3 meses

Socio fundador

20 horas por proxecto

Innovación

Proxectos cunha duración máxima de 3 meses

Socio anexado

10 horas por proxecto

Innovación

Proxectos cunha duración máxima de 6 meses

Socio fundador

30 horas por proxecto

Innovación

Proxectos cunha duración máxima de 6 meses

Socio anexado

20 horas por proxecto

Innovación

Proxectos cunha duración máxima dun curso escolar

Socio fundador

40 horas por proxecto

Innovación

Proxectos cunha duración máxima dun curso escolar

Socio anexado

30 horas por proxecto

Innovación

*Só un recoñecemento por proxecto.