DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Mércores, 18 de decembro de 2024 Páx. 66274

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 28 de novembro de 2024 pola que se outorga a condición de agrupación de produtores recoñecida aos consellos reguladores de determinadas denominacións de orixe protexidas e indicacións xeográficas protexidas.

Antecedentes:

1. O 23 de abril de 2024 publicouse no Diario Oficial de la Unión Europea o Regulamento (UE) nº 2024/1143 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de abril, relativo ás indicacións xeográficas para viños, bebidas espirituosas e produtos agrícolas, especialidades tradicionais garantidas e mencións de calidade facultativas para produtos agrícolas, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1308/2013, (UE) nº 2019/787 e (UE) nº 2019/1753 e se derroga o Regulamento (UE) nº 1151/2012. Esta disposición normativa regula un sistema de recoñecemento de agrupacións de produtores.

2. Os consellos reguladores das seguintes denominacións de orixe protexidas e indicacións xeográficas protexidas teñen presentado ante a Axencia Galega da Calidade Alimentaria a correspondente solicitude para o seu recoñecemento como agrupación de produtores recoñecida:

– CR da DOP Monterrei.

– CR da DOP Rías Baixas.

– CR da DOP Ribeira Sacra.

– CR da DOP Ribeiro.

– CR da DOP Valdeorras.

– CR das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

– CR das IXP Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego.

– CR da DOP Arzúa-Ulloa.

– CR da DOP Queixo Tetilla.

– CR da DOP San Simón da Costa.

– CR da IXP Mel de Galicia.

– CR da IXP Pataca de Galicia.

– CR da IXP Pan de Cea.

– CR da IXP Castaña de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

1. O artigo 33.1 do Regulamento (UE) nº 2024/1143 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de abril, establece que os Estados membros poderán aplicar un sistema de recoñecemento de agrupacións de produtores a condición de que cumpran os criterios exixidos no punto 2 do mesmo precepto, que son os seguintes:

a) Ter unha forma xurídica determinada.

b) Cumprir algunha das seguintes condicións:

i. Contar cun mínimo do 50 % dos produtores do produto entre os seus membros.

ii. Contar cunha porcentaxe mínima de produtores do produto entre os seus membros e cun mínimo do 50 % do volume ou valor da produción comercializable.

2. De conformidade co artigo 33.3 do dito regulamento, a agrupación de produtores recoñecida (APR) será a única que terá os dereitos adicionais específicos previstos nese artigo.

3. O artigo 33.7 do citado regulamento establece que os Estados membros poderán decidir que as agrupacións de produtores recoñecidas en virtude do dereito nacional antes do 13 de maio de 2024 sexan recoñecidas de conformidade co punto 1.

Na nosa Comunidade Autónoma procede aplicar a dita fórmula de recoñecemento xa que os consellos reguladores existentes están recoñecidos en virtude do dereito autonómico antes do 13.5.2014, ao abeiro da normativa que se indica a seguir. Así, no punto 1 do artigo 47 da Lei 1/2024, do 11 de xaneiro, da calidade alimentaria de Galicia, establécese que os consellos reguladores do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia terán personalidade xurídica de seu baixo a forma de corporacións de dereito público, e gozarán de autonomía financeira e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins. O devandito punto establece tamén que os consellos reguladores axustarán o seu funcionamento ao dereito privado, excepto cando exerzan potestades públicas, situación en que se rexerán polo dereito administrativo. Por outra parte, no punto 4 dese mesmo artigo indícase que nos consellos reguladores estarán representadas as persoas operadoras alimentarias inscritas nos seus rexistros. Ademais, o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores establece, no seu artigo 8.1, que nestes rexistros deben figurar todas as persoas físicas ou xurídicas interesadas en pertencer á denominación. Polo anterior, estas corporacións de dereito público representan a totalidade dos produtores da correspondente figura de protección da calidade, como se recolle tamén nos seus respectivos regulamentos de funcionamento.

Polo tanto, os consellos reguladores constituídos actualmente na Comunidade Autónoma de Galicia son agrupacións de produtores conforme o establecido no artigo 32 do Regulamento (UE) nº 2024/1143 e cumpren os requisitos establecidos no artigo 33 dese regulamento para seren considerados como agrupacións de produtores recoñecidas.

A Dirección da Axencia Galega da Calidade Alimentaria é competente para resolver sobre esta materia conforme o establecido nos artigos 2.1 e 19 dos seus estatutos, aprobados mediante o Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Recoñecer as seguintes agrupacións de produtores de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas desta comunidade autónoma como agrupacións de produtores recoñecidas (APR), con base no establecido no artigo 33 do Regulamento (UE) nº 2024/1143 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de abril, relativo ás indicacións xeográficas para viños, bebidas espirituosas e produtos agrícolas, especialidades tradicionais garantidas e mencións de calidade facultativas para produtos agrícolas, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1308/2013, (UE) nº 2019/787 e (UE) nº 2019/1753 e se derroga o Regulamento (UE) nº 1151/2012:

– CR da DOP Monterrei.

– CR da DOP Rías Baixas.

– CR da DOP Ribeira Sacra.

– CR da DOP Ribeiro.

– CR da DOP Valdeorras.

– CR das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

– CR das IXP Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Gallego.

– CR da DOP Arzúa-Ulloa.

– CR da DOP Queixo Tetilla.

– CR da DOP San Simón da Costa.

– CR da IXP Mel de Galicia.

– CR da IXP Pataca de Galicia.

– CR da IXP Pan de Cea.

– CR da IXP Castaña de Galicia.

Segundo. Notificarlles esta resolución ás agrupacións de produtores recoñecidas que se indican no punto anterior e publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia, consonte o previsto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Terceiro. Dar traslado desta resolución ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, en unión dos actuais enderezos dos consellos reguladores a que se refire, para que poida realizarse a comunicación á Comisión Europea, conforme o disposto no artigo 33.8 do citado Regulamento (UE) nº 2024/1143.

Esta resolución non pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse un recurso de alzada ante a Presidencia da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación, de acordo cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2024

Martín Alemparte Vidal
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria