Expediente: IN407A 2022/234-1.
Solicitante/promotora: Red Eléctrica de España, S.A.U.
Enderezo social: Paseo del Conde los Gaitanes 177, La Moraleja. Alcobendas, 28109 Madrid.
Título do proxecto: novo Statcom 150 MVAr e ampliación da subestación 220 kV Lousame.
Tipo de inicio: solicitude do interesado.
Feitos:
1. Pola Resolución do 27.3.2017 (DOG núm. 100, do 29 de maio), a daquela denominada Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, DXEM) deu publicidade á declaración de impacto ambiental formulada o 22.2.2017 pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, relativa ás instalacións eléctricas denominadas Nova subestación 220 kV de Lousame (expediente IN407A 2009/471-1), LAT 220 kV DC Lousame-Tivo (expediente IN407A 2010/268-1), LAT 220 kV DC Lousame-Mazaricos (expediente IN407A 2010/269-1) e LAT 220 kV DC de entrada e saída (E/S) na subestación Lousame da LAT Santiago-Tambre (expediente IN407A 2010/270-1), promovidas por Red Eléctrica de España, S.A.U. (en diante, REE) nas provincias da Coruña e Pontevedra.
2. Pola Resolución do 30.3.2017 (DOG núm. 90, do 11 de maio, BOP núm. 70, do 12 de abril), a DXEM outorgou a REE a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución e recoñeceu, en concreto, a utilidade pública da instalación de transporte de enerxía eléctrica denominada Nova subestación a 220 kV de Lousame, no concello de Lousame (expediente IN407A 2009/471-1), coas características técnicas seguintes:
– Subestación de nova construción pertencente á rede de transporte secundario/Sistema: corrente alterna trifásica/Frecuencia: 50 Hz/Nivel de tensión nominal: 220 kV (tensión máis elevada para o material Um = 245 kV)/Intensidade de curtocircuíto (valor eficaz): 40 kA (tempo de extinción: 0,5 s)/Neutro: ríxido á terra/Nivel de illamento: tensión soportada a impulso tipo manobra: 460 kV/tensión soportada a impulso tipo raio: 1.050 kV.
– Convencional de intemperie con tecnoloxía AIS, cun esquema de dobre barra (JBP-1 e JBP-2) composta por catro (4) posicións de liña e unha (1) posición de acoplamento de barras (ACP), coa seguinte disposición:
– Posición 1: posición de liña 220 kV Tivo.
– Posición 2: posición de liña 220 kV Mazaricos.
– Posición 3: posición de liña 220 kV Santiago de Compostela.
– Posición 4: posición de liña 220 kV Tambre II.
– Posición 5: posición de acoplamento, ACP.
3. O 10.12.2019, a Xefatura Territorial da Coruña da daquela denominada Consellería de Economía, Emprego e Industria emitiu a autorización de explotación da antedita subestación, facendo constar que nas condicións e especificacións recollidas no proxecto redactado polo enxeñeiro industrial Julio Alguacil Prieto (colexiado núm. 7.511 do COII de Madrid) con visado núm. CO092937, do 2 de outubro de 2010 (ICOII de Galicia-Delegación A Coruña), queda disposto o espazo suficiente para a posible ampliación da subestación ata catro (4) novas posicións de liña.
4. Con motivo da solicitude de outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción para a ampliación da dita subestación mediante a construción dunha nova posición de liña identificada como EVRE (expediente IN407A 2022/184-1, en tramitación), REE puxo en coñecemento desta xefatura territorial que realizou unha redistribución das posicións (rúas) da subestación de referencia, que pasa a ser a seguinte:
Posición (rúa) 1: mantense como posición de liña 220 kV Tivo.
Posición (rúa) 2: posición de reserva.
Posición (rúa) 3: posición de liña 220 kV Mazaricos.
Posición (rúa) 4: posición de reserva.
Posición (rúa) 5: posición de liña 220 kV Santiago de Compostela.
Posición (rúa) 6: posición de liña 220 kV Tambre II.
Posición (rúa) 7: posición de acoplamento, ACP.
Posición (rúa) 8: posición de reserva (que ocupará a posición de liña EVRE, expediente IN407A 2022/184-1).
Posición (rúa) 9: posición de reserva (que ocupará a posición de liña Statcom, obxecto deste expediente IN407A 2022/234-1).
5. O 18.8.2022, REE presentou a solicitude de outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción e de declaración, en concreto, de utilidade pública para a infraestrutura denominada Novo Statcom 150 MVAr e ampliación da subestación 220 kV Lousame, acompañada do correspondente proxecto técnico de execución subscrito polo enxeñeiro industrial David González Jouanneau (colexiado núm. 11.729, do COII de Madrid), con visado electrónico núm. 202202130, do 28.7.2022, do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid. Para a súa tramitación foille asignado o número de expediente administrativo IN407A 2022/234-1.
Considerando que a declaración, en concreto, de utilidade pública, é solicitada por REE para a superficie por ampliar na subestación 220 kV Lousame necesaria para a instalación dun compensador síncrono estático (Statcom) que non está á súa disposición e que a dita ampliación supón afectar terreos de titularidade catastral do monte veciñal en man común (en diante MVMC) Fontefría, de conformidade co artigo 53 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), a solicitude presentada por REE tamén comprende a petición de inicio dos trámites previstos no artigo 6 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común (DOG núm. 202, do 20 de outubro), aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ou norma que o substitúa, coa finalidade de declarar a prevalencia da utilidade pública ou interese social da ampliación proxectada da subestación 220 kV Lousame respecto aos do propio MVMC Fontefría.
6. O 21.9.2022, REE rexistrou unha mellora da súa solicitude do 18.8.2022, presentando a declaración responsable asinada o 28.7.2022 polo técnico proxectista, de cumprimento da normativa de aplicación nos termos dispostos no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
7. O 20.1.2023, esta xefatura territorial trasladou unha consulta ao Servizo de Avaliación Ambiental de Proxectos da Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental (Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda) solicitándolle que ditaminase se o criterio dos servizos técnicos desta xefatura territorial, que entenden que as ditas instalacións non estarían suxeitas ao réxime de avaliación de impacto ambiental de proxectos establecido no capítulo II da Lei 21/2013, do 9 de decembro, da Xefatura do Estado, de avaliación ambiental, era o axeitado.
8. O 16.5.2023, de conformidade co disposto no artigo 35.2 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 114 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, remitiuse un exemplar do proxecto á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (en diante, DXPERN) para que na súa condición de órgano substantivo solicitase o preceptivo informe da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas (en diante, DXPEM) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
9. O 19.6.2023, REE comunicou a esta xefatura territorial que para a ampliación da subestación 220 kV Lousame, necesaria para a instalación do Statcom, alcanzou un mutuo acordo pola totalidade das afeccións recollidas na relación de bens e dereitos afectados coa Comunidade de propietarios Fontefría, titular do MVMC Fontefría.
10. O 28.6.2023, REE presentou a solicitude de desistencia dos trámites de declaración de utilidade pública, en concreto, e de prevalencia sobre a utilidade pública do MVMC Fontefría recollidos na súa solicitude do 10.8.2022.
11. O 17.8.2023, esta xefatura territorial resolveu aceptar a solicitude de desistencia de declaración de utilidade pública, en concreto, e de prevalencia da utilidade pública ou interese social da ampliación proxectada da subestación 220 kV Lousame respecto aos do propio MVMC Fontefría, formulada por REE, e dispoñer o seu arquivamento, sen que isto supoña que a promotora quede eximido de realizar, perante o organismo competente en materia de ordenación dos montes veciñais, calquera outro trámite que estea previsto na normativa específica de aplicación.
A anterior resolución foi remitida o 21.8.2023 á promotora, á Comunidade de propietarios do MVMC Fontefría e á Consellería do Medio Rural (Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Coruña) sen que conste no expediente ningún recurso. Deste xeito, a tramitación da solicitude presentada o 10.8.2022 por REE limitarase ao outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción.
12. O 4.9.2023, esta xefatura territorial acordou someter a información pública a solicitude de REE de outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura de transporte recollida no proxecto Novo Statcom 150 MVAr e ampliación da subestación 220 kV Lousame, para os efectos do establecido no artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro), nos artigos 115, 125 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro), modificado polo Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica (BOE núm. 175, do 24 de xuño) e no artigo 83 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
O anterior acordo publicouse no DOG núm. 176, do 15.9.2023, no BOP da Coruña núm. 172, do 8 de setembro e no Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación. Igualmente, o expediente permaneceu para o seu exame á disposición de todas aquelas persoas ou entidades que se considerasen afectadas nas dependencias do Servizo de Enerxía e Minas desta xefatura territorial, durante o prazo de trinta (30) días hábiles, tal e como consta na certificación asinada polo xefe do dito servizo.
13. De acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, o 5.9.2023 esta xefatura territorial trasladou a separata técnica da instalación ao Concello de Lousame pola súa condición de Administración con bens e/ou dereitos afectados, para os efectos de obter o seu informe ou, de ser o caso, o establecemento do condicionado técnico que xulgase pertinente.
14. O 2.11.2023, os servizos técnicos desta xefatura territorial emitiron informe sobre a solicitude feita por REE.
15. O 7.12.2023, o Servizo de Enerxía e Minas emitiu unha proposta sobre a solicitude de outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción para a instalación de referencia.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O xefe territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación é competente para resolver o presente expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25.5.2023), consonte a disposición transitoria do Decreto 59/2023, do 14 de xuño, da Presidencia da Xunta de Galicia, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 113, do 15 de xuño) e coa disposición transitoria primeira do Decreto 79/2023, da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 119, do 23 de xuño).
Segunda. A normativa de aplicación a este expediente é:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).
– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica (BOE núm. 175, do 24 de xuño).
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 18 de marzo).
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).
– Real decreto 1047/2013, do 27 de decembro, polo que se establece a metodoloxía para o cálculo da retribución da actividade de transporte de enerxía eléctrica (BOE núm. 312, do 30 de decembro).
– Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción, de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (DOG núm. 54, do 19 de marzo).
Terceira. O informe emitido o 31.5.2023 pola DXPEM, remitido o 6.6.2023 pola DXPERN a esta xefatura territorial, con ditame favorable respecto da instalación Novo Statcom 150 MVAr e ampliación da subestación 220 kV Lousame, para os efectos previstos no artigo 35.2 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no artigo 114 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e no artigo 16.1.a) da Circular 5/2019, do 5 de decembro, da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia, en que se fai constar que a infraestrutura de referencia está recollida no documento Planificación enerxética. Plan de desenvolvemento da Rede de transporte de enerxía eléctrica 2021-2026, aprobado polo Acordo do Consello de Ministros do 22.3.2022 e publicado pola Resolución do 8 de abril de 2022, da Secretaría de Estado da Enerxía (BOE núm. 93, do 19 de abril).
Cuarta. As características máis significativas da infraestrutura Novo Statcom 150 MVAr e ampliación da subestación 220 kV Lousame, para as que solicita as autorizacións administrativas previa e de construción, son:
– Obxecto: actuación destinada a axudar ao amortecemento das oscilacións de potencia inter-área e locais que poidan afectar o sistema eléctrico peninsular español mediante a inxección de potencia reactiva e controlar a tensión en barras de 220 kV da subestación Lousame.
– Ampliación da subestación 220 kV Lousame, para a instalación dun novo compensador síncrono estático (Statcom) cunha capacidade nominal de + 150 MVAr (indutivos/capacitivos), que é un sistema integrado composto por un transformador 220/MT, bobinas de illamento, transformador de servizos auxiliares con apoio de grupo electróxeno e un edificio para aloxar os módulos de potencia refrixerados por auga, os sistemas de servizos auxiliares e os sistemas de control, protección, telecomunicacións e refrixeración. Para o acceso empregarase o existente da subestación.
– Construción e equipamento da posición (rúa) de reserva P9 dentro da disposición existente na subestación 220 kV Lousame, que se instalará dentro do espazo previsto para a ampliación da subestación recollido no proxecto autorizado na Resolución do 30.3.2017 (DOG núm. 90, do 11 de maio, BOP núm. 70, do 12 de abril), da daquela denominada DXEM, pola que se outorgan a REE a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución e se recoñece, en concreto, a utilidade pública da instalación de transporte de enerxía eléctrica denominada Nova subestación 220 kV de Lousame (expediente IN407A 2009/471-1). A dotación eléctrica desta nova posición, convencional de intemperie con tecnoloxía AIS, estará composta pola seguinte aparellaxe:
– Interruptor automático: tensión nominal/máis elevada para o material: 220 kV/245 kV/intensidade nominal/límite térmica (corte): 3.150/40 kA. Tecnoloxía cámara de corte: SF6.
– Seccionador de illamento (seccionador de posición): tripolar, con mando eléctrico, tensión nominal/máis elevada para o material: 220 kV/245 kV/intensidade nominal/límite térmica (corte): 2.000/40 kA.
– Seccionador de posta a terra: tripolar, con coitela de posta á terra, de mando unipolar motorizado, tensión nominal/máis elevada para o material: 220 kV/245 kV/intensidade nominal/límite térmica (corte): 2.000/40 kA.
– Equipos convencionais (pararraios-autoválvulas): tensión nominal: 198 kV/tensión de operación > 152 kV/intensidade nominal de descarga: 10 kA.
– Transformadores de intensidade e de tensión, de características conforme o Real decreto 1110/2007, do 24 de agosto, polo que se aproba o Regulamento unificado de puntos de medida do sistema eléctrico.
– Incorporación ao mallado de rede de terras superiores e inferiores e aos sistemas de control, protección, telecontrol e comunicacións (sistemas telexestionados) e servizos auxiliares da subestación.
– Bastidor de relés.
– LAT soterrada de 152 metros de lonxitude en condutor tipo RHZ1-RA+2OL(AS) 127/220 kV 3(1 x 630 mm2 KAl+T375Al), de conexión do Statcom coa nova posición anterior da rede de transporte secundario.
– Sistema de media tensión (66 kV): aplicarase a normativa de 66 kV, independentemente do nivel de tensión escollido polo fabricante, que será igual ou inferior.
Localización das instalacións: subestación 220 kV Lousame, lugar de Alto da Lagoíña, Fontefría (acceso: por desvío coa orixe no p.q. 23,5 da estrada C-543). Concello de Lousame.
Orzamento de execución material: 11.239.034 € (segundo o proxecto).
Quinta. O informe emitido o 27.4.2023 polo Servizo de Avaliación Ambiental de Proxectos en resposta á consulta/petición feita por esta xefatura territorial o 20.1.2023, en que se manifesta que as valoracións feitas no seu momento polos técnicos desta xefatura semellan adecuadas, ben que deben ratificalas á vista do previsto no artigo 7.1.c) e 7.2.c) e sempre que se cumpra o recollido na documentación achegada.
Sexta. O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
Sétima. Non consta no expediente que durante o trámite de información pública se presentasen alegacións en oposición á solicitude de outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción para o proxecto Novo Statcom 150 MVAr e ampliación da subestación 220 kV Lousame feita por REE.
Oitava. O 12.9.2023, o Concello de Lousame presentou un informe, do 8.9.2023, en que manifesta que o proxecto é conforme coa normativa urbanística vixente, fixando o seu condicionado á reposición dos bens afectados durante as obras, públicos ou privados, a condicións idénticas ou de maior calidade que as existentes antes do inicio das obras. Con data 12.9.2023 déuselle traslado a REE, que respondeu o 10.10.2023 indicando o carácter favorable do informe emitido e manifestando o seu compromiso coa reposición dos bens requirida polo Concello de Lousame.
Novena. No expediente administrativo consta un informe favorable emitido polos servizos técnicos desta xefatura territorial, con data 2.11.2023, en que se conclúe que a solicitude feita por REE cumpre cos requisitos legais, que o proxecto Novo Statcom 150 MVAr e ampliación da subestación 220 kV Lousame cumpre as exixencias regulamentarias dispostas no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, e no Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, que os termos propostos na consulta feita ao Servizo de Avaliación Ambiental de Proxectos non resultaron alterados, polo que seguen sen darse os supostos previstos no artigo 7.1.c) e 7.2.c) baixo os cales as modificacións de proxectos xa autorizados deben ser sometidas a avaliación ambiental; polo tanto, o proxecto Novo Statcom 150 MVAr e ampliación da subestación 220 kV Lousame non está entre os recollidos nos anexos I e II da Lei 21/2013, do 9 de decembro, da Xefatura do Estado, de avaliación ambiental (BOE núm. 296, do 11 de decembro) aos que se debería exixir o sometemento a avaliación ambiental, ben ordinaria ben simplificada, e non lle resultan de aplicación os preceptos do Real decreto 445/2023, do 13 de xuño, polo que se modifican os anexos I, II e III da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental (BOE núm. 141, do 14 de xuño), conforme o indicado na súa disposición transitoria única, e que os trámites regulamentarios quedarán satisfactoriamente cumpridos coa emisión das autorizacións administrativas previa e de construción.
Décima. Así mesmo, consta unha proposta de resolución ditada pola Xefatura do Servizo de Enerxía e Minas o 7.12.2023, en que se propón outorgar as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura de transporte secundario de enerxía eléctrica denominada Novo Statcom 150 MVAr e ampliación da subestación 220 kV Lousame, promovido por REE.
De acordo con todo o anterior,
RESOLVO:
Outorgar as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura de transporte secundario de enerxía eléctrica denominada Novo Statcom 150 MVAr e ampliación da subestación 220 kV Lousame, promovido por Red Eléctrica de España, S.A.U, coas seguintes condicións:
a) As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado Novo Statcom 150 MVAr e ampliación da subestación 220 kV Lousame, asinado polo enxeñeiro industrial David González Jouanneau (colexiado núm. 11.729, do COII de Madrid), con visado do dito órgano colexial núm. 202202130, do 28.7.2022.
b) As autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o artigo 120.2 do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
c) A empresa promotora (REE) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio.
d) No que se refire ás afeccións a bens de dominio público e a instalacións doutros servizos, as autorizacións estarán suxeitas ao cumprimento por parte de REE dos requisitos e obrigas establecidos no condicionado emitido polo Concello de Lousame para este expediente IN407A 2022/234-1, ademais dos que xa constan nos expedientes administrativos baixo os que foron outorgadas as autorizacións para o establecemento da subestación 220 kV Lousame e/ou as súas posteriores modificacións.
e) Considerando a programación de REE, as instalacións serán executadas no prazo de dezaoito (18) meses, contado a partir da data da última autorización necesaria para a construción da infraestrutura de referencia.
f) A posta en servizo da instalación (autorización de explotación) deberá ser expresamente solicitada polo titular desta ante esta xefatura territorial, achegando coa dita solicitude a seguinte documentación:
– Certificado do director da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas que sexan de aplicación na montaxe e posta a punto.
– A exixible de acordo co punto 3 da ITC-LAT 04 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– A indicada no punto 3 da ITC-RAT 22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio de 2014, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 e, en particular, as declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e certificacións ou homologacións, segundo se establece na ITC-RAT 03, ou xustificación da non necesidade.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, por facilitar datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.
Notifíquese a Red Eléctrica de España, S.A.U. e ao Concello de Lousame esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), facendo constar que non é definitiva en vía administrativa e que se poderá interpor recurso de alzada no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación, ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da citada Lei 39/2015, sen prexuízo de que os interesados poidan promover calquera outra acción que consideren pertinente para a defensa dos seus intereses.
A Coruña, 7 de decembro de 2023
Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña
