Vista a proposta formulada polo vicesecretario xeral para a adscrición, polo sistema de libre designación, do posto de xefe/a do Servizo de Apoio da Institución,
RESOLVO:
Ao abeiro do establecido no artigo 7.k) do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo, aprobar a convocatoria para a adscrición, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de xefe/a do Servizo de Apoio, conforme as seguintes bases:
Primeira. Apróbase a convocatoria para a adscrición, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de xefe/a do Servizo de Apoio da Institución (posto número 11), que figura na vixente relación de postos de traballo (BOPG núm. 33, do 4 de xuño de 2024).
As características do posto son as seguintes:
1. Grupo de titulación: A[1] (A-1[2]).
2. Nivel de complemento de destino: 28.
3. Administración: pertenza como persoal funcionario/a de carreira ao grupo A (A1).
4. Titulación: licenciatura/grao en Dereito.
5. Funcións que desenvolverá:
a) O apoio e asesoramento ao labor da Institución e a realización de estudos e informes de carácter técnico-xurídico nas materias que lle sexan encomendadas.
b) A tramitación, informe e seguimento dos expedientes de queixas naquelas áreas que se lle asignen.
c) A asistencia ao secretario xeral para a tramitación dos asuntos en que deba intervir a Institución.
d) Calquera outra función que, sendo análoga ás anteriores ou tendo carácter instrumental para garantir o correcto desempeño das funcións da Institución, lle sexa asignada polos seus superiores xerárquicos.
6. Centro directivo: Valedor do Pobo.
Segunda. Poderá concorrer á convocatoria o persoal funcionario de carreira de calquera Administración pública, pertencente ao grupo indicado do posto a que opta.
Terceira. O persoal funcionario interesado poderá presentar a súa solicitude no Rexistro do Valedor do Pobo, rúa do Hórreo, nº 65, Santiago de Compostela, ou en calquera dos lugares indicados na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de quince días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, na cal deixará constancia dos datos do posto que viñese desempeñando e dos méritos que desexe alegar.
Para participar nesta convocatoria, a persoa interesada deberá formalizar a súa petición de acordo co modelo que se inclúe no anexo desta resolución.
As persoas aspirantes deberán achegar coa súa solicitude un currículo, en que farán constar os títulos académicos, estudos, cursos realizados, anos de servizo e postos de traballo desempeñados na Administración, e outros méritos que consideren oportuno poñer de manifesto.
Deberán xustificarse documentalmente os méritos alegados. Os méritos alegados e non probados de acordo co establecido no parágrafo anterior non se terán en conta.
Ademais farán constar detalladamente as características dos postos que viñesen desempeñando mediante declaración responsable.
Poderán realizarse entrevistas coas persoas solicitantes que se consideren mais idóneas, que serán citadas con, polo lo menos, 48 horas de antelación.
Cuarta. De conformidade co disposto no artigo 7.l) do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo, corresponde á valedora do Pobo a resolución desta convocatoria.
Quinta. A resolución da convocatoria, coa adxudicación do posto a calquera das persoas funcionarias de carreira solicitantes que reúnan os requisitos exixidos para o seu desempeño, ou a súa declaración como deserta, por considerar que ningunha das persoas candidatas reúne as características adecuadas para o posto de traballo ou non reúne a idoneidade necesaria para o seu desempeño, ou se non se presentase ningunha solicitude, farase pública no Diario Oficial de Galicia.
Sexta. O prazo de toma de posesión da persoa seleccionada será de tres (3) días hábiles, de estar o destino anterior na mesma localidade, de sete (7) días se comporta cambio de residencia, ou de vinte días (20) se comporta o reingreso no servizo activo.
O prazo de toma de posesión comezará a contar desde o día seguinte ao do cesamento nese destino, se é o caso, que deberá producirse dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución da libre designación.
Se a resolución comporta o reingreso no servizo activo, o prazo de toma de posesión comezará a contar desde o día seguinte ao da súa publicación.
Sétima. Contra a resolución pola que se aproba esta convocatoria, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer, potestativamente, recurso de reposición perante a valedora do Pobo no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou recurso contencioso-administrativo perante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de acordo co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2024
Dolores Fernández Galiño
Valedora do Pobo
