DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Martes, 24 de decembro de 2024 Páx. 67380

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Dumbría (expediente-e IN407A 2020/102-1).

Expediente-e: IN407A 2020/102-1.

Promotora: Red Eléctrica de España, S.A.

Denominación da instalación: anexo ao proxecto (expediente IN407A 2015/002-1) do CT abonado LAMT e LSMT (alimentación de servizos auxiliares na subestación Regoelle 220 kV).

Concello: Dumbría.

Feitos:

1. O 2 de xuño de 2020, Naturgy Wind, S.L.U. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica. Este proxecto constitúe un anexo ao proxecto das instalacións existentes: (expediente IN407A 2015/002-1) CT abonado LAMT e LSMT (alimentación de servizos auxiliares na subestación Regoelle 220 kV). Por mor da construción dunha subestación colectora de xeración renovable denominada: subestación colectora Lagoa 30-66/220 kV (expediente IN407A 2016/3040-1), proxéctase manter os servizos auxiliares das dúas subestacións aproveitando as instalacións existentes, intercalando un centro de seccionamento en edificio prefabricado nos arredores da subestación Regoelle 220 kV. As instalacións proxéctanse enteiramente nunha parcela propiedade de REE.

Achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, que abrangue os seguintes documentos:

• Proxecto de execución denominado: anexo ao proxecto (expediente IN407A 2015/002-1) CT abonado LAMT e LSMT (alimentación servizos auxiliares subestación Regoelle 220 kV).

2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a súa inserción no DOG do 30 de xullo de 2020, no BOP do 29 de xullo de 2020 e no xornal La Voz de Galicia do 4 de agosto de 2020, coas correccións de erros publicadas o 13 de outubro de 2020.

3. Durante o período en que se someteu ao trámite de información pública, Jesús Manuel Vidal Saleta, en nome e representación da asociación veciñal Eduardo Pondal, con enderezo no concello de Corme-Ponteceso, achegou unhas alegacións con datas do 10 de setembro de 2020 e do 27 de outubro de 2020.

4. Solicitóuselles o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Dumbría. O día da elaboración do informe técnico non consta no expediente resposta do organismo afectado, é dicir, o Concello, á solicitude do condicionado solicitado.

5. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a dita solicitude.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e o artigo 39.a) do Decreto 230/2021, do 11 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

2. A lexislación que se vai aplicar neste expediente é a que a seguir se relaciona:

a) A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

b) O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

c) O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instruccións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

d) O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

e) O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

• Centro de seccionamento en envolvente prefabricada de formigón de manobra exterior de 20 kV, situado ao carón do apoio número 18 da LMT Olveira-Manlle-Regoelle (expediente IN407A 2015/002-1), coa seguinte configuración:

– Unha cela de entrada para a conexión aérea de 20 kV.

– Unha cela de saída para a conexión da liña soterrada actual (expediente IN407A 20215/002-1), que mantén os servizos auxiliares da subestación eléctrica transformadora Regoelle 220 kV de REE.

– Unha cela de saída para a conexión da liña soterrada para a alimentación dos SS.AA. (obxecto de proxecto independente) da SET colectora Lagoa 30-66/220 kV (expediente IN407A 2016/3040-1).

– Unha cela de protección para o trafo de SS.AA. do CS

• Recuamento das canalizacións subterráneas existentes do treito subterráneo da liña que mantén os SS.AA. da SET Regoelle 220 kV, permitindo a instalación e o conexionado da alimentación e consumos do CS proxectado.

4. No seu primeiro escrito de alegacións, a asociación veciñal Eduardo Pondal advirte erros no acordo de información pública que foron corrixidos mediante a correspondente publicación do 13 de outubro de 2020.

Na súa segunda alegación cuestiona a legalidade de que unha empresa transportista poida solicitar e, polo tanto, ser titular dunha instalación de distribución eléctrica. Con respecto a esta cuestión, o obxectivo final da modificación proxectada é posibilitar que a instalación, actualmente pertencente á rede de transporte de acordo co establecido no artigo 34.1 da Lei 24/2013, pase a desenvolver funcións de distribución eléctrica por subministrar enerxía a máis dun punto de subministración e, efectivamente, unha empresa de transporte de electricidade non pode ser titular dunha instalación de distribución, pero isto non implica que non deba ser a empresa actualmente titular da instalación a única que poida promover unha modificación dela. O que si é necesario legalmente e que, con carácter previo á autorización de explotación, a dita instalación sexa transmitida a unha empresa distribuidora para a inclusión na súa rede de distribución.

5. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o sinalado,

RESOLVO:

1. Concederlle a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción á dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Con carácter previo á solicitude de autorización de explotación, deberá solicitarse a correspondente autorización de transmisión da instalación CT abonado LAMT e LSMT alimentación de servizos auxiliares na subestación Regoelle 220 kV (expediente IN407A 2015/002-1) a unha empresa distribuidora, de acordo co establecido no artigo 133 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. A solicitude de autorización de explotación deberá conter a seguinte documentación:

I. As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

II. Un certificado do/da director/a da montaxe, no cal se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada, ante o conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.

Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 17 de marzo de 2021

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña