Expediente: IN407A 2024/338-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación do proxecto: adecuación CT Sindicais Catabois (15CFA1) para substitución de celas MT.
Concello: Ferrol.
Feitos:
1. O día 11 de novembro de 2024, a empresa promotora solicitou a emisión da acta de posta en servizo da instalación de distribución eléctrica mencionada. O obxecto do proxecto é substituír a aparellaxe actual en mal estado, no CT Sindicais Catabois-15CFA1 (IN407A 2016/1597-1).
2. A promotora solicita acollerse ao artigo 53.2 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e ao establecido na Instrución 1/2023, do 2 de novembro, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se modifica a Instrución 2/2020, do 26 de agosto, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, sobre a tramitación administrativa de modificacións de instalacións eléctricas de alta tensión de transporte, distribución ou instalacións de conexión de xeradores: consideración das actuacións do proxecto como modificación non substancial, coa conseguinte exención da necesidade de obter autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción.
3. Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado Adecuación CT Sindicais Catabois (15CFA1) para substitución de celas MT, asinado o día 18.4.2023 por Victoriano González Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, nº colexiado 2.980 de Vigo, e o anexo 2, asinado polo mesmo enxeñeiro o 17.12.2024.
4. O proxectista realiza declaración responsable, segundo o establecido no número 1.b) do artigo 53 da dita Lei 24/2013, e na Resolución do 19 de febreiro de 2014 da Consellería de Economía e Industria (DOG do 19, de marzo).
5. O proxecto está exento do trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
En cumprimento do artigo 46.e) da dita lei, o solicitante declara que o proxecto non afecta novos bens e dereitos de propiedade particular.
6. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a empresa presenta a autorización ao proxecto emitida polo Concello de Ferrol como entidade afectada.
7. O proxectista presenta a seguinte declaración responsable en relación coas obrigas relacionadas coa Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental: «O proxecto técnico denominado Proxecto para adecuación CT Sindicais Catabois (15CFA1) para substitución de celas MT (Ferrol) no concello de Ferrol, non se encontra incluído en ningún dos anexos I e II do Real decreto 445/2023 por tratarse dunha liña subterránea de media tensión que discorre na súa totalidade por solo urbanizado, polo que non require avaliación ambiental e ao non estar incluído no resto de supostos da Lei 21/2013, do 9 de decembro, o proxecto está exento de tramitación ambiental».
9. O día 19.12.2024 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación:
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
• Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas
As instalacións obxecto deste expediente están situadas na rúa Carballo, San Pablo, no concello de Ferrol, e as súas características técnicas son as seguintes:
1. Instálase un centro de transformación compacto sen envolvente, telecontrolado na cela de saída, GSM/GPRS/FO 2L+1P de 630 kVA/15 kV no interior da caseta actual.
2. Adecúase a obra civil interior da caseta para albergar a aparellaxe instalada (bancada, canles e foso de aceite).
3. Substitúese a porta de acceso actual por unha nova con ventilación inferior e superior. Refórzase o oco da porta cunha viga superior.
4. Desmontase a aparellaxe convencional, trafo, cadro e ampliación de baixa tensión.
5. Substitúese a liña SMR711 existente realizando un novo paso aéreo-soterrado na fachada traseira do CT e canalízase, xunto coa SMR723, ata a arqueta executada diante do CT, na cal a SMR711 se leva á cela 1 e aprovéitase o cable existente para entroncalo na cela 3.
6. Realízanse labores de obra civil consistentes na reparación da cuberta e no pintado exterior e interior e recebo de paredes.
Cuarta. O informe emitido polos servizos técnicos deste departamento territorial observa que a actuación descrita no número 5 da epígrafe Características técnicas ten a consideración de modificación substancial de acordo coa Instrución 1/2023, de modo que o proxecto non está exento da necesidade de obter autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción, indicando que non se atopa impedimento para emitir a autorización administrativa previa e de construción das instalacións electromecánicas proxectadas.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.
2. A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
3. Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 19 de decembro de 2024
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
