DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Xoves, 26 de decembro de 2024 Páx. 67563

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 2 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para proxectos de creación, produción, promoción e difusión musical e se procede á convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT207L).

BDNS (Identif.): 803868.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán optar a estas subvencións todas as empresas e as persoas traballadoras autónomas con sucursal, ou oficina permanente, de polo menos un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade habitual en Galicia e que se dediquen ao management de artistas ou formacións musicais ou a edición fonográfica.

Enténdese por management a xestión, promoción, asesoramento e planificación da carreira profesional de artistas e formacións musicais nun mercado profesional e competitivo.

Enténdese por edición fonográfica a fixación de audio nun soporte para a súa comunicación ou publicación.

Segundo. Finalidade

Determinar as condicións polas cales se regulará a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais para proxectos de creación, produción, promoción e difusión musical

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 2 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para proxectos de creación, produción, promoción e difusión musical e se procede á convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT207L).

Cuarto. Importe

As axudas obxecto desta convocatoria imputaranse aos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais para 2025 e 2026, por importe total de 150.000 € na aplicación 13.A1.432B.770.0, código de proxecto 2015 00003 coa distribución plurianual seguinte:

Anualidade 2025: 75.000 €.

Anualidade 2026: 75.000 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2024

José Carlos López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais