DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Luns, 30 de decembro de 2024 Páx. 68581

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 13 de decembro de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo sobre o deslindamento parcial realizado entre as comunidades de montes veciñais en man común de Ribeira e Crecente (concello de Crecente), ao respecto da estrema común dos seus montes (expediente DC22022).

Para os efectos previstos no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade ao acordo adoptado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, o 27 de novembro de 2024, en relación co deslindamento parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común de Ribeira e Crecente (concello de Crecente), ao respecto da estrema común dos seus montes (expediente DC22022).

Feitos:

Primeiro. O 23.9.2022, o representante da comunidade de montes veciñais en man común (en diante CMVMC) de Ribeira presentou no rexistro electrónico da Xunta de Galicia, co núm. de entrada 2022/2341033, solicitude de deslindamento entre a CMVMC de Ribeira e a CMVMC de Crecente (Crecente).

Os montes veciñais en man común (en diante MVMC) afectados por este deslindamento son:

– MVMC de Chan da Ribeira e outros (ID: 2623) da CMVMC de Ribeira.

– MVMC de Requiáns, Cernadas e Agüeiros (ID: 2618) da CMVMC de Crecente.

Segundo. Consta no expediente a seguinte documentación do deslindamento consonte o artigo 53 da Lei 7/2012:

– Acta do apeo do deslindamento do 17.6.2019.

– Acta de conciliación núm. 02/2022, do Xulgado de Paz de Crecente, do 27.10.2022.

– Certificado do secretario da CMVMC de Crecente, coa conformidade do presidente do 10.8.2022, da aprobación na asemblea do 2.11.2019.

– Certificado da secretaria da CMVMC de Ribeira, coa conformidade do presidente do 5.9.2022, da aprobación en Asemblea do 4.9.2022.

– Memoria descritiva co plano de deslindamento e cartografía en formato dixital no Datum ETRS89/UTM zona 29N EPSG: 25829, asinado o 12.4.2024 pola enxeñeira técnica forestal colexiada núm. 908 do COETF de Galicia, que modifica a memoria inicialmente presentada asinada o 21.9.2022. As emendas posteriores modifican esta.

– Informe de validación gráfica catastral con CSV: EMCA1YSS2E1KM6HF (para a comunicación da alteración catastral consonte o artigo 55.3 da Lei 7/2012), que polo principio de colaboración entre administracións deberá verificar a Xerencia Territorial do Catastro.

Terceiro. A liña de deslindamento proposta ten unha lonxitude de 167 metros e está composta polos seguintes puntos:

Punto 1 – x: 564.455,83 y: 4.666.894,73.

Punto 2 – x: 564.406,66 y: 4.666.866,10.

Punto 3 – x: 564.347,05 y: 4.666.839,34.

Punto 5 – x: 564.068,48 y: 4.666.687,97.

Punto 6 – x: 564.028,94 y: 4.666.666,54.

Na memoria presentada describe como puntos de deslindamento o punto 4 (564.177,26; 4.666.747,35) e o punto 5.1 (x: 563.837,09 y: 4.666.561,71); neses puntos non queda xustificada a estrema entre ambas as comunidades. Polo tanto, estes puntos non forman parte do deslindamento.

Revisada a cartografía das resolucións de clasificación de ambos os MVMC, detéctase que existe estrema entre ambos e considérase que non afecta terceiros propietarios.

O deslindamento está formado por dous tramos:

– Tramo 1: punto 1 – punto 2 – punto 3.

– Tramo 2: punto 5 – punto 6.

A liña do deslindamento produce modificacións na cartografía dos esbozos de clasificación das seguintes comunidades:

– CMVMC de Ribeira: o expediente de revisión de esbozo RE22014 xa recolle o deslindamento actual.

– CMVMC de Crecente: deberá proceder, mediante algún dos expedientes recollidos na lexislación, para adaptar as superficies actualmente recollidas no Rexistro de MVMC de Pontevedra coas realmente pertencentes á comunidade.

O Servizo de Montes considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53, polo que propón a aprobación do deslindamento segundo a liña presentada.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A presente resolución dítase de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que hai que seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e consideracións legais e técnicas expostos, o Xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar o deslindamento parcial realizado entre a CMVMC de Ribeira e a CMVMC de Crecente (Crecente), respecto da súa estrema común, nos termos indicados no feito terceiro.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto no artigo 123 e 124 Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 13 de decembro de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra