DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Luns, 30 de decembro de 2024 Páx. 68329

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO da Orde do 17 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal para a implantación de recollidas separadas de biorresiduos, aceites de cociña usados e téxtiles, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextgenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva por anticipado de gasto para o ano 2025 (código de procedemento MT975T).

BDNS (Identif.: 803728).

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pódese consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias as entidades locais municipais, supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia, de conformidade coas competencias que lle correspondan en materia de xestión de residuos, que cumpran os requisitos establecidos para cada unha das liñas subvencionables sinaladas nesta orde.

2. Tendo en conta o anterior, as entidades locais poderán formular solicitudes de subvención ben de forma individual ou ben de forma agrupada con outras entidades locais que reúnan estes mesmos requisitos. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, observarase o establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en particular, a identificación dos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, do importe de subvención que se aplicaría a cada un deles que terán, igualmente, a condición de entidade beneficiaria, así como en relación co necesario nomeamento da entidade local que actuará como representante da agrupación para cumprir as obrigas que, como entidade beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

Os concellos agrupados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que, para poder conceder a subvención solicitada, todos eles teñen que cumprir os requisitos, condicións, obrigas e compromisos establecidos nesta orde.

3. Unha entidade local non pode concorrer á convocatoria de maneira simultánea para a mesma actuación de maneira individual e a través da entidade supramunicipal ou agrupación da que se integre. De darse o caso, non se admitirá a solicitude que, de conformidade coa data de presentación, fose posterior no tempo.

4. Para poder ser entidade beneficiaria desta axuda, as entidades locais deberán ter presentadas as contas a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, do exercicio orzamentario que corresponda, no Consello de Contas de Galicia.

5. Non poderán ter a condición de entidades beneficiarias aquelas nas que concorra algunha das prohibicións previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas ás entidades locais e agrupacións de entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, en concreto, as previstas para á implantación, ampliación e/ou mellora da recollida separada dos biorresiduos ou da compostaxe in situ, implantación e ou mellora da recollida separada de aceite de cociña usado e téxtiles, ao tempo que se fai pública a súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2025 (código de procedemento MT975T).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 17 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal para a implantación de recollidas separadas de biorresiduos, aceites de cociña usados e téxtiles, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextgenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva por anticipado de gasto para o ano 2025 (código de procedemento MT975T).

Cuarto. Crédito e contía

1. As axudas convocadas ao abeiro desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 06.03.541D.760.1 (código de proxecto 2023 000229) correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025 procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, cun importe total de nove millóns douscentos mil euros (9.200.000,00 €), coa seguinte distribución:

Liñas de axudas

Aplicación orzamentaria

Código proxecto

Ano 2025

Liña 1: recollida biorresiduos destinados a instalacións

06.03.541D.760.1

2023 00229

4.400.000,00 €

Liña 2: separación de biorresiduos para compostaxe

4.400.000,00 €

Liña 3: proxectos recollida separada de aceite de cociña

200.000,00 €

Liña 4: proxectos de recollida de residuos téxtiles

200.000,00 €

Total

9.200.000,00 €

2. O financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nesta orde de axudas non excederá o 90 % do custo subvencionable. A porcentaxe restante será asumida pola entidade beneficiaria cos seguintes importes máximos de subvención:

a) Liña 1: o importe máximo da subvención (excluída a adquisición de camión para recollida de biorresiduos) por entidade establécese en función dos habitantes do concello (INE 2023) a razón de 5 €/habitante, ata o esgotamento do crédito a que se refire o presente artigo. No caso de que o concello solicite axuda para a adquisición do concepto subvencionable «Camións para a recollida de biorresiduos» o importe solicitado non se detraerá da contía máxima da axuda correspondente da entidade en función do número de habitantes, o importe máximo para cada un dos camións solicitados será de 300.000 €.

b) Liña 2: o importe máximo da subvención por entidade establecese en función dos habitantes do concello (INE 2023) a razón de 4,5 €/habitante, ata o esgotamento do crédito a que se refire o presente artigo.

c) Liña 3: o importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 50.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse, no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, en 10.000 € máis por cada entidade participante a maiores da que figure na solicitude, ata un máximo de 80.000 €.

d) Liña 4: o importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 50.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local en 10.000 € máis por cada entidade participante a maiores da que figure na solicitude, ata un máximo de 80.000 €.

3. Para o caso de que nalgunha das liñas as solicitudes beneficiarias non resultasen suficientes para esgotar os fondos dispoñibles, o crédito sobrante poderá destinarse á cobertura de solicitudes das outras liñas, sendo prioritarias as solicitudes correspondentes a liña 1, en segundo lugar as da liña 2, en terceiro lugar as da liña 3 e en cuarto lugar as da liña 4.

4. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, así como no caso de transferencias de crédito ao ser o procedemento de concesión da subvencións o previsto no artigo 19.2 da lei de subvencións de Galicia.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Esta ampliación publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

5. Unha vez esgotadas as contías máximas fixadas nestas bases, no punto 1 deste artigo, así como, de ser o caso, as ampliacións de crédito efectuadas, e de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007 e do artigo 32 do seu Regulamento, publicarase o esgotamento das contías no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://sirga.xunta.gal/, e acordarase a inadmisión das solicitudes posteriores.

6. En aplicación do disposto nos artigos 67.1 e 67.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, nos cales se recolle a tramitación anticipada de expedientes de gasto con cargo aos fondos do MRR,no caso de que os expedientes se tramiten con anterioridade á aprobación do Proxecto de lei de orzamentos da Comunidade Autónoma, o órgano xestor deberá emitir un informe en que se faga constar que existe crédito adecuado e suficiente para o gasto que se pretende efectuar. A concesión destas axudas queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes (1 mes) e iniciarase en 7 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes poderanse presentar dende as 12.00 horas do referido día.

En todo caso, non se admitirán a trámite e se ditará resolución de inadmisión e arquivo daquelas solicitudes que se presenten fora do prazo establecido.

Sexto. Outros datos

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, http://sede.xunta.gal (código de procedemento MT975T). Este formulario xúntase como anexo I a estas bases.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2024

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático