O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29.1, atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1.7 da Constitución española, a competencia de execución da lexislación do Estado en materia laboral, a cal asume as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.
O Decreto 147/2024, do 20 de maio, establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e atribúelle a esta consellería a competencia nas materias de emprego e relacións laborais e, a través da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, correspóndelle, entre outras, a execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia de relacións laborais e saúde laboral.
O artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, regula o dereito e a obriga dos cidadáns de relacionarse electronicamente coas administracións públicas, sobre a base da liberdade das persoas físicas para elixir se estas comunicacións as realizan a través de medios electrónicos ou non, salvo que estean obrigadas a facelo.
O artigo 14.2 establece a obrigatoriedade para determinados suxeitos de relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas. Así mesmo, no seu artigo 12.1 dispón que as administracións públicas deberán garantir que os interesados se poidan relacionar coa Administración a través de medios electrónicos, para o cal poñerán á súa disposición as canles de acceso que sexan necesarios, así como os sistemas e as aplicacións que en cada caso se determinen. Neste sentido, o seu artigo 66.6 regula a posibilidade de establecer modelos normalizados de presentación de solicitudes que ademais, no dito caso, serán de uso obrigatorio polos interesados.
A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, no seu artigo 10 amplía a obrigatoriedade do emprego dos medios electrónicos aos traballadores autónomos e traballadoras autónomas para os trámites e actuacións que realicen no exercicio da súa actividade profesional.
O número 3 do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, sinala que, regulamentariamente, as administracións poderán establecer a obrigatoriedade de relacionarse con elas a través de medios electrónicos para certos procedementos e colectivos de persoas físicas que, por razón da súa capacidade económica, técnica, dedicación profesional ou outros motivos, quede acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.
Idéntica redacción dáse no artigo 16.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, á posibilidade de regular regulamentariamente a obriga de presentar determinados documentos por medios electrónicos. No mesmo sentido, o artigo 41.1 prevé a posibilidade de que regulamentariamente se estableza a obriga de efectuar electronicamente as notificacións cando concorran as mesmas circunstancias.
O artigo 2 do Real decreto 1627/1997, do 24 de outubro, polo que se establecen disposicións mínimas de seguridade e saúde nas obras de construción, define a figura da persoa contratista como aquela persoa física ou xurídica que asume contractualmente ante a persoa promotora, con medios humanos e materiais, propios ou alleos, o compromiso de executar a totalidade ou parte das obras con suxeición ao proxecto e ao contrato. Así mesmo, o número 2 deste mesmo artigo dispón que o contratista a que se refire este real decreto terá a consideración de empresario para os efectos previstos na normativa de prevención de riscos.
Por outra parte, este procedemento está directamente relacionado coa apertura de centros de traballo regulado a través da Orde TIN/1701/2010, do 27 de abril, sobre os requisitos e datos que deben reunir as comunicacións de apertura ou de restablecemento de actividades nos centros de traballo e que obriga a persoa contratista a comunicalle á autoridade laboral as aperturas de centros de traballo nas obras de construción.
Neste contexto, pode garantirse que o colectivo que aspira á habilitación do libro de subcontratación, para poder subcontratar nas obras de construción, conta con capacidade económica, técnica e profesional necesarias e dispón de medios electrónicos adecuados para presentar a solicitude e a documentación requirida, así como para recibir as notificacións electrónicas necesarias da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Outros factores como a elevada demanda deste procedemento, así como a súa deslocalización, ao acceder a este desde puntos moi distantes das capitais de provincia da Comunidade Autónoma, apoian a necesidade de garantir que as solicitudes, comunicacións e notificacións se realicen electronicamente para facilitar unha xestión eficiente, rápida e segura do procedemento.
Cabe mencionar que esta orde se axusta aos principios de boa regulación contidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, mentres que esta persegue o interese xeral ao facilitar a tramitación dos procedementos e a súa celeridade.
Por outra banda, á vista do establecido na Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, resulta imprescindible adaptar o modelo do libro de subcontratación que figura como anexo III do Real decreto 1109/2007, do 24 de agosto, polo que se desenvolve a Lei 32/2006, do 18 de outubro, reguladora da subcontratación no sector da construción, ás novas exixencias, establecendo o modelo telemático de solicitude de habilitación do libro de subcontratación, para os efectos regulados na normativa vixente.
O proxecto de orde foi obxecto de informe por parte dos órganos con competencias horizontais en materia de administración electrónica, avaliación e reforma administrativa.
En consecuencia, no exercicio das atribucións conferidas de conformidade co disposto no artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
Aprobar e dar publicidade ao modelo de solicitude de habilitación do libro de subcontratación nas obras de construción (procedemento TR350D) na Comunidade Autónoma de Galicia para a súa presentación por medios electrónicos.
Artigo 2. Solicitantes
Solicitarán a habilitación do libro de subcontratación aquelas persoas físicas ou xurídicas que teñan a condición de contratistas e farano, con carácter previo á subcontratación cun subcontratista ou traballador autónomo de parte da obra que teña contratada.
Os promotores que contraten directamente traballadores autónomos para a realización da obra ou de determinados traballos dela tamén solicitarán o libro de subcontratación por ter a consideración de contratistas segundo a disposición adicional segunda do Real decreto 1109/2007, do 24 de agosto, polo que se desenvolve a Lei 32/2006, do 18 de outubro, reguladora da subcontratación no sector da construción.
Artigo 3. Requisitos
Para solicitar a habilitación do libro de subcontratación, a persoa contratista deberá estar inscrita no Rexistro de Empresas Acreditadas como contratista ou subcontratista no sector da construción, dependente da autoridade laboral do territorio da Comunidade Autónoma onde radique o domicilio social da empresa contratista. Exceptúase deste requisito previo o promotor que contrate directamente traballadores autónomos para a realización da obra ou de determinados traballos desta.
A persoa contratista deberá ter comunicado previamente a apertura ou restablecemento da actividade de centros de traballo en obras de construción.
Artigo 4. Presentación
1. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá emplearse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (http://sede.xunta.gal/chave365).
Artigo 5. Documentación complementaria
1. No caso de habilitación do libro de subcontratación por causa de perda ou destrución:
– Declaración responsable da persoa contratista.
2. No caso de habilitación do libro de subcontratación por esgotamento do libro anterior:
– Copia da última páxina de anotación do libro anterior.
3. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se deban presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 6. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– Documento acreditativo da personalidade da persoa solicitante, consistente no NIF no caso de persoas xurídicas e DNI/NIE da persoa solicitante.
– DNI/NIE da persoa representante.
– NIF da entidade representante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Artigo 7. Dilixencia de habilitación do libro de subcontratación
A autoridade laboral correspondente á provincia en que se execute a obra, unha vez verificado que a solicitude reúne todos os requisitos, emitirá a dilixencia do libro de subcontratación, que se deberá axustar ao modelo que figura como anexo III do Real decreto 1109/2007, do 24 de agosto, polo que se desenvolve a Lei 32/2006, do 18 de outubro, reguladora da subcontratación no sector da construción.
Artigo 8. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema enviaralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Disposición adicional. Actualización dos modelos normalizados
De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado nesta disposición poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. A estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día 2 de xaneiro de 2025.
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2024
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
