A Xunta de Galicia ten atribuídas competencias sobre as estradas cuxo itinerario se desenvolva integramente no seu territorio, en virtude do artigo 27.8 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia.
Entre outras, a Xunta de Galicia é titular das autoestradas de peaxe A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57), que teñen o seu percorrido dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. A explotación destas autoestradas corresponde a Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria de la Xunta de Galicia, S.A. (a sociedade concesionaria) en virtude da concesión administrativa para a construción, conservación e explotación das autoestradas de peaxe A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57), adxudicada á súa promotora por Decreto 23/1995, do 20 de xaneiro.
O contrato de concesión réxese polos pregos que regulan a súa adxudicación, pola Lei 8/1972, do 10 de maio, de construción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión, e polo Decreto 215/1973, do 25 de xaneiro, polo que se aproba o prego de cláusulas xerais para a construción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión, e demais normas do dereito administrativo.
A planificación que está a levar a cabo a Xunta de Galicia en materia de estradas ten como obxectivos ordenar e xerarquizar a rede autonómica de estradas, coordinar as iniciativas das distintas administracións, completar as comunicacións de Galicia co seu contorno, mellorar a accesibilidade ás cidades, aos espazos urbanos principais e ás grandes áreas industriais e loxísticas, integrando a seguridade viaria como criterio básico desde o propio deseño da infraestrutura; pretende facilitar a mobilidade da poboación, favorecendo un tránsito fluído, eficaz e seguro de persoas e mercadorías na Comunidade Autónoma.
Así mesmo, a Comunidade Autónoma de Galicia é consciente da necesidade dunha abordaxe máis profunda dos efectos derivados do cambio demográfico e da oportunidade do momento actual para facelo. Xestionar con éxito o reto demográfico a que se enfronta Galicia implica adoptar novos enfoques e traballar de xeito conxunto e con visión de futuro, tanto o sector público autonómico como as administracións locais e os axentes económicos e sociais.
A Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, ten o obxectivo de servir como marco e orientación das actuacións en materia demográfica xa que as repercusións que derivan do cambio demográfico implican a necesidade de incorporar a perspectiva demográfica no deseño e desenvolvemento de todas as políticas públicas.
O capítulo segundo do título II da citada lei regula o apoio ás familias co obxectivo de apoiar e promover o libre desenvolvemento das familias e favorecer que as persoas poidan levar a cabo o seu proxecto familiar en Galicia, así como ter o número de fillos e fillas que desexen. Con esta finalidade desenvólvense medidas de apoio específico ás familias numerosas en atención a súa especial contribución á sociedade, dada a súa achega á remuda xeracional.
O artigo 39 da lei sinala que a Administración autonómica establecerá bonificacións nas peaxes das autoestradas da súa titularidade e preverá a aplicación de prezos reducidos para estas familias nas licitacións de contratos ou concesións que inclúan a xestión de prazas de aparcadoiro nos hospitais públicos e centros dependentes dela.
Neste marco, considérase conveniente seguir adoptando medidas que teñan por obxecto bonificar o importe das peaxes polo uso das autoestradas autonómicas incorporando ás medidas xa adoptadas a regulación dunha bonificación específica para as familias numerosas.
O 30.12.2015 foi asinado un convenio entre a Xunta de Galicia e Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria de la Xunta de Galicia, S.A., polo que se regula a bonificación da peaxe das autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57). O obxecto deste convenio era fixar as bases para a colaboración entre a Xunta de Galicia e a sociedade concesionaria na aplicación de bonificacións por frecuencia de uso das peaxes vixentes nas autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57), e o pagamento pola Xunta de Galicia á sociedade concesionaria dos importes que deriven desta medida.
O 24.9.2019 foi asinada unha addenda ao dito convenio, en que se ampliou o seu obxecto para incorporar descontos por treito horario de uso aplicables ás peaxes das autoestradas autonómicas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57).
O 1.1.2020 asinouse un novo convenio co obxecto de dar continuidade ás bonificacións reguladas ata o 31.12.2023.
O Decreto 117/2021, do 29 de xullo, aprobou o texto consolidado e a addenda ao convenio entre a Xunta de Galicia e Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria de la Xunta de Galicia, S.A., polo que se regulan as bonificacións da peaxe das autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57). O obxecto da modificación do convenio foi materializar unha nova bonificación específica destinada ás familias numerosas e redefinir a aplicación dos descontos na viaxe de volta (viaxes realizadas nas 24 h). O documento foi asinado o 10.8.2021.
O Decreto 172/2021, do 23 de decembro, aprobou o texto consolidado e a addenda ao convenio entre a Xunta de Galicia e Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria de la Xunta de Galicia, S.A., polo que se establece a achega extraordinaria para mitigar o impacto da subida de tarifas do ano 2022 e se regulan as bonificacións da peaxe das autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57). O novo convenio foi asinado o 29 de decembro de 2021.
O Decreto 218/2022, do 22 de decembro, prorrogou a medida anterior durante o ano 2023 regulando a limitación das peaxes que debían asumir os usuarios co obxecto de que non experimentasen ningunha variación respecto do ano 2022. O texto consolidado e a addenda foi asinado o 28 de decembro de 2022.
O Decreto 155/2023, do 14 de decembro, aproba o convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria da Xunta de Galicia, S.A., polo que se establece a achega extraordinaria para mitigar o impacto da subida de tarifas no ano 2024 e se regulan as bonificación da peaxe das autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57). O convenio foi asinado o 29 de decembro de 2023 e estende a súa vixencia ata o 31.12.2026.
Tendo en conta a actual evolución do IPC, a Xunta de Galicia considera necesario regular unha medida para mitigar o impacto da suba de tarifas de tal forma que as peaxes que asuman os usuarios o vindeiro ano 2025 se sitúen por debaixo das que resulten da revisión tarifaria contractual (aplicación do Real decreto 210/1990, do 16 de febreiro, e coa redacción dada mediante o Decreto 100/2008, do 17 de abril, da Xunta de Galicia).
A Xunta de Galicia considera de interese público estender a vixencia das bonificacións da peaxe por frecuencia de uso, treito horario de uso e para familias numerosas ata o 31.12.2026, así como o mantemento do importe das tarefas sen repercutir o incremento do IPC durante o ano 2025 regulando os termos da súa aplicación mediante o presente convenio coa sociedade concesionaria.
Na súa virtude, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, co informe da Consellería de Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de decembro de dous mil vinte e catro,
DISPOÑO
Artigo único. Aprobación do texto do convenio
Aprobar o texto consolidade e a addenda ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria de la Xunta de Galicia, S.A., polo que se establecen as achegas extraordinarias para mitigar o impacto da subida das tarifas dos anos 2024 e 2025 e se regulan as bonificacións da peaxe das autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG57).
Publícase o texto consolidado e a addenda como anexo.
Disposición derradeira. Efectividade
Este decreto producirá efectos desde o 1 de xaneiro de 2025.
Santiago de Compostela, vinte e tres de decembro de dous mil vinte e catro
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
TEXTO CONSOLIDADO E ADDENDA AO CONVENIO ENTRE A XUNTA DE GALICIA E AUTOESTRADAS DE GALICIA, AUTOPISTAS DE GALICIA, CONCESIONARIA DE LA XUNTA DE GALICIA, S.A. POLO QUE SE ESTABLECEN AS ACHEGAS EXTRAORDINARIAS PARA MITIGAR O IMPACTO DA SUBIDA DE TARIFAS DOS ANOS 2024 E 2025 E SE REGULAN AS BONIFICACIÓNS DA PEAXE DAS AUTOESTRADAS A CORUÑA-CARBALLO (AG-55) E PUXEIROS-VAL MIÑOR (AG-57)
REUNIDOS
Dunha parte, María Martínez Allegue, presidenta da Axencia Galega de Infraestruturas, facultada para a formalización deste convenio polo Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega de Infraestruturas.
E doutra, José César Canal Fernández, en nome e representación de Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria de la Xunta de Galicia, S.A., que está facultado para a formalización da presente addenda en virtude do acordo do Consello de Administración adoptado na súa xuntanza do 25.11.2024.
Ambas as partes recoñécense reciprocamente a súa capacidade para celebrar este convenio e
MANIFESTAN
I
A Xunta de Galicia ten atribuídas competencias sobre as estradas cuxo itinerario se desenvolva integramente no seu territorio, en virtude do artigo 27.8 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia.
Entre outras, a Xunta de Galicia é titular das autoestradas de peaxe A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57), que teñen o seu percorrido dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
II
A explotación destas autoestradas corresponde a Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria de la Xunta de Galicia, S.A. (a sociedade concesionaria) en virtude da concesión administrativa para a construción, conservación e explotación das autoestradas de peaxe A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57), adxudicada á súa promotora por Decreto 23/1995, do 20 de xaneiro.
O contrato de concesión réxese polos pregos que regulan a súa adxudicación, pola Lei 8/1972, do 10 de maio, de construción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión, e polo Decreto 215/1973, do 25 de xaneiro, polo que se aproba o prego de cláusulas xerais para a construción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión, e demais normas do dereito administrativo.
III
A planificación que está a levar a cabo a Xunta de Galicia en materia de estradas ten como obxectivos ordenar e xerarquizar a rede autonómica de estradas, coordinar as iniciativas das distintas administracións, completar as comunicacións de Galicia co seu contorno, mellorar a accesibilidade ás cidades, aos espazos urbanos principais e ás grandes áreas industriais e loxísticas, integrando a seguridade viaria como criterio básico desde o propio deseño da infraestrutura; pretende facilitar a mobilidade da poboación, favorecendo un tránsito fluído, eficaz e seguro de persoas e mercadorías na Comunidade Autónoma.
Así mesmo, a Comunidade Autónoma de Galicia é consciente da necesidade dunha abordaxe máis profunda dos efectos derivados do cambio demográfico e da oportunidade do momento actual para facelo. Xestionar con éxito o reto demográfico a que se enfronta Galicia implica adoptar novos enfoques e traballar de xeito conxunto e con visión de futuro, tanto o sector público autonómico como as administracións locais e os axentes económicos e sociais. A Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, ten o obxectivo de servir como marco e orientación das actuacións en materia demográfica xa que as repercusións que derivan do cambio demográfico implican a necesidade de incorporar a perspectiva demográfica no deseño e desenvolvemento de todas as políticas públicas.
O capítulo segundo do título II da devandita lei regula o apoio ás familias co obxectivo de apoiar e promover o libre desenvolvemento das familias e favorecer que as persoas poidan levar a cabo o seu proxecto familiar en Galicia, así como ter o número de fillos e fillas que desexen. Con esta finalidade desenvólvense medidas de apoio específico ás familias numerosas en atención a súa especial contribución á sociedade, dada a súa aportación á remuda xeracional.
Polo que, o artigo 39 establece que a Administración autonómica establecerá bonificacións nas peaxes das autoestradas da súa titularidade e preverá a aplicación de prezos reducidos para estas familias nas licitacións de contratos ou concesións que inclúan a xestión de prazas de aparcadoiro nos hospitais públicos e centros dependentes dela.
Neste marco, considérase conveniente seguir adoptando medidas que teñan por obxecto bonificar o importe das peaxes polo uso das autoestradas autonómicas incorporando ás medidas xa adoptadas a regulación dunha bonificación específica para as familias numerosas.
IV
Con data do 30 de decembro de 2015 foi asinado un convenio entre a Xunta de Galicia e Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria de la Xunta de Galicia, S.A., polo que se regula a bonificación da peaxe das autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57).
No citado convenio estableceuse que o seu obxecto era fixar as bases para a colaboración entre a Xunta de Galicia e a sociedade concesionaria na aplicación de bonificacións por frecuencia de uso das peaxes vixentes nas autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57), e o pagamento pola Xunta de Galicia á sociedade concesionaria dos importes que deriven desta medida.
O 24 de setembro de 2019 foi asinada unha addenda ao dito convenio, en que se ampliou o seu obxecto para incorporar descontos por treito horario de uso aplicables ás peaxes das autoestradas autonómicas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57).
O 1 de xaneiro de 2020 asinouse un novo convenio co obxecto de dar continuidade ás bonificacións reguladas ata o 31 de decembro de 2023.
Mediante o Decreto 117/2021, do 29 de xullo, aprobouse o texto consolidado e a addenda ao convenio entre a Xunta de Galicia e Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria de la Xunta de Galicia, S.A., polo que se regulan as bonificacións da peaxe das autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57).
O obxecto da modificación do convenio foi materializar unha nova bonificación específica destinada ás familias numerosas e redefinir a aplicación dos descontos na viaxe de volta (viaxes realizadas nas 24 h).
O novo convenio foi asinado o 10 de agosto de 2021.
Tal e como se recolle na vixencia do Decreto 218/2022, do 22 de decembro, polo que se aproba o texto consolidado e a addenda ao convenio entre a Xunta de Galicia e Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria de la Xunta de Galicia, S.A., polo que se establecen as achegas extraordinarias para mitigar o impacto da suba de tarifas dos anos 2022 e 2023 e se regulan as bonificacións da peaxe das autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57), as devanditas bonificacións eran de aplicación ata o 31 de decembro de 2023.
A Xunta de Galicia estimou de interese público estender a vixencia das bonificacións da peaxe por frecuencia de uso, treito horario de uso e para familias numerosas ata o 31 de decembro de 2026 regulando os termos da súa aplicación mediante o convenio asinado coa sociedade concesionaria o 29 de decembro de 2023.
V
O Plan estratéxico de Galicia 2022-2030 é o documento que impulsa a senda da recuperación económica, facendo da nosa comunidade un territorio máis atractivo para traballar, investir e convivir.
Por esta razón, os orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia impulsan, entre outras, as accións destinadas a mellorar as infraestruturas de transporte, no marco dos eixes prioritarios de actuación que contribuirán ao modelo de crecemento económico formulado.
A medida prevista para regular a limitación das peaxes que aboarían os usuarios das autoestradas de titularidade autonómica durante o ano 2022 cumpriría os obxectivos marcados nos orzamentos de Galicia. Esta medida debería contribuír a contrarrestar os efectos da crise e incrementar a competitividade. Así mesmo, trátase dunha acción que mellorará o funcionamento da rede de infraestruturas de transporte.
Por isto, mediante o Decreto 172/2021, do 23 de decembro, aprobouse o texto consolidado e a addenda ao convenio entre a Xunta de Galicia e Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria de la Xunta de Galicia, S.A., polo que se establece a achega extraordinaria para mitigar o impacto da subida de tarifas do ano 2022 e se regulan as bonificacións da peaxe das autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57).
O novo convenio foi asinado o 29 de decembro de 2021.
Mediante o Decreto 218/2022, do 22 de decembro, prorrogouse a medida anterior durante o ano 2023 regulando a limitación das peaxes que debían asumir os usuarios co obxecto de que non experimentasen ningunha variación respecto do ano 2022.
O texto consolidado e a addenda foi asinado o 28 de decembro de 2022.
Tendo en conta a evolución do IPC, a Xunta de Galicia considerou necesario prorrogar de novo a medida anterior durante o ano 2024 polo que se regulou a limitación das peaxes que debía asumir o usuario no devandito exercicio co obxecto de que non experimentasen ningunha variación respecto do ano 2023.
O novo convenio asinado o 29 de decembro de 2023 estendeu a vixencia das medidas expostas ata o 31.12.2026 e recolleu unha achega extraordinaria para compensar o incremento do IPC das peaxes en 2024.
Tendo en conta a actual evolución do IPC, a Xunta de Galicia considera necesario regular unha medida para mitigar o impacto da suba de tarifas de tal forma que as peaxes que asuman os usuarios o vindeiro ano 2025 se sitúen por debaixo das que resulten da revisión tarifaria contractual (aplicación do Real decreto 210/1990, do 16 de febreiro, e coa redacción dada mediante o Decreto 100/2008, do 17 de abril, da Xunta de Galicia).
VI
Na cláusula 6.6 do actual convenio establécese o importe anual máximo da compensación no exercicio 2024 correspondente ás bonificacións por frecuencia de uso, por treito horario de uso e para familias numerosas, o cal ascende a 1.365.000 euros.
Na súa cláusula 6.7, Consignación orzamentaria, recóllese que a Xunta de Galicia aboará o importe da compensación con cargo á partida orzamentaria 08.A1.512B.4700 (código de proxecto 2010 00340).
Segundo o disposto na cláusula 7 do convenio, a sociedade concesionaria debe remitir á Axencia Galega de Infraestruturas as súas solicitudes de pagamento mensuais para proceder á súa comprobación e tramitación, recollendo os importes derivados da aplicación das bonificacións aos tránsitos correspondentes a cada mes natural.
Unha vez analizada a evolución da facturación de Autoestradas de Galicia, C.X.G., S.A, ata a data actual, considerouse que a Axencia Galega de Infraestruturas terá que facer fronte aos seus compromisos de gastos relativos ao dito convenio derivados da facturación mensual de 2024 presentada pola sociedade concesionaria por un importe total de 1.500.000 € polo que, como consecuencia disto, procede a modificación da cláusula que establece os importes anuais máximos.
Polo que procede regularizar e actualizar o compromiso económico entre a Xunta de Galicia e Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria de la Xunta de Galicia, S.A. correspondentes ao ano 2024, así como revisar os límites correspondentes aos anos 2025 e 2026.
Dado que tanto a Administración autonómica como a sociedade concesionaria están interesadas en regular a colaboración para os fins mencionados.
ACORDAN:
Cláusula 1. Obxecto
O obxecto do presente convenio é fixar as bases para a colaboración entre a Xunta de Galicia e a sociedade concesionaria para regular as achegas extraordinarias para mitigar o impacto da subida de tarifas dos anos 2024 e 2025 e definir as bonificacións das peaxes nas autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57) que serán de aplicación ata o 31 de decembro de 2026, e o pagamento pola Xunta de Galicia á sociedade concesionaria dos importes que deriven destas medidas.
Existirán tres tipos de bonificacións:
– Bonificación por frecuencia de uso.
– Bonificación por treito horario de uso.
– Bonificación para familias numerosas de Galicia.
Cláusula 2. Definicións
Para os efectos do disposto na cláusula 4 e seguintes deste convenio:
a) Enténdese por bonificacións os descontos aplicados sobre as peaxes vixentes en cada momento que se establecen segundo o criterio de frecuencia de uso, o criterio de treito horario de uso e o criterio de familias numerosas.
b) Enténdese por OBE (On Board Equipment), un TAG ou transpondedor, é dicir, un dispositivo electrónico situado no interior do vehículo que contén os datos do titular do medio de pagamento e que dialoga cos equipamentos da peaxe da autoestrada para concluír a operación precisa en cada momento, e que cumpre cos requisitos do Real decreto 94/2006, do 3 de febreiro, polo que se regula a interoperabilidade dos sistemas de telepeaxe instalados nas estradas estatais.
c) Enténdese por traxecto de ida e volta entre dous enlaces da autoestrada o que ten igual orixe e destino; isto é, cando o vehículo entra na autoestrada por un enlace A, sae da autoestrada por un enlace B, entra de novo na autoestrada polo enlace B, e sae da autoestrada polo enlace A, sendo A e B dous enlaces calquera da autoestrada.
d) Enténdese que os traxectos teñen lugar en 24 horas cando o pagamento da viaxe de volta se realiza dentro dun prazo máximo de 24 horas desde o pagamento da viaxe de ida.
e) Enténdese que o termo «vehículos» incluirá os vehículos de todas as categorías I, II e III, recollidas no contrato concesional, isto é, lixeiros, pesados I e pesados II, excepto no caso das bonificacións para familias numerosas, que se entenderá referido unicamente á categoría de lixeiros.
f) Enténdese como «importe da peaxe» o importe total que pagará o usuario (IVE incluído, o tipo impositivo que estea vixente en cada momento de acordo coa normativa aplicable) antes da aplicación das bonificacións obxecto deste convenio.
g) Enténdese por treito horario nocturno o comprendido entre as 00.00 horas e as 6.00 horas.
h) Enténdese como «concorrencia de bonificacións» cando un dispositivo OBE ten dereito á aplicación tanto da bonificación por frecuencia de uso como por treito horario de uso ou como por familia numerosa para un mesmo traxecto.
i) A efectos deste convenio, enténdese por familia numerosa as familias que teñan recoñecida a dita condición no título oficial establecido para o efecto expedido pola Xunta de Galicia.
Cláusula 3. Achegas extraordinarias para mitigar o impacto da subida de tarifas dos anos 2024 e 2025
1. Peaxes para aplicar durante o ano 2024.
Co obxectivo de contrarrestar os efectos da crisis e incrementar a competitividade, a Axencia Galega de Infraestruturas realizará unha achega extraordinaria á sociedade concesionaria para mitigar o impacto da subida da peaxe do ano 2024 aos usuarios das autoestradas AG-55 e AG-57.
No período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 31 de decembro de 2024, a sociedade concesionaria manterá a aplicación das peaxes aprobadas para as autoestradas A Coruña-Carballo (AG 55) e Puxeiros-Val Miñor (AG 57) nas resolucións da Axencia Galega de Infraestruturas do 29 de decembro de 2021.
No marco do presente convenio, os usuarios beneficiaranse da anterior medida unicamente desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o 31 de decembro de 2024.
2. Peaxes para aplicar durante o ano 2025.
Co mesmo obxectivo recollido no punto anterior, a Axencia Galega de Infraestruturas realizará unha achega extraordinaria á sociedade concesionaria para mitigar o impacto da subida da peaxe aos usuarios das autoestradas AG-55 e AG-57.
A sociedade concesionaria aplicará durante o ano 2025 as peaxes resultantes de tomar como base as tarifas establecidas nas resolucións da Axencia Galega de Infraestruturas do 29 de decembro de 2021 (aplicadas no ano 2024 aos usuarios), actualizándoas co coeficiente de 1,71 que resulta da aplicación do Real decreto 210/1990, do 16 de febreiro, coa redacción dada mediante o Decreto 100/2008, do 17 de abril, da Xunta de Galicia.
No marco do presente convenio, os usuarios beneficiaranse da anterior medida unicamente desde o 1 de xaneiro de 2025 ata o 31 de decembro de 2025.
A partir do día 1 de xaneiro de 2026 aplicaranse as peaxes que resulten da correspondente revisión tarifaria calculadas de acordo co establecido no Real decreto 210/1990, do 16 de febreiro, e coa redacción dada mediante o Decreto 100/2008, do 17 de abril, da Xunta de Galicia, con base nas tarifas oficiais contractuais segundo as resolucións da Axencia Galega de Infraestruturas do 3 de decembro de 2024.
3. Achegas extraordinarias para os anos 2024 e 2025.
Co obxecto de garantir o equilibrio económico do contrato concesional, a Axencia Galega de Infraestruturas realizará achegas extraordinarias á sociedade concesionaria para mitigar o impacto da subida da peaxe dos anos 2024 e 2025.
Para o ano 2024, esta achega corresponderase coa variación con IVE entre os ingresos resultantes das peaxes aplicadas ao usuarios segundo a cláusula 3.1 e os ingresos resultantes das peaxes oficiais contractuais aprobadas por resolucións da Axencia Galega de Infraestruturas do 29 de novembro de 2023.
Para o ano 2025, esta achega corresponderase coa variación con IVE entre os ingresos resultantes das peaxes aplicadas ao usuario segundo a cláusula 3.2 e os ingresos resultantes das peaxes oficiais contractuais aprobadas por resolucións da Axencia Galega de Infraestruturas do 3 de decembro de 2024.
4. Importe para aboar á sociedade concesionaria e procedemento de pagamento.
Para dar cumprimento ao disposto na cláusula 3.3, a Xunta de Galicia aboará mensualmente á sociedade concesionaria a achega extraordinaria regulada nesta cláusula.
Durante os exercicios 2024 e 2025, a sociedade concesionaria remitirá á Axencia Galega de Infraestruturas, dentro dos quince primeiros días seguintes ao mes de devindicación, a liquidación mensual das diferenzas de recadación presentando o importe desagregado por traxectos e medios de pagamento.
A Axencia Galega de Infraestruturas disporá de quince (15) días para revisar a liquidación achegada pola sociedade concesionaria.
Unha vez prestada conformidade á liquidación, a sociedade concesionaria emitirá a factura correspondente. O importe destas facturas deberá ser aboado pola Axencia Galega de Infraestruturas dentro do prazo de corenta e cinco días contados desde a súa presentación.
Se a Xunta de Galicia non fai efectivo á sociedade concesionaria o pagamento dos ditos importes no prazo dos corenta e cinco días desde a recepción da factura, a sociedade concesionaria terá dereito ao aboamento dos correspondentes xuros de demora sobre a cantidade debida, contado desde o vencemento deste prazo de corenta e cinco días, ao tipo de xuro legal do diñeiro, sempre que reclame previamente e por escrito o cumprimento do deber.
No primeiro semestre do ano seguinte efectuarase unha liquidación anual correspondente ao exercicio anterior, en que, en función da revisión e comprobación efectuada, se poderán realizar as correccións que procedan emitindo a factura que, de ser o caso, corresponda, se procede.
As contas anuais da sociedade concesionaria recollerán de forma separada os ingresos procedentes dos usuarios e os importes aboados pola Administración regulados neste convenio.
5. Consignación orzamentaria.
A Xunta de Galicia consignará o importe estimativo das achegas extraordinarias para mitigar o impacto da subida das peaxes recollidas nos puntos anteriores con cargo á partida orzamentaria 08.A1.512B.4700 (código de proxecto 2010 00340) segundo a seguinte desagregación anual:
|
Anualidade |
Importe (€) |
|
2024 |
3.000.000 |
|
2025 |
3.200.000 |
Os importes anteriores teñen carácter meramente estimativo e non constitúen ningún límite máximo, polo que se deberá ter en conta o que resulte das correspondentes liquidacións.
No suposto de que se supere a consignación orzamentaria, tramitaranse e fiscalizarase a correspondente addenda coa cantidade que supere esa contía.
6. Base para a aplicación das bonificacións reguladas no presente convenio.
A base para a aplicación das bonificacións por frecuencia de uso, por treito horario de uso e para familias numerosas de Galicia, reguladas no presente convenio, serán as peaxes calculadas segundo o establecido nos puntos 1 e 2 desta cláusula.
A partir do día 1 de xaneiro de 2026, a base para a aplicación das bonificacións por frecuencia de uso, por treito horario de uso e para familias numerosas de Galicia, serán as peaxes que resulten da correspondente revisión tarifaria calculadas de acordo co establecido no Real decreto 210/1990, do 16 de febreiro, e coa redacción dada mediante o Decreto 100/2008, do 17 de abril, da Xunta de Galicia, con base nas tarifas oficiais contractuais segundo as resolucións da Axencia Galega de Infraestruturas do 3 de decembro de 2024.
Cláusula 4. Requisitos para a aplicación das bonificacións
1. A aplicación da bonificación da peaxe segundo o criterio de frecuencia de uso estará condicionada ao cumprimento dos seguintes requisitos:
a) Que se trate do mesmo vehículo que realice o pagamento do traxecto ou traxectos de volta nun prazo máximo de 24 horas desde o pagamento da viaxe de ida.
b) Que o vehículo utilice como sistema de pagamento un sistema de peaxe dinámica ou telepeaxe, con OBE que sexa interoperable.
Non se aplicará esta bonificación no caso de que tanto a viaxe de ida como a correspondente viaxe de volta teñan lugar no mesmo domingo, día festivo no territorio da Comunidade Autónoma ou día festivo de ámbito nacional.
2. A aplicación da bonificación da peaxe segundo o criterio de treito horario de uso estará condicionada ao cumprimento dos seguintes requisitos:
a) Que se realice o pagamento do percorrido no treito horario nocturno comprendido as 00:00 horas ata as 06.00 horas.
b) Que o vehículo utilice como sistema de pagamento un sistema de peaxe dinámica ou telepeaxe, con OBE que sexa interoperable.
3. A aplicación da bonificación da peaxe para familias numerosas estará condicionada ao cumprimento dos seguintes requisitos:
a) Ser unha familia numerosa e que a unidade familiar estea en posesión dun título de familia numerosa en vigor, expedido pola Xunta de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 2 do Regulamento da Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección das familias numerosas.
b) Cubrir o impreso de solicitude de alta na epígrafe da páxina web que a sociedade concesionaria desenvolverá para o efecto e que estará dispoñible en www.autoestradas.com
O dito impreso tamén estará dispoñible na anterior web en formato imprimible para a súa presentación de forma presencial nas oficinas da sociedade concesionaria sitas na rúa Alfredo Vicenti, 13, 15004 A Coruña.
O impreso de solicitude deberá ir acompañado en todo caso da seguinte documentación:
1. Título oficial en vigor de familia numerosa expedido pola Xunta de Galicia, en que se inclúa a súa data de vixencia.
2. Certificado de titularidade do dispositivo Vía-T, expedido pola entidade financeira ou de calquera outra índole en que se adquiriu, no cal se inclúa a súa vixencia.
3. O titular do dispositivo deberá ser membro da familia numerosa de que se trate.
4. Copia do permiso de circulación do vehículo lixeiro que empregue a familia numerosa, ou, de ser o caso, do contrato de alugamento do vehículo.
O/s titular/es do/s vehículo/s ou do contrato de alugamento deberá/n ser membro/s da familia numerosa de que se trate.
5. Unicamente se poderá asociar un dispositivo de telepeaxe por cada familia numerosa agás nos seguintes casos, que se poderán asociar dous:
a. Familia numerosa integrada por pais divorciados sempre e cando se presente a resolución xudicial de custodia compartida ou, de ser o caso, resolución xudicial en que se declare a obriga de prestación de alimentos.
b. Familia numerosa de categoría especial.
A presentación do formulario de solicitude da alta ante a sociedade concesionaria, xa sexa por medios telemáticos ou presenciais, entenderase como declaración de responsabilidade do beneficiario da bonificación sobre a vixencia da totalidade dos datos consignados e da documentación que se xunta.
c) Que o/s vehículo/s que se desexe asociar a familia numerosa empregue/n como sistema de pagamento o sistema de peaxe dinámico ou telepeaxe, con OBE que sexa interoperable, comunicado a sociedade concesionaria no formulario da alta.
d) O traxecto ou traxectos a que resulte aplicable a bonificación deberán ser realizados polo mesmo vehículo lixeiro comunicado á sociedade concesionaria a través do formulario de alta a que se fixo mención no punto b) do presente artigo, e, pola súa vez, este deberá portar sempre e en todo caso o dispositivo Vía-T tamén comunicado á sociedade.
e) Os interesados virán obrigados a manter actualizada permanentemente a información e documentación facilitada á sociedade concesionaria, e deberanlle comunicar por escrito a esta calquera variación.
f) En caso de perda ou extravío do OBE, este feito deberá ser comunicado de inmediato e por escrito á sociedade concesionaria.
Cláusula 5. Bonificacións da peaxe
1. Bonificación por frecuencia de uso.
Nos casos en que proceda, o importe que a concesionaria cobrará aos usuarios será o que resulte de aplicar, no importe das peaxes vixentes en cada momento, a bonificación seguinte:
Cando se realice con cargo a un OBE o pagamento dun traxecto con ida e volta entre dous enlaces da autoestrada nun prazo máximo de 24 horas, a sociedade concesionaria realizará os seguintes descontos:
• Unha bonificación do 25 por cento sobre o importe da viaxe de volta se o usuario realiza unha única viaxe de volta en 24 horas.
• Unha bonificación do 50 por cento sobre o importe do segundo e ulteriores traxectos de volta se o usuario realiza dúas ou máis viaxes de volta en 24 horas.
2. Bonificación por treito horario de uso.
Nos casos en que proceda, cando se realice con cargo a un OBE o pagamento dun traxecto no treito horario nocturno que comprende desde as 00.00 horas ata ás 6.00 horas, a sociedade concesionaria aplicará unha bonificación do 50 por cento sobre o importe da peaxe en vigor en cada momento.
3. Bonificación para familias numerosas.
Nos casos en que proceda, o importe que a concesionaria cobrará aos usuarios será o que resulte de aplicar, no importe das peaxes vixentes en cada momento, a bonificación seguinte:
Cando se realice con cargo a un OBE o pagamento dun traxecto de volta nun prazo máximo de 24 horas desde o pagamento da viaxe de ida, a sociedade concesionaria aplicará no traxecto de volta unha bonificación do 100 por cento sobre o importe da peaxe en vigor en cada momento.
Cláusula 6. Importe que pagará a Administración
1. Importe da compensación que pagará pola bonificación por frecuencia de uso.
