DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Martes, 31 de decembro de 2024 Páx. 69202

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 30 de decembro de 2024 pola que se fai público o incremento do crédito das axudas prevista na Orde do 5 de setembro de 2024 pola que se establecen as bases para a concesión das axudas económicas ás familias para a conciliación, en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares, a través do programa Bono Concilia Familia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento BS412A).

A Orde do 5 de setembro de 2024 pola que se establecen as bases para a concesión das axudas económicas ás familias para a conciliación, en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares, a través do programa Bono Concilia Familia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento BS412A), establece no seu artigo 2 que ás axudas obxecto desta convocatoria se destina un orzamento total de 2.663.867,00 €, que se imputará á aplicación orzamentaria 38.02.312B.480.11.

A devandita orde establece ademais que, de acordo co previsto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, excepcionalmente poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou dunha transferencia de crédito. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Tendo en conta que o crédito inicialmente destinado a esta convocatoria resulta insuficiente debido ao volume de solicitudes recibidas, considérase necesario ampliar o importe establecido inicialmente. Con este incremento preténdese dar cumprimento a un dos obxectivos do Programa de apoio á natalidade posto en marcha pola Xunta de Galicia, que é facilitarlle á cidadanía o acceso a axudas económicas que contribúan a paliar o custo que supón a crianza e o coidado dos fillos e fillas.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo único. Incremento dos créditos

Increméntase o crédito destinado ao financiamento das axudas previstas na Orde do 5 de setembro de 2024 pola que se establecen as bases para a concesión das axudas económicas ás familias para a conciliación, en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares, a través do programa Bono Concilia Familia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento BS412A).

O importe total do dito incremento, que se realizará na aplicación orzamentaria 38.02.312B.480.11, é de 128.289,53 euros.

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade