DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Martes, 31 de decembro de 2024 Páx. 69199

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 23 de decembro de 2024 pola que se dá continuidade, durante o mes de xaneiro de 2025, á minoración adicional e temporal nas tarifas bonificadas de aplicación no transporte público interurbano da competencia da Xunta de Galicia, establecida na Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 30 de agosto de 2022.

Malia a proximidade temporal á fin do período para o que o Real decreto lei 8/2023, do 27 de decembro, polo que se adoptan medidas para afrontar as consecuencias económicas e sociais derivadas dos conflitos en Ucraína e Oriente Próximo, así como para paliar os efectos da seca, estableceu o sistema de axudas directas ás comunidades autónomas para o ano 2024 respecto da bonificación adicional das tarifas, por parte da Administración xeral do Estado non se materializou ningún acto formal dirixido nin a darlle continuidade nin a confirmar que esta non teña lugar. Ademais, a emisión dun acto formal de continuidade da medida que se adopte nos últimos días do ano non permitiría a tramitación das actuacións administrativas e contables esenciais para que a bonificación puidese ter continuidade, sen interrupción, xa desde o día 1 de xaneiro de 2025.

Nesta situación, tendo en consideración o efecto positivo da actuación adoptada mediante as ordes do 30 de agosto e do 27 de decembro de 2022, e do 22 de decembro de 2023, así como as ulteriores resolucións polas que se ampliaron os prazos inicialmente previstos nestas últimas dúas ordes, acórdase dar continuidade ás indicadas bonificacións durante o mes de xaneiro de 2025, e prevese a posibilidade de estender esa aplicación máis alá desa data.

Atendendo ao anterior, esta orde mantén, durante o mes de xaneiro de 2025, a aplicación das minoracións que estableceu a Orde do 30 de agosto de 2022. Finalmente, a mesma orde, na súa disposición derradeira segunda, habilita a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público para acordar, logo da tramitación contable que resulte precisa, a ampliación do prazo de aplicabilidade da porcentaxe de minoración temporal que asumiu a Xunta de Galicia con cargo ás ordes anteriores, ampliada no suposto de que a Administración xeral do Estado renove a súa actuación dirixida á bonificación destas tarifas.

En virtude do exposto, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Primeiro e único.

Dar continuidade, durante o mes de xaneiro de 2025, á minoración de carácter adicional e temporal das tarifas bonificadas dos servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada de uso xeral da competencia da Xunta de Galicia, acordada polas ordes da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 30 de agosto e do 27 de decembro de 2022, e do 22 de decembro de 2023.

Disposición derradeira primeira. Extensión a outros modos

A ampliación do prazo de aplicación da minoración das tarifas antes indicada tamén será de aplicación, durante o mes de xaneiro de 2025, aos servizos de transporte público regular marítimo integrados na Área de Transporte Metropolitano (ATM) de Vigo (conexións Cangas-Vigo, Moaña-Vigo, e viceversa), así como aos servizos ferroviarios integrados na ATM de Ferrol.

No suposto de que, consonte o previsto na disposición derradeira segunda, se amplíe o prazo de aplicación da minoración que se establece nesta orde, habilítase a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de transporte público para acordar, se é o caso, e logo da tramitación contable que resulte oportuna, a aplicación da dita minoración nos ditos servizos de transporte durante os novos prazos de aplicación da minoración, así como para alterar o réxime de minoración aplicable aos ditos servizos, ou noutros análogos, co límite máximo da aplicable aos declarados servizos públicos de transporte interurbano por estrada da competencia da Xunta de Galicia, para o que se atenderá ás análises técnicas levadas a cabo e ás estimacións da súa incidencia real sobre as persoas usuarias.

Neste caso, nas ditas resolucións estableceranse as condicións para a aplicación das compensacións correspondentes ás empresas que presten os servizos de transporte público afectados, ás cales se lles realizarán as indicadas notificacións, e darase publicidade das condicións tarifarias aplicables na web bus.gal

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor e vixencia

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A aplicación da minoración temporal das tarifas bonificadas que se establecen terá lugar entre o 1 e o 31 de xaneiro de 2025.

Habilítase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público para acordar, logo da tramitación contable que resulte oportuna, a ampliación do prazo de aplicabilidade da parte proporcional da minoración adicional que correspondeu financiar con fondos propios da Comunidade Autónoma, consonte o Real decreto lei 8/2023, do 27 de xuño, e as ordes do 30 de agosto e do 27 de decembro de 2022, e do 22 de decembro de 2023.

Igualmente, habilítase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte publico para acordar, logo da tramitación contable que resulte oportuna, a ampliación da dita porcentaxe de desconto adicional durante o dito prazo de ampliación, de xeito que integre a totalidade da minoración adicional que, se for o caso, acorde a Administración xeral do Estado nunha actuación análoga á que estableceu o Real decreto lei 8/2023, do 27 de decembro. Esta habilitación esténdese á modificación das porcentaxes de desconto adicional aplicables.

Igualmente, habilítase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público para acordar, mediante resolución, a suspensión da aplicación das minoracións adicionais que se amplían mediante esta orde no suposto de que o crédito dispoñible, ou o finalmente asignado pola Administración xeral do Estado, non resulte suficiente para cubrir o seu custo, así como no caso de que, pola incorporación de variacións nas condicións establecidas pola normativa do Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia deba renunciar á súa aplicación.

Finalmente, habilítase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público para ditar cantos actos ou instrucións sexan convenientes para a correcta e plena execución da presente orde.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2024

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes