Expediente: IN407A 2024/206-4.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: LMTS peche entre MUR809, BRA801 e BRA810, CT Lampreeira e CS Sequeiros.
Concellos: Pontevedra e Barro.
Feitos:
1. O 24.5.2024, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS peche entre MUR809, BRA801 e BRA810, CT Lampreeira e CS Sequeiros.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Javier Fernández Pazos, colexiado 502 do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense, e no que figura un orzamento total de 530.192,22 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste nas seguintes actuacións no lugar de Lampreeira, na parroquia de Alba, no concello de Pontevedra e no lugar de Bretoña, na parroquia de Curro, no concello de Barro (Pontevedra):
– Substitución do centro de transformación Lampreeira (36CQH6) de 160 kVA por un centro prefabricado compacto 2L1P de 250 kVA que se instalará na parcela con referencia catastral 36900A178012820000PP.
– Instalación dun centro de seccionamento 4L para dar continuidade á liña de media tensión aérea (LMTA) MUR809, BRA801 e BRA810 no apoio A1TXH41U//99-4. O centro de seccionamento estará situado na parcela con referencia catastral 36002A232002020001SR.
– Desmontaxe dos reconectadores 36HSL1 do apoio A16T0T4Q//113 e 36HPX3 do apoio A1TXH41U//99-4.
– Recolocación do reconectador 36HRV6 da liña BRA810 no apoio A2249M0B//95.
– Instalación dunha liña de media tensión subterránea (LMTS) de 2325 metros desde o centro de transformación proxectado ata o centro de seccionamento proxectado.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Pontevedra, o Concello de Barro, Augas de Galicia, a Demarcación de Estradas do Estado e o Servizo de Montes. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos por Augas de Galicia, o Concello de Pontevedra e o Servizo de Montes.
Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.
3. Á raíz do informe do 24.06.2024 emitido polo Servizo de Montes, o 09.10.2024, UFD Distribución Electricidad, S.A. achegou os acordos acadados coas Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Portela, en Barro, e Santa María de Alba, en Pontevedra. Nese informe o Servizo de Montes indica que as obras proxectadas afectarían parcelas da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Portela (en Barro) e, quizás, a de Campañó (en Pontevedra).
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresarias en Galicia (DOG núm. 203, de 25 de outubro).
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 Al, en tres actuacións. A primeira é de 1.445 metros de lonxitude, con orixe no centro de transformación proxectado e final no centro de seccionamento proxectado. A segunda é de 830 metros de lonxitude, con orixe no centro de seccionamento proxectado e final no apoio existente A1N9930X//103 da LMTA BRA810. A terceira é de 2×25 metros de lonxitude, con orixe no centro de seccionamento proxectado e final no apoio existente A1TXH41U//99-4 da LMTA BRA810.
Centro de seccionamento, 4L telecontrolado, con celas compactas e corte en SF6, situado na parcela con referencia catastral 36002A232002020001SR, no lugar de Sequeiros, A Portela, no concello de Barro.
Centro de transformación a 250 kVA, con relación de transformación 20 kV/400 V, situado na parcela con referencia catastral 36900A178012820000PP, no lugar de Lampreeira, Alba (Santa María), no concello de Pontevedra.
Recolocación do reconectador 36HRV6 da liña BRA810 no apoio A2249MOB//95.
Retensado dos vans comprendidos entre os apoios A23C6EWJ//94 e A20LDIEI//96 da LMT BRA810 (168 metros de condutor LA-56).
Desmontaxe do centro de transformación Lampreeira 36CQH6.
A instalación está situada entre o lugar de Lampreeira, na parroquia de Alba (Santa María), concello de Pontevedra e o lugar de Bretoña, na parroquia de Curro, concello de Barro (Pontevedra).
Conforme o indicado,
RESOLVO:
1. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS peche entre MUR809, BRA801 e BRA810, CT Lampreeira e CS Sequeiros, expediente IN407A 2024/206-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.
2. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado de dirección final de obra no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
5. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 5 de decembro de 2024
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
