Visto o expediente para outorgamento da autorización administrativa previa e de construción da instalación eléctrica que a seguir se describe:
– Peticionario: Deputación de Lugo.
– Domicilio social: rúa San Marcos, 8, 27001 Lugo.
– Denominación: centro de seccionamento de compañía e liñas de conexión para edificio de residencia de anciáns.
– Situación: concello de Becerreá.
– Características técnicas principais:
• Centro de seccionamento en edificio non prefabricado no cal se instalan dúas celas de liña para entrada e saída, unha cela de liña para saída a CT particular (expediente 195/2024-ATR) e unha cela de servizos auxiliares.
• LMT soterrada coa orixe nun empalme que se vai realizar na LMT BEC805 entre os CT´s existentes 27CL77 e 27CT23, entra e sae no CS proxectado e remata noutro empalme, cunha lonxitude de 20 metros en condutor RHZ1-240 mm.
– Finalidade da instalación: nova subministración.
– Orzamento: 48.632,55 €.
– Documentación que se xunta:
• Separata para o Concello de Becerreá.
Este departamento territorial, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria , e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia,
RESOLVE:
En relación coa instalación de alta tensión, conceder a autorización administrativa previa e de construción das ditas instalacións, sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración, condicionada ao cumprimento das seguintes condicións:
Primeira. As instalacións deberán axustarse na súa execución ao disposto no citado proxecto de execución, e a dirección de obra deberá levala a cabo un técnico competente.
Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
Terceira. En todo momento se deberán cumprir as normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación, en particular canto establecen a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se considere pertinente en dereito.
Lugo, 26 de novembro de 2024
Gustavo José Casasola de Cabo
Director territorial de Lugo
