En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación da corrección de erros núm. 1 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ribadeo, mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 18 de decembro de 2024, que figura como anexo.
Unha vez inscrita a devandita corrección de erros no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2024
Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo
Orde de aprobación de corrección de erros núm. 1 do Plan xeral de
ordenación municipal do Concello de Ribadeo
O Concello de Ribadeo remitiu, o 11.12.2024, o documento de corrección de erros subscrito polo arquitecto redactor do propio PXOM, Alfonso Botana, datado no mes de outubro de 2024 e aprobado polo Pleno da Corporación o 19.11.2024, solicitando a súa aprobación.
Analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:
I Antecedentes de feito
I.1. O Concello de Ribadeo conta cun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente por Orde do 14.11.2014 da CMATI (DOG do 1 de decembro).
I.2. A Comunidade de Montes de Ove é propietaria dun local social dentro dos terreos en man común que posúe na parroquia de San Xoán de Ove.
I.3. Esa comunidade deu conta ao Concello de Ribadeo dun erro cometido na redacción do PXOM en vigor, ao considerar tanto o local social coma o espazo de recreativo en que se asenta como edificación e espazo de carácter público.
I.4. Na memoria xustificativa do PXOM de Ribadeo identifícanse os citados espazos como:
• Espazo libre e zona verde 06-DE-P1 Área recreativa de Santa Cruz.
• Equipamento 06-DE-SC1 Local social dos veciños de Ove.
I.5. En ambos os dous casos, trátase de terreos identificados como montes veciñais en man común. Así se reflicte no plano de información destes montes (estudo do medio rural, plano II.06 montes veciñais en man común).
I.5. A xustificación da titularidade do terreo e do local citados acredítase cos títulos de propiedade que se xuntan no documento no anexo 1.
I.6. A consideración no PXOM do espazo libre e zona verde 06-DE-P1 Área recreativa de Santa Cruz e do equipamento 06-DE-SC1 Local social dos veciños de Ove como dotacións de titularidade pública merece a consideración de erro material dado que se xustificou a titularidade privada a través do plano de información do estudo do medio rural, que pode cotexarse coa carpeta-ficha do propio monte, empregada na confección do citado plano.
I.7. O PXOM limitouse a recoller esas dotacións existentes sen verificar a súa titularidade, que tampouco foi verificada polos afectados nas exposicións públicas do documento.
II Análise e consideracións
II.1. O propio concepto de monte veciñal en man común foi recoñecido hai máis de medio século como terras pertencentes a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas. Ademais, hoxe recoñécese a súa propiedade, con independencia da súa orixe, como de natureza privada e colectiva.
II.2. A ordenación establecida no PXOM resulta imposible de materializar, por canto non pode situarse unha dotación pública sobre terreos de titularidade privada sen establecer previamente as condicións de obtención.
II.3. A corrección do erro material consiste na identificación destas dúas dotacións como bens de titularidade privada, indicando na súa cartela o código (PV) e adaptando a simboloxía gráfica á establecida no PXOM para este tipo de dotacións.
II.4. Esta corrección de erros contén a modificación de diversos documentos do PXOM, tanto gráficos como escritos, que se detallan a continuación:
A) Memoria xustificativa. Cadro núm. 25: inventario de espazos libres existentes (páxina 66). Cadro núm. 27: inventario de equipamentos existentes (páxina 72). Cadro núm. 30: distribución de sistemas xerais e dotacións locais de espazos libres e zonas verdes (páxina 117). Cadro núm. 33: distribución de sistemas xerais e dotacións locais de equipamento (páxina 124). No punto 1.5 da presente memoria detállase a documentación que substitúe a aquí relacionada.
B) Análise do modelo de asentamento poboacional. Planos 5000. Folla D7. Ficha de entidade de poboación do núcleo de Santa Cruz (06-023). Ficha de consolidación NR0610T01. Ficha de consolidación NR0610C01. Ficha de consolidación NR0614T01. Ficha de consolidación NR0614C01. Na carpeta 02.AMAP detállase a documentación que substitúe a aquí relacionada.
C) Planos de ordenación. V1.1 Ordenación municipal (folla D7). V1.2 Estrutura xeral e orgánica (folla B4). V1.3 Estrutura xeral e orgánica (folla B4). Corrección de erros núm. 1 do PXOM do Concello de Ribadeo Alfonso Botana S.L. 17 de 19 aprobación definitiva (outubro 2024). V1.7 Plan de ordenación do litoral coa ordenación do PXOM (folla D7). V2.1 Núcleos rurais (follas F16 e G16). Na carpeta 03.PORD detállase a documentación que substitúe a aquí relacionada.
D) Catálogo. Ficha 06.05: capela de Santa Cruz. Na carpeta 04.CAT detállase a documentación que substitúe a aquí relacionada.
II.5. Segundo o artigo 109 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, estas poderán rectificar en calquera momento, de oficio ou por instancia de parte, os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes nos seus actos.
II.6. Constitúe reiterada doutrina xurisprudencial a consideración de que para poder aplicar o mecanismo procedemental de rectificación de erros materiais ou de feito se require que se trate de simples equivocacións elementais de nomes, datas, operacións aritméticas ou transcricións de documentos; cómpre considerar que o erro material ou de feito se caracteriza por ser ostensible, manifesto, indiscutible e evidente por si mesmo, sen necesidade de maiores razoamentos, e que se aprecie tendo en conta exclusivamente os datos do expediente administrativo en que se advirte.
II.7. Aínda que sempre debe empregarse a corrección de erros de xeito restritivo, no caso que nos ocupa o erro material é indiscutible, evidente, manifesto e constatado coa comprobación da documentación achegada, o que fai que sexa procedente a súa emenda, polo que procede a súa rectificación ao abeiro do previsto no artigo 109.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
II.8. Consonte a xustificación achegada polo Concello de Ribadeo, cúmprense os requisitos do erro material, tendo en conta exclusivamente os datos do expediente, que non precisa de interpretación nin valoración xurídica.
III Competencia
O artigo 109.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece que «as administracións públicas poderán, así mesmo, rectificar en calquera momento, de oficio ou por instancia dos interesados, os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes nos seus actos».
A competencia para resolver corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
IV Resolución
1. Outorgar a aprobación á corrección de erros núm. 1 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ribadeo, aprobada polo Pleno da Corporación o 19.11.2024, relativa á Comunidade de Montes de Ove.
2. De conformidade cos artigos 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a corrección de erros núm.1 do PXOM de Ribadeo no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
3. De acordo co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e as ordenanzas, unha vez inscrito no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico.
4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.
5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 a 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
