A Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro), modifica no seu artigo 27 a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. Introduce un novo titulo XI relativo ao recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia.
No artigo 98, do novo título XI recóllese a posibilidade de que na mesma solicitude a persoa interesada poida solicitar o recoñecemento do grao de discapacidade que corresponda dando lugar á tramitación dun único procedemento que rematará nunha única resolución.
De conformidade co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das Consellerías da Xunta de Galicia e o Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade, correspóndelle a este órgano superior ás competencias en materia de recoñecemento da situación da dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia e do recoñecemento do grao de discapacidade.
De acordo co anterior,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto
Aprobar o modelo normalizado de solicitude conxunta de recoñecemento da situación da dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia e do recoñecemento do grao discapacidade, código de procedemento BS210A, que se recolle no anexo I desta resolución.
Artigo 2. Persoas destinatarias
1. Poderán solicitar o recoñecemento da situación de dependencia e/ou da discapacidade as persoas con nacionalidade española que cumpran os seguintes requisitos:
a) Atoparse en situación de dependencia nalgún dos graos establecidos.
b) Para as persoas menores de tres anos, atoparse en situación de dependencia conforme o establecido na disposición adicional décimo terceira da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.
c) Residir en territorio español e telo feito durante cinco anos, dos cales dous deberán ser inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude. Para as persoas menores de cinco anos o período de residencia exixiráselle a quen exerza a súa garda e custodia.
d) Residir na Comunidade Autónoma de Galicia na data da presentación da solicitude.
2. As persoas que carezan de nacionalidade española rexeranse polo establecido na Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, nos tratados internacionais, convenios que se establezan co país de orixe e, de ser o caso, lexislación aplicable ás persoas menores de idade.
3. As persoas solicitantes que, como consecuencia da súa condición de emigrantes retornadas, non cumpran o requisito do período de residencia no territorio español, poderán acceder aos servizos e ás prestacións económicas con igual contido e extensión que as prestacións reguladas na Lei 39/2006, do 14 de decembro, e na súa posterior normativa de desenvolvemento.
4. As persoas solicitantes unicamente do grao da discapacidade abondará co cumprimento dos seguintes requisitos:
a) Ter nacionalidade española, residir nun municipio da Comunidade Autónoma e cumprir cos demais requisitos que se establecen na Orde do 25 novembro de 2015, pola que se regula o procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade, e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.
b) Posuír a nacionalidade española e ser residente no estranxeiro así como ser persoa estranxeira residente en Galicia, segundo o procedemento establecido nos artigos 25 e 26 respectivamente da Orde do 25 de novembro de 2015.
Artigo 3. Prazo de presentación de solicitudes
O procedemento BS210A é de prazo aberto e pódese instar o seu inicio en calquera momento.
Artigo 4. Forma de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e firma admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, e aqueles profesionais da administración pública que no exercicio da súa actividade profesional actúen en representación da persoa interesada, ou como autorizados para presentar a solicitude.
Artigo 5. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán presentar a seguinte documentación:
a) Aqueles casos que insten a valoración da dependencia e/ou da discapacidade deberán achegar xunto coa solicitude, anexo I, a seguinte documentación:
1º. Documento acreditativo da representación da persoa solicitante, se é o caso. Cando a solicitude sexa presentada e asinada polo/a gardador/a de feito dita circunstancia servirá como declaración ante a Administración.
A representación poderá acreditarse por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna da súa existencia ou descargando e cubrindo o formulario que aparece na sede electrónica da Xunta de Galicia no seguinte enlace https://sede.xunta.gal/ficheiros/modelos-normalizados/Representacion-C.pdf
2º. Anexo II de comprobación dos datos da unidade de convivencia, de ser o caso.
b) Para aqueles casos nos que se solicite só á situación de dependencia, achegarase ademais a seguinte documentación:
1º. Anexo III de comprobación dos datos da unidade de apoio.
2º. Certificado de emigrante retornado expedido na Delegación do Goberno correspondente ou mediante a correspondente baixa consular (no caso de non cumprir o requisito do período de residencia).
3º. Documento xustificativo de percepción de pensión do estranxeiro, de ser o caso.
c) Para aqueles casos nos que se solicite só o grao de discapacidade, achegarase ademais a seguinte documentación:
1º. Anexo IV Perfil de avaliación do desempeño/Restricións na participación. BRP-QD (S).
Tera carácter voluntario pero recoméndase a súa presentación xa que axuda ao persoal técnico a afondar na avaliación no momento da entrevista.
Poderase presentar electronicamente ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo nos 30 días anteriores á cita de valoración ou levalo cumprimentado o día da cita e presentalo no rexistro público da Sección de Cualificación e Valoración da Discapacidade respectiva.
2º. No caso de tramitación prioritaria informes médicos e calquera documentación xustificativa que acredite algunha das seguintes circunstancias: ELA, ataxias rapidamente progresivas, distrofias musculares, escleroses múltiples de evolución rápida, enfermidades metabólicas con trastornos motores e neoplasias en estadio IV.
3º. No caso de tratarse de menores de 18 anos achegarse a seguinte documentación:
– Informe psicopedagóxico do centro de escolarización para os/as menores de entre 6 e 16 anos.
– Informe psicopedagóxico do centro no caso de estar escolarizado ou similar para os/as menores de entre 0 e 6 anos ou entre 16 e 18 anos.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario presentar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideron obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa presentación.
2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 6. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta.
a) En tódalas solicitudes se comprobará a seguinte documentación:
1º. DNI ou NIE da persoa solicitante.
2º. DNI ou NIE da persoa representante ou do/a gardador/a de feito.
3º. NIF da entidade representante.
4º. Certificado de empadroamento actual.
5º. Certificado de residencia legal no caso de persoas estranxeiras.
6º. Historia clínica do Sergas.
b) Para o caso de solicitar a situación de dependencia, consultarase ademais a seguinte documentación:
1º. Certificado de nacemento do rexistro civil, no caso de menores de idade que non dispoñan de DNI.
2º. Certificado histórico de concellos de residencia.
De acordo co artigo 2.1.c) do Decreto 142/2023, cando a persoa solicitante sexa un menor de cinco anos consultarase o certificado histórico de concellos de residencia de quen exerza a súa garda e custodia.
3º. Certificado do grao de dependencia, da persoa solicitante no caso de expedientes trasladados doutras comunidades autónomas.
4º. Certificado do grao de discapacidade.
5º. Certificado de defunción do rexistro civil.
6º. Certificación de datos catastrais.
7º. Certificado de titularidade e de datos de bens catastrais.
8º. Certificado da declaración da renda (IRPF).
9º. Certificado das prestacións do Rexistro de prestacións sociais públicas, incapacidade temporal e maternidade, calquera que sexa o seu réxime (Seguridade Social, MUFACE, ISFAS, MUGEJU, ...).
10º. Certificado da renda de inclusión social de Galicia (Risga).
2. Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada así o faga constar a través do anexo II relativo a comprobación de datos do cónxuxe ou parella de feito, da/das persoa/s a cargo e da persoa coidadora da persoa solicitante de dependencia:
a) DNI ou NIE.
b) Certificado de empadroamento actual.
c) Certificado de residencia legal no caso de persoas estranxeiras.
d) Certificado do grao de discapacidade (só no caso de solicitar dependencia).
e) Certificado do grao de dependencia (só no caso de solicitar dependencia).
f) Certificado da declaración renda (IRPF).
g) Certificado das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, Incapacidade Temporal e Maternidade, calquera que sexa o seu réxime (Seguridade Social, MUFACE, ISFAS, MUGEJU, ...).
h) Certificado da renda de inclusión social de Galicia (Risga) só no caso de solicitar dependencia).
3. No caso de que a persoa proposta como coidadora para a prestación de coidados na contorna familiar sexa da unidade de apoio, allea as persoas relacionadas no anexo II, consultaranse os seguintes datos cando a persoa interesada así o faga constar a través do anexo III:
a) DNI ou NIE.
b) Certificado de empadroamento actual.
c) Certificado de residencia legal no caso de persoas estranxeiras.
4. Non será necesario a consulta do padrón cando as persoas solicitantes están a ser atendidas dentro do sistema público de servizos sociais (residencia, centro de día, axuda no fogar) da Comunidade Autónoma de Galicia.
5. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e presentar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
6. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 7. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.
2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.
3. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Disposición adicional primeira. Actualización dos modelos normalizados
De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o modelo normalizado aplicable na tramitación do procedemento regulado nesta disposición poderá ser actualizado co fin de mantelo adaptado á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación do modelo actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente accesible para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición adicional segunda. Novos modelos normalizados
A partir da entrada en vigor desta resolución as solicitudes de recoñecemento da situación da dependencia e da discapacidade deberán presentarse a través do formulario normalizado do procedemento BS210A, polo que o formulario normalizado do procedemento BS611A queda expresamente inhabilitado.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2024
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
