DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Mércores, 8 de xaneiro de 2025 Páx. 795

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2024, conxunta da Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e a Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se determina o procedemento para a obtención pola vía excepcional do Diploma de Acreditación na Área Funcional de Paliativos na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias, no capítulo IV dedicado á formación continuada, concretamente no seu artigo 36, establece os diplomas de acreditación e os diplomas de acreditación avanzada como ferramentas para certificar o nivel de formación dos/das profesionais sanitarios/as en áreas funcionais específicas, poñendo o foco nas actividades de formación continuada.

O sistema de acreditación da formación continuada xa foi desenvolto polo Real decreto 1142/2007, do 31 de agosto, polo que se determina a composición e funcións da Comisión de Formación Continuada das Profesións Sanitarias e se regula o sistema de acreditación da formación continuada.

Pola súa parte, o Real decreto 639/2015, do 10 de xullo, regula os diplomas de acreditación e os diplomas de acreditación avanzada, dispoñendo no seu artigo 9 que a solicitude para a obtención dun diploma de acreditación ou dun diploma de acreditación avanzada tramitarase no ámbito do servizo de saúde no cal a persoa interesada exerza a súa profesión e de acordo co procedemento establecido.

De conformidade co previsto no artigo 6 deste último decreto, a Orde SND/1427/2023, do 26 de decembro (Boletín Oficial del Estado número 313, do 30 de decembro), publicou as bases para a creación de diplomas de acreditación na área funcional de paliativos aprobadas no pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde na reunión que tivo lugar o 21 de decembro de 2023, logo de informe do Consello Nacional de Especialidades en Ciencias da Saúde e logo de acordo da Comisión de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde.

O punto 6 do anexo da orde (requisitos para a obtención dos diplomas) prevé dúas posibles vías de acceso: excepcional e ordinaria.

No que se refire á vía excepcional, o punto 6.1 do anexo da orde establece que as solicitudes para obter os diplomas poderán presentarse, de forma única e excepcional, durante os seis meses seguintes á publicación pola Administración competente do procedemento para a súa obtención.

Con base no que antecede, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos, e no Decreto 145/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde,

RESOLVEMOS:

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto determinar o procedemento que se debe seguir para a obtención pola vía excepcional do Diploma de Acreditación na Área Funcional de Paliativos na Comunidade Autónoma de Galicia, consonte o disposto no punto 6.1 do anexo da Orde SND/1427/2023, do 26 de decembro, pola que se publican as bases para a creación de diplomas de acreditación na área funcional de paliativos (en diante, DAP).

Segundo. Ámbito de aplicación

O procedemento para a obtención do DAP previsto nesta resolución será aplicable aos colectivos específicos de Medicina, Enfermaría, Psicoloxía Clínica, Psicoloxía Xeral Sanitaria e Fisioterapia que exerzan a súa actividade profesional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, con independencia do carácter público ou privado dos centros, servizos e establecementos sanitarios en que presten os seus servizos.

Terceiro. Requisitos para obter o diploma

De conformidade co sinalado no punto 6.1 do anexo da Orde do Ministerio de Sanidade SND/1427/2023, do 26 de decembro, para obter un DAP pola vía excepcional deberán reunirse de maneira acumulativa os seguintes requisitos:

a) Acreditar, nos últimos dez anos, un mínimo de catro anos de práctica profesional, a tempo completo, nos termos recollidos no punto 6.1.A) do anexo da orde.

b) Estar en posesión de título de máster ou experto universitario en coidados paliativos, oficial ou título propio, impartidos por universidades ou centros sanitarios que cumpran as condicións e requisitos establecidos pola Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, pola normativa establecida pola comunidade autónoma onde se atope situada e polo Real decreto 640/2021, do 27 de xullo, de creación, recoñecemento e autorización de universidades e centros universitarios, e acreditación institucional de centros universitarios.

Os requisitos exixidos para a obtención do diploma por esta vía teñen que estar cumpridos o 29 de xaneiro de 2024.

Cuarto. Solicitudes e prazo de presentación

As persoas solicitantes do DAP deberán cubrir unha solicitude, en modelo normalizado, a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e/Sección outros méritos/Acreditación áreas funcionais), á cal se accederá seguindo as instrucións que se establecen no anexo I. Despois de formalizada electronicamente, deberán presentar a solicitude, dirixida á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), por rexistro electrónico.

Para o rexistro electrónico da solicitude requirirase un certificado dixital válido. Os certificados aceptados son os expedidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), a entidade Camerfirma e o DNI electrónico (DNIe).

As solicitudes dos DAP, pola vía excepcional, poderán presentarse, de forma única e igualmente excepcional, durante os seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Acreditación de requisitos

Os requisitos deberán estar debidamente rexistrados no sistema informático Fides/expedient-e, e acreditados documentalmente pola persoa interesada, na data en que presente a súa solicitude e na forma que se indica nesta resolución.

Para o rexistro electrónico dos seus méritos, a persoa interesada deberá proceder da seguinte forma:

Accederá a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) ao expediente electrónico do profesional (Fides/expedient-e), segundo se indica no anexo I desta resolución, e comprobará os datos dos seus requisitos que xa constan rexistrados na aplicación informática, así como o seu estado.

Se non consta ningunha información ou está incompleta, deberá rexistrar no sistema Fides/expediente-e, coa data límite do día en que presente a súa solicitude, os requisitos que posúe para os efectos da súa valoración para a expedición do diploma. Logo do seu rexistro electrónico, deberá imprimir a solicitude de validación, que estará dispoñible na aplicación informática na epígrafe de «informe». A solicitude de validación para este proceso dirixirase a unha unidade de validación das relacionadas no formulario e poderá presentarse en rexistro administrativo, electrónico ou presencial, no rexistro xeral dos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, ou a través de calquera dos procedementos do artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Xunto coa solicitude de validación, a persoa solicitante deberá achegar a documentación acreditativa dos requisitos que figuren pendentes de validación nos termos que se indican no anexo II desta resolución. Só se admitirá como medio de acreditación válido o que se indica para cada un dos requisitos no dito anexo.

Non será necesaria a acreditación documental da práctica profesional nos centros do Servizo Galego de Saúde. Con todo, no formulario de solicitude deberá especificarse en que áreas sanitarias se desenvolveu a dita práctica profesional.

Se a persoa solicitante non completa debidamente o proceso de presentación e rexistro da súa solicitude, ou non acredita os requisitos precisos para obter o DAP no tempo e na forma que establece esta resolución, será requirida para que proceda á emenda no prazo de dez días, consonte o previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Sexto. Resolución

A persoa titular da Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde resolverá a solicitude e, no caso de ser favorable, expedirá o correspondente DAP, no que se fará constar a súa obtención por esta vía excepcional. Para estes efectos, terase en conta a proposta que emitirá unha comisión constituída no marco do Sistema acreditador da formación continuada dos profesionais sanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia regulado no Decreto 8/2000, do 7 de xaneiro. O diploma expedido depositarase na área privada de Fides, á cal poderá acceder a persoa acreditada de acordo co recollido no anexo I desta resolución.

Sen prexuízo das causas legais de suspensión do procedemento, o prazo para ditar e notificar a resolución será de tres meses contados desde a data de rexistro da solicitude.

Cando transcorra ese prazo de tres meses sen que se notifique a correspondente resolución, poderase entender desestimada a solicitude, de conformidade co establecido no anexo 2 da disposición adicional vixésimo novena da Lei 14/2000, do 29 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social, toda vez que os diplomas de acreditación certifican, con validez en todo o territorio nacional, o nivel de formación acadado nunha profesión sanitaria regulada.

Sétimo. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2024

Antonio Fernández-Campa García-Bernardo
Xerente da Axencia Galega
para a Xestión do Coñecemento en Saúde

María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde

ANEXO I

Instrucións de acceso ao expediente electrónico (Fides)

A Oficina Virtual do Profesional (Fides) constitúe o punto de encontro telemático entre o Servizo Galego de Saúde e os/as profesionais cos cales mantén unha vinculación, así como coas persoas aspirantes e profesionais doutros servizos de saúde que participen nos procesos de selección e provisión de prazas convocados por este organismo, configurándose como a plataforma de acceso ao expediente electrónico do/da profesional ou aspirante.

O acceso a Fides poderase realizar desde:

– A internet (profesionais do Servizo Galego de Saúde e procedentes doutros servizos autonómicos de saúde).

– A intranet do Servizo Galego de Saúde (só dispoñible para profesionais en activo do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, e desde equipos informáticos situados fisicamente na rede corporativa).

1. Acceso desde a internet.

1.1. Acceso desde a internet con certificado dixital.

Os/as profesionais do Servizo Galego de Saúde así como os que procedan doutro servizo de saúde autonómico poderán acceder desta forma a Fides a través do enderezo http://fides.sergas.es. É requisito indispensable dispoñer dun certificado dixital para acceder a través desta vía. Os certificados aceptados son os expedidos pola FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre) e o DNI electrónico (DNIe). Para obter o certificado dixital expedido pola FNMT será preciso solicitalo a través da internet (no enderezo www.cert.fnmt.es), ou ben en calquera oficina da Axencia Tributaria (Ministerio de Economía e Facenda). Se o usuario xa dispón dunha tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico, esta xa contén un certificado da FNMT, polo que non será necesario solicitar un novo. De feito, a solicitude dun novo certificado inhabilitará o que existe na tarxeta sanitaria. Pola súa parte, o DNI electrónico (DNIe) pódese solicitar nas oficinas da Dirección Xeral da Policía. Para a identificación do usuario mediante tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico ou a través do DNI electrónico, será preciso, con carácter xeral, dispoñer dun lector de tarxetas. Non se requirirá lector de tarxetas unicamente no suposto de dispoñer dun certificado dixital da FNMT instalado no propio equipo.

Os/as usuarios/as poderán solicitar información e obter asesoramento sobre a acreditación electrónica nos PAE (punto de acreditación electrónica) habilitados polo Servizo Galego de Saúde nos diversos centros sanitarios de atención especializada e de atención primaria do organismo. Os servizos que, a través desta forma de acceso, terán dispoñibles os/as profesionais actualmente vinculados ao Servizo Galego de Saúde, así como aqueles profesionais procedentes doutros servizos de saúde que nalgún momento do pasado tivesen algún tipo de vinculación co citado organismo, serán tanto o acceso á xestión do expediente electrónico como á inscrición electrónica no proceso de concurso de traslados e demais procesos de selección e provisión de prazas que convoque este organismo, así como ao resto de funcionalidades existentes na Oficina Virtual do Profesional (Fides). Os servizos que, a través desta forma de acceso, terán dispoñibles os profesionais que nunca tiveron un vínculo co Servizo Galego de Saúde serán tanto o acceso á xestión do expediente electrónico como á inscrición electrónica no proceso de concurso de traslados e demais procesos de selección e provisión de prazas que convoque este organismo. A primeira vez que un profesional acceda con certificado dixital a Fides, solicitaráselle que facilite un formulario de alta con datos básicos.

1.2. Acceso desde a internet sen certificado dixital.

O acceso a Fides desde internet sen certificado dixital pode efectuarse a través do enderezo http://fides.sergas.es, mediante o sistema Chave365, que permite aos/ás cidadáns/ás maiores de idade identificarse tanto en Fides como na sede electrónica da Xunta de Galicia sen necesidade de usar certificados dixitais nin DNI electrónico. Pódese atopar toda a información relativa ao sistema Chave365 neste enderezo: https://sede.xunta.gal/chave365

2. Acceso desde a intranet do Servizo Galego de Saúde.

Esta vía só estará dispoñible para profesionais en activo do Servizo Galego de Saúde e desde equipos informáticos situados fisicamente na rede corporativa do citado organismo.

Os/as profesionais cun vínculo activo terán, mediante este sistema, acceso á totalidade de servizos e funcionalidades de Fides, incluído o acceso á xestión do expediente electrónico e á inscrición electrónica nos procesos de selección e provisión. O acceso a Fides realizarase mediante o código de usuario e contrasinal que os/as profesionais en activo xa teñen asignado e utilizan habitualmente para acceder ao resto de funcionalidades do sistema.

3. Manual de instrucións de acceso e funcionamento do expediente electrónico e validación da documentación. Na sede electrónica do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) figura á disposición dos aspirantes un manual de instrucións sobre o acceso e funcionamento do expediente electrónico, os diferentes estados en que pode atopar a información relativa aos seus méritos e normas de validación da documentación que hai que achegar.

ANEXO II

Procedemento de acreditación de requisitos

Titulacións de Medicina, Enfermaría, Fisioterapia, Psicoloxía Clínica ou Psicoloxía Xeral Sanitaria.

As titulacións académicas oficiais (licenciatura, grao, diplomatura) acreditaranse, segundo o suposto, mediante orixinal ou copia cotexada do título expedido polo ministerio con competencias de educación ou certificación da respectiva universidade, debidamente asinado.

No suposto de titulacións obtidas no estranxeiro, achegarase, xunto coa copia compulsada ou copia electrónica auténtica do título, tradución xurada deste ou equivalente e credencial de recoñecemento ou homologación da titulación expedida polo Ministerio de Educación español ou polo Ministerio de Sanidade español, segundo corresponda.

Psicoloxía Clínica: no suposto de título de especialista en Psicoloxía Clínica obtido en España, acreditarase tal requisito mediante orixinal ou copia cotexada do título expedido polo Ministerio de Sanidade ou certificación emitida pola respectiva Comisión de Docencia ou Rexistro Nacional de especialistas en formación do Ministerio de Sanidade, de completar o período de formación conducente á obtención do título da respectiva especialidade, que deberá indicar a data de superación. No suposto de titulacións obtidas noutros Estados da Unión Europea, achegarase, xunto coa copia cotexada do título, tradución xurada del ou equivalente e credencial de recoñecemento da titulación expedida polo Ministerio de Sanidade. As titulacións obtidas no estranxeiro (non UE) deberán acreditarse coa presentación da copia cotexada do título, tradución xurada del ou equivalente e documento de homologación ou validación expedido polo Ministerio de Sanidade español.

Psicoloxía Xeral Sanitaria ou actividades sanitarias en unidades asistenciais/consultas de psicoloxía autorizadas: acreditarase o máster en Psicoloxía Xeral Sanitaria da mesma forma que se establece posteriormente para o máster ou experto universitario en coidados paliativos, ou achegarase a certificación emitida polo correspondente rexistro de centros, servizos e establecementos sanitarios, nos termos que establece o Acordo da Comisión de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde, do 29 de xullo de 2024, polo que se determinan criterios interpretativos comúns respecto aos requisitos formativos e os dereitos adquiridos polos psicólogos que veñan realizando actividades sanitarias ao abeiro do previsto na disposición adicional sétima da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública.

Certificado de práctica profesional (punto 6.1.A do anexo da Orde SND/1427/2023, do 26 de decembro).

O certificado dunha práctica profesional cos requirimentos que constan no punto 6.1.A do anexo da Orde SND/1427/2023 deberá asinalo o/a xerente, director/a de recursos humanos ou responsable equivalente. Debe conter, polo menos, o seguinte: nome e apelidos da persoa que asina e domicilio social do centro onde se desenvolveu a práctica profesional requirida; nome, apelidos e DNI/NIE/Pasaporte da persoa solicitante; categoría profesional da persoa solicitante; código de centro/unidade; data de inicio do vínculo na unidade en que se acredita a práctica profesional; data de finalización de vínculo nesa unidade; número de días de servizos prestados efectivamente na devandita unidade e confirmación de avaliación de desempeño positiva. O certificado fará constar expresamente que os períodos certificados de práctica profesional con avaliación de desempeño positiva –os que sexan– foron entre as datas 30 de xaneiro de 2014 e o 29 de xaneiro de 2024.

Os/as profesionais que realizasen a súa práctica profesional en centros do Servizo Galego de Saúde están exentos de presentar este certificado.

Máster ou experto universitario en coidados paliativos.

A acreditación da formación máster, especialista e experto universitario-títulos propios efectuarase mediante orixinal ou copia cotexada do título ou certificación da universidade en que conste ter superada polo/a aspirante a formación conducente á obtención do referido título, datas de realización e o número de horas ou créditos ECTS asignados á devandita actividade formativa. É imprescindible a achega do programa formativo onde figure o contido da devandita actividade.

Compulsa de documentos.

As copias dos documentos acreditativos de méritos que se presenten deberán estar cotexadas/autenticadas polo responsable do rexistro onde se presenten ou compulsadas por notario ou funcionario público acreditado para a realización de tales funcións.