DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Xoves, 9 de xaneiro de 2025 Páx. 1129

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 18 de novembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, do procedemento de concesión de subvencións, para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas galegas para o ano 2025, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento IN417Y).

BDNS (Identif.): 807106.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán acceder á condición de persoas beneficiarias destas subvencións:

a) As empresas legalmente constituídas e autónomos que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.

b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación destas bases.

Segundo. Obxecto

Concesión de subvencións para a realización de proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas galegas, que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado destas bases reguladoras.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Resolución do 18 de novembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, do procedemento de concesión de subvencións, para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas galegas para o ano 2025, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento IN417Y).

Cuarto. Contía

1. A intensidade da axuda vai en función do regulamento de aplicación:

a) Solicitudes acollidas ao Regulamento (UE) 2023/2831 de minimis (empresas con actividade de transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura):

1º. A contía da subvención será do 35 % do custo subvencionable da actuación. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

b) Solicitudes acollidas ao Regulamento (UE) 651/2014 (Regulamento xeral de exención por categorías), destinadas a medidas de eficiencia enerxética en edificios.

A contía da subvención será do 20 % do custo subvencionable da actuación. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

c) Solicitudes acollidas ao Regulamento (UE) 651/2014 (Regulamento xeral de exención por categorías), destinadas a medidas de eficiencia enerxética distintas das dos edificios.

A contía da subvención será do 35 % do custo subvencionable da actuación. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

2. Establécese unha axuda máxima por expediente de 300.000,00 euros, no caso de acollerse ao Regulamento (UE) 2023/2831 de minimis, e de 1.000.000,00 de euros no caso de acollerse ao Regulamento (UE) 651/2014 (Regulamento xeral de exención por categorías).

3. A axuda máxima por entidade beneficiaria no conxunto da convocatoria será de 2.000.000,00 de euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o oitavo (8º) día natural seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ás 9.00 horas, e finalizará o 15 de setembro de 2025, ás 23.59 horas.

As solicitudes presentaranse na páxina web do Inega, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, e obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia