Visto o expediente para o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción das instalacións eléctricas que se describen a seguir, tal e como se recollen no proxecto asinado o día 19.11.2024 polo enxeñeiro técnico industrial Víctor Sánchez Villar, colexiado número 2082 do Coeticor, quen acredita a súa habilitación e competencia mediante declaración responsable asinada na data sinalada.
Solicitante: Dirección Xeral de Defensa do Monte (CIF S1511001H).
Enderezo: San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.
Denominación: recuamento LMT no lugar de Feces.
Situación: Base de Medios Aéreos Transfronteiriza, concello de Verín.
Orzamento: 68.776,79 €.
Características técnicas:
• Instalación dun novo apoio número 25-A-43/1, de celosía metálica, do tipo C-14/2000 nas coordenadas aproximadas UTM ETRS89 fuso: 29 X: 630.806 Y: 4.632.409.
• LMTA, a 20 kV, de 62 m de lonxitude, en condutor LA-56, con orixe no apoio existente número 25-A-44 da LMTA VII808 e final no apoio proxectado número 25-A-43/1.
• LMTS, a 20 kV, de 490 m de lonxitude, en condutor RHZ1-2OL 12/20 kV-3×240 mm2 AL+H16, con orixe no paso A/S que se realizará no apoio proxectado número 25-A-43/1 e final no paso A/S que se realizará no apoio existente número 25-A-41 da LMTA VII808.
Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no capítulo II, título VII, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Resolución da Consellería de Economía e Industria, do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), este departamento territorial
RESOLVE:
Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción ás devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ao proxecto arriba sinalado e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.
Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten de aplicación e en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contado a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Ourense, 19 de decembro de 2024
Alicia María López Míguez
Directora territorial de Ourense
