De conformidade co artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de setembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade á Resolución do 4 de decembro de 2024, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, pola que se encomenda á Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. (SPI Galicia, S.A.), o apoio técnico na preparación, na xestión e no seguimento dos contratos de obra para a redacción de proxectos e execución das obras nas oficinas de emprego e centros de formación dependentes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, coas seguintes características:
– Obxecto: coa finalidade de mellorar a situación en que se atopan moitas oficinas de emprego e centros de formación dependentes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no concernente a condicións de habitabilidade, calidade na atención presencial, seguridade e prevención de riscos laborais, levarase a cabo unha renovación de instalacións e equipamentos destas oficinas e centros, que redunde nunha mellora das condicións en que prestan servizos os empregados e empregadas do Servizo Público de Emprego e en que reciben atención os seus usuarios e usuarias. A actividade encomendada á Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. concrétase en realizar os seguintes traballos:
• Apoio técnico na valoración das ofertas presentadas nas licitacións dos contratos para a redacción de proxectos e de execución de obras e nos contratos vinculados a estas.
• Asesoramento no control e seguimento da execución dos contratos das obras.
– Entidade encomendada: a Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. é unha sociedade mercantil anónima de nacionalidade española cun capital social integramente de titularidade pública. Para os efectos da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, SPI Galicia, S.A. é unha sociedade mercantil pública autonómica, de acordo co disposto no artigo 102.1, e ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Xunta de Galicia, ao abeiro do artigo 47 e seguintes.
– Natureza xurídica da encomenda: de conformidade co artigo 10 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, poderase encargar a realización de tarefas a entidades de dereito privado que reúnan a condición de medio propio da Administración ou entidade pública encomendante mediante resolución unilateral do órgano que se determine conforme o artigo 47 da citada lei.
– Duración: esta encomenda estará vixente desde a data da súa formalización ata o 31 de decembro de 2025. Poderá ser prorrogada anualmente, logo de autorización da consellería de adscrición.
– Obrigas económicas: a realización das actividades e actos necesarios para a execución desta encomenda de xestión por parte da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. efectuarase a título gratuíto, sen que exista retribución ou tarifa ningunha.
Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2024
Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
