DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Xoves, 9 de xaneiro de 2025 Páx. 876

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2024, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Igualdade, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Familias Mundi .

Examinado o expediente de declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Familias Mundi, e vista a proposta do subdirector xeral de Coordinación Administrativa, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. A Fundación Familias Mundi foi constituída por Agustín Dosil Maceira e Olga Díaz Fernández, en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela o 28 de abril de 2003 ante o notario Manuel Julio Reigada Montoto co número 1.385 do seu protocolo. Mediante a Resolución do 24 de outubro de 2003 inscribiuse no Rexistro Estatal de Fundacións, correspondéndolle o número 236SND.

Segundo. O 28 de agosto de 2024, o Rexistro Estatal de Fundacións, dependente do Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, remitiu á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a Resolución do 17 de agosto de 2024 pola que se acorda notificar ao Rexistro de Fundacións da Xunta de Galicia a modificación dos estatutos da Fundación Familias Mundi, con cambio de ámbito territorial á Comunidade Autónoma de Galicia, e deu traslado do expediente ao dito rexistro para a súa inscrición e posterior baixa rexistral no Rexistro Estatal.

Terceiro. A escritura pública de modificación dos estatutos da Fundación, outorgada en Santiago de Compostela o 27 de setembro de 2023 ante o notario José Manuel Amigo Vázquez co número 2.629 do seu protocolo, contén o certificado da reunión do padroado do 12 de abril de 2023, na cal se acordou a modificación dos seus estatutos e o texto consolidado destes. Os ditos estatutos cumpren os requisitos previstos no artigo 2 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, para ser declarada de interese galego, xa que os seus fins se consideran de interese xeral para Galicia e tanto o desenvolvemento principal das súas actividades como o seu domicilio radican no territorio da Comunidade Autónoma.

Cuarto. En virtude do disposto no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto promover e actualizar os valores permanentes da familia, como ámbito de personalización e escola da cidadanía e a formación dos pais para o mellor desempeño da súa misión, así como a formación de profesionais, líderes sociais e responsables de movementos familiares, capacitándoos/as para o desenvolvemento de programas de mediación e de intervención familiar, e promover un movemento de solidariedade internacional en favor da institución familiar.

Quinto. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade das persoas fundadoras e a súa capacidade e vontade de constituír a fundación, así como a dotación inicial. Na escritura de modificación dos estatutos da Fundación outorgada en Santiago de Compostela o 27.9.2023 constan os estatutos adaptados aos preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego (Diario Oficial de Galicia número 242, do 19 de decembro), e a identificación e aceptación dos membros do padroado.

Sexto. Nos estatutos da Fundación consta a denominación e natureza, o obxecto e as actividades, o domicilio e o ámbito de actuación, as regras para a aplicación dos recursos aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición do padroado, as regras para a designación e substitución dos seus membros, as causas de cesamento, as súas atribucións e a forma de deliberar e de adoptar acordos.

Sétimo. O padroado inicial da Fundación está formado por Agustín Dosil Maceiras como presidente, Olga Díaz Fernández como vicepresidenta, María Isabel Mayán Barreiro como secretaria e José María Pérez Bazús, Joaquín Dosil Díaz, Eduardo Pérez Redondo, María Olga Dosil Díaz, Manuel Mora Pita da Veiga, María del Pilar do Campo Piñeiro, María del Carmen Redondo Pérez, Manuel Ares Camba, María Mercedes Pita López, Carlos Dosil Díaz, Alejandra María Lago Pazos, Manuel Gandoy Rodríguez e Eugenia López Arias como vogais.

Oitavo. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías na xuntanza do 26 de novembro de 2024 elevou ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese social da Fundación Familias Mundi, consonte as materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 47 da antedita lei, no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Política Social e Igualdade.

Noveno. De conformidade coa dita proposta, por Orde do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes do 3 de decembro de 2024, clasificouse como de interese social a Fundación Familias Mundi e adscribiuse á Consellería de Política Social e Igualdade para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, en relación co Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Familias Mundi, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. En vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e logo do informe de idoneidade dos fins e de adecuación e suficiencia da dotación, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social e Igualdade, da Fundación Familias Mundi, polo que

RESOLVO:

Primeiro. Declarar fundación de interese galego a Fundación Familias Mundi.

Segundo. Ordenar a inscrición da Fundación Familias Mundi no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social e Igualdade.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, e presentar anualmente a documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Política Social e Igualdade.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Política Social e Igualdade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2024

María Francisca Gómez Santos
Secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social e Igualdade