O Regulamento (UE) 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2017/1004 (en diante, Regulamento FEMPA), xunto co Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ao Fondo Social Europeo Plus (FSEP), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados, constitúen o marco de financiamento comunitario para o período 2021-2027.
O Regulamento FEMPA establece, no seu artigo 3, que contribuirá á aplicación da política pesqueira común (PPC) e da política marítima da Unión e que terá, como prioridade 1, fomentar a pesca sustentable e a recuperación e conservación dos recursos biolóxicos acuáticos. O apoio no marco desta prioridade, que se desenvolve no capítulo II, abarcará as intervencións que contribúan á consecución dos obxectivos da PPC establecidos no artigo 2 do Regulamento (UE) nº 1380/2013, isto é, apoiar actuacións que fomenten un sector da pesca sustentable e respectuoso co ambiente para conseguir os obxectivos da PPC, por medio de, entre outros, os seguintes obxectivos específicos: os de reforzar as actividades pesqueiras que sexan económica, social e ambientalmente sustentables e os de aumentar a eficiencia enerxética e reducir as emisións de CO2 mediante a substitución ou modernización de motores dos buques pesqueiros.
Ademais, mediante a Decisión do 29 de novembro de 2022, a Comisión aprobou o programa Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, Programa para España para recibir axuda do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca y de Acuicultura en España.
O sector da pesca constitúe un sector estratéxico para o desenvolvemento da nosa comunidade e ten que aproveitar ao máximo os fondos deste marco para alcanzar os novos retos que se formulan e, neste sentido, tanto o sector extractivo como o sector transformador terán que aproveitar todas as posibilidades que brindan estes instrumentos para conseguir o obxectivo de ser un sector competitivo, sustentable e respectuoso co ambiente.
O artigo 1.1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos ás subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, mesmo cando a súa execución se realice nunha ou en varias anualidades; no primeiro caso, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vaia materializar a contraprestación e, no segundo, sempre que exista crédito para a primeira anualidade e que se cumpran os requisitos do artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Ademais, o artigo 3.3.3 estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela, e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.
Segundo o Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, modificado polo Decreto 149/2024, do 20 de maio, correspóndelle á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica tanto a promoción da competitividade dos produtos pesqueiros, marisqueiros e da acuicultura e o fomento da súa calidade, como a conservación, protección e xestión sustentable dos recursos mariños.
En consecuencia, facendo uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación, e oído o sector afectado,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, e a convocatoria para 2025, de axudas destinadas á realización de actuacións por parte de propietarios de buques pesqueiros para fomentar a pesca sustentable e a recuperación e conservación dos recursos biolóxicos acuáticos.
Os códigos dos procedementos administrativos regulados por esta orde son os seguintes:
– PE120A, para axudas dirixidas á diminución do efecto da pesca.
– PE120B, para axudas que melloren as condicións laborais e de seguridade a bordo:
• Sen aumento de capacidade.
• Con aumento de capacidade.
– PE120C, para axudas destinadas a aumentar a eficiencia enerxética e mitigación do cambio climático e/ou redución das emisións de CO2.
• Sen aumento de capacidade.
• Con aumento de capacidade.
• Cambio de motor.
– PE120E, para axudas que aumenten o valor engadido, a economía circular e a seguridade alimentaria.
Artigo 2. Definicións
Para os efectos desta orde, aplicaranse as definicións do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, e, na súa falta, a demais normativa de aplicación.
Artigo 3. Finalidade das axudas
Por procedemento, as axudas terán como finalidade realizar investimentos que:
– Procedemento PE120A: reduzan o impacto da pesca no medio mariño, apoien a eliminación gradual dos descartes e faciliten a transición a unha explotación sustentable dos recursos biolóxicos mariños de acordo co artigo 2, número 2, do Regulamento 1380/2013.
– Procedemento PE120B:
• Sen aumento de capacidade: melloren a hixiene, a saúde, a seguridade e as condicións de traballo dos traballadores, fomentando así a remuda xeracional e o desenvolvemento profesional.
• Con aumento de capacidade: melloren a seguridade e as condicións de traballo aumentando o arqueo bruto dun buque pesqueiro.
– Procedemento PE120C:
• Sen aumento de capacidade: optimicen o uso da enerxía dos buques para contribuír á mitigación do cambio climático reducindo as súas emisións e o consumo de combustibles.
• Con aumento de capacidade: melloren a eficiencia enerxética mediante operacións que aumenten o arqueo bruto dun buque pesqueiro.
• Cambio de motor: apoien a substitución ou modernización dun motor principal ou auxiliar dun buque de pesca de ata 24 metros de eslora total.
– Procedemento PE120E: incrementen a calidade, o valor engadido e a seguridade dos produtos pesqueiros, mediante o desenvolvemento de novos produtos e a valorización dos existentes, así como os subprodutos e capturas accidentais ou non desexadas que melloren a sustentabilidade da actividade pesqueira.
Artigo 4. Crédito orzamentario
1. Para o ano 2025 as axudas concederanse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias correspondentes ao proxecto de orzamento de gasto da Consellería do Mar. O importe total máximo das subvencións que se concedan no devandito exercicio orzamentario para cada unha delas, segundo a finalidade, é o seguinte:
16.02.723A.770.4, código proxecto 2024.00148 (diminución do efecto da pesca): 543.067 €.
16.02.723A.770.3, código proxecto 2024.00147 (mellora das condicións laborais e de seguridade a bordo sen aumento de capacidade): 1.076.194 €.
16.02.723A.770.1, código proxecto 2023.00188 (mellora das condicións laborais e de seguridade a bordo con aumento de capacidade): 1.288.554 €.
16.02.723A.770.2, código proxecto 2024.00146 (mellora da eficiencia enerxética e mitigación do cambio climático sen aumento de capacidade): 1.084.667 €.
16.02.723A.770.0, código proxecto 2023.00187 (mellora da eficiencia enerxética e mitigación do cambio climático con aumento de capacidade): 1.265.447 €.
16.02.723A.770.1, código de proxecto 2024.00144 (cambio de motor): 271.167 €.
16.02.723A.770.5, código proxecto 2024.00149 (incremento do valor engadido, da economía circular e da seguridade alimentaria): 723.111 €.
A concesión estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente, no momento da resolución para o gasto que se vaia efectuar, no proxecto de orzamento de gastos para o ano 2025.
2. O período de elixibilidade do actual programa operativo (2021-2027) abrangue desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de decembro de 2029, segundo dispón o artigo 63, número 2, do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados.
3. O importe fixado nesta convocatoria, así como as aplicacións a que se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.
4. A concesión das axudas queda condicionada á efectiva existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.
5. As axudas mencionadas contan co financiamento do FEMPA nun 70 % e do Estado membro (Comunidade Autónoma de Galicia) nun 30 %.
6. Poderanse adquirir compromisos de carácter plurianual de acordo co artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
7. A tramitación deste expediente acóllese á Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que a aprobación do expediente queda condicionada á efectiva existencia de crédito adecuado e suficiente na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
Artigo 5. Persoas beneficiarias e requisitos xerais
Poderán ser beneficiarias as persoas físicas, xurídicas ou pluralidade de persoas físicas ou xurídicas, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidades de bens que cumpran os seguintes requisitos:
1. Ser propietario dun buque da 3ª lista do Rexistro de Matrícula de Buques e Empresas Navieiras.
2. O buque debe ter o seu porto base na Comunidade Autónoma de Galicia e atoparse de alta no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia e no Rexistro Xeral da Frota Pesqueira.
3. O buque para o cal se solicita axuda debe constituír un seguro que garanta a cobertura de danos a terceiros.
4. Os buques pesqueiros deberán ter levado a cabo actividades pesqueiras no mar durante polo menos 60 días nos dous anos civís anteriores ao ano de presentación da solicitude. O órgano xestor das axudas comprobará o cumprimento dos días de actividade pesqueira mediante sistemas de localización de buques. Se o buque non dispón destes dispositivos, a comprobación realizarase mediante a consulta dos datos dos rexistros oficiais de vendas. Tamén se poderán consultar outros medios que, a xuízo do devandito órgano, acrediten suficientemente a actividade pesqueira e/ou a zona de faena da devandita actividade.
5. No caso de buques cuxa primeira venda dos produtos que captura sexa en fresco e, polo tanto, obrigatoria en lonxa, o volume de vendas que se obteña da suma das notas de venda durante o ano anterior ao da convocatoria deberá ser superior ao 50 % da media obtida para ese porto base e polo segmento de frota que figura no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia (RBPG).
6. No caso de buques para os cales a primeira venda dos produtos que captura non sexa obrigada en lonxa, o buque debe dispoñer da autorización para realizar a devandita venda e debe transmitila ao órgano competente.
7. O buque non pode ter unha resolución desfavorable de regularización, salvo que posteriormente se regularizase, para o que deberá asinar o anexo IV.
8. Os investimentos para os cales se solicite axuda non poderán estar iniciados nin pagados antes de que se acredite o non inicio deles, nos termos indicados no artigo 12 desta orde.
No caso de que o solicitante conte cunha certificación de non inicio anticipada, os investimentos non poderán estar finalizados nin completamente pagados antes de que se acredite, unha vez presentada a solicitude, a non finalización destes por parte dos servizos da Consellería do Mar. No caso de que o barco estea fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, o órgano competente autorizará a persoa ou entidade encargada de facer esta certificación. Non obstante, o órgano competente poderá determinar que a inspección in situ se realice no porto base do buque.
9. Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
10. Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
11. Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
12. Non atoparse en ningún dos supostos establecidos no número 1, letras a) e b), do artigo 11 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021:
– Ter cometido infraccións graves consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello ou o artigo 90 do Regulamento (CE) nº 1224/2009 do Consello, ou consonte outros actos lexislativos adoptados polo Parlamento Europeo e polo Consello no marco da PPC.
– Estar ou ter estado involucrado nos últimos 24 meses na explotación, xestión ou propiedade dalgún buque pesqueiro incluído na lista de buques INDNR da Unión Europea segundo dispón o artigo 40, número 3, do Regulamento (CE) nº 1005/2008 polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada; estar ou ter estado involucrado nos últimos 12 meses na explotación, xestión ou propiedade dalgún buque que enarbore o pavillón dun país incluído na lista de terceiros países non cooperantes prevista no artigo 33 do citado regulamento.
13. No marco do FEMP ou FEMPA, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, tal e como se define no artigo 3 da Directiva (UE) 2017/1371.
14. Ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
15. Antes de que se dite a proposta de resolución de concesión, deben estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
16. Para subvencións de importe superior a 30.000 euros, as persoas físicas e xurídicas, distintas das entidades de dereito público, con ánimo de lucro, suxeitas á Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, deberán acreditar cumprir, nos termos dispostos nesta epígrafe, os prazos de pagamento que se establecen na citada lei para obter a condición de persoa beneficiaria. Calquera financiamento que permita o cobramento anticipado da empresa provedora considerarase válido para os efectos do cumprimento desta epígrafe, coa condición de que o seu custo corra a cargo do cliente e se realice sen posibilidade de recurso ao provedor, no caso de falta de pagamento.
A documentación acreditativa do nivel de cumprimento dos prazos legais de pagamento presentarase xunto coa solicitude da axuda. Con todo, se a certificación de auditor ou o informe de procedementos acordados non pode obterse antes da terminación do prazo establecido para a súa presentación, achegarase xustificante de solicitar o dito medio de acreditación e, unha vez obtido, presentarase inmediatamente e, en todo caso, antes da resolución de concesión.
A acreditación do nivel de cumprimento establecido realizarase polos seguintes medios de proba:
i) As persoas físicas e xurídicas que, de acordo coa normativa contable poden presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, en que afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro.
Poderán tamén acreditar a dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos no punto ii) seguinte e con suxeición á súa regulación.
ii) As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, non poden presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:
1º. Certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagamentos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se alcanza o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinado nesta epígrafe, con base na información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.
Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.
2º. No caso de que non sexa posible emitir o certificado a que se refire o número anterior, informe de procedementos acordados, elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que, con base na revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pagamento a provedores da sociedade nunha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou no caso de que se detectasen, estas non impidan alcanzar o nivel de cumprimento requirido no último parágrafo desta epígrafe.
Os informes de procedementos acordados ou as certificacións deberán realizarse segundo o establecido no artigo 215 do Real decreto lei 5/2023, do 28 de xullo, polo que se modifica o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Para os efectos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, entenderase cumprido o requisito exixido nesta epígrafe cando o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, sexa igual ou superior á porcentaxe prevista na disposición derradeira sexta, letra d), punto segundo, da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.
17. Á solicitude xuntaráselle unha declaración responsable, por parte do solicitante ou do representante, do cumprimento dos requisitos establecidos nos números 9 a 16 deste artigo.
Artigo 6. Requisitos específicos
Sen prexuízo do anterior, segundo o tipo de axuda, deberanse cumprir os seguintes requisitos:
a) Para axudas dirixidas á diminución do efecto da pesca: só se concederán cando poida demostrarse que a arte de pesca ou outros equipos considerados posúen una maior selectividade por tamaños ou menor impacto no ecosistema e nas especies non obxectivo que as artes ou outros equipamentos estándar autorizados en virtude da normativa da Unión. A xustificación realizarase mediante informes realizados por técnicos ou expertos independentes con competencias para a súa emisión, que demostren que os investimentos que reciben apoio teñen a capacidade de conseguir maior selectividade da arte de pesca, ou menor impacto, respecto doutros equipamentos estándar en virtude da normativa da Unión. O dito informe será considerado elixible no marco deste tipo de actividade.
b) Para axudas que melloren as condicións laborais e de seguridade a bordo: unicamente se poderán conceder cando impliquen maiores exixencias que os requisitos normativos da Unión Europea, do Estado ou da nosa comunidade autónoma, en vigor no momento da presentación da solicitude de axuda. Ademais, segundo o tipo de axuda, será necesario que:
b.1) Sen aumento de capacidade:
Poderanse financiar os investimentos a bordo ou a adquisición de equipamentos que, na data da solicitude da axuda, acrediten de forma clara que o investimento, sendo máis exixente que o requirido pola normativa, mellora a seguridade, a saúde ou as condicións de traballo a bordo e non incrementa a capacidade de pesca.
Para os investimentos que se relacionan nas letras da w) á aa) do artigo 10.1.B, na epígrafe de seguridade, é obrigatorio un informe técnico que xustifique a actuación coa mellora da seguridade a bordo e que acredite o non aumento de capacidade nin de habilidade para detectar peixe.
b.2) Con aumento de capacidade:
O buque terá que pertencer, no momento da concesión e do pagamento, a un segmento da frota respecto do cal o último informe sobre capacidade de pesca a que se refire o artigo 22, número 2, do Regulamento (UE) nº 1380/2013 amose un equilibrio entre a capacidade pesqueira do segmento coas posibilidades de pesca dispoñibles para o dito segmento; cada ano, no informe de frota publicarase a lista de buques coa asignación do seu segmento e a información sobre a situación de equilibrio e desequilibrio do dito segmento.
O buque non poderá ter máis de 24 metros de eslora total.
O buque ten que estar inscrito no Rexistro Xeral da Frota Pesqueira desde, polo menos, os dez anos civís previos ao ano de presentación da solicitude.
A entrada na frota pesqueira de nova capacidade pesqueira xerada pola operación debe compensarse coa retirada previa de, polo menos, a mesma cantidade de capacidade pesqueira sen axuda pública do mesmo segmento da frota ou dun segmento da frota para o cal o informe máis recente sobre capacidade pesqueira, mencionado no artigo 22, número 2, do Regulamento (UE) nº 1380/2013, puxese en evidencia que a capacidade pesqueira non está en equilibrio coas posibilidades de pesca dispoñibles para tal segmento. A potencial persoa beneficiaria achegará, xunto coa solicitude, os GT adicionais que utilizará na obra e indicará o buque de procedencia dos ditos GT.
No momento do pagamento deberá contar coa resolución de autorización da Comunidade Autónoma de Galicia do expediente de entrada de capacidade, onde deberán figurar e comprobarse a orixe dos GT utilizados.
c) Para axudas que teñan por finalidade mellorar a eficiencia enerxética e mitigar o cambio climático e/ou reducir as emisións de CO2.
c.1) Sen aumento de capacidade:
Para estabilizadores ou quillas de balance ou flaps nas operacións que teñan como obxectivo mellorar a hidrodinámica do casco, é necesario informe/auditoría enerxética de aforro de combustible emitido por un técnico especialista independente con competencia para a súa emisión.
No caso das operacións que teñan como finalidade mellorar o sistema de propulsión dos buques, todas deberán dispoñer de informe técnico que indique que a operación non incrementa a capacidade do buque. Ademais, no caso de novas tobeiras para mellorar o sistema de propulsión, deberán dispoñer dunha auditoría enerxética de aforro de combustible emitida por un técnico ou experto independente con competencia para a súa emisión e, no caso de modificación ou cambios de portas, requírese informe enerxético de aforro de combustible emitido por un técnico ou experto independente con competencia para a súa emisión.
Para as operacións que teñan por obxecto as artes de pesca, aparellos e utensilios de pesca, deberá constar informe de técnico ou experto independente, con competencia para a súa emisión, expresivo de que non se pon en perigo a selectividade desa arte de pesca, e informe/auditoría enerxética de aforro de combustible realizado por un técnico ou experto independente con competencia para a súa emisión.
Os informes e/ou a auditoría enerxética de aforro de combustible por técnico especialista, nos casos en que proceda, son elixibles.
c.2) Con aumento de capacidade:
O buque terá que pertencer, no momento da concesión e do pagamento, a un segmento da frota respecto do cal o último informe sobre capacidade de pesca a que se refire o artigo 22, número 2, do Regulamento (UE) nº 1380/2013, amose un equilibrio entre a capacidade pesqueira do segmento coas posibilidades de pesca dispoñibles para o dito segmento; cada ano, no informe de frota publicarase a lista de buques coa asignación do seu segmento e a información sobre a situación de equilibrio e desequilibrio do dito segmento.
O buque non poderá ter máis de 24 metros de eslora total.
O buque ten que estar inscrito no Rexistro Xeral da Frota Pesqueira desde, polo menos, os dez anos civís previos ao ano de presentación da solicitude.
A entrada na frota pesqueira de nova capacidade pesqueira xerada pola operación debe compensarse coa retirada previa de, polo menos, a mesma cantidade de capacidade pesqueira sen axuda pública do mesmo segmento da frota ou dun segmento da frota para o cal o informe máis recente sobre capacidade pesqueira, mencionado no artigo 22, número 2, do Regulamento (UE) nº 1380/2013, puxese en evidencia que a capacidade pesqueira non está en equilibrio coas posibilidades de pesca dispoñibles para tal segmento. A potencial persoa beneficiaria achegará, xunto coa solicitude, os GT adicionais que utilizará na obra e indicará o buque de procedencia dos ditos GT.
Será necesario presentar informe/auditoría enerxética de aforro de combustible por técnico especialista, que será elixible.
No momento do pagamento deberá contar coa resolución de autorización da Comunidade Autónoma de Galicia con respecto ao expediente de entrada de capacidade, onde deberá figurar e comprobarse a orixe dos GT utilizados.
c.3) Cambio de motor:
Para a substitución ou modernización de motores principais ou auxiliares é necesario:
– Que o buque de pesca pertenza a un segmento da frota respecto do cal o último informe sobre capacidade de pesca a que se refire o artigo 22, número 2, do Regulamento (UE) nº 1380/2013 mostre un equilibrio coas posibilidades de pesca dispoñibles para o devandito segmento. Cada ano, no informe de frota publicarase a lista de buques coa asignación do seu segmento e a información sobre a situación de equilibrio e desequilibrio do devandito segmento.
– Que o buque de pesca non teña máis de 24 metros de eslora total.
– Que o buque de pesca estea rexistrado no Rexistro Xeral da Frota Pesqueira durante, polo menos, os cinco anos civís previos ao ano de presentación da solicitude de apoio.
Ademais, a axuda destinada á substitución ou modernización de motores principais ou auxiliares poderá concederse soamente:
– Para o caso dos buques de pesca costeira artesanal, en que a potencia en kW do motor novo ou modernizado non supere a do motor existente.
– No caso do resto dos buques, cuxa eslora total non exceda 24 metros, en que o motor novo ou modernizado teña unha potencia en kW non superior á do motor existente e emita, como mínimo, un 20 % menos de CO2 que o motor existente, considerarase alcanzada a redución das emisións de CO2 requirida en calquera dos casos seguintes:
i) Cando a información pertinente certificada polo fabricante dos motores novos ou modernizados, como parte dunha homologación de tipo ou un certificado de produto, indique que o motor novo ou modernizado emite, polo menos, un 20 % menos de CO2 que o motor substituído.
ii) Cando a información pertinente certificada polo fabricante dos motores novos ou modernizados, como parte dunha homologación de tipo ou un certificado de produto, indique que o motor novo ou modernizado utiliza, polo menos, un 20 % menos de combustible que o motor substituído.
iii) Cando a información pertinente certificada polo fabricante dos motores correspondente, como parte dunha homologación de tipo ou un certificado de produto, para un ou ambos os dous motores non permita comparar as emisións de CO2 ou o consumo de combustible, considerarase que se alcanzou a redución das emisións de CO2 exixida en calquera dos casos seguintes:
iii.1) Se o novo motor utiliza unha tecnoloxía eficiente desde o punto de vista enerxético e a diferenza de idade entre o novo motor e o motor substituído é de, polo menos, sete anos. Terán a consideración de tecnoloxía eficiente, de acordo co Regulamento de execución 2022/46, as seguintes:
– Hidróxeno.
– Amoníaco.
– Combustión interna.
– Pilas de combustible.
– Electricidade.
– Unha combinación de electricidade e combustión (híbridos).
– Un sistema híbrido de pilas de combustible.
– Dispoñan dunha homologación de tipo de conformidade co Regulamento (UE) 2016/1628 do Parlamento Europeo e do Consello.
iii.2) Se o novo motor utiliza un tipo de combustible ou un sistema de propulsión que se considera que emite menos CO2 que o motor substituído.
iii.3) Segundo a medición do Estado membro, se o novo motor emite un 20 % menos de CO2 ou utiliza un 20 % menos de combustible que o motor substituído conforme o esforzo pesqueiro normal do buque correspondente. Para estes efectos, aplicarase o disposto no artigo 2 do Regulamento de execución (UE) 2022/46.
– Non se substituirá a capacidade pesqueira retirada debido ao cambio ou modernización dun motor principal ou auxiliar.
– O motor substituído ou modernizado será obxecto dunha verificación física.
d) Para axudas que contribúan a aumentar o valor engadido, a economía circular e a seguridade alimentaria:
– As capturas non desexadas correspondentes a capturas de tamaño inferior ao tamaño mínimo de referencia de especies suxeitas á obriga de desembarque, só poderán empregarse para fins distintos do consumo humano directo, como fariñas ou aceite de pescado, penso para animais de compañía, aditivos alimentarios, produtos farmacéuticos e cosméticos (artigo 15.11 RPPC).
Artigo 7. Obrigas xerais das persoas beneficiarias
As persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:
a) Executar as actuacións obxecto da subvención dentro do prazo conferido para o efecto, e con cumprimento das condicións establecidas na respectiva resolución de concesión e demais normativa de aplicación.
b) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, que será a data contable do último pagamento, esta non pode:
– Cesar na actividade produtiva nin, no caso de agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica e comunidades de bens, disolverse ata que finalice o devandito prazo.
– Relocalizar a actividade produtiva fóra de Galicia.
– Cambiar a propiedade da infraestrutura ou dun elemento da infraestrutura de forma que proporcione unha vantaxe indebida e sen autorización expresa do órgano concedente.
– Producir cambios substanciais que afecten a natureza, os obxectivos ou as condicións de execución da operación, de modo que se menoscaben os seus obxectivos orixinais.
– O buque non poderá ser transferido fóra de la Unión nin reabandeirado con pavillón de fóra da Unión.
A Consellería do Mar solicitará o reintegro da axuda de forma proporcional ao período durante o cal se incumpriron os requisitos, segundo o disposto no artigo 65 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra de comprobación ou control financeiro que poidan realizar os órganos de control competente, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
d) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano da data contable do último pagamento, para os efectos de comprobación e control. Cando proceda, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable ás persoas beneficiarias.
e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.
f) Comunicarlle á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente, tanto público como privado.
g) Comunicarlle á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.
h) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado, con expresa mención á participación do FEMPA:
1. Cando as persoas beneficiarias dispoñan dun sitio web e de contas en medios sociais farán unha breve descrición da operación, de maneira proporcionada en relación co nivel da axuda, cos seus obxectivos e resultados, e destacarán a axuda financeira da Unión.
2. En documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da operación, destinados ao público ou aos participantes, proporcionarán unha declaración que destaque a axuda da Unión de maneira visible.
3. Exhibirán placas ou valos publicitarios resistentes nun lugar ben visible para o público, en que figure o emblema da Unión, tan pronto como comece a execución física de operacións que impliquen investimentos físicos ou se instalen os equipos que se adquiriron, con respecto a operacións cuxo custo total sexa superior a 100.000,00 €.
4. As operacións que non se inclúan no número 3 exhibirán nun lugar ben visible para o público polo menos un cartel de tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación onde se destaque a axuda dos fondos; nos casos en que a persoa beneficiaria sexa unha persoa física, a devandita persoa beneficiaria asegurará, na medida do posible, a dispoñibilidade de información adecuada onde se destaque a axuda dos fondos, nun lugar visible para o público ou mediante unha pantalla electrónica.
5. Para as operacións de importancia estratéxica e as operacións cuxo custo total sexa superior a 10.000.000,00 €, organizarán unha actividade ou acto de comunicación, segundo conveña, e farán participar á Comisión e á autoridade de xestión responsable no momento oportuno.
En calquera actuación incluirán, así mesmo, o logotipo da Xunta de Galicia.
A utilización do emblema da Unión realizarase conforme o disposto no artigo 47 e no anexo IX do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.
O incumprimento das obrigas da persoa beneficiaria, ademais da mala utilización do emblema da UE, sen a adopción de medidas correctoras, fará que se poida cancelar ata un máximo do 3 % da axuda do FEMPA á operación.
i) Non incorrer, durante un período comprendido entre a presentación da solicitude da axuda e os cinco anos seguintes á materialización do pagamento final, nalgunha das situacións a que fai referencia o artigo 5.12 desta orde. Se calquera desas situacións se produce durante o dito período, deberá reintegrar, total ou parcialmente, o importe da axuda, de conformidade co establecido no artigo 44 do Regulamento FEMPA e no artigo 103 do Regulamento (UE) 2021/1060.
j) Respectar a Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea. Ter en conta a promoción e a igualdade entre mulleres e homes, e a non discriminación. Evitar calquera discriminación por razón de xénero, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual, e ter en conta a accesibilidade para as persoas con discapacidade, de ser o caso.
Artigo 8. Obrigas específicas das persoas beneficiarias
Sen prexuízo do anterior, segundo o tipo de axuda, a persoa beneficiaria deberá cumprir, ademais, os seguintes requisitos:
En investimentos en hixiene, saúde, seguridade ou condicións de traballo na pesca que sexan consumibles (por exemplo os medicamentos) ou funxibles, non poderán atoparse caducados, en ningún caso, no período de cinco anos. Se a caducidade fose menor ou fosen consumidos nese período, a persoa beneficiaria deberá repoñelos; serán admisibles, para estes efectos, produtos cuxo efecto sexa similar ao ben subvencionado.
No caso de investimentos inmateriais (campañas informativas, estudos...) deberá existir unha actualización nos manuais, campañas, guías etc. durante o período de 5 anos, se o buque sofre unha modificación da infraestrutura, proceso, tecnoloxía... que afecte a finalidade do investimento subvencionado.
Artigo 9. Investimento máximo subvencionable e intensidade das axudas
1. As axudas reguladas nesta orde teñen o carácter de subvencións de capital e non constitúen axudas de Estado.
2. Nas axudas cuxa finalidade sexa a realización dun investimento, o importe do investimento subvencionable será o que se obteña da valoración das obras ou investimentos con criterios técnico-económicos, obxectivos e homoxéneos, de acordo cos informes emitidos.
3. A contía máxima da axuda, conforme o disposto no artigo 41 do Regulamento FEMPA, será o 50 % do investimento máximo subvencionable a que se refire o número 2 deste artigo, excepto no caso de operacións que melloren as condicións laborais e de seguridade a bordo, que será do 75 %; ademais, cando o buque sexa de pesca costeira artesanal ou no caso de operacións que melloren a selectividade por tamaños ou especies das artes de pesca, será do 100 %; con todo, cando se trate da substitución ou modernización de motor, investimentos que melloren as condicións laborais e de seguridade a bordo con aumento de capacidade ou investimentos en eficiencia enerxética e mitigación do cambio climático con aumento de capacidade, será como máximo do 40 %.
Artigo 10. Investimentos obxecto de subvención e gastos subvencionables
Os investimentos que, sen tratarse dunha lista pechada, poderán ser obxecto de subvención son, entre outros, os seguintes:
A. Investimentos dirixidos á diminución do efecto da pesca que se refiran a:
* Equipamentos máis selectivos que diminúan a capacidade de pesca e/ou aumenten a selectividade por tamaños ou especies das artes de pesca; en particular, aqueles métodos e artes de pesca compatibles coa xestión ambiental das zonas de pesca naqueles espazos da Rede Natura 2000.
* Equipamentos ou medidas técnicas que minimicen o risco de capturas accidentais de grandes organismos mariños, tales como mamíferos, aves, tartarugas e elasmobranquios vulnerables.
* Equipamentos para eliminar os descartes, evitando e reducindo as capturas non desexadas de poboacións comerciais ou para tratar as capturas non desexadas que deban desembarcarse de acordo co artigo 15 do Regulamento (UE) nº 1380/2013.
* Equipamentos que limiten e/ou eliminen os efectos físicos e biolóxicos das actividades pesqueiras no ecosistema, con outros seres vivos ou no fondo mariño.
* Equipamentos para protexer as artes de pesca e as capturas fronte aos mamíferos e ás aves protexidas pola Directiva 92/43/CEE ou pola Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello, coa condición de que non se limite a selectividade das artes de pesca e se apliquen todas as medidas adecuadas para evitar o dano físico aos predadores. Inclúese o apoio a métodos e artes de pesca en zonas mariñas da Rede Natura 2000 no Marco de acción prioritaria.
Igualmente, serán subvencionables os informes emitidos por técnicos ou expertos independentes con competencia para a súa emisión, exixidos para a concesión destas axudas.
B. Investimentos que melloren as condicións laborais e de seguridade a bordo.
Os investimentos subvencionables por tipo de actividade indícanse a continuación.
B.1. Sen aumento de capacidade. Serán subvencionables os investimentos que se refiran a:
Hixiene:
a) Instalacións sanitarias tales como aseos e lavabos; b) cociñas e equipamentos de almacenamento de produtos alimenticios; c) depuradoras de auga para a produción de auga potable; d) equipamentos ou sistemas de ventilación, limpeza e/ou desinfección para manter a bordo as condicións sanitarias adecuadas; e) guías e manuais para a mellora da hixiene a bordo, ferramentas informáticas incluídas.
Saúde:
a) A compra e a instalación de caixas de primeiros auxilios; b) a compra de medicamentos e de dispositivos para tratamentos de urxencia a bordo; c) a subministración de servizos de telemedicina, incluídos os equipamentos, as tecnoloxías electrónicas e os dispositivos de imaxes médicas aplicados á consulta a distancia desde os buques; d) a adquisición de guías e manuais para mellorar a saúde a bordo; e) as campañas de información destinadas a mellorar a saúde a bordo.
Seguridade:
a) Proteccións de abrigo; b) balsas salvavidas; c) unidades de destrincaxe hidrostática para balsas salvavidas; d) radiobalizas de localización persoal que, como as radiobalizas de localización de sinistros (RBLS), poidan integrarse nos chalecos salvavidas e na roupa de traballo das persoas pescadoras; e) dispositivos de flotación persoal, especialmente traxes de inmersión ou de supervivencia e aros e chalecos salvavidas; f) bengalas para sinais de socorro; g) aparellos lanzacabos; h) equipamento que facilite a supervivencia en caso de abandono, caída do buque etc.; sistemas de salvamento en casos de «home á auga»; i) dispositivos de prevención/detección e loita contra incendios, como extintores, mantas ignífugas, detectores de fume ou lume e aparellos de respiración; j) prevención de afundimentos, caídas á auga, accidentes por atrapamento ou esvaramento ou golpes ou cortes etc.; k) radares banda X que diminúan o risco de colisión; l) portas cortalumes; m) válvulas de peche do depósito de combustible; n) detectores de gas e sistemas de alarma de gas; ñ) bombas de achique e alarmas; o) equipamentos de radio e de comunicacións por satélite; p) trapelas e portas estancas; q) gardamáquinas para máquinas tales como guinches ou estibadores de rede; r) pasarelas e escadas de acceso; s) iluminación de cuberta, de emerxencia ou para procuras; t) mecanismos de seguridade para os casos en que as artes de pesca queden bloqueadas por algún obstáculo situado por debaixo da superficie; u) monitores e cámaras de seguridade; v) equipamentos e demais elementos necesarios para mellorar a seguridade da cuberta; w) modernización relativa ao temón e ao pau do temón; x) modernización relativa a hélices de manobra; y) modernización do pau pescante ou pescante de popa en buques de arrastre; z) modernización no cadro de luces/instalación eléctrica; aa) adquisición e instalación de haladores e outros aparellos de levantamento e recollida de artes –rulo, guindastre, estibadores, maquinillas, tambores de rede para o almacenamento das artes en buques de pesca–.
No caso dos investimentos relacionados nas letras da w) á aa) tamén será subvencionable o informe técnico, de obrigada presentación, que xustifique a actuación coa mellora da seguridade a bordo e que xustifique o non aumento de capacidade nin de habilidade para detectar peixe.
Condicións laborais:
a) Equipamentos radioeléctricos e de mellora da conectividade que faciliten as condicións de vida da tripulación a bordo; b) varandas de cuberta; c) estruturas de cuberta de abrigo e elementos de modernización dos camarotes que protexan das condicións meteorolóxicas adversas; d) elementos para a mellora da seguridade dos camarotes e o establecemento de zonas comúns para a tripulación, e) equipamentos para alixeirar o levantamento manual de cargas pesadas, con exclusión das máquinas utilizadas directamente nas operacións de pesca como, por exemplo, os guinches; f) pintura e alfombras de goma antiescorregadiza; g) material de illamento contra o ruído, a calor ou o frío e equipamentos para mellorar a ventilación; h) roupas de traballo e equipamentos de seguridade tales como botas de seguridade impermeables, dispositivos de protección respiratoria e ocular, luvas, arneses, prismáticos e cascos de protección ou equipamentos de protección contra as caídas, incluíndo os traballadores/as en terra; i) sinais de emerxencia, de seguridade e de alerta; j) análises e avaliacións que determinen os riscos que corren as persoas pescadoras a bordo ou en terra, no exercicio directo ou indirecto da súa actividade profesional, co fin de adoptar medidas para previlos ou reducilos; k) guías e manuais para a mellora das condicións de traballo a bordo; l) reformas sobre habitabilidade que faciliten a incorporación da muller como tripulación.
Ademais dos investimentos mencionados, poderanse realizar estudos e proxectos piloto no ámbito da seguridade a bordo e a mellora das condicións de traballo.
Non serán subvencionables aqueles investimentos en que o importe da axuda ou o aboamento á persoa beneficiaria resulte inferior a 600 euros.
B.2. Con aumento de capacidade. Para os efectos do número 1 do artigo 19 do Regulamento 2021/1139, soamente serán subvencionables no marco deste tipo de actividade as seguintes operacións:
a) O aumento do arqueo bruto necesario para a posterior instalación ou renovación de instalacións de aloxamento dedicadas ao uso exclusivo da tripulación, incluídas as instalacións sanitarias, as zonas comúns, as instalacións de cociña e as estruturas de cuberta de abrigo;
b) O aumento do arqueo bruto necesario para a posterior mellora ou instalación de sistemas de prevención de incendios a bordo, sistemas de seguridade e alarma ou sistemas de redución do ruído.
C. Investimentos en eficiencia enerxética e mitigación do cambio climático ou redución das emisións de CO2:
Os investimentos subvencionables por tipo de actividade, indícanse a continuación.
C.1. Eficiencia enerxética e mitigación do cambio climático sen aumento de capacidade. Serán subvencionables os investimentos que se refiran a:
Operacións que teñan como obxectivo mellorar a hidrodinámica do casco dos buques:
a. Os investimentos en mecanismos de estabilidade que, como as quillas de sentina e os bulbos de proa, contribúan a mellorar o funcionamento dos buques no mar e a súa estabilidade.
b. Estabilizadores ou quillas de balance ou flaps. É necesario informe/auditoría enerxética de aforro de combustible por un técnico especialista independente con competencia para a súa emisión.
c. Os gastos derivados do uso de produtos antiincrustantes non tóxicos que, como os revestimentos de cobre, reduzan a fricción.
d. Os custos relacionados co aparello de goberno, como, por exemplo, os sistemas de mando do aparello de goberno ou os temóns múltiples que reducen o movemento do temón en función das condicións meteorolóxicas e do estado do mar.
e. O custo dos ensaios de depósitos que teñan por obxecto achegar unha base para mellorar as características hidrodinámicas dos buques.
Operacións que teñan como finalidade mellorar o sistema de propulsión das embarcacións pesqueiras. Todas deberán dispoñer de informe técnico que indique que a operación non incrementa a capacidade do buque:
a. As hélices enerxeticamente eficientes, incluídas as árbores de transmisión.
b. Os catalizadores.
c. Os xeradores enerxeticamente eficientes, como, por exemplo, os que utilicen hidróxeno ou gas natural.
d. Os elementos de propulsión que utilicen fontes de enerxía renovables, como, por exemplo, velas, cometas, aeroxeradores, turbinas ou paneis solares.
e. Os temóns proeiros.
f. A conversión dos elementos do buque ás adaptacións necesarias para o funcionamento con biocarburantes ou outros combustibles alternativos.
g. Os económetros, os sistemas de xestión do combustible e os sistemas de seguimento.
h. Novas tobeiras para mellorar o sistema de propulsión, só no caso de que se dispoña dunha auditoría enerxética de aforro de combustible emitida por un técnico ou experto independente con competencia para a súa emisión.
i. Modificación ou cambios de portas. Require informe enerxético de aforro de combustible por un técnico ou experto independente con competencia para a súa emisión.
Operacións que teñan como obxecto reducir o consumo de electricidade ou de enerxía térmica:
a. Investimentos destinados a mellorar a refrixeración, a conxelación ou os sistemas de illamento das embarcacións.
b. Investimentos que fomenten a reciclaxe de calor dentro dos buques con vistas á súa recuperación e reutilización para operacións auxiliares a bordo.
* Investimentos que teñan por obxecto as artes de pesca, aparellos e utensilios de pesca por outros máis eficientes enerxeticamente. Deberá constar informe de técnico ou experto independente, con competencia para a súa emisión, de que non se pon en perigo a selectividade desa arte de pesca, e informe/auditoría enerxética de aforro de combustible realizado por un técnico ou experto independente con competencia para a súa emisión.
Auditorías, programas e estudos piloto de eficiencia enerxética.
Ademais, tamén serán subvencionables o informe/auditoría enerxética de aforro de combustible e o informe sobre a selectividade da arte de pesca, de presentación obrigatoria nos casos indicados.
C.2. Eficiencia enerxética e mitigación do cambio climático con aumento de capacidade. Para os efectos do número 1 do artigo 19 do Regulamento 2021/1139, soamente serán subvencionables no marco deste tipo de actividade as seguintes operacións:
a) O aumento do arqueo bruto necesario para a posterior instalación de sistemas integrados de ponte que melloren a navegación ou o control do motor.
b) O aumento do arqueo bruto necesario para a posterior instalación ou renovación dun motor ou sistema de propulsión que demostre unha maior eficiencia enerxética ou unha redución das emisións de CO2 en comparación coa situación anterior, que non teña unha potencia superior á potencia motriz previamente certificada do buque de pesca, e cuxa potencia máxima estea certificada polo fabricante para ese modelo de motor ou sistema de propulsión.
c) A substitución ou renovación do bulbo de proa, sempre que mellore a eficiencia enerxética global do buque de pesca.
A maiores, será subvencionable o informe/auditoría enerxética de aforro de combustible por técnico especialista, de presentación obrigatoria para a concesión destes investimentos.
C.3. Cambio de motor:
Substitución ou modernización dos motores principais ou auxiliares dos buques de pesca que pertenzan a un segmento de frota respecto do cal o informe de capacidade pesqueira, a que se refire o artigo 22 do Regulamento (UE) nº 1380/2013, demostrase equilibrio coas posibilidades de pesca, sempre que se reduza ou non aumente a potencia do motor, segundo se indica nos requisitos específicos para este tipo de axuda.
Ademais, serán subvencionables os custos dos informes preceptivos e obrigatorios necesarios para realizar o investimento, de ser o caso.
A axuda polo cambio de motor só se poderá conceder unha vez en todo o período de programación do FEMPA para o mesmo propietario e buque pesqueiro.
D. Investimentos que aumenten o valor engadido, a economía circular e a seguridade alimentaria:
a) Investimentos a bordo que incrementen o valor dos produtos da pesca, en particular permitindo que os pescadores/as melloren a capacidade de comercialización das súas capturas;
b) Investimentos a bordo que incrementen a seguridade alimentaria dos produtos da pesca, en particular aqueles relativos á prevención e loita contra o Anisakis etc.;
c) Investimentos ou operacións que teñan como obxectivo desenvolver ou introducir novos coñecementos técnicos ou organizativos a bordo que melloren o valor engadido e/ou a seguridade alimentaria dos produtos da pesca;
d) Investimentos a bordo para a valorización e xestión das capturas accidentais reguladas pola obriga de desembarque, as capturas non desexadas e os refugallos xerados na actividade pesqueira;
e) Estudos e proxectos para a mellora do valor engadido e a seguridade alimentaria.
2. Non serán subvencionables:
– As operacións que incrementen a capacidade pesqueira do buque, salvo no caso das axudas que teñan por finalidade mellorar a seguridade, as condicións de traballo e a eficiencia enerxética, aumentando o arqueo bruto dun buque pesqueiro, conforme o artigo 19 do RFEMPA.
A adquisición de equipamentos que aumenten a capacidade do buque para detectar peixe.
– As construcións, adquisicións ou importacións de buques de pesca, salvo disposición en contra do artigo 17 do RFEMPA.
– A transferencia de buques de pesca a terceiros países ou o seu reabandeiramento con pavillón de terceiros países, incluso a través da creación de empresas conxuntas con socios de terceiros países.
– Os investimentos a bordo de buques pesqueiros que levasen a cabo actividades pesqueiras no mar durante menos de 60 días nos dous anos civís anteriores ao ano de presentación da solicitude.
• A pesca exploratoria.
• O imposto do valor engadido (IVE) cando sexa recuperable.
• Outros impostos recuperables.
• As transferencias de propiedade dunha empresa.
– Non se financiarán nin a construción nin a adquisición de elementos, infraestruturas, artefactos, instalacións e equipamentos que non supoñan unha mellora substancial nos procesos de produción, na calidade dos produtos ou melloras para o ambiente.
– Os gastos de reposición de elementos, infraestruturas, instalacións e equipamentos, nin os gastos de mantemento das estruturas ou empresas, salvo que a nova adquisición supoña unha mellora substancial, ben pola tecnoloxía utilizada, polo seu rendemento, ou por unha mellora substancial nos procesos de produción ou na creación de emprego.
– As adquisicións de elementos, infraestruturas, instalacións e equipamentos de segundo uso e posteriores.
– A adquisición de elementos e todo tipo de bens que non sexan pagados por transferencias bancarias ou aqueles pagados mediante préstamos de entidades provedoras.
3. Se é o caso, serán subvencionables os gastos dos proxectos técnicos, que non poderán superar o límite do 12 % do investimento máximo subvencionable.
4. A elixibilidade das operacións basearase no documento Criterios de selección para a concesión das axudas no marco do Programa nacional do FEMPA, que a autoridade de xestión do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura someteu á aprobación do Comité de Seguimento.
5. Tamén será subvencionable o gasto derivado da elaboración da certificación ou informe de procedementos acordados dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC), no caso de subvencións de importe superior a 30.000,00 euros, cando non sexa posible presentar as contas de perdas e ganancias abreviadas.
Artigo 11. Compatibilidade das axudas
1. Os gastos cofinanciados por esta orde serán compatibles con outras liñas de axudas, sempre que a suma de todas elas non supere o límite da intensidade máxima de axuda pública prevista no artigo 41 do Regulamento FEMPA.
2. Non obstante, a obtención concorrente de axudas outorgadas para a mesma finalidade polas administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cando o importe total das subvencións percibidas por cada persoa beneficiaria supere os límites que se indican no número anterior, dará lugar á redución proporcional que corresponda no importe das subvencións, ata axustarse a ese límite na última subvención que se conceda.
Artigo 12. Certificación de non inicio
1. Con carácter xeral, as actuacións para as cales se solicita axuda non poderán estar iniciadas antes de que os servizos da Consellería do Mar acrediten, unha vez presentada a solicitude, o non inicio. No caso excepcional de que no momento da acreditación do non inicio o buque estea a faenar, deberase acreditar este feito e asinar unha declaración responsable segundo o anexo II. Será condición indispensable para o pagamento da axuda a realización da citada acreditación con anterioridade ao comezo dos traballos correspondentes aos investimentos solicitados.
Para esta convocatoria poderanse admitir actas de non inicio realizadas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2021, coa condición de que os investimentos non estean finalizados nin completamente pagados antes da presentación da súa solicitude de axuda para esta convocatoria, o que deberá ser comprobado pola Administración coa máxima colaboración do interesado, constituíndo un requisito indispensable para a validez da acta. O interesado deberá solicitar expresamente esta comprobación para dar validez á devandita acta.
2. Non precisarán da certificación a que fai referencia o número anterior:
Os investimentos que se refiren a instalacións de equipamentos que non requiran a autorización para a súa instalación, sempre que o investimento declarado polo interesado sexa igual ou inferior a 6.000 €.
Nestes supostos o non inicio das actuacións acreditarase mediante declaración responsable (anexo II) de que os investimentos non foron iniciados.
No caso de que estas actuacións se refiran a investimentos que requiran obras, precisarán da acta de non inicio realizada polos servizos da Consellería do Mar.
3. No caso de proxectos técnicos, o non inicio acreditarase mediante a factura, que poderá ser de data de ata tres meses antes da presentación da solicitude, salvo no caso de non inicio anticipado, que terá que ser posterior á data de realización da devandita acta.
4. Para a realización das actas de non inicio poderanse realizar convocatorias colectivas fixando unha data, un lugar e unha hora para a súa realización. Esta convocatoria expoñerase nos taboleiros de anuncios dos departamentos territoriais da Consellería do Mar.
5. Para a realización das actas de non inicio o interesado deberá poñer os medios necesarios que faculten a dita inspección, asumindo os gastos que deriven dela. Tamén se aplicará isto para os controis que se deriven da letra c) do artigo 7, cando sexa necesario.
6. Non obstante o indicado no número 2 deste artigo, para investimentos en buques e por causas xustificadas, poderase solicitar ao órgano competente que a certificación do non inicio sexa realizada por outros servizos:
6.1. No caso de que as obras se realicen noutra comunidade autónoma ou cando o buque estea noutra comunidade no momento de realización da acta, esta certificación poderá ser emitida polos servizos correspondentes desa comunidade autónoma.
6.2. Para obras que se realicen no estranxeiro ou se o buque está no estranxeiro, esta certificación poderá ser emitida por entidade ou organismo habilitado e debidamente acreditado, coa inescusable intervención das autoridades españolas correspondentes (embaixada, consulado ou outras con capacidade para realizala).
Sen prexuízo do establecido no punto anterior, o órgano competente poderá designar a persoa ou persoas para que se despracen ata onde estea o buque co fin de realizar a visita in situ e posterior certificación de non inicio; os gastos do devandito desprazamento serán por conta do solicitante da axuda. Aplicarase isto tamén para os controis que deriven da letra c) do artigo 7, cando sexa necesario.
Non obstante, o órgano competente poderá determinar que a inspección in situ se realice no porto base do buque.
7. Se fose necesario iniciar as actuacións antes do inicio da data de presentación de solicitudes da convocatoria anual correspondente, de forma excepcional, poderase facer unha certificación de non inicio antes de que estas comecen, nos seguintes termos:
A solicitude dirixirase, en función do porto base da embarcación, ao departamento territorial correspondente da Consellería do Mar e achegaráselle ao proxecto, de ser o caso, memoria descritiva dos aspectos económicos e técnicos do investimento que inclúa a xustificación da excepcionalidade para acometer os investimentos, facturas pro forma e/ou catálogos que permitan facer unha valoración dos investimentos que se van realizar e relación destes, planos e tres ofertas alternativas. As tres ofertas alternativas serán necesarias cando o importe do gasto unitario iguale ou supere a contía de 40.000 euros, no caso de execución de obras, ou de 15.000 euros, no caso de subministración de bens ou prestación de servizos. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e a elección deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
O departamento territorial correspondente tramitará a dita solicitude despois da conformidade da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.
Esta certificación de non inicio formará parte do expediente administrativo da solicitude posterior e quedará incluída no mesmo procedemento administrativo.
8. A realización da certificación de non inicio en ningún caso implica dereito nin mérito para a concesión da axuda.
9. A realización da certificación de non inicio poderá dar lugar ao pagamento das correspondentes taxas.
Artigo 13. Prazo de presentación das solicitudes
Para esta convocatoria de 2025 o prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Artigo 14. Forma de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal
Só se admitirá unha solicitude por barco en cada liña de axudas.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Para os efectos da presentación da solicitude, os interesados poderán actuar por medio de representante. A acreditación da representación deberá realizarse mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación, utilizando o anexo VIII desta orde.
Artigo 15. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
– Segundo o tipo de axuda que se solicite: anexo I.A de solicitude de axudas para investimentos dirixidos á diminución do efecto da pesca, código de procedemento (PE120A); anexo I.B de solicitude de axudas para investimentos que melloren as condicións laborais e de seguridade a bordo, código de procedemento (PE120B); anexo I.C de solicitude de axudas para investimentos destinados a aumentar a eficiencia enerxética e mitigación do cambio climático e/ou redución das emisións de CO2, código de procedemento (PE120C); anexo I.E, de solicitude de axudas para investimentos que aumenten o valor engadido, a economía circular e a seguridade alimentaria, código de procedemento (PE120E).
– Anexo II da declaración responsable de non inicio do investimento, se é o caso.
– Segundo o tipo de axuda que se solicite: anexo III.A de axudas para investimentos dirixidos á diminución do efecto da pesca; anexo III.B de axudas para investimentos que melloren as condicións laborais e de seguridade a bordo; anexo III.C de axudas para investimentos destinados a aumentar a eficiencia enerxética e mitigación do cambio climático e/ou redución das emisións de CO2; anexo III.E de axudas para investimentos que aumenten o valor engadido, a economía circular e a seguridade alimentaria.
– Anexo IV, declaración de non ter resolución desfavorable a un proceso de regularización.
– Anexo V.1, de pluralidade de persoas solicitantes, se é o caso.
– Anexo V.2, de agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidades de bens, se é o caso.
– Anexo VIII, nomeamento de representante para os efectos de presentación da solicitude, se é o caso.
– Segundo o tipo de axuda, anexo de indicadores FEMPA que corresponda: anexo IX.A de axudas para investimentos dirixidas á diminución do efecto da pesca; anexo IX.B de axudas para investimentos que melloren as condicións laborais e de seguridade a bordo; anexo IX.C de axudas para investimentos en eficiencia enerxética e mitigación do cambio climático e/ou redución das emisións de CO2 e anexo IX.E de axudas para investimentos que aumenten o valor engadido, a economía circular e a seguridade alimentaria.
– No caso de axudas para investimentos que melloren as condicións laborais e de seguridade a bordo e para investimentos que aumenten o valor engadido, a economía circular e a seguridade alimentaria, anexo X de declaración responsable da persoa solicitante da axuda con respecto á aplicación da normativa pertinente en materia de accesibilidade para as persoas con discapacidade.
2. A documentación complementaria está formada por:
I) Se o solicitante é unha persoa física:
a) Declaración da renda da persoa solicitante dos exercicios 2022 e 2023 en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación.
ll) Se o solicitante é unha persoa xurídica:
a) Certificación rexistral actualizada dos estatutos sociais e da escritura de constitución.
b) Poder suficiente do representante, no caso de que tal poder non figure nos estatutos.
c) Certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais individuais depositadas do exercicio económico 2023, incluíndo informe de auditoría do exercicio 2023, se é o caso.
d) Certificación actualizada do Rexistro Mercantil, ou do rexistro que corresponda, das contas anuais consolidadas do exercicio 2023, tanto se foron depositadas pola persoa solicitante como aquelas contas en que a persoa solicitante estea incluída, incluíndo o informe de auditoría do exercicio 2023, de ser o caso.
e) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEMP ou FEMPA. Se da información anterior non se entende acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitarase ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.
III) Cando as pretensións correspondan a unha pluralidade de persoas, poderán ser formuladas nunha única solicitude, por medio de representante legalmente habilitado e, na súa falta, do que figure en primeiro termo. Para os efectos do ingreso da subvención, a conta bancaria sinalada no anexo I.A, anexo I.B, anexo I.C ou anexo I.E deberá estar a nome unicamente de todas as persoas solicitantes:
a) Escritura de constitución da comunidade de bens, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica, se é o caso. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación e especificar a porcentaxe de participación de cada un dos seus membros (anexo V.2).
b) No caso dunha comunidade de bens ou unha agrupación ou entidade sen personalidade xurídica que estea en réxime de atribución de rendas, deberán presentar o modelo 184 de declaración informativa de entidades en réxime de atribución de rendas, dos exercicios 2022 e 2023, en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación.
c) Anexo V.1 de pluralidade de persoas solicitantes ou anexo V.2 de agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidade de bens.
d) Acordo de nomeamento de representante ou apoderado para os efectos da solicitude da axuda, asinado por todos.
e) No caso de comunidades de bens, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica: certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais desta entidade, obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarada culpable de cometer fraude no marco do FEMP ou FEMPA. Se da información anterior non se entendese acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitarase ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.
f) Declaración da renda dos exercicios 2022 e 2023 de cada persoa solicitante, en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación.
Outra documentación complementaria:
IV) As liquidacións trimestrais ou mensuais do IVE dispoñibles do exercicio 2024, en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación por parte de cada persoa solicitante, se é o caso.
V) Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigas tributarias, de cada persoa solicitante.
VI) Cando o importe do gasto unitario iguale ou supere a contía de 40.000 euros, no caso de execución de obras, ou de 15.000 euros, no caso de subministración de bens ou prestación de servizos, a persoa beneficiaria deberá achegar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e a elección deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
VII) Facturas pro forma dos investimentos para os cales se solicita subvención, con descrición detallada e pormenorizada de cada un dos investimentos, instalacións, equipamentos e sistemas que os integran, achegando, se é o caso, os planos, esbozos ou vistas 3D necesarios para a súa correcta definición e, se é o caso, certificado de importación.
VIII) Certificación actualizada do Rexistro de Bens Mobles, Sección de Buques, acreditativa da propiedade do buque e o estado de cargas ou gravames deste, ou solicitude da devandita certificación ante o Rexistro, sen prexuízo da achega da devandita certificación, previamente a ditarse a proposta de resolución.
IX) Folla de asento actualizada (expedida nos 3 meses anteriores contados desde a data de publicación desta orde) ou acreditación de solicitala, sen prexuízo da achega da folla de asento, previamente a ditarse a proposta de resolución.
X) Seguro que garanta a cobertura de danos a terceiros.
XI) Se a realización do investimento require proxecto técnico ou planos, deberá achegarse e estar asinado por técnico competente e conterá os planos de antes e despois da realización do investimento que se solicita, se for preciso.
XII) Se a axuda é para investimentos dirixidos á diminución do efecto da pesca: informe realizado por técnicos ou expertos independentes con competencias para a súa emisión, que demostre que os investimentos que reciben apoio teñen a capacidade de conseguir maior selectividade da arte de pesca, ou menor impacto, segundo o caso, respecto doutros equipos estándar en virtude da normativa da Unión.
XIII) Se a axuda é para investimentos que melloren as condicións laborais e de seguridade a bordo sen aumento de capacidade, para os investimentos que se relacionan nas letras da w) á aa) do artigo 10.1.B, na epígrafe de seguridade: informe técnico que xustifique a actuación coa mellora da seguridade a bordo e que xustifique o non aumento de capacidade nin de habilidade para detectar peixe.
Se a axuda é para investimentos que melloren as condicións laborais e de seguridade a bordo con aumento de capacidade: GT adicionais que se utilizarán na obra indicando o buque de procedencia dos ditos GT.
XIV) Se as axudas son para mellorar a eficiencia enerxética e mitigar o cambio climático e/ou reducir as emisións de CO2 con aumento de capacidade: informe/auditoría enerxética de aforro de combustible por técnico especialista e GT adicionais que se utilizarán na obra indicando o buque de procedencia de ditos GT.
XV) Se a axuda é para mellorar a eficiencia enerxética e mitigar o cambio climático e/ou reducir as emisións de CO2 sen aumento de capacidade:
i. Informe/auditoría enerxética de aforro de combustible emitido por un técnico especialista independente con competencia para a súa emisión, cando o investimento consista en estabilizadores ou quillas de balance ou flaps nas operacións que teñan como obxectivo mellorar a hidrodinámica do casco.
ii. Informe técnico que indique que a operación non incrementa a capacidade do buque, no caso das operacións que teñan como finalidade mellorar o sistema de propulsión dos buques.
iii. Auditoría enerxética de aforro de combustible emitida por un técnico ou experto independente con competencia para a súa emisión, no caso de novas tobeiras para mellorar o sistema de propulsión.
iv. Informe enerxético de aforro de combustible por un técnico ou experto independente con competencia para a súa emisión, no caso de modificación ou cambios de portas.
v. Informe de técnico ou experto independente, con competencia para a súa emisión, de que non se pon en perigo a selectividade desa arte de pesca, para as operacións que teñan por obxecto as artes de pesca, aparellos e utensilios de pesca.
vi. Informe/auditoría enerxética de aforro de combustible realizado por un técnico ou experto independente, con competencia para a súa emisión, para as operacións que teñan por obxecto as artes de pesca, aparellos e utensilios de pesca.
XVI) Se a axuda é para cambio de motor, deberán presentar, segundo corresponda:
i. Acreditación do fabricante do motor da redución do 20 % en emisións de CO2 ou unha redución na utilización de combustible do 20 %.
ii. Acreditación do fabricante do motor das características técnicas do novo motor.
iii. Acreditación de que o novo motor utiliza un tipo de combustible ou un sistema de propulsión que se considera que emite menos CO2 que o motor substituído. Ademais, estas medicións poderán ter en conta a norma ISO 8178.
XVII) Informe de riscos actualizado expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España, asinado electronicamente ou debidamente asinado e selado.
XVIII) Plan de financiamento do proxecto:
a) Informe en que se indique a forma en que se vai financiar o proxecto, especificando o importe que se financiará con recursos propios, alleos ou con ambos os tipos de financiamento. Deberase especificar se se financia a través de conta corrente, de aforro, prazos, ampliación de capital, préstamo bancario, póliza de crédito, préstamo formalizado con socios, ou outro tipo de financiamento, indicándose tamén a entidade bancaria e o importe destinado a financiar o proxecto.
b) Documentación xustificativa do tipo de financiamento:
Recursos propios:
– Certificados bancarios actualizados, debidamente asinados e selados ou asinados electronicamente, das contas da persoa solicitante onde conste a titularidade, o tipo de conta (corrente, aforro, a prazos etc.; as contas de crédito considéranse recursos alleos) e os fondos dispoñibles para realizar o investimento. No caso de que o tipo de conta non sexa unha conta corrente ou conta de aforro, deberá indicar a súa dispoñibilidade ou, no caso contrario, o prazo de vencemento.
Non se admitirá a dispoñibilidade de fondos propios en contas bancarias en que figure como titular algunha persoa que non teña a condición de solicitante.
– Ampliación de capital: escritura notarial de ampliación de capital en diñeiro, a súa correspondente inscrición no Rexistro Mercantil e o/s certificado/s bancario/s do/s desembolso/s deste/s.
Recursos alleos:
– Préstamos formalizados con entidades de crédito: póliza de préstamo vixente debidamente intervida ante notario.
– Pólizas de crédito formalizadas con entidades de crédito: póliza de crédito vixente (última renovación), debidamente intervida por notario, e certificado bancario actualizado debidamente asinado e selado ou asinados electronicamente, onde identifique o número da póliza de crédito a que fai referencia, o límite da póliza, o importe dispoñible e disposto.
– Préstamos formalizados con socios: contrato de préstamo entre socios, debidamente asinado por prestamista e prestameiro, certificado/s bancario/s do/s desembolso/s daquel, e a liquidación definitiva do imposto correspondente no organismo competente, se é o caso.
Non se admitirán os recursos alleos en que figure como titular algunha persoa que non teña a condición de solicitante; tampouco se admitirán préstamos de entidades provedoras.
Noutros casos, achegarase a documentación financeira correspondente.
XIX) Para subvencións de importe superior a 30.000 euros, as persoas xurídicas, distintas das entidades de dereito público, con ánimo de lucro, suxeitas á Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, que de acordo coa normativa contable non poden presentar conta de perdas e ganancias abreviada, co fin de comprobar o requisito establecido no artigo 5.16) desta orde, deberán presentar:
– Certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.
– Informe de procedementos acordados, elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.
XX) Factura da certificación ou do informe de procedementos acordados do auditor mencionado no punto anterior. Se o gasto unitario da factura iguala ou supera os 15.000 €, deberá achegar, como mínimo, dúas ofertas máis de diferentes provedores. A elección realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e a elección deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
XXI) Certificación bancaria acreditativa do pagamento correspondente á mencionada factura. O certificado bancario indicará a factura que soporta. O pagamento terase que realizar obrigatoriamente mediante transferencia bancaria.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 16. Comprobación de datos
1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa física solicitante. Cando as pretensións correspondan a unha pluralidade de persoas físicas, DNI/NIE de todas elas.
b) DNI/NIE da persoa representante ou NIF da entidade representante, nomeada para os efectos da presentación da solicitude.
c) DNI/NIE da persoa representante legal da persoa xurídica.
d) NIF da entidade solicitante ou agrupación sen personalidade xurídica ou da comunidade de bens, segundo corresponda.
e) Certificación de que cada persoa solicitante está ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
f) Certificación de que cada persoa solicitante está ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
g) Certificación de que cada persoa solicitante está ao día no cumprimento das súas obrigas coa Facenda da Xunta de Galicia.
h) Consulta de que cada persoa solicitante está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións obtida da Consellería de Facenda e Administración Pública (Atriga).
i) Informe acreditativo de que non cometeu infraccións graves consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, o artigo 90 do Regulamento (CE) nº 1224/2009, ou consonte outros actos lexislativos adoptados polo Parlamento Europeo e polo Consello, no marco da PPC, emitidos pola unidade administrativa correspondente da Consellería do Mar.
j) Consulta de non estar en concurso de acredores (artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia), obtida a través do Rexistro Público Concursal do Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes.
k) Informe acreditativo de non ter cometido infraccións graves consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, o artigo 90 do Regulamento (CE) nº 1224/2009, ou consonte outros actos lexislativos adoptados polo Parlamento Europeo e polo Consello, no marco da PPC, emitido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
l) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais, no caso de persoas físicas ou de pluralidade de persoas. No caso de que o solicitante sexa unha agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, certificado de carecer de antecedentes penais dos seus integrantes. Os certificados deberán ser obtidos a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, e deberán conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEMP ou FEMPA. Se da información anterior non se entende acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitarase ao interesado que achegue o certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.
m) Consulta no Sistema nacional de publicación de subvencións do Ministerio de Facenda e Función Pública de non ter sido declarado culpable de cometer fraude, no marco do FEMP ou FEMPA.
n) Consulta de que cada persoa solicitante e integrante da agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, se é o caso, non estea ou estivese involucrada nos últimos 24 meses na explotación, xestión ou propiedade dalgún buque pesqueiro incluído na lista de buques INDNR da Unión Europea segundo dispón o artigo 40, número 3, do Regulamento (CE) nº 1005/2008 polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, ou dalgún buque que estea ou estivese nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes segundo se establece no artigo 33 do citado regulamento.
ñ) Autorización da Consellería do Mar, ou solicitude desta autorización, para a realización do investimento previsto, no caso de que esta sexa necesaria.
o) Consulta de concesión de subvencións e axudas.
p) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Os consentimentos esténdense desde a data de solicitude ata os 5 anos posteriores ao pagamento final, para verificar o cumprimento de non estar en ningún dos supostos establecidos no número 1, letras a) e b), e no número 3 do artigo 11 do RFEMPA.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 17. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 18. Tramitación de solicitudes
A tramitación das solicitudes realizarase por fases; no caso de que unha solicitude non supere unha das fases, implicará que a súa tramitación finalizará sen que poida pasar á fase seguinte; neste caso, o órgano competente emitirá a correspondente resolución.
A) Fase de admisión de solicitudes.
1. Inicio do expediente.
a) No caso de axudas para mellorar as condicións laborais e de seguridade a bordo sen aumento de capacidade, os servizos de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica dos departamentos territoriais da Consellería do Mar analizarán os expedientes e requirirán a emenda da documentación necesaria, se é o caso.
b) No resto das axudas, o Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota da Consellería do Mar, nos servizos centrais, analizará os expedientes e requirirá a documentación necesaria, se é o caso.
2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a deficiencia ou remita os documentos preceptivos imprescindibles recollidos no artigo 15.
Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude.
Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5, número 15, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.
A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada na forma que se determina nos artigos 14 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. Sen prexuízo do sinalado no número anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
4. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o solicitante non poderá modificar a súa solicitude de axuda aumentando o importe total do investimento nin incluíndo novos conceptos para os cales solicita a axuda.
Non se considerarán aumento do importe total do investimento as diferenzas ou erros materiais que se poidan dar ao transcribir nos anexos o importe das facturas pro forma.
5. Os expedientes iniciados nos departamentos territoriais remitiranse, xunto cun informe ao respecto, ao Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota, que continuará coa tramitación segundo o establecido neste artigo. Igualmente, os expedientes iniciados no Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota continuarán coa devandita tramitación.
6. Sempre que se teñan en conta para a resolución das axudas aspectos distintos aos aducidos polos interesados, daráselles a estes un trámite de audiencia con carácter previo á avaliación dos expedientes pola Comisión de Selección.
7. Para os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, o órgano instrutor emitirá un informe desfavorable previo á proposta de resolución de non admisión ou de desistencia, segundo sexa o caso, en que se indicarán as causas que a motivan.
B) Fase de avaliación das solicitudes.
Para a avaliación das solicitudes utilizaranse catro categorías de criterios de selección: xerais; horizontais, ambientais e sociais; específicos de viabilidade técnica e/ou económicos, e, por último, específicos do tipo de actividade:
|
Criterios |
Peso |
|
Xerais |
30 % |
|
Horizontais ambientais e sociais |
20 % |
|
Específicos de viabilidade técnica e/ou económicos |
20 % |
|
Específicos do tipo de actividade |
30 % |
Para calcular a puntuación final dunha operación utilizarase a seguinte fórmula:
