DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Venres, 10 de xaneiro de 2025 Páx. 1395

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 17 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas dirixidas ao sector da acuicultura para investimentos produtivos e creación de empresas, investimentos para a neutralidade climática e servizos de asesoramento, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), e se procede á súa convocatoria para o ano 2025, tramitado como expediente anticipado de gasto (código de procedemento PE205F).

BDNS (Identif:): 806456

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b e 20.8.a da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases:

1. Modalidade A. Investimentos produtivos e creación de empresas.

a) As persoas físicas ou xurídicas, titulares de establecementos que se dedican á realización de actividades de acuicultura en calquera ou todas as súas fases de explotación, cría, cultivo ou reprodución, situados nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima, que teñan as súas instalacións na Comunidade Autónoma de Galicia e non teñan carácter experimental.

b) No caso de que a axuda se solicite para a modernización de barcos auxiliares de acuicultura, poderán ser persoas beneficiarias da axuda tanto as persoas propietarias da embarcación como as persoas armadoras, sempre e cando, en ambos os dous casos, todas elas sexan titulares de establecementos de acuicultura e asemade a embarcación teña o seu porto base na Comunidade Autónoma de Galicia na data de publicación desta orde.

No suposto de solicitudes presentadas pola/s persoa/s armadora/s, a/s persoa/s propietaria/s da embarcación tamén debe/n cumprir o requisito de ser titular/es de establecementos de acuicultura.

c) As persoas físicas ou xurídicas que inicien as súas actividades no sector, sempre que:

– Sexan titulares de establecementos que se dedican á realización de actividades de acuicultura en calquera ou todas as súas fases de explotación, cría, cultivo ou reprodución, situados nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima, que teñan as súas instalacións na Comunidade Autónoma de Galicia e non teñan carácter experimental.

– Conten coas competencias e cualificacións profesionais adecuadas.

– Creen por primeira vez na Comunidade Autónoma de Galicia unha microempresa ou pequena empresa acuícola como titulares desta.

– Presenten un plan empresarial para o desenvolvemento das súas actividades acuícolas.

Para os efectos desta orde considérase nova empresa aquela que obtivese o título habilitante durante un período inferior a 3 anos contados desde a data de publicación desta orde.

2. Modalidade B. Neutralidade climática.

As persoas físicas ou xurídicas, titulares de establecementos que se dedican á realización de actividades de acuicultura en calquera ou todas as súas fases de explotación, cría, cultivo ou reprodución, situados nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima, que teñan as súas instalacións na Comunidade Autónoma de Galicia e non teñan carácter experimental.

3. Modalidade C. Servizos de asesoramento.

a) As persoas físicas ou xurídicas, titulares de establecementos que se dedican á realización de actividades de acuicultura en calquera ou todas as súas fases de explotación, cría, cultivo ou reprodución, situados nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima, que teñan as súas instalacións na Comunidade Autónoma de Galicia e non teñan carácter experimental.

b) Entidades asociativas do sector acuícola.

Os servizos deberán ser prestados por organismos científicos ou técnicos, así como por entidades públicas ou privadas que presten asesoramento técnico, científico, tecnolóxico, xurídico ou económico e que conten coas competencias necesarias recoñecidas.

4. Non obstante o indicado nos parágrafos anteriores, no caso de que o establecemento de acuicultura sexa unha piscifactoría continental, poderán ser beneficiarias das 3 modalidades as persoas titulares do establecemento ou as persoas que o explotan.

Para os efectos desta orde considéranse piscifactorías continentais os centros de acuicultura en augas continentais que abranguen todo tipo de instalacións nas que se manteñen vivas especies que habitan ou poidan habitar nas augas continentais, así como os seus ovos ou gametos, con fins de produción, comercialización ou consumo, e nas que se faga uso de augas continentais.

Segundo. Finalidade

Esta orde, con código de procedemento PE205F, ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2025, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas destinadas a promover actividades acuícolas sustentables, reforzando a competitividade da produción acuícola e garantindo ao mesmo tempo que as actividades sexan medioambientalmente sustentables a longo prazo.

1. Modalidade A: axudas destinadas á realización das actuacións que a continuación se detallan, que teñen por obxecto fomentar a competitividade e sustentabilidade do sector da acuicultura e impulsar o espírito empresarial:

a) Investimentos para unha acuicultura economicamente viable, competitiva e atractiva.

b) Mellora e construción das infraestruturas dependentes das explotacións acuícolas e asociadas directamente ás súas instalacións.

c) Protección das instalacións fronte a adversidades climáticas, alteracións da contorna e auga, escapes, depredadores etc.

d) A creación de empresas acuícolas por parte de novas persoas acuicultoras para impulsar o espírito empresarial e favorecer a substitución xeracional.

2. Modalidade B: axudas destinadas a contribuír á neutralidade climática mediante a redución da pegada de carbono, o incremento da eficiencia enerxética e a reconversión a fontes de enerxía renovables.

3. Modalidade C: axudas destinadas a mellorar o rendemento, a competitividade e a sustentabilidade das explotacións acuícolas a través dos servizos de asesoramento de carácter técnico, científico, tecnolóxico, xurídico ou económico ás explotacións.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 17 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas dirixidas ao sector da acuicultura para investimentos produtivos e creación de empresas, investimentos para a neutralidade climática e servizos de asesoramento, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), e se procede á súa convocatoria para o ano 2025, tramitado como expediente anticipado de gasto (código de procedemento PE205F).

Cuarto. Importe

As axudas concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias que figuran no cadro que se insire, dotadas no proxecto do orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2025. Os importes máximos das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderán ás seguintes contías:

Aplicación orzamentaria

Proxecto

Modalidade de axuda

Ano 2025

Ano 2026

Ano 2027

Total

16.02.723A.770.4

2023 00190

A

16.243.714,00 €

25.000.000,00 €

20.000.000,00 €

61.243.714,00 €

16.02.723A.771.0

2024 00151

B

1.785.727,00 €

1.250.000,00 €

1.250.000,00 €

4.285.727,00 €

16.02.723A.771.3

2024 00156

C

171.433,00 €

0,00 €

0,00 €

171.433,00 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes contado desde o día seguinte á publicación da orde

Entenderase como último día do prazo para a presentación de solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día da súa publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2024

Marta Barreiro Castro
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar