DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Venres, 10 de xaneiro de 2025 Páx. 1454

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 31 de outubro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes do sector servizos (programa Bono enerxía peme), anualidade 2025 (código de procedemento IN417Z).

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías calou de forma importante no enfoque das administracións públicas que, unanimemente, están a actuar neste campo, prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) constitúese en Axencia mediante o Decreto 142/2016, do 22 de setembro, mantendo a súa adscrición á consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, e entre cuxas funcións destacan o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente, recolle a participación na xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

O Inega, para o desenvolvemento dos obxectivos anteriores, e coa finalidade de incentivar actuacións que contribúan a paliar a situación de altos prezos da enerxía, establece esta convocatoria de subvencións para a mellora do uso da enerxía por parte de pemes e autónomos do sector servizos. Con ela dáse continuidade a unha iniciativa que leva anos achegando bos resultados.

Esta convocatoria de axudas financiarase con cargo aos orzamentos do Inega para o ano 2025 e cun importe asignado de 2.500.000 euros.

Como un dos órganos encargados de desenvolver a política enerxética da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, o Inega considera de máximo interese potenciar as actuacións de mellora do aforro e a eficiencia enerxética, as enerxías renovables e a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores en Galicia.

Por todo o anterior, en virtude do disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 16 do Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos a Axencia Instituto Enerxético de Galicia,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións do programa Bono enerxía peme para proxectos de mellora enerxética dirixido a pemes e autónomos con actividade económica no sector servizos e convocar todos aqueles interesados en solicitalas en función do establecido nestas

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para a realización de proxectos de mellora enerxética, destinadas a pemes e autónomos do sector servizos dentro do territorio da comunidade autónoma de Galicia, que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución (código do procedemento IN417Z).

2. Convócanse para o ano 2025, en réxime de concorrencia non competitiva, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as subvencións para a mellora enerxética (en adiante, Bono enerxía peme). As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude, do que se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

Xustifícase a excepcionalidade porque se trata de proxectos moi diferentes e, polo tanto, non se poden comparar entre si. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos nun prazo amplo.

3. Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro). Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 300.000 euros durante o período dos tres anos previos. Para o cómputo do límite deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2.2 do Regulamento (UE) nº 2023/2831.

Artigo 2. Proxectos subvencionables

1. Son proxectos subvencionables os investimentos en equipamentos consumidores de enerxía ou elementos que contribúan a unha xestión enerxética eficiente incluídos nas seguintes tipoloxías de actuación:

a) Bono asesoramento enerxético:

Serán subvencionables:

i) Diagnoses enerxéticas que inclúan inventario dos principais equipamentos consumidores do centro de traballo, análise de consumo, propostas de optimización do consumo enerxético e de mellora da contratación e facturación da enerxía avaliando o custo e aforro económico derivado.

ii) Auditorías enerxéticas que, ademais do contido das diagnoses, deben completar a parte de análise de consumos con medicións (análise de combustión de caldeiras, medición consumo eléctrico dos principais equipamentos consumidores, análise termográfico das instalación, medicións lumínicas...) e na parte de proposta de mellora debe analizar actuacións de eficiencia enerxética, de implantación de enerxías renovables, de mellora da contratación e facturación da enerxía e implantación de sistemas de telexestión e automatización que permitan reducir o consumo enerxético.

O custo elixible máximo dos diagnósticos e auditorías enerxéticas dependerá do consumo enerxético anual da empresa (suma de todos os consumos enerxéticos: electricidade, gasóleo, gas natural, butano...) conforme o establecido na seguinte táboa.

Consumo do centro de traballo (kWh/ano)

Custe elixible máximo diagnóstico (€)

Custe elixible máximo auditoría (€)

≤5.000

500

1.000

>5.000≤25.000

1.000

2.000

>25.000≤100.000

2.000

4.000

>100.000

3.500

7.500

As empresas que realicen os traballos deben estar dadas de alta na «Listaxe de empresas interesadas en prestar servizos de diagnose/auditoría enerxética no contexto do programa Bono enerxía peme» publicado na páxina web do Inega www.inega.gal. Para solicitar a inclusión na citada listaxe debe remitirse ao Inega, a través da aplicación electrónica accesible desde a páxina web, o anexo V da presente resolución en calquera momento desde a publicación da presente resolución e antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes de axuda. A «Listaxe de empresas interesadas en prestar servizos de diagnose/auditoría enerxética no contexto do programa Bono enerxía peme» ten a finalidade de facilitar o contacto entre solicitantes e provedores, en ningún caso debe entenderse como garantía do Inega da calidade dos traballos resultantes, cuxa responsabilidade corresponde ás partes.

b) Bono envolvente: elementos de control solar (toldos ou láminas de control solar e/ou térmico. Só serán subvencionables toldos de cor branca e/ou negra e variantes destas cores). En ningún caso serán subvencionables os elementos que incorporen publicidade.

c) Bono iluminación: renovación de equipamentos de iluminación interior e/ou exterior, incluídos rótulos e escaparates, por outros que utilicen tecnoloxía LED e os elementos de control asociados.

d) Bono instalacións eléctricas: mellora da eficiencia enerxética en instalacións eléctricas garantindo unha subministración con calidade e fiabilidade (renovación de transformadores, incorporación ou renovación de sistemas de alimentación ininterrompida, compensación de enerxía reactiva, instalación de filtros economizadores ou similares).

e) Bono equipamento: renovación do equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras, secadoras, pasadoras de ferro, vending, mobles frigoríficos, autoservizo e calquera equipamento de consumo enerxético propio do establecemento sempre que se poida acreditar unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar. Aqueles equipamentos para os cales non exista sistema de cualificación enerxética poderán ser subvencionables se acreditan este aspecto e xustifican que o novo equipamento previsto ten unha eficiencia enerxética superior ao substituído. Deberá xustificarse a retirada do equipamento existente e a súa entrega a un xestor autorizado.

f) Bono climatización: equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria. Esta medida recolle exclusivamente as instalacións fixas, destinadas á climatización e/ou produción e consumo de auga quente sanitaria do establecemento, quedando fóra do seu ámbito os equipamentos móbiles e os non permanentes para a climatización de terrazas e outros espazos abertos ao público. Os novos equipamentos deberán ser de potencia térmica nominal superior a 5 kW e ter unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar. Aqueles equipamentos para os cales non exista sistema de cualificación enerxética poderán ser subvencionables se acreditan este aspecto e xustifican que o novo equipamento previsto ten unha eficiencia enerxética superior ao substituído. Tamén será subvencionable a incorporación de recuperadores de calor, de sistemas de arrefriamento gratuíto, a mellora dos illamentos da instalación de climatización, sistemas de movemento de fluídos caloportadores e de regulación e control (sistemas de regulación en función de medicións de CO2 ou da temperatura exterior, billas economizadoras accionadas mediante infravermellos e outros).

g) Bono inmótica: sistemas domóticos e/ou inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto enerxético de forma máis eficiente. No caso de sistemas de telemedida intelixentes que permiten monitorizar as instalacións e detectar consumos anómalos, consideraranse elixibles se incorporan algún tipo de actuador ou automatismo, por exemplo, enviando alarmas advertindo de situacións non desexadas. Se só miden e analizan non se consideran elixibles.

2. A mellora enerxética debe describirse axeitadamente na memoria técnica a que se fai referencia no artigo 10 destas bases reguladoras. Non se considerarán válidos os proxectos que non detallen axeitadamente os equipamentos que se van instalar e o fundamento da mellora enerxética en relación coa situación inicial.

3. Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, xurídica, económica e financeiramente viables.

Artigo 3. Condicións dos proxectos

1. Serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 1 de outubro de 2025, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O investimento mínimo para que as actuacións sexan subvencionables debe ser de 1.000 euros por solicitude, sen incluír o IVE. No caso de que a solicitude recolla exclusivamente o bono de asesoramento enerxético, o investimento mínimo da solicitude establécese en 200 euros por solicitude, sen incluír o IVE.

3. Cada solicitante poderá presentar unha única solicitude por cada centro de traballo. Cada solicitude poderá recoller unha ou varias actuacións de distinta tipoloxía dentro das consideradas no artigo 2 destas bases reguladoras. Excepcionalmente, permitirase a presentación de dúas solicitudes cando unha delas recolla exclusivamente o bono asesoramento enerxético.

Artigo 4. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2025 e imputaranse á aplicación orzamentaria 09.A3.733A.770.0. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 2.500.000,00 euros.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria.

O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitudes.

3. De producirse a ampliación de crédito publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

4. A presente convocatoria tramitarase polo procedemento anticipado de gasto. O outorgamento das subvencións queda condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 5. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou centro de traballo en Galicia e cuxa actividade estea incluída entre as seguintes seccións do CNAE 2009:

Sector servizos-sección CNAE 2009

División

Sección G: comercio por xunto e polo miúdo; reparación de vehículos de motor e motocicletas

45 a 47

Sección H: transporte e almacenamento

49 a 53

Sección I: hostalaría

55 a 56

Sección J: información e comunicacións

58 a 63

Sección K: actividades financeiras e de seguros

64 a 66

Sección L: actividades inmobiliarias

68

Sección M: actividades profesionais, científicas e técnicas

69 a 75

Sección N: actividades administrativas e servizos auxiliares

77 a 82

Sección P: educación

85

Sección Q: actividades sanitarias e de servizos sociais

86 a 88

Sección R: actividades artísticas, recreativas e de entretemento

90 a 93

Sección S: outros servizos

94 a 96

2. Os requisitos para obter a condición de persoas beneficiarias deberanse cumprir, como máis tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 6. Persoas e entidades excluídas destas axudas

1. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias as empresas en que concorra algunha das causas de exclusión previstas no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 2831/2023 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que tivese declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 7. Investimentos subvencionables

Considéranse custos subvencionables:

1. Os custos de investimento necesarios para a consecución dunha ou varias das diferentes tipoloxías de mellora enerxética definidas no artigo 2 das bases reguladoras.

2. A realización dos diagnósticos/auditorías e do proxecto, a dirección de obra, a adquisición e instalación dos equipamentos, obra civil, soportes e proteccións tanto eléctricas como mecánicas, así como calquera outro elemento necesario para o correcto deseño e funcionamento da instalación reformada.

Artigo 8. Investimentos non subvencionables

1. Os proxectos que non cumpran cos requisitos técnicos mínimos recollidos no artigo 2 destas bases reguladoras non serán subvencionables.

2. Non se consideran custos subvencionables:

a) Os gastos de legalización.

b) O imposto sobre o valor engadido (IVE).

c) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Non serán subvencionables as operacións de mantemento (simple reposición de lámpadas, reposición de elementos funxibles...).

e) As instalacións de xeración eléctrica fotovoltaica.

3. En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa fosen obxecto de axuda en anos anteriores.

4. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionable.

Artigo 9. Contía da axuda

1. A contía da subvención será do 80 % do custo elixible da actuación.

2. Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima de 6.000 euros por solicitude. A axuda asociada ao bono de asesoramento enerxético non computará para os efectos deste límite, e virá limitada polos custos elixibles máximos establecidos no artigo 2.

3. O importe total das axudas de minimis concedidas a unha única empresa non excederá os 300.000 euros durante o período dos tres anos previos.

4. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Artigo 10. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes (anexo I) subscribiranas directamente os interesados ou unha persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación das solicitudes comezará o sétimo (7º) día natural seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ás 9.00 horas e rematará o 25 de xuño de 2025, ás 23.59 horas. Se o último día do prazo é inhábil, prorrogarase ata o seguinte día hábil.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso a aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para os efectos informativos.

4. Para formular a solicitude e que esta sexa válida, ademais de cubrir o correspondente formulario cos datos de identificación do solicitante e xerais da actuación (anexo I de solicitude), deberase achegar a través da aplicación, a seguinte documentación mínima:

– Nomeamento de representante (anexo II), cando proceda.

– Memoria técnica do proxecto segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) .

5. As solicitudes que non conten co contido mínimo indicado anteriormente serán inadmitidas a trámite.

6. Os fondos solicitados e os validados polo Inega poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará dos fondos dispoñibles a contía de axuda correspondente ao expediente. Polo tanto, a axuda máxima a conceder ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.

De chegarse a esgotar os fondos dispoñibles, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha lista de espera; no momento da presentación, a aplicación informática informará da posición que ocupa a solicitude na lista de espera. As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos que poderán ser reasignados aos expedientes que se atopen en lista de espera segundo a orde de prelación que lle corresponda.

7. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. A documentación complementaria da solicitude deberá incluír unha parte administrativa e unha parte técnica. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Documentación administrativa:

i. Nomeamento de representante (anexo II), cando proceda.

ii. Documento oficial no que conste o código CNAE correspondente á actividade da empresa, tal como declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas, etc. Tamén se aceptarán os documentos en que aparezan as actividades incluídas no IAE que correspondan coas seccións do CNAE 2009.

iii. Cando o investimento sen IVE da actuación sexa inferior a 15.000 € o beneficiario deberá achegar unha oferta que avale o orzamento do proxecto.

O solicitante da axuda debe ter solicitado tres ofertas, cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €.

Para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda, salvo cando a actuación sexa inferior a 15.000 €, deberá solicitarse como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación, e presentar coa solicitude de axuda. As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir cos seguintes requisitos:

1º. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta.

Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante. Para estes efectos, considérase que existe vinculación entre empresas se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do Decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de «empresas asociadas» ou «empresas vinculadas» establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

2º. Deberán incluír, como mínimo, o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír no caso de obra civil e instalacións a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe, no caso de subministración de maquinaria e equipamentos a súa marca, modelo, así como características técnicas, e no caso de prestación de servizos, a descrición detallada destes.

Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que parezan de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

O solicitante da axuda deberá achegar unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.

3º. Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado en que se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

Non se considerarán subvencionables os gastos en que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados.

iv. Declaración responsable do representante da empresa en que se indique a cualificación como empresa autónoma, ou ben se indique as empresas asociadas ou vinculadas, incluíndo os datos de participación respectivos.

v. As empresas que non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público ou ben non teñan o domicilio social en Galicia presentarán:

a. Documentación acreditativa da constitución.

b. Documento público acreditativo do poder con que actúa o representante da empresa.

vi. Documento que acredite a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización de algunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da comunidade autónoma de Galicia.

b) Documentación técnica:

i. Memoria técnica do proxecto segundo modelo Memoria técnica ME dispoñible na web do Inega (www.inega.gal).

ii. Fotografías da instalación actual, incluíndo, cando proceda, a placa de características técnicas dos equipamentos sobre os que se actúa. As fotografías deberán vir identificadas coa estancia en que se atopan.

iii. Características técnicas dos equipamentos para os que se solicita a axuda subministradas polo fabricante (catálogo, certificado ou ficha técnica do fabricante) onde se inclúan datos da produtividade do equipamento e do seu consumo e rendemento enerxético.

iv. Etiquetaxe que acredite unha cualificación enerxética B ou superior, no caso de renovación de equipamentos do Bono equipamento ou Bono climatización, que así o requiran.

v. Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente achegar para a correcta avaliación do proxecto.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (10MB) ou teña un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificacións de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

b) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia.

d) DNI/NIE da persoa solicitante.

e) NIF da entidade solicitante.

f) NIF da entidade representante.

g) DNI/NIE da persoa representante.

h) Certificado de alta no censo de empresarios, profesionais e retedores ou certificado de situación censual, expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria.

i) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

j) Concesión de subvencións e axudas.

k) Concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar, logo da a presentación da solicitude, deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vencelladas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 15. Publicidade

1. O Inega publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na súa páxina web oficial (www.inega.gal) e no Diario Oficial de Galicia expresando a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade. A publicidade no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

2. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Artigo 16. Compatibilidade das subvencións

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que non se supere o 100 % do investimento subvencionable ou, se é o caso, o límite máximo establecido na normativa que resulte de aplicación.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 22 destas bases reguladoras.

Artigo 17. Órganos competentes

A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións, correspondéndolle a persoa titular da Dirección do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven de dito procedemento.

Artigo 18. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. A solicitude de axuda con reserva de fondos será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e na documentación complementaria presentada.

De ser o caso, tamén poderán ser avaliadas as solicitudes de axudas que figuren nos postos de máis prelación da listaxe de espera, sen que tal avaliación supoña garantía de que os expedientes se cheguen a subvencionar ata que, eventualmente, recaia resolución expresa de concesión de axuda.

Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos; coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, teráselle por desistido na súa petición e arquivarase o expediente. Isto, cando non se trate de documentación que ten carácter de mínimos e que aparece recollida con tal carácter no artigo 10.4 destas bases reguladoras, neste caso, se non se achega, a solicitude inadmitirase sen máis a trámite.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de facenda, Rexistro Mercantil e outros rexistros públicos.

2. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderá requirirse ao solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

3. Tras o informe dos servizos técnico e xurídico, se existe algún elemento de controversia, un comité de avaliación formado pola persoa titular do Departamento de Enerxía, a persoa titular da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética e un técnico do Inega verificarán que o que se achegou é conforme coas bases.

Artigo 19. Resolución

1. O procedemento de concesión axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa ou persoas beneficiaria/s, o custo elixible, a contía da subvención e o carácter de minimis da subvención facendo referencia ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de entrada da solicitude.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de tres (3) meses, contados desde a data de presentación da solicitude ou, de ser o caso, da súa emenda.

Se transcorre o prazo sen que recaia resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

Para utilizar os servizos de Notifica.gal deberá dispoñer dun usuario e clave no servizo Chave365 ou dun certificado de persoa física ou xurídica asociado ao NIF da persoa destinataria e comprobar que o seu navegador e sistema operativo cumpren os requisitos técnicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Os interesados poderán consultar na aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e na Carpeta cidadá-Mi Sede o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Artigo 21. Réxime de recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro destas bases poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica se produzan os efectos do silencio administrativo, perante a persoa titular da Presidencia da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica se produzan os efectos do silencio administrativo, perante a persoa titular da Dirección da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 22. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. A persoa beneficiaria deberá achegar toda a documentación que se vexa modificada en relación coa validada ao ditar a resolución de concesión, de forma que a nova documentación achegada será validada polo órgano instrutor co obxecto de verificar co cumprimento do establecido nas presentes bases reguladoras.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria, debendo cumprirse os requisitos previstos no punto seguinte.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento, ou aquelas que, de xeito previo, non acheguen a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderán formalizarse a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a resolución de pagamento sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no punto 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado pola Dirección do Inega logo da instrución do correspondente expediente no cal se lle dará audiencia aos interesados.

Artigo 23. Aceptación e renuncia

No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá presentar o anexo IV por medios electrónicos, a través da aplicación informática, comunicando este feito co fin de proceder ao arquivo do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará o interesado por medios electrónicos, de conformidade co procedemento establecido no artigo 20.2 destas bases reguladoras.

Artigo 24. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

3. Dispoñer da capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda.

4. Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe Inega, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, e de ser o caso, os órganos de Control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

5. Comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de dous anos unha vez rematado o proxecto.

7. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda e conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de dous anos.

8. En cumprimento do artigo 15.3 da Lei de 9/2007, de subvencións de Galicia, no caso de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, deberán constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia a través do Instituto Enerxético de Galicia, que se efectuará incorporando de forma visible o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia e do Inega.

9. En relación coa publicidade do financiamento, o beneficiario deberá, durante a realización do proxecto, e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego, informar o público do apoio obtido do Inega, Xunta de Galicia: a) facendo unha breve descrición no seu sitio da internet, no caso de que dispoña de un, da operación, de maneira proporcional ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados e destacando o apoio financeiro do Inega. b) colocando, polo menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), no cal mencionará a axuda financeira nun lugar ben visible para o público. O Inega facilitará modelos ás persoas beneficiarias a través da súa páxina web.

10. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

11. Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular a normativa en materia de subvencións, así como a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade.

Artigo 25. Subcontratación

Permitirase que o beneficiario subcontrate con terceiros a execución de ata o 100 % da actuación que se subvenciona nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Prazo para a execución da instalación

A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 1 de outubro de 2025.

Artigo 27. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal ) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación das subvencións aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas persoas beneficiarias, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 20 destas bases reguladoras.

Igual requirimento efectuará o Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física).

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación algunha, requirirase igualmente ao beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente.

A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 28. Documentación xustificativa da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida o beneficiario deberá xustificar previamente o investimento que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionada. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados na data límite de xustificación do proxecto.

2. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario deberá presentar toda a documentación que se sinala neste artigo e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo III, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá presentarse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

3. Documentación xustificativa que se ten que presentar xunto coa solicitude de pagamento:

a) Conta xustificativa composta de facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copias auténticas electrónicas. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase anexar unha relación de elas, asinada polo representante legal.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).

Os provedores non poderán estar vinculados co organismo solicitante ou coa empresa beneficiaria final, ou cos seus órganos directivos ou xestores.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

1º. Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria, xustificante bancario de ingreso efectivo polo portelo), en que conste: o titular da conta desde a que se realiza a operación ou persoa que realiza o ingreso efectivo, que debe coincidir en todo caso coa persoa beneficiaria da subvención, receptor do pagamento (empresa ou autónomo) e número da factura obxecto de pagamento.

2º. Efectos mercantís que permitan o pago aprazado (cheque, nota promisoria, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta da persoa beneficiaria, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta da persoa beneficiaria dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, xustificante de recepción asinado e selado polo provedor en que se especifique o número de factura pagada, número e data do cheque e NIF e nome da persoa receptora do cobramento.

Tanto no caso do cheque nominativo como de obriga de pagamento, para os efectos de data de pagamento, estimarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se estimará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico, nin os obtidos a través da Internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento, para a súa validez e admisión, estará comprendida entre o 1 de xaneiro e o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 26 das bases reguladoras.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos recollidos nas alíneas a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

b) Declaración expresa por parte da persoa beneficiaria de que o proxecto foi executado conforme o indicado na solicitude e na documentación inicial ou indicando os cambios acontecidos, que o proxecto se axusta á normativa vixente e se obtiveron todos os permisos e autorizacións necesarias para a súa execución. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible o modelo de declaración ao que se refire esta epígrafe.

De existir modificacións no proxecto, deberase indicar no informe técnico da actuación realizada e achegar a documentación técnica presentada coa solicitude que se vexa afectada polas modificacións.

c) Cando o proxecto sexa da tipoloxía bono asesoramento enerxético deberá entregarse copia dixital do documento resultante «diagnose enerxética» ou «auditoría enerxética» segundo proceda.

d) Cando o proxecto sexa da tipoloxía bono equipamento deberase achegar copia do certificado de retirada do equipamento consumidor de enerxía ou xustificante de recollida emitido pola plataforma SIGA.

e) Fotografías xustificativas do cumprimento da obriga de publicidade.

f) Fotografías dos equipamentos principais instalados no lugar (realizadas desde os mesmos puntos que as fotografías presentadas na solicitude), incluíndo cando proceda a placa de características técnicas dos equipamentos. Non será preciso presentar estas fotografías no caso do bono asesoramento enerxético.

g) Nos casos en que proceda, xustificante de solicitude de inscrición da instalación no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria, no cal se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación, se fose necesario.

Artigo 29. Pagamento das axudas

1. Xuntamente coa solicitude da axuda, os interesados poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % do importe da subvención concedida, naqueles supostos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. A solicitude de anticipo e a solicitude de subvención serán obxecto dunha mesma resolución.

2. De conformidade co disposto no artigo 65.4.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, quedan exonerados de constituír garantía as persoas beneficiarias das subvencións concedidas das cales os pagamentos anticipados non superen os 18.000 €.

3. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

4. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

5. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

Artigo 30. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar ao reintegro total ou parcial da subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no titulo II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

Incumprimento total. Se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 50 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, e a xustificación sexa igual ou superior ao 50 %, poderá apreciarse un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión.

No caso de condicións referentes á contía ou concepto da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a un concepto distinto do considerado subvencionable, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

Artigo 31. Réxime de sancións

Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 32. Fiscalización e control

As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Cuentas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Cuentas Europeo.

Artigo 33. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención.

2. Para todo o non previsto no punto anterior, será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 34. Remisión normativa

As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras rexeranse, entre outras, polas seguintes normas:

a) Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 2831, do 15 de decembro de 2023).

b) Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).

2. Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular as seguinte:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

g) Lei orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file