Examinado o expediente iniciado por solicitude de Villasán Renovables, S.L. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción dunha planta fotovoltaica, constan os seguintes
Antecedentes de feito:
Primeiro. Con data do 10.6.2022 Villasán Renovables, S.L. solicita a autorización administrativa previa e de construción dunha planta solar fotovoltaica e da súa instalación de evacuación, de 990 kW de potencia nominal e 1.108,8 kWp de potencia pico, situada no concello de Friol (Lugo).
Segundo. Con data do 16.8.2022 os servizos técnicos da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación requiríronlle documentación para completar o expediente e continuar coa súa tramitación. O 28.9.2022 o promotor presenta a documentación requirida.
Terceiro. No transcurso da tramitación do procedemento, e de acordo co procedemento establecido na Lei 9/2021, do 2 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, a Xefatura Territorial de Lugo remitiulles o 14.10.2024, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución da planta fotovoltaica aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Friol, UFD Distribución, S.A. e á Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural.
A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería do Medio Rural o 21.10.2022; UFD Distribución, S.A. o 14.12.2022.
O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.
Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 127.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.
Cuarto. Con data do 20.10.2022, Villasán Renovables, S.L. achega escrito en que solicita a exclusión da solicitude de autorización presentada o 10.6.2022 da parte da instalación que vai ser cedida á empresa de distribución titular da rede a que se conecta: centro de seccionamento (CS) e liña de entrada e saída no CS ata o apoio de conexión coa rede de distribución. A autorización desta parte tramitarase nun expediente independente (2022-167 AT).
Quinto. Con data do 31.10.2022, a Xefatura Territorial de Lugo emitiu informe favorable sobre o proxecto técnico da instalación solar fotovoltaica co fin de obter a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción, sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por outros órganos da Administración.
Sexto. Mediante o Acordo do 30.11.2022, da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción dunha planta solar fotovoltaica no concello de Friol, Lugo (expediente LU-2021-03), e publicouse o 28.12.2022 no Diario Oficial de Galicia núm. 246, cunha potencia instalada de 990 kW.
O dito acordo estivo exposto no portal web da Consellería de Economía, Industria e Innovación.
Durante o período de información pública non se presentou ningunha alegación.
Sétimo. O 18.12.2023 a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e innovación remitiu copia do expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.
Oitavo. Con data do 12.1.2024 requíreselle a Villasán Renovables, S.L., entre outra documentación, un novo proxecto de execución da planta solar fotovoltaica de referencia no cal se recollan unicamente as instalacións obxecto desta solicitude de autorización administrativa previa e de construción, excluíndo do citado proxecto a parte da instalación que vai ser cedida á empresa de distribución titular da rede a que se conecta, en concreto o centro de seccionamento (CS) e a liña de entrada e saída no CS ata o apoio de conexión coa rede de distribución, ao ser esta obxecto dunha tramitación independente mediante o expediente 2022-167 AT.
Noveno. Con data do 29.1.2024 a empresa achegou en resposta ao requirimento mencionado no parágrafo anterior diversos documentos entre os cales están a modificación do Proxecto para implantación de parque solar fotovoltaico, asinado polo enxeñeiro técnico industrial Fernando Pereira García o 28.1.2024, e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo o 29.1.2024, con número de visado 1092024, no cal se exclúe a descrición da parte da instalación que vai ser cedida á empresa de distribución, titular da rede a que se conecta: centro de seccionamento (CS) e liña de entrada e saída no CS ata o apoio de conexión coa rede de distribución e unha declaración responsable asinada polo seu representante, na cal se declarou expresamente «que se procedeu a excluír da tramitación da solicitude de autorización administrativa previa e de construción da planta solar fotovoltaica de referencia o centro de seccionamento (CS) e a liña de entrada e saída do CS ata o apoio de conexión coa rede de distribución, ao ser esta parte obxecto de autorización mediante a tramitación dun expediente independente, e que a modificación producida por esta exclusión non afecta o sentido dos condicionados emitidos».
Décimo. Con data do 8.2.2024 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remite a documentación achegada polo promotor á Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación para a emisión do correspondente informe técnico.
Décimo primeiro. Con data do 26.3.2024 Villasán Renovables, S.L. achega a documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento.
Décimo segundo. Con data do 10.4.2024, a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe favorable sobre o proxecto técnico modificado da instalación solar fotovoltaica citado no antecedente feito noveno co fin de obter a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción, sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por outros órganos da Administración.
Décimo terceiro. O 25.10.2024 o Departamento Territorial remitiu a Unión Fenosa Distribución separata do proxecto modificado recollido no antecedente de feito oitavo. Con data do 12.11.2024 Unión Fenosa Distribución emitiu informe onde recolle unha serie de condicionados pola afección directa con instalacións propiedade do proxecto da planta fotovoltaica.
O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta ao condicionado emitido.
Décimo cuarto. O 28.11.2024 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicita informe ao órgano ambiental sobre a necesidade de sometelo ao trámite de avaliación ambiental.
Décimo quinto. O 9.12.2024 o promotor achega documentación que se remite ao órgano ambiental, en relación coa data de solicitude da instalación.
Décimo sexto. O 3.12.2024 e o 11.12.2024 o órgano ambiental emitiu informe sobre o proxecto e no informe do 11.12.2024 indica:
«O proxecto dun parque solar fotovoltaico e as súas infraestruturas de evacuación, promovido por Villasán Renovables, S.L. en Friol (Lugo), non está incluído en ningún suposto dos recollidos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, para o seu sometemento ao trámite de avaliación de impacto ambiental, que deixa sen efectos o informe emitido por esta subdirección xeral o 3.12.2024».
Décimo sétimo. A planta solar fotovoltaica de referencia conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución para unha capacidade de acceso de 990 kW, de acordo co recollido no informe do xestor da mencionada rede do 7 de marzo de 2022.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que para a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas recollidas na mencionada lei ou modificación das existentes requirirá de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e autorización de explotación, que terán carácter regrado, e neste caso o seu outorgamento correspóndelle á Administración autonómica.
Terceiro. De acordo co Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndelle á Dirección Xeral competente en materia de enerxía a competencia para outorgar a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción desta instalación.
Cuarto. Á instalación solar fotovoltaica non lle é de aplicación o recollido no anexo II da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, de acordo coa disposición transitoria única do Real decreto 445/2023, tal e como indica a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade no seu informe do 11.12.2024 recollido no antecedente de feito décimo sexto.
Quinto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas instrucións complementarias, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.
De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,
RESOLVO:
Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa á sociedade Villasán Renovables, S.L. para unha planta solar fotovoltaica promovida no concello de Friol (Lugo), segundo o correspondente proxecto.
Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción para unha planta solar fotovoltaica promovida no concello de Friol (Lugo) segundo o proxecto de execución denominado Proxecto para implantación de parque solar fotovoltaico, asinado polo enxeñeiro técnico industrial Fernando Pereira García o 28.1.2024 e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo o 29.1.2024, con número de visado 1092024.
As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:
Solicitante/promotor: Villasán Renovables, S.L. (CIF B27515667).
Domicilio social: rúa do Hospital, 7, 4ºA, 27800 Vilalba (Lugo).
Denominación do proxecto: proxecto para implantación de planta solar fotovoltaica.
Situación: polígono 58, parcela 181, Friol (Lugo).
Parcelas con referencia catastral: 27020A058001810000BS.
Coordenadas UTM ETRS89: X: 598.447, Y: 4.766.075.
Potencia instalada evacuable: 990 kW.
Características técnicas principais das instalacións:
• Instalación solar fotovoltaica conectada á rede de distribución de 990 kW de potencia nominal (1.108,8 kWp), formada por:
– 2.464 módulos solares fotovoltaicos de silicio monocristalino de 450 Wp por unidade.
– 44 seguidores solares a un eixe horizontal, con movemento ± 60º E-O, fincados directamente no chan.
– 6 inversores de 175 kW de potencia nominal unitaria intemperie (IP-65), limitados a 165 kW.
• Edificio prefabricado de formigón, no cal se instala:
– Centro de transformación (CT) con refrixeración de aceite de 1000 kVA e relación de transformación 20/0,8 kV, coas correspondentes celas de liña, medida e protección .
– Transformador de servizos auxiliares de 20 kVA e relación de transformación 800/400 V.
– Cadro de protección de liñas e inversores.
– Cadro xeral de mando e protección dos servizos auxiliares.
Todo isto de acordo coas seguintes condicións:
1. A instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran na modificación do proxecto de execución referidos no punto segundo da parte dispositiva desta resolución.
2. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas instrucións complementarias, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.
3. Previamente ao inicio das obras, o promotor deberá contar con autorización por parte de UFD Distribución, S.A.
4. Para introducir modificacións que afecten datos básicos da modificación do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, O Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.
5. Unha vez construídas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización de explotación de acordo co establecido no artigo 53.c) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 132.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, perante o Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, co fin de que esta efectúe a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificar o cumprimento dos compromisos contraídos por Villasán Renovables, S.L. e dos condicionados impostos nesta resolución, para o cal deberá achegar a documentación requirida na ITC-RAT 22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións da instalación.
6. Logo de obter a autorización de explotación mencionada no parágrafo anterior, o promotor deberá solicitar a inscrición da instalación solar fotovoltaica no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co recollido nos artigos 39 e 40 do Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos.
7. O prazo para a posta en servizo das instalacións será de seis meses contados a partir da data de notificación da obtención do último permiso necesario para executar a instalación. Se transcorrido o dito prazo aquela non tivo lugar, poderá producirse a caducidade destas autorizacións.
8. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.
9. Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2024
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
