DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Luns, 13 de xaneiro de 2025 Páx. 2128

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 8 de xaneiro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio coas sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes) para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG535A).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do día 26 de decembro de 2024, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes a aprobación das bases reguladoras do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca (SGR) e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes).

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio entre o Igape, as sociedades de garantía recíproca (en diante, SGR) e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes) (código de procedemento IG535A).

E proceder á convocatoria para o ano 2025 da Liña de préstamos para o crecemento das pemes-Reavais Crecemento e da Liña de garantías vinculadas a operacións de tráfico ou avais técnicos-Reavais Garantías, en réxime de concorrencia non competitiva.

Segundo. Tramitación anticipada

Esta convocatoria tramítase de conformidade co disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas operacións á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Terceiro. Prazos de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computarse 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará o 30 de setembro de 2025 ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.

Cuarto. Dotación orzamentaria

Os créditos dispoñibles para concesión nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e distribución plurianual, previa existencia de crédito adecuado e suficiente:

Partida orzamentaria

Ano 2025

Ano 2026

Ano 2027

Total

09.A1.741A.8900

3.750.000 €

3.750.000 €

09.A1.741A.7700

300.000 €

9.450.000 €

5.500.000 €

15.250.000 €

As dotacións ao fondo de garantía de avais (partida orzamentaria 09.A1.741A.8900) materializaranse cunha retención de crédito polo 10 % do importe máximo de cada reaval que conceda o Igape ante as SGR que subscriban o convenio asinado para o efecto no período de vixencia. Establécese para esta convocatoria un límite máximo de concesións de reavais por parte do Igape ante SGR de 37.500.000 €, o que permitirán garantir operacións financeiras acollidas a estas Bases Reguladoras por un importe estimado de ata 150.000.000 €. Os reavais vivos non superarán en ningún caso, xunto aos restantes avais concedidos ou que poida conceder o Igape, o límite de risco establecido pola Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma.

A concesión dos reavais previstos nesta convocatoria está condicionada a que en ningún momento se supere, xunto coa suma do risco vivo por avais e reavais previamente concedidos polo Igape, o límite de saldo efectivo vixente que se estableza na Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma en vigor no momento da resolución.

A persoa titular da Dirección Xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto. Prazos de duración do procedemento

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses desde a recepción no rexistro do Igape da solicitude de axuda.

Sexto. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Sétimo. Os requisitos das letras c), e), f), i), k), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2025

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio coas sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes)

O Igape, no cumprimento das súas funcións, enfoca os seus programas e iniciativas na procura do desenvolvemento do sistema produtivo galego, en especial, apoiando ás pequenas e medianas empresas (pemes).

Son estas as que sofren maiores dificultades para acceder ao financiamento adecuado ás súas necesidades, atopándose con maiores esixencias de garantías e maiores custos de financiamento que outras empresas de maior dimensión.

De forma continuada, durante máis de 30 anos o Igape vén apoiando o acceso ao financiamento das pemes con axudas en forma de garantía e subvencións de gastos financeiros, promovendo diversas liñas para cubrir necesidades específicas.

As SGR, principalmente as galegas, tamén veñen desempeñando dende a súa creación un importante papel no tecido empresarial de Galicia, compartindo co Igape o obxectivo de posibilitar o acceso ao crédito das pemes galegas, mediante a prestación de avais ante entidades de crédito, actividade na que teñen demostrada solvencia e capacidade técnica.

O apoio conxunto do Igape e das SGR á obtención de financiamento por parte das pemes, toma forma coa promoción de convenios de colaboración coas principais entidades de crédito que operan en Galicia, cos que se acadou moi boa experiencia no pasado.

Mediante as Resolucións do 21 de maio de 2019, do 7 de febreiro de 2020, do 18 de xuño de 2021, do 13 de abril de 2022 , do 9 de maio de 2023, e do 17 de xaneiro de 2024 publicáronse as bases reguladoras do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio coas SGR e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes), para os anos 2019, 2020, 2021, 2022, 2023, e 2024 respectivamente, nas que se estableceu un marco de apoio ao acceso ao crédito, regulando os requisitos e o procedemento de calquera actuación de apoio ao crédito bancario.

Dispoñer deste marco de apoio demostrouse eficaz para canalizar os apoios da Xunta de Galicia ao financiamento das pemes, cubrindo as necesidades financeiras estruturais con liñas como o Reaval Crecemento, e Reaval Garantías, e facilitando a instrumentación de liñas extraordinarias para cubrir necesidades puntuais, como a liña Extraordinaria COVID-19 e os Microcréditos COVID-19 (Resolucións do 31 de marzo de 2020 e do 9 de xullo de 2020, respectivamente) ou como a liña para o financiamento da operativa das pemes afectadas polas consecuencias económicas da invasión de Ucraína por Rusia (Resolución do 13 de abril de 2022).

A convocatoria do ano 2024, inicialmente prevista para un volume de operacións de 80.000.000 €, tivo unha gran demanda por parte das pemes galegas demostrándose un instrumento esencial para favorecer o acceso ao crédito nun contexto de encarecemento dos tipos de xuro, motivando que mediante Resolución do 28 de xuño de 2024 se publicase unha modificación da convocatoria aumentando a dotación orzamentaria para elevar o importe máximo das operacións a conceder a 120.000.000 €. O número de solicitudes recibidas nesta convocatoria foi de 1.770 por un importe de 286 millóns.

Coas presentes bases reguladoras, dáselle continuidade ao dito marco mantendo os programas preexistentes, destacando as seguinte novidades respecto á convocatoria anterior:

– O importe máximo das operacións que se estima poder conceder coas dotacións orzamentarias, elévase a 150.000.000 €.

– Adáptanse os textos ás normativas en vigor en materia de subvencións, o que permite eliminar determinadas restricións sectoriais, por exemplo, permitindo financiamento de elementos de transporte en empresas dedicadas ao transporte de mercadorías por conta allea por estrada, o que favorecerá a renovación de flotas e a descarbonización.

– Flexibilízase a forma de xustificar a disposición dos préstamos, permitindo que no caso de que o pago do gasto e/ou investimento financiable sexa afrontado antes da disposición detraendo da tesourería da empresa, o préstamo poderá ser utilizado para a reposición destes fondos.

– Permítese que o tipo de xuro poida ser fixo ademais de variable, e que neste último caso, a variación poida ser tanto por semestres naturais como por reais (en función da data de formalización).

– Nos préstamos a tipo de xuro variable, o diferencial máximo redúcese do 1,95 ao 1,80.

– Á vista do éxito da iniciativa posta en marcha polas SGR no ano 2018, pola que promoveron un fondo de titulación de préstamos que conta co respaldo do ICO e do FEI, introdúcese a posibilidade de que este tipo de entidades poidan adherirse ao Convenio cos mesmos efectos que as entidades de crédito, por entender que estas iniciativas facilitan que as pemes e autónomos poidan dispoñer dunha fonte de financiamento complementaria aos bancos tradicionais.

Deste xeito, as axudas contempladas no anexo I, tratan de dar resposta ás necesidades de financiamento detectadas nas pemes galegas, facilitando:

a) Préstamos avalados para o crecemento das pemes, co obxecto de favorecer, mediante reavais, o acceso a préstamos a longo prazo para financiar investimentos produtivos e/ou circulante estrutural por parte das pemes galegas, e dando a posibilidade de aplicar os fondos, total ou parcialmente, ao pagamento e/ou reestruturación de débedas con entidades financeiras.

b) Garantías ante terceiros vinculadas a operacións de tráfico ou avais técnicos, co obxecto de favorecer a capacidade das pemes para outorgar garantías fronte a terceiros, para garantir o cumprimento de contratos, tráfico comercial ou avais técnicos.

En ambas modalidades, o apoio do Igape consiste nunha bonificación da comisión do aval e, se é o caso, do tipo de xuro, e a posibilidade, en aplicación da normativa vixente de avais do Igape, de reaval de, como máximo, o 25 % do risco asumido polas SGR, que facilite o acceso ao crédito.

A convocatoria dos apoios deberá ser obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

A tramitación destas axudas exclúe a concorrencia competitiva con base ao establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), por canto serán subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras, ata o esgotamento do crédito.

Xustifícase a excepcionalidade por canto neste caso non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial de apoiar calquera operación financeira que, cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases, supoña dotar ás pemes beneficiarias da liquidez necesaria para poder financiar as súas operacións correntes e de investimento, e o seu crecemento.

Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos coa debida dilixencia e en todo momento, mantendo a posibilidade de prazos de solicitude mais dilatados no tempo.

Artigo 1. Obxecto

Estas bases regulan as condicións e o procedemento de tramitación do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca (SGR) e as entidades de crédito adheridas, que se desagrega nas liñas de financiamento específicas detalladas no anexo I.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado UE, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto da actuación a financiar, localizada na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cumpran os requisitos e condicións establecidos para a correspondente liña de financiamento, que se detallan no anexo I.

2. As pequenas e medianas empresas poderán ser persoas físicas ou xurídicas. Tamén poderán ter a condición de persoas beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos do anterior número 1.

Neste caso de agrupacións, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única con poder suficiente para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007. A operación financeira deberá estar formalizada a nome da entidade, e deberá ser asinada por cada un dos seus membros.

No caso das cooperativas, o préstamo poderá estar asinado por un representante da entidade, logo de autorización dela, ou polos cooperativistas, que asumirán a débeda en proporción á súa porcentaxe de participación.

No caso de comunidades de bens, cada un dos socios deberá cubrir o formulario do anexo III.

3. Considéranse atendibles todas as actividades, salvo as que expresamente se exclúan, se é o caso, para cada liña de financiamento conforme ao recollido no anexo I.

As axudas financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis e cumprirán co establecido no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro); no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño); no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), ou nas normas que os modifiquen ou substitúan.

4. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:

a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas inmersas nun procedemento de insolvencia, ou que reúnan os requisitos para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores. En particular, entenderanse nesta situación ao atoparse declarados en concurso, salvo que en este adquirise a eficacia un convenio, ou cando concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 2.4 do Real Decreto Lexislativo 1/2020, do 5 de maio, polo que se aproba o texto refundido da Lei Concursal. Tamén se encadrarán neste suposto aquelas empresas que estean en proceso de negociación cos seus acredores ao abeiro do Libro segundo do Real decreto lexislativo 1/2020, salvo que adquirise eficacia un plan de reestruturación.

c) As entidades nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007.

d) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as empresas que incumpran os prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, de 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas posteriores modificacións, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

Artigo 3. Características das operacións financeiras e axuda do Igape

1. As características, finalidades, importes máximos e mínimos, e condicións das operacións financeiras apoiadas serán as detalladas para cada liña de financiamento recollida no anexo I.

2. Axuda do Igape en forma de garantía.

Naquelas liñas de financiamento nas que así se contemple no anexo I, a axuda do Igape poderá consistir no reaval do Igape durante a vixencia da operación avalada e, en todo caso, co máximo de 7 anos, en garantía dun máximo do 25 % do risco asumido pola SGR, de acordo co previsto na normativa vixente de avais do Igape. Seguindo os criterios establecidos na Comunicación da Comisión 2008/C155/02 relativa á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE das axudas estatais outorgadas en forma de garantía, considérase como axuda indirecta a equivalente ao importe da prima non cobrada á persoa beneficiaria.

Con carácter xeral, o reaval do Igape ante as SGR será do 25% do risco asumido pola SGR, salvo nos casos nos que a SGR combine este coa cobertura de reavais doutros organismos públicos ou dependentes da Administración. Nestes supostos aplicarase en primeiro lugar a porcentaxe máxima prevista por esoutros organismos públicos ou dependentes da Administración, para cada tipo de operación. Se, como consecuencia da suma das porcentaxes de reaval desoutros organismos e do Igape se exceden os límites de porcentaxe máxima permitida pola normativa vixente, reducirase a cobertura do reaval do Igape na porcentaxe necesaria para non superar o citado límite.

O cálculo da subvención bruta equivalente implícita na axuda en forma de garantía, determinarase segundo a seguinte fórmula de cálculo simplificada:

Subvención bruta equivalente = 2 x (importe do reaval en euros) x (prazo de vixencia do reaval en anos)/75

3. Axuda do Igape en forma de subsidiación de gastos financeiros.

Nas liñas de financiamento nas que así se contemple no anexo I, a axuda do Igape poderá consistir nunha bonificación do tipo de xuro nominal e/ou das comisións de aval das operacións de préstamo acollidas a estas bases.

A axuda a abonar ao titular calcularase do seguinte xeito:

– Calcularanse os valores absolutos dos puntos que se percibirán durante o período establecido para cada modalidade incluída no anexo I.

– Actualizaranse os valores absolutos obtidos anteriormente, utilizando como taxa de actualización o tipo de xuro legal do diñeiro correspondente ao ano da concesión da operación financeira.

4. Compatibilidade e límites.

A concesión das axudas destas bases queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada, pero, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea para as axudas de minimis que estean vixentes no momento da concesión da axuda. De xeito xeral e na data de publicación das presentes bases, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 300.000 euros nos tres anos previos á concesión do préstamo. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 40.000 euros nos tres anos previos á concesión do préstamo. Para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 20.000 euros nos tres anos previos á concesión do préstamo.

A solicitude e obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento da solicitude da axuda. Así mesmo, a SGR deberá comunicar ao Igape, a porcentaxe de reaval obtida doutros organismos, así como as axudas de minimis implícitas no mesmo. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

5. De acordo co establecido no artigo 5 do Real Decreto 1149/2011, do 29 de xullo, polo que se establece e regula o rexistro español de axudas de minimis no sector pesqueiro (BOE nº 223, do 16 de setembro), no caso de que a persoa beneficiaria sexa unha empresa do sector pesqueiro, o Igape publicará a subvención concedida ao abeiro destas bases no citado Rexistro expresando a información á que se fai referencia no anexo I do dito real decreto.

Artigo 4. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Para presentar a solicitude, a persoa ou entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa ou entidade solicitante e do proxecto a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles ás persoas ou entidades solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidas da súa petición, logo de resolución de arquivo.

Considérase que todas as persoas ou entidades solicitantes, ao exercer unha actividade económica, dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, polo que queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade aos medios electrónicos necesarios.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas ou entidades solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou persoa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade da persoa ou entidade solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dunha única persoa solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dunha persoa solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento no que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento deberá ser asinado electronicamente por cada unha das persoas autorizantes.

Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificación dixital da persoa presentadora, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.

As persoas ou entidades solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, con indicación dos 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

2. Unha vez rexistrada a solicitude, o Igape remitiralle o contido do formulario electrónico da solicitude á SGR a través da Extranet de entidades colaboradoras. A SGR contactará coa persoa ou entidade solicitante, e requiriralle toda a documentación necesaria para a comprobación do cumprimento dos requisitos establecidos nestas bases e para a valoración da concesión da operación financeira de aval e crédito, a excepción da relativa ao requisito establecido no punto 4 do artigo 2 destas bases, por descoñecer nesta fase do procedemento se a subvención ten un importe superior a 30.000 €.

A SGR colaboradora coordinará coa entidade de crédito adherida ao convenio que a persoa ou entidade solicitante designe o estudo da operación financeira de crédito. Para iso, unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos das bases reguladoras, a SGR remitiralle o expediente de solicitude á entidade de crédito.

A entidade de crédito adherida comunicaralle á SGR a súa decisión sobre a concesión da operación financeira.

No caso de que a SGR aprobe a operación financeira, e non se obteña a aprobación por parte da entidade de crédito inicialmente designada, a petición do titular, a SGR poderá remitir a solicitude a outra das entidades adheridas ao convenio de colaboración.

No caso de operacións de importe superior a 150.000 €, as operacións poderán ser coavaladas por máis dunha SGR asinante, neste suposto, a SGR designada polo titular no formulario de solicitude remitirá o expediente á outra ou outras SGR para a avaliación do coaval.

Nun prazo máximo de 35 días hábiles dende a presentación da solicitude e, en todo caso, no prazo máximo dun mes desde a data máxima de fin da convocatoria, a SGR designada deberá comunicar ao Igape a través da Extranet de entidades colaboradoras a súa decisión e a da entidade de crédito respecto da concesión da operación financeira.

No caso de aprobación, incluirá:

– O importe aprobado, que poderá ser igual ou inferior ao solicitado, respectando os límites establecidos no Anexo I para cada liña de financiamento.

– O prazo concedido e, no seu caso, a carencia.

– As condicións de tipo de xuro e comisións.

– Unha declaración do cumprimento das condicións establecidas nestas bases reguladoras emitida en base á revisión documental efectuada pola SGR.

– Unha declaración relativa á custodia da documentación do expediente que corresponderá á SGR como entidade colaboradora.

No caso de denegación, unha descrición do motivo.

3. Unha vez que a SGR lle comunique ao Igape tanto a decisión de conceder a operación por parte da entidade de crédito e da propia SGR coma o cumprimento de condicións e requisitos previstos nestas bases, agás o establecido no punto 4 do artigo 2, nos casos nos que resulte unha axuda a conceder superior a 30.000€ o Igape comunicaralle tal circunstancia á SGR a través da Extranet de entidades colaboradoras para que lle solicite á persoa interesada a acreditación do cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, o que se acreditará polos seguintes medios de proba:

1º. As persoas físicas e xurídicas que, de acordo coa normativa contable poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, na que afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pago previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro. Poderán tamén acreditar a dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos no punto 2º e con suxeición á súa regulación.

2º. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:

i. Certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se alcanza o nivel de cumprimento dos prazos de pago establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinado neste apartado, en base á información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.

Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.

ii. No caso de que non sexa posible emitir a certificación de auditor á que se refire o número anterior, «Informe de Procedementos Acordados» elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que, en base á revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pago a provedores da sociedade a unha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pago da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou no caso de que se detectasen, estas non impidan alcanzar o nivel de cumprimento requirido no apartado segundo da letra d) da disposición final sexta da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.

Logo da súa revisión, a SGR comunicaralle ao Igape o resultado da comprobación deste requisito. O incumprimento dos referidos prazos de pagamento ou a falta de presentación da documentación preceptiva serán causas de denegación.

4. A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no formulario e na documentación achegada ás SGR adheridas, que comprobarán que cumpran as condicións e requisitos previstos nestas bases para a obtención da axuda, así como a execución e cumprimento da finalidade da axuda no caso de que lles sexa requirido.

5. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se o formulario de solicitude non reúne os datos esixidos, o Igape requirirá á persoa ou entidade solicitante para que no prazo de dez días hábiles desde o seguinte ao requirimento emende a falta, con indicación de que en caso contrario, teráselle por desistido da súa petición, e arquivarase o expediente logo da correspondente resolución.

6. A verificación polas SGR da documentación presentada coas solicitudes e do cumprimento dos requisitos previstos nestas bases para a obtención da axuda, así como as comunicacións sobre a concesión da operación polas SGR e as verificacións sobre o cumprimento das finalidades da axuda, presentaranse a través da Extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es). Esta vía electrónica será obrigatoria. O Igape reserva para si a potestade de introducir modificacións no funcionamento e na recollida de datos da Extranet, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións entre entidades ou as actuacións de control que son propias do seu papel no convenio asinado para o efecto.

A autorización de acceso á Extranet de entidades colaboradoras para este convenio darase de oficio para os usuarios que as SGR teñan xa rexistrados para outros convenios, ben que é posible modificar estas autorizacións ou dar novas altas mediante a notificación do anexo V, que se deberá presentar a través do enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, xunto coa copia do poder da persoa representante da entidade. Para estes efectos, as entidades colaboradoras terán que acreditar a súa solvencia técnica para acceder e xestionar a Extranet de entidades colaboradoras.

7. Cando por motivos técnicos non sexa posible a tramitación mediante a Extranet de entidades colaboradoras, poderá admitirse a presentación dos documentos e comunicacións a través da oficina virtual do Igape ou da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Imposto de actividades económicas (IAE) da persoa ou entidade solicitante.

f) Certificado de estar ao corrente das obrigas tributarias coa AEAT da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.

g) Certificado de estar ao corrente das obrigas coa Seguridade Social da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.

h) Certificado de estar ao día de pagamento coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.

i) Certificado da renda (IRPF) da persoa solicitante ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.

k) Consulta de concesións pola regra de minimis da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, de cada unha das persoas socias da comunidade de bens.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo II) ou no de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas (anexo III) e achegar os documentos. Cando así o esixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas ou entidades solicitantes deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser realizados telematicamente accedendo ao enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Artigo 7. Resolución

1. Unha vez verificado que a solicitude cumpre os requisitos establecidos nestas bases, a persoa titular da Dirección da Área de Financiamento elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, que resolverá por delegación do Consello de Dirección.

A persoa titular da Dirección da Área de Financiamento é o órgano competente para resolver o arquivo, as desistencias e a renuncia de dereitos nos expedientes tramitados na súa área, nos casos previstos na lexislación vixente, por delegación do Consello de Dirección.

2. Na resolución de concesión farase constar o importe da operación, o seu prazo de vixencia e carencia, así como, de ser o caso, a axuda en forma de garantía polo reaval outorgado ante a SGR e/ou en forma de subsidiación de gastos financeiros. Informarase á persoa beneficiaria sobre o carácter de minimis da axuda, facendo unha referencia expresa e completa ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión do 13 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023); Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28.06.2014); Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), ou as normas que os modifiquen ou os substitúan.

3. Na resolución denegatoria farase constar o motivo da denegación. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007.

4. De acordo coas características do programa, o procedemento de concesión tramitarase en concorrencia non competitiva.

As solicitudes resolveranse atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito, do cal se dará a correspondente publicidade. Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data para ter en conta será a data e hora de presentación da solicitude.

No caso de presentación de achegas ou de que a solicitude requira emenda, terase en conta a data e hora en que a persoa solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida. No caso de que máis dunha solicitude teña a mesma data de presentación, prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación fose anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á cal o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.

Artigo 8. Notificación, silencio administrativo e recursos

1. O Igape notificaralle á persoa ou entidade solicitante, á entidade de crédito e á SGR a concesión ou denegación da operación, de acordo co establecido no artigo 24 da Lei 9/2007.

As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As persoas interesadas deberán acceder á páxina web do Igape na ligazón notificación telemática (https://www.igape.gal/es/notificacion-telematica) para recibir as notificacións. O sistema solicitará da persoa interesada o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificación de recepción electrónico).

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, o Igape practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será o establecido na resolución da convocatoria. O dito prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 22 da Lei 39/2015. Transcorrido tal prazo sen que se notifique resolución expresa, poderá entenderse desestimada.

3. As resolucións ditadas ao abeiro destas bases poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Potestativamente, recurso previo de reposición:

– Ante a persoa titular da Dirección da Área de Financiamento no caso de recursos de reposición contra as resolucións de arquivo.

– Ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, no caso de recursos de reposición contra as resolucións de concesión ou denegación das axudas, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

En ambos casos, o prazo para interpoñer o recurso será de un mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, se fose expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno (en diante, Lei 1/2016), e no artigo 15 da Lei 9/2007.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 10. Formalización da operación financeira

1. Unha vez recibida a solicitude no Igape, este poderá autorizar a formalización da operación financeira, previamente á resolución da solicitude de axuda. A dita autorización comunicarase á SGR a través da Extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es).

a) A formalización da operación financeira antes da resolución non implica o recoñecemento de ningún dereito ou cualificación do expediente respecto á concesión solicitada.

b) No contrato de financiamento formalizado anticipadamente de acordo co previsto no apartado anterior, deberanse mencionar, polo menos, os seguintes extremos: que se presentou a solicitude de axuda financeira no Igape e que o préstamo quedará acollido ás axudas establecidas nas presentes bases nos termos e condicións establecidas na resolución de concesión que, no seu día, se dite. Ademais, o contrato deberá indicar as condicións financeiras non suxeitas a estas bases, para o caso de que o Igape resolva non concedendo a axuda.

c) No suposto de que a resolución de concesión que, no seu caso, se dite, contemple unhas condicións diferentes das indicadas na autorización de formalización anticipada, deberá incluírse un anexo ao documento de préstamo, intervido por fedatario público, no que se fagan constar as características establecidas na dita resolución.

2. Se a operación financeira se formaliza con posterioridade á data de notificación da resolución de concesión, deberá recoller a mención de estar acollido ás axudas previstas nestas bases.

3. O prazo máximo para a formalización da operación financeira, ou, no seu caso, para a adaptación da póliza ás condicións da resolución de concesión do Igape, será de 2 meses contados desde o día seguinte ao da data de notificación da concesión á persoa beneficiaria.

Finalizado o dito prazo sen que se formalizara ou adaptara a operación, ditarase resolución tendo á persoa ou entidade solicitante por renunciada e ordenando o arquivo do expediente, salvo que, previa solicitude razoada de prórroga desta, presentada no Igape dentro do prazo e acreditando a conformidade da SGR e da entidade de crédito, o Igape autorice a dita prórroga.

4. Tamén poderán ser obxecto de solicitude de axuda e, no seu caso, de concesión, as operacións financeiras formalizadas no período comprendido entre o 1 de xaneiro do ano de publicación da convocatoria e a data desta, sempre que a operación financeira reúna os requisitos establecidos nas presentes bases. Estas operacións non requirirán a autorización do Igape para a súa formalización.

No caso de que a resolución de concesión que, no seu caso, se dite, contemple unhas condicións diferentes ás contempladas na operación formalizada, deberá incluírse un anexo ao documento de préstamo, intervido por fedatario público, no que se fagan constar as características establecidas na dita resolución. Nestes casos será de aplicación o establecido no apartado anterior relativo á adaptación das operacións.

5. Non será necesaria a formalización contractual do reaval, abonda para obrigar ao Igape e á entidade beneficiaria do reaval a resolución de concesión e a formalización do aval coa SGR. A póliza de aval que se formalice entre a SGR e a empresa avalada deberá facer constar a existencia do reaval do Igape e as súas características.

6. No documento de aval en que se instrumente a garantía da SGR deberá figurar o apoio do Igape para a concesión da operación e incluírse o logotipo da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Disposición e utilización

Disporase dos fondos do préstamo e/ou garantía para os destinos previstos para cada modalidade de financiamento incluída no anexo I das presentes bases e especificados na resolución de concesión.

O período de disposición e utilización dos fondos iniciarase na data de formalización da operación e finalizará coa primeira amortización ou cancelación da operación salvo que, no anexo I se especifiquen prazos específicos dentro de cada modalidade.

Artigo 12. Xustificación

1. Dentro dos prazos previstos para cada liña de financiamento no anexo I, as persoas beneficiarias deberán presentar a xustificación das finalidades ás que foron aplicadas.

Para iso deberán cubrir previamente o formulario electrónico de xustificación a través da aplicación informática establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberanse cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL), que identificará univocamente a solicitude de xustificación, que, no caso de subvención de gastos financeiros, será tamén solicitude de cobro.

A solicitude de xustificación presentarase mediante o formulario normalizado que a título informativo figura como anexo IV a estas bases, que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, e no cal será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDEL ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento realizado para o efecto.

Unha vez xerada a solicitude de xustificación, que no caso das axudas en forma de subsidiación de gastos financeiros será tamén solicitude de cobro, a persoa beneficiaria deberá presentala por vía electrónica.

2. Para axudas de importe inferior a 30.000 €, o sistema de xustificación será a conta xustificativa simplificada prevista no artigo 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007 (en diante, Decreto 11/2009), incluíndo no formulario de xustificación os datos esixidos no devandito artigo.

O Igape poderá requirirlles ás persoas beneficiarias a remisión dos xustificantes das finalidades dos préstamos seleccionados con base en técnicas de mostraxe, comprobándose para estes efectos polo Igape un mínimo do 10 % dos expedientes.

Cando das comprobacións realizadas non se acade a evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da axuda, o Igape procederá a requirirlles ás persoas beneficiarias a totalidade dos documentos xustificativos, sinalados no anexo I para as distintas liñas de financiamento.

3. Para axudas de importe superior a 30.000 €, e de conformidade co artigo 28 da Lei 39/2015, as persoas beneficiarias deberán achegar xunto coa solicitude de xustificación, que no caso de axudas en forma de subsidiación de gastos financeiros será tamén solicitude de cobro, as copias dixitalizadas do contrato de financiamento e da documentación xustificativa relacionada para cada liña de financiamento no anexo I. A persoa beneficiaria responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitarlle de maneira motivada que presente unha copia autenticada electrónica.

4. O Igape remitirá á SGR correspondente os formularios de xustificación, xunto á documentación xustificativa se é o caso presentada, por vía electrónica, a través da Extranet de entidades colaboradoras. As SGR revisarán os formularios e a documentación xustificativa, e comunicarán ao Igape por vía electrónica, se é o caso, a información e/ou documentación que falta, así como a validación do grao de cumprimento/non cumprimento da finalidade da axuda, no prazo máximo de 30 días desde a recepción da documentación.

Artigo 13. Pagamento das subvencións dos gastos financeiros

1. Para as liñas de financiamento do anexo I que contemplen esta modalidade de axuda, unha vez completada a xustificación conforme ao sinalado no artigo 12 anterior, o Igape procederá ao pagamento da subvención.

Artigo 14. Procedemento en caso de execución dos reavais do Igape

1. No caso de falta de pagamento por parte do titular do préstamo, e tras un período de 180 días dende o primeiro incumprimento atendido pola SGR, no que, tanto a entidade de crédito como a SGR efectuaran as oportunas xestións para a súa regularización, será suficiente o requirimento escrito da entidade de crédito prestamista á SGR para que esta liquide o capital pendente de amortizar, máis os xuros de mora xerados, calculados a un tipo que non poderá superar en 4 puntos o tipo máximo de xuro, se é o caso, establecido no anexo I para a respectiva modalidade de liña de financiamento.

2. A SGR non aboará os xuros de mora se realiza o pagamento dentro do prazo de cinco días hábiles contados desde a notificación do requirimento escrito da entidade de crédito.

3. Unha vez que a operación resultase falida, a SGR deberá comunicar ao Igape tal circunstancia. Logo desta comunicación, o Igape recoñecerá as obrigas de pagamento correspondentes aos falidos comunicados no mes anterior, e procederá no mesmo momento ao pagamento das obrigas recoñecidas, con cargo aos seus propios orzamentos.

4. As SGR obríganse á execución dos bens e dereitos do prestameiro, asumindo os gastos do proceso e reintegrando ao Igape as cantidades que procedan segundo o establecido no apartado seguinte.

5. O Igape participará no recobro da SGR proporcionalmente ao risco reavalado, unha vez deducidos os gastos do proceso por ela soportados, así como nos importes obtidos na transmisión dos bens ou dereitos adxudicados en pagamento de débedas que teñan a súa orixe en operacións reavaladas, xa sexa en virtude de acordos extraxudiciais (dacións en pagamento, cesión de bens, permutas, etc.) ou por procedementos xudiciais.

Ao final de cada exercicio económico, as SGR ingresarán ao Igape, na conta que este designe, os importes que lle correspondan segundo o previsto no parágrafo anterior, con indicación da operación á que corresponde, o importe obtido polo recobro ou pola transmisión así como un detalle do cálculo do importe resultante a ingresar ao Igape.

6. Nas liñas de financiamento recollidas no anexo I nas que o aval da SGR non acade o 100 % do risco, as entidades de crédito obríganse así mesmo á execución dos bens e dereitos da persoa beneficiaria, asumindo os gastos do proceso e reintegrando ao Igape proporcionalmente ao risco reavalado, unha vez deducidos os gastos do proceso por ela soportados, nos termos indicados nos anteriores números 4 e 5.

Artigo 15. Información periódica. Custodia da documentación

1. As SGR remitirán trimestralmente ao Igape unha relación dos avais en vigor outorgados ao abeiro destas bases reguladoras, detallando polo menos, para cada un deles, os seguintes datos: nº de expediente, persoa beneficiaria, importe formalizado, risco en vigor, risco avalado por CERSA e, se é o caso, risco avalado por outras entidades, risco avalado polo Igape, importe incurso en morosidade, provisións dotadas e, de ser o caso, importe considerado falido.

2. A efectos do cumprimento do disposto na Orde HAP/2082/2014, do 7 de novembro, pola que se modifica a Orde HAP/2105/2012, do 1 de outubro, pola que se desenvolven as obrigas de subministro de información previstas na Lei orgánica 2/2012 de Estabilidade Orzamentaria e Sostenibilidade Financeira, con periodicidade mensual e nos 10 primeiros días de cada mes, as SGR remitirán ao Igape unha relación dos reavais vivos, nas que se especificará a entidade beneficiaria, o risco vivo a 1 de xaneiro do exercicio, o importe executado no exercicio, o importe de reaval concedido no exercicio corrente, importe de reaval cancelado no exercicio corrente, e risco vivo por reaval acumulado no mes anterior.

3. As SGR terán que custodiar e ter á disposición do Igape toda a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos necesarios para a concesión do reaval e/ou subsidiación de gastos financeiros e para o pagamento da dita subsidiación, e a que reflicta as incidencias sobrevidas nas operacións reavaladas e/ou subsidiadas, especialmente, a establecida nestas bases, durante un período de catro anos desde a súa cancelación.

Artigo 16. Modificacións

1. A persoa beneficiaria queda obrigada a comunicarlle ao Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente á execución dos fins para os que foi concedida a axuda. En particular, deberá remitir unha declaración complementaria das axudas recibidas para a mesma operación no momento en que sexa comunicada calquera concesión e sempre coa presentación da solicitude de xustificación e/ou de cobramento.

A obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, ou a súa revogación, no caso de que os ditos cambios supoñan o incumprimento dos requisitos establecidos para os proxectos ou para a persoa beneficiaria.

2. A persoa beneficiaria da axuda poderá solicitar, de forma motivada, a modificación da resolución con carácter previo á formalización da operación.

3. No caso de que a modificación afecte aos datos declarados no formulario, deberá cubrir previamente un novo formulario na aplicación informática e obter un novo código IDE. Este IDE incluirase na solicitude de modificación que se dirixirá á persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

4. A persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección, poderá acordar as modificacións da resolución nos aspectos tidos en conta para a concesión da axuda relativos ao importe e características da operación financeira atendible, importe do reaval do Igape, se é o caso, e titularidade, sempre que a modificación non prexudique a terceiros, e que os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

O cambio de persoa beneficiaria deberá acreditarse documentalmente así como a subrogación na totalidade dos dereitos e obrigas derivados da actuación apoiada e, especificamente, da operación obxecto de axuda. Presentarase a solicitude asinada pola nova persoa titular, xunto co consentimento da anterior persoa beneficiaria.

En ningún caso a resolución de modificación implicará aumentar a contía da axuda inicialmente aprobada.

5. Unha vez formalizada a operación só se admitirán solicitudes de modificación relativas ao troco de titularidade, sen prexuízo do disposto no seguinte apartado.

6. No caso de modificacións das condicións da operación financeira unha vez formalizada, por parte da entidade de crédito e/ou da SGR, que supoñan unha mellora solicitada pola empresa (carencia intermedia, diferencial, etc.), poderá levarse a cabo sen autorización previa do Igape. Con todo, a SGR e/ou a entidade de crédito deberán comunicar a súa conformidade. As ditas modificacións non suporán, en ningún caso, a modificación da resolución de concesión nin a revisión á alza das axudas concedidas.

7. O Igape poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.

Artigo 17. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda, total ou parcial, do dereito ao cobramento da subsidiación, no suposto de incumprimento das condicións establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, nas presentes bases reguladoras ou na resolución de concesión.

Así mesmo, de concorrer os motivos de incumprimento mencionados no parágrafo anterior, procederá o reintegro por parte da persoa beneficiaria do compoñente de axuda en forma de garantía e/ou da axuda pagada en concepto de subsidiación de gastos financeiros, xunto cos xuros de mora correspondentes. Para a axuda en forma de garantía os xuros de mora contaranse desde a data de concesión ata a data na que se acorde a procedencia do reintegro, e para a axuda pagada en concepto de subsidiación de gastos financeiros, os xuros de mora contaranse desde o momento do pagamento da subvención ata a data na que se acorde a procedencia do reintegro.

2. O alcance do incumprimento determinarase do seguinte xeito:

a) Incumprimento total:

1º. Con carácter xeral, se o incumprimento nos destinos da operación financeira supón un importe atendible inferior ao mínimo establecido nestas bases reguladoras.

2º. Obter a axuda sen reunir as condicións requiridas nas bases reguladoras.

3º. Cando non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas.

Nos casos de incumprimento total, a persoa beneficiaria deberá reintegrar a totalidade do importe concedido en concepto de compoñente de axuda de garantía e/ou, no seu caso, da axuda pagada en concepto de subsidiación de gastos financeiros, xunto cos xuros de mora. No caso de que a axuda en concepto de subsidiación de gastos financeiros aínda non fose pagada, perderá o dereito de cobramento da totalidade da subsidiación concedida.

b) Incumprimento parcial:

Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro e/ou de perda do dereito de cobramento, segundo proceda, de xeito proporcional aos destinos da operación financeira deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados na resolución de concesión, segundo os seguintes criterios:

1º. No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base de cálculo da axuda, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados inicialmente. A persoa beneficiaria deberá reintegrar a porcentaxe incumprida do importe concedido en concepto de compoñente de axuda de garantía e/ou, no seu caso, da axuda pagada en concepto de subsidiación de gastos financeiros, xunto cos xuros de mora. No caso de que a axuda en concepto de subsidiación de gastos financeiros aínda non fose pagada, perderá o dereito de cobramento da mesma porcentaxe da subsidiación concedida.

Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % do proxecto financiado, entenderase que o dito incumprimento é total e terá os efectos previstos na alínea a) anterior.

2º. Non manter a vixencia da operación financeira reavalada durante o período inicialmente establecido na escritura ou póliza de formalización suporá o reintegro das axudas concedidas e/ou perda do dereito a cobramento da subsidiación, segundo corresponda, nos seguintes casos:

i) Cancelación total da operación financeira durante o período de vixencia do préstamo avalado afectado pola bonificación establecido nas correspondentes modalidades do Anexo I: o importe do reintegro e/ou da perda do dereito de cobramento será equivalente á diferencia entre a axuda concedida e a que correspondese se a operación financeira se tivese formalizado desde un principio cunha vixencia ata a data de cancelación total.

ii) Cancelación total da operación financeira con posterioridade ao período de vixencia do préstamo avalado afectado pola bonificación establecido nas correspondentes modalidades do anexo I: non procederá reintegro nin perda do dereito de cobramento.

3. Procederá o reintegro ou perda ao dereito de cobramento total, por parte das SGR, da compensación devindicada ao seu favor, segundo o artigo 21 destas bases, no suposto do incumprimento das condicións impostas na resolución de concesión, nas bases reguladoras e no convenio de colaboración, respecto das características e comisións da operación de préstamo avalado.

4. O procedemento para declarar o incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009, sendo competente para a súa resolución a persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

Non obstante, nos casos de incumprimento parcial, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape, compensarase o importe a reintegrar pola persoa beneficiaria co importe a pagar polo Igape, de xeito que proceda o aboamento do importe líquido unha vez practicada a compensación a favor da persoa beneficiaria.

Contra a súa resolución caberá recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela nos dous meses seguintes á súa notificación e, potestativamente, recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape no mes seguinte á súa notificación.

5. Devolución voluntaria da subvención.

De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES83 2080 0388 2731 1000 0584 en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

6. Sen prexuízo do establecido nos números anteriores, as persoas beneficiarias, as entidades de crédito e as SGR colaboradoras sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007 e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 18. Modificación das condicións financeiras e comisións de aval en caso de incumprimento

As SGR e as entidades de crédito poderán pactar nas correspondentes pólizas e contratos de garantía que sexan de aplicación diferentes condicións ás estipuladas nestas bases, no suposto de que o Igape resolva o incumprimento de condicións da persoa beneficiaria.

Artigo 19. Control

Tanto as SGR como as entidades de crédito adheridas e as persoas beneficiarias das operacións de financiamento quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que se efectúen por parte do Igape ou polos órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións financeiras acollidas a estas bases.

Artigo 20. Sinatura do convenio das SGR colaboradoras e adhesión de entidades de crédito

1. O Igape convidará a subscribir o convenio no cal se regulen os compromisos das partes ás SGR que tramiten operacións de aval a empresas en Galicia, e á adhesión ao mesmo a todas aquelas entidades de crédito que, tendo acreditada unha presenza significativa en Galicia, así como a súa solvencia (a solvencia entenderase acreditada se prestaron servizos financeiros para o financiamento das pequenas e medianas empresas durante os últimos tres anos e se comprometen a desenvolver os procedementos necesarios para o bo fin da tramitación das operacións, por todos os medios dispoñibles, humanos e técnicos, para facilitarlle o acceso a esta liña de financiamento), colaborasen co Igape nos seus programas de subsidiación de gastos financeiros de préstamos e créditos e noutros de apoio ao acceso ao financiamento. Así mesmo, poderán instar a súa adhesión todas aquelas entidades de crédito que, demostrando unha implantación significativa en Galicia, estean acreditadas polo Banco de España e dispoñan dos medios técnicos adecuados para asegurar a correcta tramitación dos expedientes conforme ao establecido no convenio asinado para o efecto, nestas bases e nos seus anexos. Tamén se poderán adherir, nas mesmas condicións que as entidades de crédito, as entidades cuxa actividade consista na concesión de préstamos garantidos por SGR, que sexan financiados mediante a subscrición de bonos emitidos por fondos de titulación. Estas últimas entidades serán consideradas entidades de crédito, aos efectos destas bases reguladoras.

As ditas entidades xustificarán mediante declaración responsable o cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade colaboradora no artigo 10 da Lei 9/2007, asumindo as obrigas do artigo 12 do citado texto legal.

2. A subscrición do convenio por parte das SGR formalizarase mediante a súa sinatura. A adhesión por parte das entidades de crédito ao mesmo formalizaranse mediante a sinatura, por apoderado con facultades bastantes, da declaración que se xunta como anexo VI a estas bases, que se deberá presentar a través do enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, código de procedemento PE001. O Igape publicará a relación de entidades adheridas ao convenio no Diario Oficial de Galicia.

3. As entidades asinantes e adheridas ao convenio relaciónanse no anexo VII a estas bases, podendo limitarse a adhesión a algunha das liñas de financiamento recollidas no anexo I, en cuxo caso recollerase expresamente.

Artigo 21. Compensación á SGR

O Igape aboará ás SGR colaboradoras neste programa un importe de 500 € por cada expediente tramitado e resolto favorablemente, cando a contía da axuda sexa igual ou inferior a 30.000 €, e de 600 € cando a contía da axuda concedida supere o dito límite. O convenio que para tal efecto se subscriba regulará o procedemento de liquidación desta achega.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, e o disposto no Decreto 11/2009; no Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e nos Decretos 132/1995, do 10 de maio, e 302/1999, do 17 novembro, que o modifican, ou na normativa que os substitúan; no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro); no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño), no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), ou nas normas que os modifiquen ou substitúan; e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, estarase ao disposto no artigo 30 da Lei 39/2015.

ANEXO I

Modalidades de liñas de financiamento

I.1. Préstamos avalados para o crecemento das pemes (Reaval Crecemento).

A) Obxecto.

Favorecer o acceso a préstamos a longo prazo para financiar investimentos produtivos e/ou circulante estrutural por parte das pemes galegas.

B) Modalidade da axuda.

O Igape bonificará o tipo de xuro que aplique a entidade de crédito adherida e a comisión do aval da SGR.

Así mesmo, o Igape poderá reavalar ata un máximo do 25 % do risco asumido polas SGR como primeiras avalistas, nos termos do Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e nos Decretos 132/1995, do 10 de maio, e 302/1999, do 17 novembro, que o modifican, nos préstamos concedidos polas entidades de crédito adheridas.

C) Requisitos específicos da persoa beneficiaria.

Ademais de cumprir os requisitos establecidos no artigo 2, para ser persoa beneficiaria desta liña de financiamento, a titular deberá formalizar ou ter formalizado un préstamo a longo prazo a avalar, que será aplicado do seguinte xeito:

C.1) Un mínimo do 40 % do seu principal será aplicado a financiar investimentos produtivos e/ou capital corrente.

i. Enténdese por investimentos produtivos a adquisición e/ou construción dos seguintes elementos:

i.a) Bens tanxibles cuxo uso previsto pola persoa beneficiaria sexa a produción ou subministro de bens ou servizos, ou ben para fins administrativos: Terreos e bens naturais, construcións, instalacións técnicas, maquinaria, utillaxe, outras instalacións, mobiliario, equipos para proceso de información e elementos de transporte, así como outro inmobilizado material necesario para o desenvolvemento da actividade.

Exclúense:

– Os investimentos inmobiliarios, entendendo como tales os activos inmobles que se adquiran para obter rendas, plusvalías ou ambas.

– Investimentos financeiros.

i.b) Bens intanxibles como investigación, desenvolvemento, concesións administrativas, propiedade industrial ou intelectual, dereitos de traspaso, e aplicacións informáticas.

ii. Enténdese por capital corrente o pagamento dos seguintes conceptos de gasto: compras de materias primas, outros aprovisionamentos e mercadorías, gastos de persoal (soldos e salarios, indemnizacións, seguridade social e outros gastos sociais), impostos, arrendamentos e canons, reparacións e conservación, servizos de profesionais independentes, transportes, primas de seguros, publicidade, propaganda e relacións públicas, subministracións e outros servizos relacionados coa actividade. Exclúese do capital corrente a construción de edificacións por parte de empresas dedicadas á promoción inmobiliaria.

Tamén poderán computarse dentro deste límite o pagamento da comisión do aval así como as achegas ao capital das SGR.

Os bens obxecto de investimento ou gasto deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros pola persoa beneficiaria. En caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pago aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da persoa beneficiaria antes da finalización do prazo de disposición e utilización dos fondos, debendo constar neste momento o vencemento e pago das cantidades aprazadas. Non obstante, poderán ser financiados os gastos de acondicionamento e mellora en locais en aluguer e/ou en réxime de concesión administrativa.

Os provedores e acredores non poderán estar vinculados coa persoa ou entidade solicitante nin cos seus órganos directivos ou xestores.

C.2) Un máximo do 60 % poderá ser aplicado á cancelación de débedas con entidades financeiras non avaladas pola SGR que conceda a operación, sempre e cando correspondan a algunha das seguintes modalidades:

– Pagamento de cotas de préstamos e leasing, incluíndo cotas ordinarias e amortizacións anticipadas. Non poderá aplicarse ás operacións concedidas por administracións ou entidades públicas, ou operacións con calquera tipo de aval público.

– Pagamento de saldos dispostos de pólizas de crédito, sempre que estas incrementen o seu dispoñible na contía da aplicación do préstamo a esta finalidade, e se manteñan abertas ata o seu vencemento.

C.3) Os préstamos tamén poderán destinarse á cancelación ou reestruturación de débedas bancarias avaladas pola SGR que conceda a operación. Os importes que se destinen a esta finalidade non se computarán a efectos das porcentaxes sinaladas nos apartados C.1) e C.2) anteriores, podendo aplicarse o 100 % do novo préstamo a esta finalidade.

No caso de que as operacións canceladas con este préstamo conten con subvención dos seus gastos financeiros por parte do Igape, a súa amortización total anticipada como consecuencia deste refinanciamento non suporá o reintegro da mesma.

Cando o refinanciamento se materialice sobre unha única operación avalada coas mesmas entidade de crédito e SGR avalista, en lugar de instrumentarse un novo préstamo, poderá formalizarse unha novación modificativa da operación preexistente.

C.4) Para empresas que operen no sector da transformación e/ou comercialización de produtos da pesca ou acuicultura, poderán destinarse á reestruturación de débedas bancarias sen que sexan de aplicación as porcentaxes sinaladas nos apartados C.1) e C.2).

D) Condicións das operacións financeiras.

D.1) Importe.

O importe do préstamo a avalar será igual ou superior a 3.000 € e igual ou inferior a 1.000.000 €.

Un mesmo titular poderá presentar varias solicitudes de axuda ao abeiro deste apartado I.1. Neste suposto acumularase o importe total do financiamento, que non poderá superar o límite de 1.000.000 € por convocatoria.

D.2) Prazo.

O prazo mínimo do préstamo a avalar será de 3 anos e non superior a 15 anos, incluída unha carencia dun máximo de 2 anos. En calquera caso, a vixencia do reaval non superará os 7 anos.

D.3) Tipo de xuro.

O tipo de xuro nominal anual para as operacións de préstamo acollidas a estas bases poderá ser fixo ou variable.

D.3.a) Tipo de xuro fixo: Será determinado no momento da concesión por parte da entidade de crédito, e será como máximo o resultado de sumar ao último IRS (Interest Rate Swap) publicado ao prazo máis próximo ao do préstamo, máis un máximo de 1,8 puntos porcentuais.

D.3.b) Tipo de xuro variable: A elección da entidade financeira, o sistema de variación poderá ser tanto por semestres naturais como por reais (en función da data de formalización da operación), e o tipo de xuro a aplicar en cada un dos períodos será o Euribor a 6 meses máis un diferencial máximo de 1,8 puntos porcentuais.

D.4) Subvención ao tipo de xuro.

O Igape poderá subvencionar a fondo perdido ata un importe equivalente a 1,80 puntos porcentuais dos xuros dos 3 primeiros anos de vixencia dos préstamos concedidos ao abeiro desta modalidade, calculado de acordo co establecido no artigo 3 das bases reguladoras, sen que o importe resultante poida exceder do montante total dos xuros totais xirados pola entidade de crédito para o referido período dos 3 primeiros anos da operación.

A subvención que, se é o caso, sexa concedida será determinada no momento da concesión, e pagarase á persoa beneficiaria dunha soa vez, na conta bancaria que esta designe, unha vez que esta presente a xustificación e solicitude de cobramento conforme o artigo 11 das bases reguladoras.

D.5) Comisións.

As comisións máximas que a entidade de crédito poderá repercutir por tódolos conceptos na formalización será do 0,60 %. Para estas comisións a entidade de crédito poderá estipular un mínimo de ata 30 €. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobro da tarifa de reclamación de posicións debedoras, que a entidade bancaria poderá aplicar libremente. Non se admitirán outro tipo de comisións aínda que estivesen contempladas nos convenios bilaterais entre as SGR e as entidades bancarias.

As SGR poderán cobrar ao cliente ata o 0,50 % por tódolos conceptos na formalización, sen prexuízo da comisión de aval, para a que poderán cobrar ata o 1,25 %, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado, e da aportación ao capital social da SGR, pola que poderán cobrar ata o 4,00 % do importe do financiamento avalado. Todos estes conceptos poderán ser financiados co propio préstamo sempre que o pago se realice durante o período de disposición da operación. O cliente poderá solicitar o reembolso da participación social unha vez remate a súa relación coa SGR.

D.6) Subvención á comisión de aval.

O Igape poderá subvencionar a fondo perdido un importe equivalente a 1,25 puntos porcentuais da comisión de aval dos 3 primeiros anos de vixencia dos préstamos avalados concedidos ao abeiro desta modalidade, calculado de acordo co establecido no artigo 3 das bases reguladoras, sen que o importe resultante poida exceder do montante total da comisión de aval xirada pola SGR para o referido período dos 3 primeiros anos da operación.

A subvención que, se é o caso, sexa concedida será determinada no momento da concesión, e pagarase á persoa beneficiaria dunha soa vez, na conta bancaria que esta designe, unha vez que esta presente a xustificación e solicitude de cobramento conforme o artigo 11 das bases reguladoras.

D.7) Garantías.

A garantía a favor das entidades de crédito será o aval da SGR adherida ao convenio, polo 100 % do risco. No caso de operacións de importe superior a 150.000 €, as operacións poderán ser coavaladas por máis dunha SGR adherida. A estes efectos, todas as referencias destas bases ás operacións de aval e ás SGR descritas en singular, entenderanse realizadas en plural.

As contra garantías a favor da SGR consistirán no reaval do Igape en cobertura de ata o 25 % do risco, e como garantía adicional poderán requirir garantías persoais de terceiros. As SGR tamén poderán contar con reavais e achegas de organismos públicos e outros dependentes da Administración.

As SGR poderán tomar adicionalmente garantías reais sempre que non recaian sobre activos líquidos ou financeiros cuxa titularidade sexa da beneficiaria, nos seguintes casos:

i. En operacións cunha duración superior a 7 anos e importe superior a 50.000 €, ou

ii. En operacións por importe superior a 300.000 €.

E) Disposición e utilización.

O período de disposición e utilización dos fondos do préstamo iniciarase na data de formalización da operación e finalizará na primeira das seguintes dúas datas:

– Un ano desde a data de formalización.

– A primeira amortización.

Poderán pagarse con cargo aos fondos do préstamo gastos e investimentos comprendidos entre o 1.1.2025 e a data de finalización do período de disposición do préstamo. No caso de que o pago do gasto e/ou investimento financiable sexa afrontado antes da disposición detraendo da tesourería da empresa, o préstamo poderá ser utilizado para a reposición destes fondos.

F) Xustificación de finalidades.

A xustificación de finalidades do préstamo prevista no artigo 12 das bases, deberá presentarse no prazo de 15 días hábiles seguintes á total utilización do préstamo. Para o caso das operacións que xa se atopasen utilizadas na data de notificación da resolución de concesión, por terse formalizado previamente de acordo co previsto no artigo 9.1 das bases, o prazo de 15 días hábiles comezará o día seguinte ao da recepción da notificación. A non presentación da xustificación no prazo indicado, suporá a perda da subvención dos gastos financeiros.

Para axudas de importe superior a 30.000 €, e para aquelas que resultando de importe inferior non se acade evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da axuda, coa forma e o procedemento descrito no artigo 12, deberá achegarse a seguinte documentación dixitalizada xustificativa da aplicación do préstamo:

– Extracto da conta bancaria na que se aboase o importe do préstamo, comprensivo do período comprendido entre a primeira disposición ata a total utilización do saldo disposto para a súa aplicación ás finalidades.

– Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto pagado cos recursos procedentes do préstamo.

– Nóminas e xustificantes dos importes correspondentes a retencións e ingresos a conta do IRPF e Seguridade Social afrontados co préstamo.

– Xustificantes bancarios de pagamento de todos os gastos e investimentos pagados co préstamo.

– Certificación da entidade financeira correspondente á cancelación ou reestruturación de débedas.

I.2. Garantías ante terceiros vinculadas a operacións de tráfico ou avais técnicos (Reaval Garantías).

A) Obxecto.

Favorecer a capacidade das pemes para outorgar garantías fronte a terceiros, nalgunha das seguintes modalidades:

1. Avais financeiros para garantir obrigas derivadas de contratos de tráfico comercial, anticipos de contratos, entregas a conta para instalacións ou subministracións.

2. Avais non financeiros ante terceiros. Avais técnicos ante empresas privadas para garantir a boa execución de obras ou servizos.

3. Avais vinculados a licitacións internacionais. Avais en garantía de contratos no estranxeiro.

As liñas de financiamento acollidas a esta modalidade deberán ser novas e adicionais ás que a titular xa dispoña, excluíndose expresamente a substitución de liñas preexistentes coa mesma finalidade.

B) Modalidade da axuda.

O Igape bonificará as comisións do aval da SGR e, de ser o caso, da entidade de crédito, nos termos indicados nas seguintes alíneas desta modalidade de préstamos.

Así mesmo, o Igape poderá reavalar ata o 25 % do risco asumido polas SGR como avalistas, nos termos do Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e nos Decretos 132/1995, do 10 de maio, e 302/1999, do 17 novembro, que o modifican, nas liñas específicas de avais concedidas polas entidades de crédito adheridas ou nas liñas de avais prestados polas SGR directamente ante terceiros.

C) Requisitos específicos da persoa beneficiaria.

Ademais de cumprir os requisitos establecidos no artigo 2, para ser persoa beneficiaria desta liña de financiamento, a titular deberá formalizar un novo contrato de financiamento, polo que se estableza unha liña de avais e fianzas prestadas pola entidade de crédito ou SGR en garantía ante terceiros, vinculadas ao cumprimento de contratos, operacións de tráfico ou avais técnicos.

As liñas de crédito avaladas deberán ser especificas para algunha das modalidades sinaladas, de xeito que a entidade financeira dispoña dunha conta específica ou rexistro separado no que se recollan exclusivamente as operacións amparadas no contrato de financiamento.

D) Condicións das operacións financeiras.

D.1) Importe.

O importe da liña de financiamento a avalar será igual ou superior a 3.000 € e igual ou inferior a 1.000.000 €.

Un mesmo titular poderá presentar varias solicitudes de axuda ao abeiro deste apartado I.2., en distintas modalidades e/ou en distintas entidades de crédito. Neste suposto acumularase o importe total do financiamento, que non poderá superar o límite de 1.000.000 € por convocatoria.

D.2) Prazo.

O prazo mínimo e vixencia da liña de garantías será de 3 anos e non superior a 5 anos, sen contemplarse a posibilidade de prórroga na vixencia.

D.3) Comisións.

No caso de intervención dunha entidade de crédito, as comisións máximas que a entidade de crédito poderá repercutir por tódolos conceptos na formalización será do 0,60 %. Para estas comisións a entidade de crédito poderá estipular un mínimo de ata 30 €. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobro da tarifa de reclamación de posicións debedoras. Non obstante o anterior, adicionalmente, poderán cobrar ata o 1,25 % en concepto de comisión de aval, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado.

As SGR poderán cobrar ao cliente ata o 0,50 % por tódolos conceptos na formalización, sen prexuízo da comisión de aval, para a que poderán cobrar ata o 1,25 %, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado, e da aportación ao capital social da SGR, pola que poderán cobrar ata o 4,00 % do importe do financiamento avalado. Todos estes conceptos determinaranse e aboaranse ao inicio da operación. O cliente poderá solicitar o reembolso da participación social unha vez remate a súa relación coa SGR.

As restantes comisións vinculadas ás operacións serán as pactadas polas partes.

D.4) Subvención á comisión de aval.

O Igape poderá subvencionar a fondo perdido ata un importe equivalente a 1,25 puntos porcentuais da comisión de aval dos 3 primeiros anos de vixencia dos avais concedidos ao abeiro desta modalidade, calculado de acordo co establecido no artigo 3 das bases reguladoras, sen que o importe resultante poida exceder do montante total da comisión de aval xirada pola SGR e, no seu caso, a entidade de crédito para o referido período dos 3 primeiros anos da operación.

A subvención que, se é o caso, sexa concedida será determinada no momento da concesión, e pagarase á persoa beneficiaria dunha soa vez, na conta bancaria que esta designe, unha vez que esta presente a xustificación e solicitude de cobramento conforme o artigo 11 das bases reguladoras.

D.5) Garantías.

Os avais prestados polas SGR poderán ser a favor das entidades de crédito adheridas ao convenio, en contra garantía do risco que estas últimas asuman como primeiras avalistas, ou ben directamente a favor dun terceiro. Neste último caso, non serán de aplicación os procedementos de tramitación relacionados coas entidades de crédito colaboradoras.

A garantía a favor das entidades de crédito ou dos terceiros será o aval da SGR adherida ao convenio que, no caso de non intervención de entidade de crédito, será polo 100 % do risco. No caso de operacións de importe superior a 150.000 €, as operacións poderán ser coavaladas por máis dunha SGR adherida. A estes efectos, todas as referencias destas bases ás operacións de aval e ás SGR descritas en singular, entenderanse realizadas en plural.

As contra garantías a favor da SGR consistirán no reaval do Igape en cobertura de ata o 25 % do risco, e como garantía adicional poderán requirir garantías persoais, pero en ningún caso depósitos de activos líquidos ou financeiros que poidan detraer liquidez da empresa. As SGR tamén poderán contar con reavais e achegas de organismos públicos e outros dependentes da Administración.

D.6) Aspectos a recoller no contrato de financiamento.

Ademais do recollido no artigo 9, para os contratos de financiamento recollidos neste anexo I.2, deberá figurar que o financiamento outorgado é adicional aos riscos previamente asumidos pola entidade financeira co titular, e que non suporá a cancelación doutros contratos de financiamento preexistentes coa mesma finalidade.

E) Documentación específica a presentar xunto á xustificación.

A xustificación de finalidades prevista no artigo 12 das bases, deberá presentarse tralo transcurso das dúas primeiras anualidades de vixencia da operación financeira, e ao vencemento final da mesma, en ambos casos no prazo de 15 días hábiles desde a data respectiva.

Para axudas de importe superior a 30.000 €, e para aquelas que resultando de importe inferior non se acade evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da axuda, coa forma e o procedemento descrito no artigo 12, deberán aportar a seguinte documentación dixitalizada xustificativa da aplicación da garantía:

– Documento bancario ou da SGR que relacione as garantías ante terceiras persoas outorgadas pola entidade, vinculadas a operacións de tráfico ou avais técnicos, con indicación de datas de emisión, datas de vencemento, importes, e terceiras persoas beneficiarias.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VII

RELACIÓN DE SOCIEDADES DE GARANTÍA RECÍPROCA E ENTIDADES DE CRÉDITO ADHERIDAS

IG535A - MARCO DE APOIO AO ACCESO AO CRÉDITO DAS PEQUENAS E MEDIANAS EMPRESAS (FINANCIAMENTO IGAPE-PEMES)

Cooperativas de crédito

Bancos

Fondos de titulación

SGR