DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Luns, 13 de xaneiro de 2025 Páx. 2126

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 27 de decembro de 2024 pola que se da publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408B).

BDNS (Identif.): 807260.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias aquelas empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cumpran as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de préstamo, conforme aos requisitos que se detallan no Anexo I das bases reguladoras.

2. Para as modalidades de préstamo especificamente indicadas no Anexo I das bases reguladoras, poderán ser tamén beneficiarias as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, agrupacións de interese económico, as sociedades civís e comunidades de bens que cumpran os requisitos do anterior punto 1.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto a posta en marcha das seguintes liñas de préstamos: préstamos para investimentos estratéxicos; préstamos para a concentración de empresas; préstamos para proxectos de desenvolvemento tecnolóxico e innovación; préstamos para financiar capital circulante na industria manufactureira, enmarcados nun proceso de reestruturación de débedas, e para as empresas do sector da pesca, acuicultura, así coma a transformación e comercialización dos produtos destes sectores; préstamos para financiar a implantación de empresas galegas no exterior; préstamos para financiar a operativa da industria auxiliar naval e préstamos para financiar a operativa de centros tecnolóxicos, asociacións empresariais, fundacións e entidades que desenvolvan actividades económicas, actividades de I+D ou presten servizos de interese para o tecido empresarial galego.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 27 de decembro de 2024 pola que se da publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408B).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á partida orzamentaria 09.A1-741A-8310 e por un importe de 33.000.000 € para o ano 2025 e 17.000.000 € para o ano 2026.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computarse 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

b) O 1 de decembro de 2025, ás 14.00 horas.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2024

Patricia Villajos Grande
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica