O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do día 11 de outubro de 2024, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape ás agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, e facultar a persoa titular da Dirección Xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.
Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,
RESOLVO:
Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape ás agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia e convocalas para o exercicio 2025 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG410A).
As axudas das bases reguladoras anexas á presente convocatoria fináncianse con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Segundo. Esta convocatoria tramítase de conformidade co disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas axudas á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.
Terceiro. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computarse 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e será dun mes contado desde as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o citado prazo dun mes.
Cuarto. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes:
|
Partida orzamentaria |
2025 |
2026 |
|
09.A1.741A.7816 |
700.000 € |
1.300.000 € |
A persoa titular da Dirección Xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo da declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.
Quinto. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
O prazo de execución dos gastos subvencionables non poderá superar o 30 de setembro de 2026. As persoas beneficiarias deberán presentar unha solicitude de cobramento da subvención. O prazo para presentala rematará o 30 de setembro de 2026.
As persoas beneficiarias poderán, así mesmo, presentar solicitudes de cobramento parcial da subvención en cada anualidade do proxecto. Para o ano 2025 poderán presentar un máximo de dúas solicitudes de cobramento parcial, entre o 1 e o 31 de maio e o 1 e 30 de outubro, e para o ano 2026 poderán presentar solicitude de cobramento parcial entre o 1 e o 30 de abril, e a solicitude final ata o 30 de setembro.
De ser o caso, as solicitudes de cobramento parcial do ano 2025, comprenderán gastos executados desde a data de presentación da solicitude de axuda ata a data de solicitude de cobramento parcial; no ano 2026, a solicitude de cobramento parcial comprenderá gastos desde a anterior solicitude de cobramento parcial ata a data de solicitude de cobramento parcial do 2026; e a derradeira, gastos desde a última solicitude de cobramento parcial presentada ata a data de xustificación final.
Sexto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento da persoa beneficiaria.
Sétimo. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.
Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2024
Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica
Bases reguladoras das axudas do Igape ás agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia
O impulso das políticas de clúster durante os últimos anos vén marcado claramente pola Unión Europea e as diferentes iniciativas alí promovidas ou apoiadas, invitando os responsables das políticas económicas, a nivel nacional e rexional, a crearen marcos estratéxicos e programas concretos para fortalecer os seus clústeres e buscar a súa excelencia. O obxectivo é claro, a redución da fenda competitiva entre Europa e outros bloques económicos mundiais baseado nos clústeres world-class, que están chamados a acelerar e protagonizar o futuro económico da vella Europa. A UE deulle unha importancia crecente aos clústeres como ferramenta para mellorar as posibilidades de competir en mercados globais das empresas e considéraos importantes motores e condutores da innovación, contribuíndo á competitividade e ao desenvolvemento sostible da industria e os servizos, e potenciando o desenvolvemento económico das rexións mediante a creación de riqueza e empregos, polo que tamén contribúen á cohesión territorial.
A política económica e industrial da Consellería de Economía e Industria recolle os clústeres como un instrumento idóneo para chegar ás empresas galegas, especialmente nas accións de colaboración, por aglutinar capacidades e decisións empresariais no eido da competitividade, o crecemento e a internacionalización, e daren soporte a empresas que desenvolven actividades e procesos innovadores, con capacidade de expansión global e que reorientan as súas liñas de negocio cara a un futuro sostido e sostible.
As medidas de impulso e apoio aos clústeres galegos considéranse unha panca que contribúe a acadar mellor os obxectivos do Plan estratéxico de Galicia 22-30, eixe 3: competitividade e crecemento, prioridade de actuación 3.3: impulsar o crecemento e competitividade das pemes, a transición industrial e o emprendemento; obxectivo estratéxico 3.3.1: impulsar a creación de novas empresas, a consolidación e o crecemento das existentes, a súa internacionalización e fomentar decididamente o espírito emprendedor. Garantir o cumprimento das condicións de seguridade das instalacións no que atinxe á seguridade industrial e de equipamentos industriais e a defensa das persoas consumidoras e usuarias, protexendo a seguridade, a saúde e os seus lexítimos intereses económicos.
Tendo en conta este contexto e o protagonismo que se asigna aos clústeres, tanto na política económica galega como na Lei de política industrial de Galicia, os eixes de actuación da política de clúster están orientados a conseguir un impulso das actuacións xenéricas e de difusión xeral de contidos e iniciativas das agrupacións e na posibilidade de que poidan abordar iniciativas de fomento de maior custo. O apoio aos clústeres en Galicia enfócase coa perspectiva dunha mellora na competitividade global dos núcleos máis importantes da economía galega e, na súa consecuencia, polas súas posibilidades de difusión e exemplificación nos restantes ámbitos da actividade económica.
Estas axudas son compatibles co mercado interior a teor do artigo 107, punto 1 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, e quedan exentas da obriga de notificación, por non supoñer vantaxe económica que poida falsear a competencia afectando os intercambios comerciais entre os Estados membros, xa que están dirixidas exclusivamente ao ámbito de actividades de carácter non económico das asociacións beneficiarias, e as ditas actividades non poderán supoñer unha vantaxe económica directa e individualizada para empresas determinadas. No caso de que a asociación beneficiaria leve a cabo actividades económicas xunto a actividades propias da asociación de carácter non económico, estará obrigada a distinguir con claridade entre ambos os tipos de actividades, a separar claramente o seu financiamento e levar a contabilidade separada ou o código contable axeitado para os gastos obxecto de subvención, de xeito que non repercutan sobre as actividades económicas desta.
As axudas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A convocatoria desta liña de axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.
Artigo 1. Obxecto
As presentes bases teñen por finalidade apoiar proxectos compostos por plans de actuación que dean mellor sustento á competitividade sostible, á innovación e á cooperación empresarial en distintos ámbitos da actividade en Galicia, mediante a concesión de axudas ás entidades xurídicas xestoras de agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras galegas para a realización de actividades neses eidos.
Para tal efecto, a entidade solicitante deberá achegar unha relación descritiva e cuantificada das actuacións que conforman o seu proxecto e que levará a cabo durante todo o prazo de execución. Estas actuacións, co gallo de non supoñer unha vantaxe económica directa e individualizada para empresas determinadas, deberán enmarcarse nun ou varios dos seguintes eidos:
– Accións de divulgación, sensibilización e concienciación de traballadores e directivos das empresas en temáticas relacionadas coa dixitalización, a innovación, a sustentabilidade, a internacionalización, a hibridación intersectorial, etc.
– Actividades de difusión, foros ou seminarios sobre materias de impacto na competitividade empresarial.
– Elaboración de estudos, análises ou diagnósticos relacionados coas cadeas de valor ou as tendencias emerxentes.
– Plataformas, estudos ou sistemas de vixilancia tecnolóxica ou de mercados.
– Accións de prospección de mercados.
– Creación de bases de datos de talento, de profesionais ou de servizos especializados, ou calquera outra base de datos de interese para a agrupación.
– Accións de fomento e impulso da colaboración empresarial e sectorial.
– Desenvolvemento de mapas sectoriais, tecnolóxicos ou de capacidades, así como creación de observatorios relacionados coas tendencias e necesidades da actividade do clúster.
Non serán subvencionables as actuacións que supoñan unha axuda directa ou unha vantaxe económica manifesta para empresas concretas e individualizadas, nin aquelas que consistan nunha actividade económica da entidade solicitante, entendendo por actividade económica toda aquela pola que a entidade perciba unha retribución de mercado.
O importe máximo subvencionable para unha única entidade establécese en 400.000 € e o importe mínimo establécese en 25.000 €. Unha entidade só poderá presentar un proxecto por convocatoria, no cal incluirá todas as actuacións que se van realizar que respondan ás tipoloxías especificadas no presente artigo, para as cales solicita a subvención.
Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación
1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou dunha transferencia de crédito, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. As axudas previstas nestas bases non constitúen axuda de Estado e son compatibles co mercado interior a teor do artigo 107, apartado 1 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, e quedan exentas da obriga de notificación, por non supoñer vantaxe económica que poida falsear a competencia afectando os intercambios comerciais entre os Estados membros, xa que están dirixidas exclusivamente ao ámbito de actividades de carácter non económico das asociacións beneficiarias, e as ditas actividades non poderán supoñer unha vantaxe económica directa e individualizada para empresas determinadas.
Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas
1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere o 100 % do custo subvencionable aprobado.
2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder e pagar a axuda, requirirase da persoa solicitante unha declaración sobre calquera axuda pública ou privada recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.
Artigo 4. Persoas beneficiarias
1. As axudas contempladas nestas bases destínanse ás agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras, que se conciben como combinación no espazo xeográfico galego de empresas e centros tecnolóxicos, de investigación ou formación, públicos ou privados involucrados nun proceso colaborativo destinado a obter beneficios derivados da cooperación e cuxa actividade se organiza en torno a unha cadea de valor ou sector tecnolóxico ou a un mercado ou segmento de obxectivo, que cumpra algunha das seguintes condicións:
a) Entidades que teñan o seu domicilio social en Galicia e teñan en vigor na data da solicitude o recoñecemento como AEI (agrupación empresarial innovadora) dentro do Programa de excelencia do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo ou ben que posúan a etiqueta Gold de excelencia na xestión de clústeres expedida pola ESCA (European Secretariat for Cluster Analysis).
b) Entidades clúster que fosen beneficiarias na última convocatoria de 2022 das axudas do Igape ás agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento IG410A) ou beneficiarias na última convocatoria de 2022 das axudas do Igape ás agrupacións empresariais innovadoras emerxentes (clústeres emerxentes) na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento IG410A).
c) Entidades que sen cumprir ningunha das anteriores condicións, reúnan os seguintes requisitos:
i. Que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro que xestione a agrupación clúster.
ii. Que representen un ámbito de actividade ou unha cadea de valor cuxa facturación conxunta en Galicia supere o valor do 1 % do PIB da Comunidade Autónoma no ano 2023, que se calculará a partir da suma agregada da facturación dos CNAE que definan o ámbito de actividade ou cadea de valor en Galicia.
iii. Que colaboren e desenvolvan proxectos en cooperación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
iv. Que cando menos o 60 % dos seus asociados directos sexan empresas e, destas, que o 50 % ou máis dispoñan dun centro de traballo en Galicia.
v. Que teñan como socios directos un número de empresas que cumpra cando menos con dous dos tres seguintes requisitos, que serán acreditados con información de fontes amplamente recoñecidas de información financeira e empresarial:
1º. 30 % da facturación do ámbito de actividade englobado.
2º. 10 % das empresas do ámbito de actividade.
3º. 20 % do emprego do ámbito de actividade.
vi. Capacidade tecnolóxica e de innovación. O clúster deberá contar con centros tecnolóxicos asociados ou postos á súa disposición mediante colaboración con outras entidades. Neste último caso, só se considerarán válidos para estes efectos os acordos de colaboración con contidos específicos respecto da innovación e a tecnoloxía, e rexeitaranse os acordos con contidos de carácter xeral, de xestión ou administrativos, aínda que estean asinados con centros ou institucións tecnolóxicas.
vii. Proxección internacional. O ámbito de actividade do clúster deberá ter vocación e proxección cara a mercados internacionais pola súa propia natureza e non representar exclusivamente un negocio de proximidade ou local.
viii. Capacidade de execución de proxectos implicando aos seus asociados. O clúster deberá acreditar esta capacidade mediante memoria de actividades realizadas nos últimos 2 anos, enumerando e describindo brevemente os proxectos desenvolvidos xunto cos seus asociados ou promovendo a súa participación, tivesen ou non financiamento público. Considerarase que ten esta capacidade se acredita a execución de polo menos dous proxectos por ano.
2. Non poderán ser entidades beneficiarias aquelas que representen ou asocien a varios clústeres, como entidades Meta-clúster ou Digital Innovation Hubs.
3. Non poderán ser entidades beneficiarias as que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais ou incompatibles co mercado común.
4. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias as entidades nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).
5. Para subvencións de importe superiora 30.000 €, non poderán ser entidades beneficiarias as que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas posteriores modificacións, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
Artigo 5. Conceptos subvencionables
Poderán concederse axudas aos custos de execución das accións propostos e aprobados seguintes:
1. Custos de persoal con contrato laboral, actual ou de nova contratación, na medida na que se dedique ás actuacións propostas pola entidade clúster.
Para os efectos desta axuda considéranse custos de persoal:
Salario bruto: retribucións do persoal que teñan a consideración de concepto retributivo. Non terán esa consideración as liquidacións e indemnizacións por finalización de contrato por calquera causa, as axudas de custo nin as compensacións de transporte ou comida. As retribucións non periódicas como pagas por produtividade, beneficios ou similares, aínda que teñan a consideración de salario, só se terán en conta como gasto subvencionable se estivesen recollidas no convenio colectivo de aplicación ou en pacto particular co traballador con anterioridade á publicación destas bases, o que deberá acreditar a persoa beneficiaria.
Non se aceptarán incrementos retributivos agás os derivados da aplicación das leis, do convenio colectivo ou do cumprimento de sentenzas. Para estes efectos, a entidade solicitante deberá certificar o salario bruto anual percibido por cada traballador que vaia a imputar horas ás actuacións subvencionables, no último exercicio. No caso de contratacións novas deberán declarar as condicións nas que se fará dita contratación en canto a tipo de contrato, duración, categoría profesional, funcións e retribución total anual diferenciando salario por todos os conceptos e custo da Seguridade Social.
O persoal tamén poderá ser autónomo economicamente dependente da agrupación, conforme a Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto de traballo autónomo, e ao Real decreto 197/2009, do 23 de febreiro, polo que se desenvolve o Estatuto do traballo autónomo en materia de contrato do traballador autónomo economicamente dependente e o seu rexistro e se crea o Rexistro Estatal de Asociacións Profesionais de Traballadores.
Un traballador con contrato laboral non poderá ao mesmo tempo facturarlle á entidade clúster por ningún tipo de servizo como colaborador externo, nin directamente nin a través doutra persoa física ou xurídica interposta. Para estes efectos, a auditoría da conta xustificativa aos que se refire o artigo 17.6 destas bases reguladoras deberá conter unha mención expresa sobre este aspecto.
A retribución anual máxima subvencionable para calquera persoa asignada ao proxecto non poderá superará os 50.000 € brutos; o excedente, se é o caso, non será considerado na imputación. Para persoal de dirección xeral ou xerencia das entidades beneficiarias, o límite de imputación a esta axuda establécese no 30 % das horas dun ano laboral.
2. Os custos de colaboracións externas específicas e necesarias para a execución das actuacións.
3. Gastos indirectos da entidade: este concepto calcularase como un 10 % dos custos de persoal imputados.
4. Custos de auditoría da conta xustificativa aos que se refire o artigo 17.6 destas bases reguladoras.
5. No suposto de que o importe do IVE dos gastos subvencionables supoña un custo real soportado pola persoa beneficiaria, poderá ser considerado tamén un gasto subvencionable. Neste caso, deberase presentar un certificado relativo á situación da persoa beneficiaria con respecto ao IVE. No caso de que o réxime do IVE sexa a pro rata, o gasto subvencionable calcularase con base na pro rata definitiva do último exercicio pechado antes da concesión da axuda, sendo responsabilidade da persoa beneficiaria realizar os axustes correspondentes na liquidación das obrigas fiscais.
6. Cando o importe dos gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo no momento de publicar estas bases), a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da prestación do servizo, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que o presten. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia asinado por un experto independente.
As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos:
a) Comparabilidade: deberán referirse á mesma tipoloxía de elemento obxecto de investimento, con prestacións similares e conter conceptos análogos e comparables e co detalle suficiente para a súa comparación.
b) Non vinculación: os provedores das tres ofertas non poderán ser vinculados entre si nin coa empresa solicitante. Para estes efectos enténdese que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos apartados 2 e 3 respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.
c) Identificación do ofertante e do destinatario: deberán conter a razón social, o domicilio e o número ou código de identificación fiscal. Excepcionalmente, poderán admitirse ofertas ou orzamentos nas que se omita algún dos elementos identificativos do emisor ou do destinatario cando, ao criterio dos servizos técnicos do Igape, se considere que están clara e inequivocamente identificados o ofertante e o destinatario.
d) Data: todas as ofertas deberán mostrar unha data de emisión.
Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).
Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a solicitante non escolla a oferta de menor prezo, poderá considerase subvencionable o importe da oferta elixida cando acredite que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios técnicos adicionais ao prezo.
7. O período de execución dos gastos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria.
8. Con carácter xeral, os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e entenderase que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos puntos 2 e 3 respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014. Dado que as persoas beneficiarias serán maioritariamente asociacións empresariais, o feito de ser socio dunha asociación non lle impediría ser provedor nas actuacións subvencionadas.
Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables nos que incorrera nas súas operacións comerciais deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, no seu defecto, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas modificacións posteriores.
Artigo 6. Intensidade da axuda e criterios de avaliación e selección de proxectos
1. Con carácter xeral, a subvención será do 60 % dos custos relacionados no artigo 5.
2. A intensidade da axuda poderá incrementarse ata un máximo do 70 % nos seguintes casos:
a) Nun 5 % adicional, se a entidade participou polo menos en 2 proxectos a nivel nacional, nos últimos dous anos, resultando unha intensidade de axuda do 65 %.
b) Outro 5 % adicional, se a entidade participou polo menos en 2 proxectos a nivel europeo, nos últimos dous anos, resultando unha intensidade de axuda do 70 %.
3. Alén do anterior, en calquera caso a subvención aos custos de auditoría do punto 4 do artigo anterior será do 70 % ata un máximo de 2.500 € por cada liquidación parcial.
4. Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral, polas características da agrupación clúster:
a) Importancia do ámbito da actividade na economía galega: 20 puntos.
Estratéxicos: agroalimentación, produtos do mar e acuicultura, automoción, enerxías renovables, madeira/forestal, naval/industria marítima, pedra natural, téxtil-moda.
Emerxentes e de alto potencial: aeronáutico/aeroespacial, industria da saúde e do benestar, industrias creativas, biotecnoloxía, novos materiais, ecoindustria, TIC.
Soporte da nova industria: telecomunicacións, enerxía, loxística.
b) O número de actuacións propostas que se van realizar: 2 puntos por cada actuación ata un máximo de 10 puntos.
c) O custo medio do conxunto de actuacións propostas: outorgando 20 puntos á proposta de menor custo medio e 0 puntos á proposta de maior custo medio; a puntuación das restantes será calculada mediante a seguinte fórmula: p= 20 - 20 (x – l)/(h-l). Sendo p, os puntos outorgados, l: o menor custo medio, h: o custo medio máis elevado e x: o custo medio da proposta que se vai avaliar.
d) Fortaleza da entidade clúster: número de empresas asociadas galegas ou con centro de traballo en Galicia sobre o total de empresas do ámbito de actividade en Galicia: 1 punto por cada 10 % ata un máximo de 10 puntos.
e) Capacidade de mobilización de proxectos. Teranse en conta os proxectos promovidos ou nos cales fose participante a entidade clúster no último exercicio. Outorgarase un punto por proxecto en que só participe a entidade clúster e 2 por cada proxecto en que tamén participen empresas asociadas ata un máximo de 10 puntos.
f) Posuír a etiqueta Gold de excelencia na xestión de clúster acreditada pola ESCA (European Secretariat for Cluster Analysis) en vigor ou estar inscrita no Rexistro de AEI (agrupacións empresariais innovadoras) dentro do Programa de excelencia do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo: 20 puntos.
g) Contribución da carteira de actuacións propostas á transformación dixital, á sostibilidade, á innovación, á expansión de mercados e internacionalización ata un máximo de 10 puntos.
No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta a maior puntuación obtida nos criterios a), b), c), d), e), f) e g), por esa orde. No caso de persistir o empate, terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.
Artigo 7. Forma e lugar de presentación das solicitudes
1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, as entidades interesadas deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberán cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios.
No devandito formulario realizaranse as seguintes declaracións:
a) Que a entidade solicitante cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.
b) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.
c) Declaración das axudas concorrentes para a mesma actuación, solicitadas ou concedidas.
d) Que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
e) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
g) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entenderase que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos puntos 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.
2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude teña a representación legal da entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade da persoa solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: https://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dunha única persoa solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dunha persoa solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todas as persoas asinantes autorizan unha delas para presentar a solicitude. Este documento deberá ser asinado electronicamente por cada unha das persoas autorizantes.
Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.
As persoas solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da presentación na oficina virtual do Igape (https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual).
Artigo 8. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Memoria descritiva do proxecto que deberá conter toda a información necesaria para acreditar os requisitos e as condicións dos artigos 1 e 4 das bases reguladoras, a declaración dos gastos e a mención explícita aos criterios sinalados no artigo 6 destas bases.
b) Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.
c) Acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.
d) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 5.6 destas bases reguladoras.
e) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará mediante certificación subscrita polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, na cal afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Artigo 9. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) NIF da entidade representante.
d) Imposto de actividades económicas (IAE).
e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.
h) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
j) Documentación depositada no Rexistro Mercantil, segundo as letras b) e c) do artigo 8.1 das bases.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Artigo 11. Órganos competentes
O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención será a Área de Competitividade do Igape e a competencia para ditar a resolución, que poña fin ao procedemento na vía administrativa, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.
Os proxectos serán avaliados por un órgano avaliador formado polas persoas que ocupen os postos de subdirector/a de Desenvolvemento de Negocio e de técnicos/as responsables de programas na Área de Competitividade. Este órgano estará composto por un mínimo de tres membros e contará cun presidente e un secretario/a con voz e voto. Axustará o seu funcionamento ás disposicións sobre órganos colexiados contidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Artigo 12. Instrución dos procedementos
1. Unha vez recibidas as solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se dará por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución.
Dado o réxime de concesión en concorrencia competitiva, a ausencia de memoria técnica ou a presentación dunha memoria técnica ilexible non será emendable, e o expediente avaliarase utilizando unicamente a información achegada no formulario de solicitude.
2. As solicitudes serán avaliadas polo órgano avaliador, que elaborará unha relación ordenada de todas as solicitudes, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas, en aplicación dos criterios de avaliación e desempate establecidos no artigo 6 destas bases.
Artigo 13. Resolución, publicación e notificacións
1. A Área de Competitividade do Igape ditará a proposta de resolución con base neste procedemento a partir da relación de solicitudes puntuadas. A continuación, elevaralla á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen emitirá a resolución de concesión das subvencións, por delegación do Consello de Dirección do Igape.
2. A resolución de concesión comprenderá a identificación da entidade beneficiaria, a contía da subvención e as obrigas que corresponden á entidade beneficiaria.
3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.
4. O anuncio da publicación do texto completo da resolución definitiva no enderezo https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015.
5. O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria, transcorrido o cal, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.
6. As notificacións das resolucións e dos actos administrativos do procedemento que non sexan obxecto de publicación efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. E entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, o Igape efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 14. Réxime de recursos
As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Potestativamente, recurso previo de reposición, ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que de acordo co establecido nestas bases reguladoras se produza o acto presunto.
b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Artigo 15. Modificación da resolución
1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e admitiranse modificacións dos gastos aprobados dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, sempre e cando estes cambios non alteren o baremo ou desvirtúen o proxecto. Nomeadamente, non se admitirán modificacións que amplíen o prazo de execución do proxecto máis aló das datas límites establecidas na resolución de convocatoria nin aquelas que supoñan unha maior subvención para o proxecto.
2. A solicitude de modificación deberá presentala con anterioridade á finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión.
3. A persoa beneficiaria deberá solicitar a modificación tramitando o formulario sinalado no artigo 7 e presentando a súa instancia dirixida á Dirección Xeral do Igape. A solicitude de modificación deberá presentala cunha antelación mínima dun mes á finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia, de ser preciso, ás persoas interesadas.
Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias
Son obrigas das persoas beneficiarias:
a) Executar as actividades que fundamentan a concesión da subvención durante o prazo establecido na resolución de concesión.
b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e das condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o desfrute da concesión.
c) Colaborar co Igape na realización de análises e estudos dos clústeres e das iniciativas coherentes cos plans presentados en materia de difusión e exemplificación transversal, en beneficio do conxunto do sistema produtivo de Galicia.
d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como da documentación xustificativa da realización e do aboamento dos gastos subvencionables, coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control.
e) Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas públicas ou privadas, supere o 100 % do gasto subvencionable.
f) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape e a Xunta de Galicia segundo o establecido no anexo III a estas bases.
g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007.
h) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.
i) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007.
Artigo 17. Xustificación da subvención
1. Para o cobramento da subvención concedida, a persoa beneficiaria, dentro do prazo establecido na resolución de convocatoria, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.
2. A persoa beneficiaria deberá presentar a solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, a persoa beneficiaria deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.
4. No caso de que a solicitude de cobramento final non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá a persoa beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.
5. Xunto coa solicitude de cobramento, a persoa beneficiaria da axuda presentará a seguinte documentación:
a) Nóminas e Seguridade Social (RLC e RNT) do persoal dedicado e xustificantes bancarios do seu pagamento; modelo 111 de declaración trimestral de retencións do IRPF e anualmente, cando corresponda, deberá achegar tamén o modelo 190 de retencións e ingresos a conta do IRPF.
b) Arquivo informático en formato folla de cálculo onde conste a porcentaxe de dedicación mensual do persoal a cada actuación subvencionable e o custo imputado.
c) Facturas e xustificante de pagamento dos gastos de colaboracións externas contratadas.
d) Factura dos gastos do informe de auditor e documentación acreditativa do seu pagamento.
e) No caso de que o IVE sexa concepto subvencionable, deberá achegar declaración responsable específica sobre a aplicación do IVE ao gasto de que se trate e o modelo 390 do último exercicio pechado.
f) Memoria de actividades do período aprobados na concesión da subvención.
g) Calquera soporte dos establecidos no anexo III das bases onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público.
h) As tres ofertas que deba ter solicitado a persoa beneficiaria, de acordo co establecido no artigo 5.6 das bases reguladoras, no caso de non achegalas coa solicitude de axuda.
6. A conta xustificativa virá acompañada dun informe dun auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas dependente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas. Incorporará, ademais:
i) Memoria de actuacións xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.
ii) Memoria económica abreviada que deberá acreditar o disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007 e conterá un estado representativo dos gastos en que se incorreu na realización das actividades subvencionadas, debidamente agrupados, e, se for o caso, as cantidades inicialmente orzadas e as desviacións producidas. Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e, se é o caso, data de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue segundo un orzamento, indicaranse as desviacións producidas. Mención expresa a que o persoal dedicado con contrato laboral non factura ao mesmo tempo á entidade clúster por ningún tipo de servizo como colaborador externo, nin directamente nin a través doutra persoa física ou xurídica interposta, segundo o establecido no artigo 5.
7. A persoa beneficiaria deberá presentar a documentación xustificativa obrigatoriamente por vía electrónica. A persoa beneficiaria responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
8. En todos os casos, as persoas beneficiarias deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que a persoa beneficiaria se opoña á consulta ou non preste o consentimento expreso, deberá achegar as certificacións xunto co resto da documentación xustificativa.
9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, total ou parcial, das cantidades previamente aboadas.
Artigo 18. Aboamento das axudas
1. O aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento das accións e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.
2. As persoas beneficiarias da axuda poderán solicitar solicitudes de cobramento parciais, de acordo co establecido no seguinte artigo 19.
3. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que a persoa beneficiaria os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.
Artigo 19. Pagamentos a conta
1. As entidades beneficiarias poderán presentar en cada anualidade ata dúas solicitudes de cobramento parciais polos gastos realizados no período anterior, conforme ao detalle establecido na convocatoria, achegando a documentación xustificativa correspondente ao dito período, de acordo co establecido no artigo 17.5 destas bases.
2. Neste suposto exímese aos beneficiarios da obriga de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009.
3. O importe conxunto dos pagamentos a conta non poderá ser superior ao 80 % da subvención total concedida, nin excederá da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.
Artigo 20. Perda do dereito á subvención e reintegro
1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, de concorrencia das causas establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007 ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.
2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.
3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:
a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.
b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e das condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.
c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así coma calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
d) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.
e) Cando, como consecuencia de incumprimento parcial, o investimento subvencionable sexa inferior ao 50 % do concedido.
f) A percepción doutras subvencións públicas, incompatibles coa totalidade da subvención prevista nestas bases suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro, do 100 % da subvención concedida.
g) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.
h) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso.
i) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no anexo III destas bases.
4. Perda parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou as condicións esenciais tomadas en conta na concesión da axuda, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:
a) No caso de condicións referentes á contía ou aos conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. En particular, unha execución por baixo do 50 % da base subvencionable aprobada considerarase un incumprimento total.
b) Non colaborar nos estudos e informes solicitados polo Igape segundo a obriga establecida nos artigos 1 e 16.c) destas bases suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro dun 10 % da subvención concedida.
c) Non desenvolver os proxectos a que se refire o artigo 1 destas bases suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro dun 10 % da subvención concedida.
5. Devolución voluntaria da subvención
De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES83 2080 0388 2731 1000 0584 en concepto de devolución voluntaria da subvención.
En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e a denominación da subvención concedida.
Artigo 21. Réxime sancionador
Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.
Artigo 22. Fiscalización e control
As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.
Artigo 23. Comprobación de subvencións
1. O Igape comprobará a xustificación adecuada da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gasto será de 4 anos desde a súa presentación.
2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007 e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.
Artigo 24. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 25. Remisión normativa
Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto:
a) Na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) No Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) No Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
e) No Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño).
f) Na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
g) No Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos) e Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade no ámbito da Administración electrónica.
h) Na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
i) No resto da normativa que resulte de aplicación.

