DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Luns, 13 de xaneiro de 2025 Páx. 1766

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 11 de decembro de 2024 pola que se da publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para atracción de empresas a Galicia para o ano 2025, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408H).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do 11 de novembro de 2024, acordou, por unanimidade dos membros asistentes, aprobar as bases reguladoras das axudas para a atracción de empresas a Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 e facultou a persoa titular da Dirección Xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas para a atracción de empresas a Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e convocar as ditas axudas para o ano 2025 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408H).

As axudas da presente convocatoria están cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 60 %, computando como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible das persoas beneficiarias polo 40 % restante. En particular:

Obxectivo político 1. Unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións.

Prioridade 1A: Transición dixital e intelixente.

Obxectivo específico 1.3. O reforzo do crecemento sustentable e a competitividade das pemes e a creación de emprego nestas, tamén mediante investimentos produtivos.

Liña de actuación 1.3.01. Apoio financeiro a proxectos de investimento empresarial, especialmente das pemes, para promover o crecemento sustentable, a competitividade e a creación e o mantemento do emprego.

Ámbito de intervención 021. Desenvolvemento empresarial e internacionalización das pemes, incluídos os investimentos produtivos.

Os indicadores correspondentes a estas axudas son os seguintes:

a) Indicadores de realización:

RCO01-Empresas apoiadas.

RCO02-Empresas apoiadas a través de subvencións.

b) Indicador de resultado:

RCR02-Investimentos privados que acompañan o apoio público.

Segundo. Esta convocatoria tramítase de conformidade co disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas axudas á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Terceiro. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computarse 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará o 30 de setembro de 2025 ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.

Cuarto. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias e polos seguintes importes e distribución plurianual:

Partida orzamentaria

Ano 2025

Ano 2026

Ano 2027

Ano 2028

09.A1.741A.7700

100.000 €

3.900.000 €

4.000.000 €

4.000.000 €

A persoa titular da Dirección Xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo da declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento:

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses desde a data de presentación de solicitude de axuda. Transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo.

O prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 31 de marzo de 2028.

A persoa beneficiaria deberá presentar a xustificación e solicitude de cobramento da axuda dentro do prazo dun mes a partir da data de fin de execución do proxecto fixada na resolución de concesión. Para estes efectos:

– Imputaranse á anualidade 2025 os gastos dos proxectos cuxo prazo de execución, de xustificación e de solicitude de cobramento remate ata o 30 de novembro de 2025. Os gastos executados a partir do 1 de decembro de 2025 poderán imputarse con cargo á xustificación da anualidade 2026.

– Imputaranse á anualidade 2026 os gastos dos proxectos cuxo prazo de execución, de xustificación e de solicitude de cobramento remate ata o 30 de setembro de 2026. Os gastos executados a partir do 1 de outubro de 2026 poderán imputarse con cargo á xustificación da anualidade 2027.

– Imputaranse á anualidade 2027 os gastos dos proxectos cuxo prazo de execución, de xustificación e de solicitude de cobramento remate ata o 30 de setembro de 2027. Os gastos executados a partir do 1 de outubro de 2027 poderán imputarse con cargo á xustificación da anualidade 2028.

– Imputaranse á anualidade 2028 os gastos dos proxectos cuxo prazo de execución, de xustificación e de solicitude de cobramento remate ata o 31 de marzo de 2028.

Sexto. Unha vez pechada a convocatoria, abrirase un rexistro de presolicitudes que permanecerá aberto ata a apertura da seguinte convocatoria. As solicitudes de inscrición neste rexistro deberán conter todos os datos relativos ao proxecto de investimento e non poderán ser modificadas, excepto actualización de importes.

Unha vez aberta a seguinte convocatoria, para as solicitudes que opten entón á concesión das axudas, terase en conta a data de presentación da presolicitude no rexistro en relación exclusivamente para o efecto incentivador e sempre que se trate do mesmo proxecto. A inscrición no rexistro de presolicitudes non dará lugar a ningunha outra preferencia nin vantaxe na valoración da posterior solicitude.

Sétimo. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de catos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario.

Oitavo. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2024

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO

Bases reguladoras das axudas para atracción de empresas a Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027

O Igape, no cumprimento das súas funcións, desempeña un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúen a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da comunidade galega.

O obxecto das axudas reguladas nestas bases é o de estimular a posta en marcha de grandes proxectos de investimento empresarial en Galicia, coa finalidade principal de potenciar a actividade económica na Comunidade Autónoma e o mantemento e creación de emprego, así como atraer novas iniciativas empresariais a Galicia, por crecemento ou traslado, sen renunciar ao crecemento e mellora das empresas existentes nin á creación e posta en marcha de novas iniciativas empresariais.

Esta liña de axudas, que ten como obxectivo estimular e atraer o investimento empresarial privado a Galicia, está aliñada co Plan estratéxico de Galicia 22-30, eixe 3: Competitividade e crecemento, prioridade de actuación 3.3: Impulsar o crecemento e competitividade das pemes, a transición industrial e o emprendemento, obxectivo estratéxico 3.3.3: Atraer investimento produtivo e fomentar e facilitar a internacionalización das empresas galegas, en especial as pemes. Así mesmo, alíñase co reto 2: Modelo industrial baseado na competitividade e no coñecemento da Estratexia de especialización intelixente de Galicia RIS3 21-27.

Os apoios diríxense ás pequenas e medianas empresas pola súa función decisiva na creación de emprego e por constituír un factor de estabilidade social e de desenvolvemento económico, así como polas especiais dificultades para acceder ao capital e ao financiamento.

Por outra banda, respectando a horizontalidade, as axudas inclúen todos os sectores de actividade, agás os que non poden ser apoiados segundo o Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado CE, no que se amparan as axudas.

Segundo o establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, exclúese o réxime de concorrencia competitiva no procedemento de concesión das axudas. As subvencións outorgaranse a aqueles solicitantes que cumpran os requisitos establecidos nestas bases ata o esgotamento dos créditos habilitados o que, de ser o caso, se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Xustifícase a excepcionalidade por canto nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial de promover calquera gran proxecto de investimento empresarial que, cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases, se poidan levar adiante en Galicia. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables e, se é o caso, financiables, poidan ser atendidos en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de xeito continuo.

A estas bases reguladoras resúltalles de aplicación o principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» (DNSH, polas súas siglas en inglés); isto é, que ningunha das actuacións promovidas nestas bases incide negativamente en ningún dos seis obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852: mitigación ao cambio climático, adaptación ao cambio climático, uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariño, economía circular, prevención e control da contaminación e protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas.

En aplicación do disposto na Lei 18/2022, de creación e crecemento de empresas, que modifica o artigo 13 da Lei 38/2003, xeral de subvencións, nestas bases incorpórase a obriga para as empresas de cumprir os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para poder ser beneficiarias de subvencións de importe superior a 30.000 euros.

Artigo 1. Obxecto, modalidades e tipoloxías de proxectos obxecto de apoio

1. Constitúe o obxecto das presentes bases reguladoras a concesión de axudas para o financiamento de proxectos de investimento empresarial das seguintes modalidades:

I.1. Proxectos de investimento empresarial cun investimento subvencionable entre 800.000 € e 10.000.000 €.

I.2. Proxectos de investimento igual ou superior a 100.000 €, cunha creación de emprego de 25 ou máis postos de traballo de carácter indefinido a tempo completo.

No anexo I ás presentes bases desenvólvense, nun cadro de especificacións, os requisitos, condicións e características de cada unha destas modalidades.

2. Tipoloxías e dimensión dos proxectos obxecto de apoio.

Os proxectos de investimento obxecto de apoio deberán responder a algunha das tipoloxías de proxecto subvencionables establecidas na letra A das especificacións xerais para ambas as modalidades do anexo I.

No caso de que o investimento subvencionable dunha solicitude da liña I.1 supere o límite máximo fixado na epígrafe 1.A) do anexo I, para os efectos da concesión, axustarase o investimento subvencionable a esa contía máxima.

As pemes interesadas só poderán presentar unha única solicitude de axuda nesta convocatoria. De presentárense máis dunha, arquivaranse automaticamente as rexistradas despois da primeira agás desistencia expresa das outras por parte da persoa solicitante.

Unha vez presentadas, as solicitudes non poderán modificarse.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

3. As axudas previstas nestas bases incardínanse nos artigos 14 e 17 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior (DOUE L 187, do 26 de xuño).

4. A presente convocatoria é cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 60 %, computando como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 40 % restante. En particular:

Obxectivo político 1: Unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións.

Obxectivo específico 1.3: O reforzo do crecemento sustentable e a competitividade das pemes e a creación de emprego nestas, tamén mediante investimentos produtivos.

Liña de actuación 1.3.01: Apoio financeiro a proxectos de investimento empresarial, especialmente das pemes, para promover o crecemento sustentable, a competitividade e a creación e o mantemento do emprego.

Ámbito de intervención 021: Desenvolvemento empresarial e internacionalización das pemes, incluídos os investimentos produtivos.

Os indicadores do programa Galicia Feder 2021-2027 correspondentes a estas axudas son os seguintes:

a) Indicadores de realización:

RCO01-Empresas apoiadas.

RCO02-Empresas apoiadas a través de subvencións.

b) Indicador de resultado:

RCR02-Investimentos privados que acompañan o apoio público.

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para os mesmos investimentos ou empregos (custos salariais) subvencionados.

2. A obtención doutras axudas ou subvencións para o mesmo proxecto deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa das accións realizadas. Antes de conceder e pagar a axuda, deberá constar no expediente unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) que proxecten levar a cabo un investimento nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do regulado nas presentes bases.

2. Para os efectos das presentes bases, consideraranse pemes as empresas que, á data da solicitude, respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 e con forma xurídica de sociedade mercantil.

3. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:

a) As empresas que propoñan un proxecto para unha actividade pertencente a un sector excluído segundo o disposto no artigo 5.2 das presentes bases.

b) As empresas que sexan prestadoras dos mesmos ou similares servizos ou subministradoras dos mesmos ou similares equipamentos para os que solicitan a axuda.

c) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

d) As empresas en crise, de acordo coa definición establecida na punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

e) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

f) Para subvencións de importe superior a 30.000 euros, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas posteriores modificacións, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

4. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no punto 18 do artigo 2, do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Artigo 5. Actividades subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos proxectados ou o emprego a crear para o desenvolvemento de calquera actividade económica, agás as excluídas nos seguintes puntos.

2. De acordo coa norma que dá cobertura ás presentes bases, o Regulamento xeral de exención por categorías (Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión), exclúense as seguintes actividades:

a) A produción e comercialización agrícola primaria.

b) As recollidas no ámbito de aplicación do Regulamento (UE) nº 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, se modifican os regulamentos (CE) nº 1184/2006 e (CE) nº 1224/2009 do Consello e se derroga o regulamento (CE) nº 104/2000 do Consello.

3. Exclúense, tamén, as seguintes actividades:

a) Produción e distribución de enerxía e infraestruturas enerxéticas.

b) A fabricación, a transformación e a comercialización de tabaco e produtos do tabaco.

c) A produción, a transformación, o transporte, a distribución, o almacenamento ou a combustión de combustibles fósiles.

4. Tampouco poderán concederse axudas ao abeiro destas bases para financiar os seguintes tipos de investimento, segundo o disposto no artigo 7 do Regulamento (UE) nº 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, relativo ao Feder e ao Fondo de Cohesión e no Acordo de Asociación para o OE 1.3:

– A construción de centros que presten servizos de formación.

– Infraestruturas residenciais para colectivos en risco de institucionalización.

– A clausura ou a construción de centrais nucleares.

– Investimentos destinados a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro.

– Infraestruturas aeroportuarias.

– Investimentos en eliminación de refugallos en entulleiras.

– investimentos en aumentar a capacidade das instalacións para o tratamento de refugallos residuais, coa excepción de investimentos en tecnoloxías para recuperar materiais de refugallos residuais con fins de economía circular.

5. En aplicación do artigo 66 do Regulamento (UE) nº 2021/1060, non serán subvencionables os gastos de apoio á relocalición.

Artigo 6. Investimento subvencionable

1. Serán subvencionables os investimentos en activos fixos, materiais ou inmateriais, ou alternativamente, os custos salariais do emprego que se vai crear, que estean vinculados ao proxecto para o que se solicita a axuda, e que se materialicen nos conceptos e cos requisitos que se relacionan na epígrafe 1.B) do anexo I, cadro de especificacións.

2. Os activos adquiridos deberán ser novos, excepto para a adquisición de construcións ou inmobles nos casos e cos requisitos en que así se prevexa expresamente na epígrafe 1.B) do cadro de especificacións do anexo I, ou para a adquisición de activos dun establecemento coas condicións seguintes:

A adquisición de activos pertencentes a un establecemento que pechou ou que pecharía se non se adquirira será subvencionable sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) que os activos sexan adquiridos a un terceiro non relacionado co comprador;

b) que conste unha declaración do vendedor sobre a orixe dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención ou axuda pública, e

c) que o prezo non sexa superior ao valor de mercado de referencia nin ao custo dos bens novos similares, estes aspectos acreditaranse mediante certificación de taxador independente.

Cando se adquiran os activos dun establecemento nestas condicións non será preciso achegar as tres ofertas exixidas no punto 5 do artigo 7 destas bases.

Cando un membro da familia do/da propietario/a inicial ou un/unha empregado/a se faga cargo dunha pequena empresa para continuar coa actividade, non se aplicará a condición de que os activos deban ser adquiridos a terceiros non relacionados co comprador. A mera adquisición das accións dunha empresa non constituirá un investimento.

3. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria, admitíndose, como excepción e de xeito expreso, a obra civil en terreos sobre os que exista un dereito de superficie ou unha concesión administrativa e/ou as reformas de instalacións en inmobles alugados nos casos en que así se prevexa na epígrafe 1.B) do cadro de especificacións do anexo I. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes deberán pasar a ser de propiedade plena da persoa beneficiaria antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

4. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a terceiros.

5. Con carácter xeral, os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do Decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3 respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

6. Quedan excluídos dos investimentos subvencionables:

a) Os investimentos de reposición ou mera substitución de elementos, salvo que a nova adquisición corresponda a elementos distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía usada ou polo seu incremento de rendemento manifesto, que estean vinculados coa tipoloxía do proxecto subvencionable.

b) Os custos de traslado de bens equipamento que xa sexan propiedade da empresa.

c) Os custos de adaptacións á normativa vixente, salvo as directamente relacionadas cos elementos obxecto de investimento.

d) A adquisición das instalacións en que a solicitante viña desenvolvendo a súa actividade en réxime de alugamento ou dereito de uso de calquera tipo.

e) Os custos de demolición de edificios ou estruturas xa existentes illados, que non estean incluídos dentro dun proxecto de reforma ou rehabilitación.

Artigo 7. Condicións dos proxectos

1. Os proxectos deberán ter un investimento mínimo subvencionable de 800.000 € e máximo de 10.000.000 € para os proxectos da modalidade I.1, e mínimo de 100.000 € coa creación de, polo menos, 25 novos empregos de carácter indefinido e a tempo completo para a modalidade I.2, recollidas no anexo I a estas bases. En ningún caso se considerará o IVE como concepto subvencionable.

2. A persoa beneficiaria deberá realizar unha achega financeira mínima do 25 % dos custos subvencionables, mediante os seus propios recursos ou mediante financiamento externo, exenta de calquera tipo de axuda pública.

Non se consideran exentos de apoio público, entre outros, os préstamos bonificados, os préstamos de valores ou capital públicos, as participacións públicas que non cumpran o principio de investidor nunha economía de mercado, as garantías estatais que conteñan elementos de axuda ou o apoio público outorgado dentro do ámbito da norma de minimis.

3. A axuda solicitada debe supoñer un efecto incentivador para o proxecto presentado. Existe efecto incentivador cando a axuda cambia o comportamento da empresa de modo que esta non emprendería o proxecto obxecto de solicitude sen a axuda, ou que só a emprendería dunha maneira limitada ou diferente. A axuda non debe subvencionar os custos dunha actuación en que a empresa incorrería en calquera caso.

Para tal efecto, antes de iniciar o proxecto, a persoa solicitante deberá ter presentado a solicitude da axuda. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto será considerado non subvencionable, de acordo coa exixencia de efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión.

Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda. Neste sentido, considérase que existe compromiso en firme no caso da existencia dun contrato ou oferta asinado entre as partes, ou da existencia dun pedido, para calquera dos elementos subvencionables.

Para estes efectos, determinados traballos preparatorios, como a obtención de permisos ou a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

4. O período de execución dos investimentos subvencionables ou, de ser o caso, da creación de emprego, denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata a data de remate do prazo establecido na resolución de concesión. Con carácter xeral, rematará dentro dos 24 meses seguintes á data de notificación da resolución de concesión, sen que poida exceder a data establecida para o efecto na resolución de convocatoria. Calquera investimento realizado ou emprego creado fóra deste período non será subvencionable.

5. Cando o importe dos gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición dun ben e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra, no momento de publicar estas bases) a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á prestación do servizo ou da adquisición do ben ou á contratación da execución da obra, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que os presten ou subministren ou que as realicen. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia asinado por un experto independente.

As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Comparabilidade: deberán referise á mesma tipoloxía de elemento obxecto de investimento, con prestacións similares e conter conceptos análogos e comparables e co detalle suficiente para a súa comparación.

b) Non vinculación: os provedores das tres ofertas non poderán ser vinculados entre si nin coa empresa solicitante. Para estes efectos, enténdese que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos puntos 2 e 3 respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

c) Identificación do ofertante e do destinatario: deberán conter a razón social, o domicilio e o número ou código de identificación fiscal. Excepcionalmente, poderán admitirse ofertas ou orzamentos en que se omita algún dos elementos identificativos do emisor ou do destinatario cando, ao criterio dos servizos técnicos do Igape, se considere que están clara e inequivocamente identificados o ofertante e o destinatario.

d) Data: todas as ofertas deberán mostrar unha data de emisión.

Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a persoa solicitante non escolla a oferta de menor prezo, considerarase subvencionable o importe da oferta elixida, logo da sucinta motivación de que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios técnicos adicionais ao prezo.

No caso de adquisicións de edificacións ou construcións novas ou usadas, non será preciso achegar as tres ofertas, deberá acompañarse un informe de taxación subscrito por sociedade de taxación homologada. Exceptúase tamén deste requisito a adquisición de activos dun establecemento regulada no artigo 6.2 destas bases.

6. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

7. Todos os elementos do investimento proxectados deberán estar vinculados e responder á tipoloxía de proxecto para a que se solicita a axuda. Non serán subvencionables os elementos non relacionados ou que non contribúan á dita tipoloxía.

8. Os proxectos non poderán estar vinculados ás actividades excluídas nas presentes bases reguladoras.

Cando un ou varios elementos integrantes do proxecto estean vencellados a mais dunha actividade da empresa e unha ou máis non fosen subvencionables, para os efectos de determinar o investimento subvencionable, considerarase exclusivamente o importe proporcional á vinculación do elemento en cuestión á actividade subvencionable para a que se propón o proxecto. Nestes casos:

a) Se o concepto de investimento é obra civil, construción ou reforma, ou adquisición de edificacións, e están claramente diferenciados os metros cadrados asignados a cada actividade, para os efectos de determinar o investimento subvencionable deste concepto aplicarase a proporción de metros cadrados correspondentes á actividade subvencionable.

b) Se o concepto de investimento é obra civil, construción ou reforma, ou adquisición de edificacións, e non están claramente diferenciados os metros cadrados ou corresponden a zonas comúns, considerarase subvencionable o importe do investimento proporcional á porcentaxe de facturación da empresa, actual ou prevista, que supoña a actividade subvencionable nese establecemento.

c) Para os restantes elementos integrantes do proxecto de uso non exclusivo para a actividade subvencionable, considerarase subvencionable o importe do investimento proporcional á porcentaxe de facturación da empresa que supoña a actividade subvencionable nese establecemento, actual ou prevista.

d) No caso de proxectos intensivos en creación de emprego (modalidade I.2 do anexo I), no caso de estar parcialmente vinculados a actividades excluídas, farase a proporción de xeito homólogo ao punto anterior.

9. Os proxectos deberán esta vinculados a un único titular. Non serán subvencionables os investimentos que vaian ser utilizados por empresas distintas á solicitante.

10. Non serán subvencionables os proxectos de investimento vinculados a un contrato de xestión de servizos públicos.

11. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables en que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas modificacións posteriores.

Artigo 8. Contía da axuda

A contía da axuda será a indicada para cada modalidade no anexo I, na letra 1.A) do cadro de especificacións.

Artigo 9. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Só poderá presentarse unha única solicitude en toda a convocatoria, debendo escoller entre a modalidade de axudas sobre investimento xerais ou axudas sobre os custos salariais do emprego asociado ao investimento.

Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberá cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios.

2. No devandito formulario, a persoa representante deberá realizar as seguintes declaracións relativas á entidade solicitante:

a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que non está suxeita a unha orde de recuperación de axudas a consecuencia dunha decisión da Comisión Europea que declarase a axuda ilegal e incompatible co mercado común.

c) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, así como a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade e a normativa ambiental exixible, en particular, a normativa reguladora da Rede Natura 2000 e demais espazos naturais protexidos e a Lei 21/2013, de avaliación ambiental, e o Real decreto lexislativo 1/2016 polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación, en caso de que resulte de aplicación polas características ou localización do proxecto.

d) Que non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

e) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda e garantir a sustentabilidade financeira do proxecto. Esta declaración acompañarase dunha memoria financeira do proxecto e un plan de negocio a 5 anos que se cubrirán no formulario electrónico de solicitude.

f) Que achegará unha contribución financeira aos investimentos, exenta de calquera tipo de axuda pública, de polo menos un 25 % dos custos, ben sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo.

O Igape realizará as comprobacións necesarias para verificar que as entidades beneficiarias dispoñen dos recursos e mecanismos financeiros necesarios para cubrir os custos de funcionamento e mantemento dos investimentos e garantir a súa sustentabilidade financeira.

g) Que cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude, con datos das contas anuais do último exercicio pechado na data da solicitude.

O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas para as que se propón a concesión da axuda teñen a condición de peme.

h) Que non iniciou os investimentos e que non existe acordo irrevogable para realizar o proxecto.

i) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

j) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante o prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que o Igape efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria.

k) Que terá unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manterá as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinadas ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante o período de 5 ou 3 anos, segundo o establecido no artigo 18.1.a) das bases reguladoras.

l) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos puntos 2 e 3 respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

m) Que cumpre o principio de non causar prexuízo significativo ao ambiente (principio Do no significant harm-DNSH), segundo o anexo IV a estas bases.

n) Que se compromete a garantir a protección fronte ao cambio climático das infraestruturas cuxa vida útil sexa, como mínimo, de cinco anos, de acordo co establecido no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) nº 2021/1060. Para iso deberá ter en conta as Orientacións técnicas sobre a defensa contra o cambio climático das infraestruturas para o período 2021-2017 (Comunicación da Comisión 2021/C 373/01, DOUE 16.9.2021) e as instrucións que desenvolva para o efecto a autoridade de xestión dos programas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2021-2027.

o) Que non se trasladou ao establecemento en que terá lugar o investimento inicial para o que se solicita a axuda nos dous anos anteriores á solicitude de axuda e que se compromete a non facelo durante un período de dous anos desde que se teña completado o investimento inicial para o que se solicita a axuda.

p) Declaración das axudas concorrentes para a mesma actuación, solicitadas ou concedidas.

3. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realizou a emenda.

4. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade da persoa solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá, necesariamente, anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento deberá estar asinado electronicamente por cada un dos autorizantes.

Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

As persoas solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da presentación na oficina virtual do Igape (https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual).

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a documentación relacionada no punto 1.C) e a específica dos puntos 2.a.i) ou 2.b.i) segundo a modalidade de proxecto, do anexo I, Cadro de especificacións.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os devanditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa presentación.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que se realizou a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Imposto de actividades económicas (IAE).

f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

i) Informes da vida laboral necesarios para a comprobación do mantemento e da creación do emprego.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

k) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.

l) Consulta da documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o punto 2 da letra C) das especificacións xerais para ambas modalidades do anexo I das bases.

m) Consulta ao Rexistro Central de Titularidades Reais (RCTIR), en aplicación do disposto no artigo 69.2 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo II) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán realizarse electronicamente accedendo a través da dirección da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Artigo 13. Órganos competentes

A competencia para a instrución do procedemento de concesión da subvención das solicitudes presentadas correspóndelle á Área de Competitividade do Igape.

A persoa titular da Dirección da Área de Competitividade é o órgano competente para resolver os arquivamento, as desistencias e as renuncias de dereitos nos expedientes obxecto de tramitación segundo estas bases e nos casos previstos na lexislación vixente, por delegación do Consello de Dirección.

A competencia para ditar a resolución que poña fin ao procedemento na vía administrativa correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Artigo 14. Instrución dos procedementos

1. As solicitudes avaliaranse por orde de entrada de solicitudes completas ata a total utilización do orzamento da convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva. Cando se produza o esgotamento do crédito, as solicitudes pendentes de avaliación resolveranse denegando a solicitude.

2. Sobre a solicitude de axuda emitirán informe os servizos do órgano instrutor do Igape en función dos datos relativos á persoa solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e no formulario e na documentación presentada. Logo do informe dos servizos técnicos, as solicitudes serán avaliadas por un comité de avaliación formado pola persoa titular da Dirección da Área de Competitividade, a persoa titular da Subdirección de Investimento e Startups e a persoa técnica responsable do programa. Así mesmo, poderase convocar o persoal dos servizos técnicos, a representantes das consellerías sectoriais, así como a persoas técnicas especializadas.

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese:

a) Se a documentación non achegada corresponde á exixida para o expediente administrativo, terase por desistida na súa petición e arquivarase o expediente, logo da correspondente resolución.

b) Se a documentación non achegada corresponde á relativa aos investimentos, detraerase ou axustarase, segundo corresponda, o importe dos investimentos afectados para os efectos da determinación do investimento subvencionable.

Non obstante o anterior, cando os contidos da solicitude sexan tan incompletos que non ofrezan unha información mínima do proxecto para o que se solicita apoio, o Igape arquivará directamente o expediente sen requirimento de emenda. Para estes efectos, considérase información mínima o anexo II de solicitude de axuda debidamente cuberto e asinado e o formulario requirido no artigo 9.1 destas bases.

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, xustificadamente, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de denegación, en que se indicarán as causas desta.

6. Cando no procedemento figuren e se teñan en conta feitos, alegacións ou probas non aducidas polo solicitante, inmediatamente antes de ditar proposta de resolución, poñerase de manifesto ás persoas interesadas para que, no prazo de dez días, poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes.

Artigo 15. Resolución e notificación

1. A Área de Competitividade do Igape ditará proposta de resolución con base neste procedemento, e elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, que resolverá a concesión das subvencións por delegación do Consello de Dirección do Igape.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, a contía da subvención indicando as obrigas que corresponden á persoa beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, con indicación do método que se aplica para determinar os custos da operación, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

Tamén incluirá a comunicación de que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das persoas beneficiarias na lista de operacións, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda, co contido previsto no punto 3 do artigo 49 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

4. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Potestativamente, recurso previo de reposición:

– Ante a persoa titular da Dirección da Área de Competitividade no caso de recursos de reposición contra as resolucións de arquivo.

– Ante a persoa titular da Dirección xeral do Igape, no caso de recursos de reposición contra as resolucións de concesión ou denegación das axudas, por delegación do Consello de Dirección do Igape. En ambos os casos, o prazo para interpoñer o recurso será dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009. Admitiranse un máximo de dúas solicitudes de modificación dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, relativas ao gasto subvencionable, á data de execución do proxecto, á localización, ao emprego, de ser o caso, e á titularidade do proxecto, sempre e cando estes cambios non alteren ou desvirtúen o proxecto. Nomeadamente, non se admitirán modificacións que supoñan unha maior subvención para o proxecto.

En canto á modificación da data de execución do proxecto, esta non poderá exceder o prazo máximo de execución establecido no punto quinto do resolvo da convocatoria.

2. A solicitude de modificación deberá ser presentada cun mes, como mínimo, de antelación á data de finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión, agás que se trate de modificación da titularidade do proxecto, para a que non operará o prazo anterior.

3. A persoa beneficiaria deberá comunicar ao Igape a modificación das condicións establecidas na resolución. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ás persoas interesadas. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas.

Artigo 18. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Son obrigas das persoas beneficiarias:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión da subvención, no prazo establecido na resolución de concesión e manter os investimentos e, se é o caso, o emprego, durante os seguintes prazos:

1º. Manter os investimentos, vinculados á actividade económica subvencionable, no centro de traballo en Galicia, durante 3 anos desde a finalización do prazo de execución do proxecto, salvo que se trate de bens inscritibles nun rexistro público, que deberán manterse durante 5 anos. O investimento subvencionado poderá ser substituído dentro deste período, no caso de obsolescencia ou avaría, sempre e cando a actividade económica da persoa beneficiaria se manteña en Galicia durante o período mencionado, non podendo ser esta substitución obxecto de subvención. No caso de reforma en inmobles arrendados ou sobre os que exista un dereito de uso, deberá manterse o arrendamento ou o uso ata transcorrido o período de 5 anos desde a data de finalización do prazo de execución do proxecto. No caso de edificación ou adquisición de inmobles en terreo alleo, deberá manterse o dereito de superficie ou a concesión administrativa durante 5 anos dende a finalización do prazo de execución do proxecto. O Igape comprobará en todos os proxectos aprobados o cumprimento desta obriga de mantemento da actividade e o investimento á finalización do período de mantemento.

2º. No caso de compromiso de creación de emprego estable os postos de traballo comprometidos deberán crearse na Comunidade Autónoma de Galicia durante o prazo de execución do proxecto e contar, á data de finalización do prazo execución do proxecto fixada na resolución de concesión (ou á data de presentación da solicitude de cobramento, se esta fose anterior), con ese incremento neto de postos de traballo indefinidos a tempo completo.

O incremento neto do número de empregados determinarase con respecto á media dos doce meses anteriores, unha vez deducidos do número de postos de traballo creados as perdas de postos de traballo que se produciron durante ese período, expresadas en unidades de traballo anuais (UTA).

Así mesmo, deberán manter o emprego acadado (o que está obrigado a manter, se é o caso, máis o de nova creación) durante os 3 anos posteriores á data límite de execución do proxecto indicada na resolución de concesión. O Igape comprobará en todos os proxectos aprobados o cumprimento desta obriga de mantemento do emprego á finalización do período de mantemento.

A axuda concedida só será definitiva se a situación inicial tida en conta para a concesión non sofre unha modificación substancial que afecte a natureza do investimento, o cesamento da actividade ou os postos de traballo. A axuda está condicionada ao cumprimento desas condicións durante o prazo de execución e, se é o caso, o prazo posterior de mantemento, e será obxecto dunha resolución de perda do dereito ao cobramento da axuda, que poderá derivar en reintegro.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa Galicia Feder 2021-2027 ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria (artigo 82 do RDC).

d) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os investimentos financiados con fondos Feder.

e) Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos concorrentes que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención.

f) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, a Xunta de Galicia e a Unión Europea, segundo o establecido no anexo V a estas bases durante o período de mantemento do investimento.

g) Comprometerse a evitar os impactos negativos significativos no ambiente na execución das actuacións, respectando o principio de «non causar prexuízo significativo» (principio Do no significant harm-DNSH), no sentido establecido no artigo 9.4 do RDC.

h) No caso de proxectos que requiran a realización de obra civil, durante a execución do proxecto, deberanse cumprir as seguintes condicións específicas:

1º. Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluíndo o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Listaxe europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532EC) xerados na execución da obra prepararanse para a súa reutilización, reciclaxe e recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE.

2º. Para a execución da actuación non se utilizará amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da listaxe de substancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2006.

3º. Acreditar a realización da análise da defensa contra o cambio climático en todas as fases do ciclo do proxecto de infraestrutura, desde a planificación inicial, de acordo co establecido no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) nº 2021/1060, tendo en conta as orientacións técnicas sobre a defensa contra o cambio climático das infraestruturas para o período 2021-2027 (Comunicación da Comisión 2021/C 373/01, DOUE 16.9.2021) e as instrucións que desenvolva para o efecto a autoridade de xestión dos programas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2021-2027.

i) Facilitar os datos do titular real dos perceptores do financiamento da Unión, no caso de que, requirida a dita información ás autoridades competentes, non poida disporse dela.

j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007.

k) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido para o proxecto.

l) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007.

Artigo 19. Xustificación da actuación subvencionable

1. Para a xustificación da actuación subvencionable que fundamenta a concesión da subvención e para a solicitude de cobramento, a persoa beneficiaria, dentro do prazo establecido na resolución de convocatoria, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

2. A persoa beneficiaria deberá presentar a xustificación e solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo III) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, a persoa beneficiaria deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.

4. No caso de que a solicitude de cobramento non se presente en prazo ou se a xustificación é incorrecta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados, no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá a beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.

5. Xunto coa solicitude de cobramento, a persoa beneficiaria da axuda presentará documentación relacionada para cada modalidade do anexo I, na letra D) do Cadro de especificacións.

O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada.

A persoa beneficiaria tamén deberá cubrir, na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación, os seguintes datos relativos á contabilidade en que se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 18.1.d): data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable da persoa beneficiaria de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

A persoa beneficiaria deberá presentar a documentación xustificativa obrigatoriamente por vía electrónica.

A persoa beneficiaria responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. En todos os casos, as persoas beneficiarias deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que a persoa beneficiaria se opoña á consulta ou non preste o consentimento expreso, deberá achegar as certificacións xunto co resto da documentación xustificativa.

7. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de resolución de perda do dereito ao cobramento da axuda que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, total ou parcial, das cantidades previamente aboadas.

8. O Igape poderá aceptar variacións nos diversos conceptos de investimento aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada concepto e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de investimento aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

Artigo 20. Aboamento das axudas

O aboamento da axuda realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto de investimento e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que a persoa beneficiaria os presentase, o Igape ditará a resolución de perda de dereito ao cobramento da axuda.

O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007 e no título IV do seu regulamento.

Artigo 21. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento, total ou parcial da subvención, no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, de concorrencia das causas establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, as auditorías do organismo de auditoría do programa Galicia Feder 2021-2027 ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria (artigo 82 do RDC).

d) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

e) Incumprir a obriga de achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de axuda pública de, polo menos, un 25 % dos custos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.

f) Cando, como consecuencia do incumprimento, o investimento subvencionable quede por debaixo do mínimo establecido para cada modalidade na letra 1.A) do cadro de especificacións do anexo I ou supere os criterios para a determinación de incumprimento parcial establecidos no punto 4 deste artigo.

g) Non acadar o mínimo de creación de emprego neto de 25 novos postos de traballo de carácter indefinido e a tempo completo exixidos na modalidade I.2 do cadro de especificacións do anexo I.

h) A percepción doutras subvencións públicas, incompatibles coa totalidade da subvención prevista nestas bases, suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro, do 100 % da subvención concedida.

i) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

j) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no anexo V destas bases.

4. Perda parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. En particular, unha execución por baixo do 50 % da base subvencionable aprobada considerarase un incumprimento total.

b) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Feder, suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro, dun 2 % da subvención concedida.

c) Incumprimento das condicións específicas definidas no artigo 18.1.h) destas bases, no caso de proxectos que requiran a realización de obra civil, suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro, dun 5 % da subvención concedida.

5. No período de mantemento dos investimentos e do emprego, nos casos en que se aplique o previsto no artigo 18.1.a) destas bases reguladoras, procederá a incoación dun procedemento de reintegro nos supostos e co alcance que se indica a seguir:

a) Non manter os investimentos ou os arrendamentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

b) No que se refire ao mantemento do emprego no período posterior á data de execución do proxecto, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente atendendo á media de emprego non mantido durante o período e sempre que non baixe en ningún momento da cifra de emprego de partida, máis 25 novas contratacións, o cómputo de emprego neto existente na peme.

c) Non manter a publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no anexo V destas bases, durante o período de mantemento posterior á execución suporá o reintegro dun máximo do 3 % da subvención concedida.

6. Devolución voluntaria da subvención.

De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES83 2080 0388 2731 1000 0584 en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 22. Réxime sancionador

Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.

Artigo 23. Fiscalización e control

As persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases someteranse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, as auditorías do organismo de auditoría do programa Galicia Feder 2021-2027 ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria (artigo 82 do RDC).

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx

Artigo 24. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute destes.

O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de investimento será de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que o Igape efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria, de acordo co disposto no artigo 82.1 do RDC.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2 do Decreto 11/2009.

3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007 e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

1. Respecto das axudas concedidas deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias da subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 26. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:

a) Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño).

b) Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fonde de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados (DOUE L 231, do 30 de xuño de 2021).

c) Regulamento (UE) nº 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 231, do 30 de xuño de 2021).

d) A normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

e) Orde HFP/1414/2023, do 27 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Transición Xusta para o período 2021-2027.

f) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

g) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

h) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

i) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

j) Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).

k) No resto da normativa que resulte de aplicación.

ANEXO I

Cadro de especificacións das modalidades de proxectos de investimento

1. Xerais.

A) Requisitos dos proxectos de investimento.

Serán subvencionables os investimentos en activos fixos, ou alternativamente os custos salariais dos novos contratos de carácter indefinido e a tempo completo vinculados ao investimento, cando o proxecto responda a unha das seguintes tipoloxías:

1. Creación dun novo establecemento.

2. Ampliación de capacidade dun establecemento existente.

3. Diversificación da produción dun establecemento existente en produtos que anteriormente non se producían nel.

4. Cambio fundamental no proceso global de produción do produto ou produtos afectados polo investimento no establecemento.

Na modalidade I.2 de proxectos de investimento igual ou superior a 100.000 € cunha creación de emprego de 25 ou máis postos de traballo, só serán admisibles as tipoloxías de proxecto 1 e 2.

Requisitos específicos das tipoloxías de proxecto 1, 3 e 4 anteriores:

1. Os proxectos de creación dun novo establecemento deberán responder a algunha das situacións seguintes:

Creación dun primeiro establecemento.

Creación dun novo establecemento noutra localización diferente ou por traslado con ampliación da capacidade produtiva.

2. Nos proxectos de diversificación da produción dun establecemento existente en produtos que anteriormente non se producían nel, o investimento subvencionable deberá superar o 200 % do valor neto contable dos activos que se reutilizan, de acordo cos rexistros do balance de situación das contas anuais correspondentes ao último exercicio económico pechado na data de presentación da solicitude.

3. Os proxectos de cambio fundamental no proceso global de produción suporán a implementación dunha innovación no proceso global de produción que impliquen o uso por primeira vez de métodos de organización que inclúan melloras nas rutinas e procedementos de xestión do traballo, dos sistemas de produción ou a integración de áreas funcionais da empresa.

Dimensión dos proxectos subvencionables.

Os proxectos da modalidade I.1 para os que se solicite a axuda deberán ter un importe de investimento subvencionable igual ou superior a 800.000 € e non superior a 10.000.000 €.

Os proxectos da modalidade I.2 para os que se solicite a axuda deberán ter un importe de investimento subvencionable igual ou superior a 100.000 €, cunha creación de emprego de 25 ou máis postos de traballo de carácter indefinido e a tempo completo vinculados ao investimento.

Contía da axuda.

A contía da axuda será o resultado de multiplicar o investimento subvencionable para a modalidade I.1 e os custos salariais de ata 24 meses do emprego novo a crear para a modalidade I.2 pola porcentaxe de subvención seguinte:

35 % no caso das pequenas empresas.

25 % no caso de medianas empresas.

Nos sectores industriais do carbón, aceiro e ferroaleaxes e no sector do transporte e infraestruturas conexas:

20 % no caso das pequenas empresas.

10 % no caso das medianas empresas.

B) Conceptos de investimento elixibles.

1. Obra civil e outros conceptos inmobiliarios:

a) Nova construción, reforma ou rehabilitación de instalacións levadas a cabo en inmobles ou terreos propiedade da persoa solicitante, ou sobre os que a persoa solicitante teña un dereito de superficie ou unha concesión administrativa cunha vixencia mínima de 5 anos contados desde a data de finalización do proxecto estimada pola persoa solicitante. Esta vixencia deberá ser ampliada no caso de que o prazo de execución concedido sexa superior ao solicitado.

b) Reformas de instalacións levadas a cabo en inmobles alugados. O arrendamento deberá ter una vixencia mínima de 5 anos contados desde a data de finalización do proxecto estimada pola persoa solicitante. Esta vixencia deberá ser ampliada no caso de que o prazo de execución concedido sexa superior ao solicitado.

c) Adquisición de edificacións ou construcións novas ou usadas. O prezo de adquisición non poderá superar o valor de mercado. O importe da construción que poderá considerarse subvencionable será o menor entre o importe indicado no informe de taxación e o valor de adquisición. No caso de adquisición de edificacións ou construcións usadas, ademais, estas non poderán ter sido obxecto de ningunha subvención autonómica, nacional ou comunitaria.

d) Nos casos de construcións por cambio de localización dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, o custo subvencionable máximo será o que resulte da diferenza entre o prezo de adquisición dos novos activos e o valor dos da antiga localización, segundo informe de taxación subscrito por sociedade de taxación homologada, sempre e cando as instalacións que se abandonen sexan propiedade da persoa solicitante ou dos seus socios maioritarios, directa ou indirectamente.

Se dentro do prazo de execución do proxecto ou do de mantemento dos investimentos establecidos na resolución ou acordo de concesión fosen alleadas as instalacións da antiga localización da persoa solicitante, e o importe neto da venda resulta superior ao da taxación homologada que se tivo en conta para os efectos do cálculo da subvención, deberá notificarse ao Igape tan pronto se produza a transmisión e procederase ao reaxuste do importe da subvención concedida.

A obra civil debe ser executada e facturada por terceiros. Non será subvencionable a adquisición de materiais de obra directamente pola persoa solicitante.

2. Bens de equipamento: maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, utensilios (incluídos os moldes, modelos e troqueis), equipamentos e medios de transporte interno, vehículos especiais de transporte externo, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento.

En ningún caso terán a consideración de bens de equipamento as obras necesarias para a súa instalación.

3. Outros investimentos en activos fixos: mobiliario, equipamentos para procesos de información e envases ou embalaxes que, polas súas características, deban considerarse como inmobilizado.

4. Aplicacións informáticas directamente vinculadas co proceso produtivo, que cumpran os seguintes requisitos:

Utilización exclusiva no establecemento beneficiario da axuda.

Ser amortizables.

Adquisición en condicións de mercado a terceiros non vinculados co comprador.

Deben formar parte do activo da empresa e permanecer vinculados ao proxecto subvencionado durante, polo menos, 3 anos.

5. Adquisición de activos dun establecemento.

A adquisición de activos pertencentes a un establecemento que pechou ou que pecharía se non se adquirira será subvencionable sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

– Que os activos sexan adquiridos a un terceiro non relacionado co comprador;

– Que conste unha declaración do vendedor sobre a orixe dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria, e

– Que o prezo non sexa superior ao valor de mercado de referencia nin ao custo dos bens novos similares, acreditándose estes aspectos mediante informe de taxación, subscrito por sociedade de taxación homologada para os inmobles e informe técnico de persoa independente e experta na materia para os bens de equipamento e outros activos.

Cando un membro da familia do/a propietario/a inicial ou un/unha empregado/a se faga cargo dunha pequena empresa para continuar coa actividade, non se aplicará a condición de que os activos deban ser adquiridos a terceiros non relacionados co comprador. A mera adquisición das accións dunha empresa non constituirá un investimento.

Os proxectos non poderán consistir exclusivamente en obra civil e conceptos inmobiliarios, deben de incluír obrigatoriamente investimento nalgún outro concepto subvencionable de entre os descritos nos puntos 2, 3 e 4 deste mesmo artigo.

En calquera caso, non se considerarán subvencionables bens suntuarios ou que teñan un custo moi superior a outros similares que cumpran a mesma funcionalidade.

C) Documentación do expediente administrativo común a ambas as modalidades de proxecto para presentar xunto coa solicitude de subvención.

1. Certificado de situación censual expedido pola AEAT e/ou, no caso de novas actividades ou novos establecementos, compromiso de alta no IAE dentro do período de execución do proxecto.

2. Documentación xurídica da personalidade da persoa solicitante:

Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

No caso de sociedades inscritas no Rexistro Mercantil, poderá solicitarse, motivadamente, algunha ou algunhas das escrituras referidas no parágrafo anterior cando a información obtida do Rexistro Mercantil non resulte suficiente para concluír sobre a personalidade da sociedade ou da súa representación.

3. No caso de entidades obrigadas a formular e aprobar contas anuais, contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado para o que se cumpriu o prazo de aprobación legalmente establecido, ou de depósito, no caso de obriga de depósito no Rexistro Mercantil, xunto co informe de auditoría no caso de que a empresa estea obrigada a someter as súas contas a auditoría. Así mesmo, no caso de que a solicitante estea integrada nun grupo de sociedades que consolide contas, achegará as contas anuais consolidadas. Achegaranse, igualmente, as contas anuais de todas as entidades que deban ser tidas en conta para os efectos de determinar a consideración ou non de peme da entidade solicitante, salvo que estas estean integradas nas contas consolidadas que, se é o caso, fosen presentadas.

4. En relación coa declaración doutras axudas para o mesmo proxecto, cando teña axudas concedidas, deberá achegar as resolucións de concesión destas.

5. Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará polos seguintes medios de proba:

1º. As persoas físicas e xurídicas que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, en que afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro. Poderán tamén acreditar a dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos no punto 2º e con suxeición á súa regulación.

2º. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:

i. Certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagamentos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se alcanza o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinado neste punto, con base na información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.

Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.

ii. No caso de que non sexa posible emitir a certificación de auditor a que se refire o número anterior, «Informe de procedementos acordados» elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que, con base na revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pagamento a provedores da sociedade a unha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou no caso de que se detectasen, estas non impidan alcanzar o nivel de cumprimento requirido no punto segundo da letra d) da disposición derradeira sexta da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.

2. Documentación específica relativa a cada modalidade de proxecto.

2.a) Modalidade I.1. Proxectos de investimento empresarial cun investimento subvencionable entre 800.000 € e 10.000.000 €.

i) Documentación para achegar coa solicitude de axuda:

1. Memoria descritiva do investimento proxectado, que deberá ser cuberta no formulario electrónico de solicitude.

2. No caso de investimentos de diversificación da produción en establecementos existentes con reutilización de activos, deberán achegar o inventario de inmobilizado que serviu de base para a formulación das contas anuais correspondentes ao último exercicio económico pechado con indicación, para cada elemento do inventario, da data de adquisición ou incorporación, valor ou custo de adquisición, importe da amortización acumulada á data do inventario e, se é o caso, doutras depreciacións por perda de valor, así como o valor neto contable á data do inventario.

Así mesmo, deberá achegar un informe dun experto independente colexiado que indique os activos do inventario que se pretende reutilizar, os cales deberán figurar identificados no inventario de inmobilizado.

No caso de investimentos de diversificación da produción en establecementos existentes sen reutilización de activos, deberán presentar unha declaración responsable nese sentido.

3. As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, deba ter solicitado a persoa solicitante, de acordo co establecido no artigo 7.5 e agás as excepcións previstas nestas bases reguladoras.

4. Para cada un dos elementos integrantes do investimento proxectado para os que non sexa de aplicación o previsto no punto anterior, deberá achegarse, como mínimo, unha oferta ou orzamento.

5. Cadro de ofertas segundo o modelo que figura no formulario electrónico de solicitude.

6. No caso de obra civil, deberán presentar proxecto de obra visado e/ou planos, en que se deberá poder verificar a superficie correspondente a cada concepto de obra civil.

Para estes efectos, cando se trate de obras menores, como as necesarias para a instalación dos equipamentos subvencionables, entre outras, non será preceptiva a achega desta documentación.

7. Adicionalmente, para os seguintes tipos de actuacións relacionadas con inmobles, deberán presentar:

a) No caso de obra civil de construción en terreo propio: acreditación da propiedade do terreo ou compromiso de que pasará a ser propiedade do solicitante antes do comezo das obras.

b) No caso de obra civil de construción en terreo con concesión administrativa ou dereito de superficie: documento acreditativo da concesión ou do dereito de superficie, que deberá ter unha duración superior a 5 anos contados desde a data de finalización do proxecto estimada pola persoa solicitante.

c) No caso de reforma dun inmoble (nave, edificio, local…) propio: documentación acreditativa da titularidade do inmoble.

d) No caso de reforma en inmobles arrendados ou sobre os que exista un dereito de uso: contrato de arrendamento do inmoble, ou documento que acredite o dereito de uso da instalación, cunha duración mínima de 5 anos contados desde a data de finalización do proxecto estimada pola persoa solicitante.

e) No caso de adquisición de edificacións xa construídas novas: informe de taxación subscrito por sociedade de taxación homologada do valor de mercado dos bens que se adquiran.

f) No caso de adquisición de edificacións xa construídas usadas:

– Declaración do vendedor sobre que a edificación ou construción non foi obxecto de ningún tipo de subvención autonómica, nacional ou comunitaria.

– Informe de taxación subscrito por sociedade de taxación homologada do valor de mercado dos bens que se adquiran.

g) No caso de construcións por cambio de localización dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, con abandono de instalación propiedade da empresa solicitante ou dos seus socios maioritarios: informe de taxación subscrito por sociedade de taxación homologada do valor de mercado das instalacións que se abandonen.

h) No caso de alleamento das instalacións que se abandonan con anterioridade á resolución da solicitude: contrato de compravenda. Se as instalacións que se abandonan non son propiedade da empresa solicitante ou dos seus socios maioritarios, declaración responsable ao respecto.

8. No caso de investimentos vencellados a máis dunha actividade económica da empresa, sendo unha delas non subvencionable: declaración responsable da vinculación proporcional, de cada un dos elementos do investimento proxectado, á actividade para a que se propón o proxecto, de acordo co artigo 7.8 destas bases reguladoras.

9. No caso de adquisición de activos pertencentes a un establecemento que pechou ou que pecharía se non se adquirise:

– Declaración de que os activos son adquiridos a un terceiro non relacionado co comprador.

– Declaración do vendedor sobre a orixe dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

Informe de taxación subscrito por sociedade de taxación homologada para os inmobles e informe técnico de persoa independente e experta na materia para os bens de equipamento e outros activos de que o prezo dos activos non é superior ao valor de mercado de referencia nin ao custo dos bens novos similares.

ii) Documentación para o aboamento da axuda, que se debe presentar xunto coa solicitude de cobramento.

Documentación xustificativa do investimento:

1. Documentos acreditativos dos investimentos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionalas co gasto xustificado.

2. Adicionalmente, para os seguintes tipos de actuacións relacionados con inmobles, deberán presentar:

a) No caso de obra de nova construción, rehabilitación ou reforma: licenza municipal de obra ou comunicación previa, segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, no caso de obras acollidas a este sistema de comunicación previa.

Nos casos en que sexa preceptivo, certificado de final de obra expedido polas persoas facultativas responsables da dirección da obra e da súa execución.

b) No caso de adquisición, construción, rehabilitación ou mellora de inmobles en propiedade: escritura pública en que conste o importe da subvención concedida e que o ben se destinará ao fin concreto para o que se concedeu a subvención ata finalizado o prazo de obrigado mantemento deses bens, e estes requisitos deberán ser obxecto de inscrición no rexistro público correspondente, de acordo co establecido no artigo 29.4 da Lei 9/2007. Este documento poderá presentarse ata 6 meses despois de finalizado o prazo de xustificación do proxecto.

c) No caso de reforma en inmobles arrendados ou sobre os que exista un dereito de uso: contrato de arrendamento do inmoble, ou documento que acredite o dereito de uso da instalación, cunha duración mínima de 5 anos contados desde a data de finalización do prazo de execución do proxecto.

d) No caso de adquisición de edificacións xa construídas, de non se ter achegado na fase de instrución: informe de taxación subscrito por sociedade de taxación homologada que certifique o valor de mercado dos bens adquiridos.

e) No caso de alleamento das instalacións que se abandonan con anterioridade á liquidación da axuda e sempre que non se achegase con anterioridade á resolución: contrato de compravenda.

f) No caso de proxectos que requiran a realización de obra civil, acreditación de que evitaron os impactos negativos significativos no ambiente na execución das actuacións, respectado o principio de «non causar prexuízo significativo» (principio Do no significant harm-DNSH), no sentido establecido no artigo 9.4 do RDC, mediante:

1º. Certificados de xestión de residuos de construción e demolición con destino á reutilización, reciclaxe e recuperación, expedidos polos xestores de destino como xustificación da entrega, incluíndo os códigos da Listaxe europea de residuos (LER) e a porcentaxe de valorización alcanzada.

2º. Certificado expedido pola empresa contratista conforme para a execución da obra non se utilizou amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da listaxe de substancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2006.

g) Documentación de ter levado a cabo a análise da defensa contra o cambio climático en todas as fases do ciclo do proxecto de infraestrutura, de acordo co establecido no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) nº 2021/1060, tendo en conta as Orientacións técnicas sobre a defensa contra o cambio climático das infraestruturas para o período 2021-2027 (comunicación da Comisión 2021/C373/01, DOUE 16.9.2021) e as instrucións que desenvolva para o efecto a autoridade de xestión ou o organismo intermedio dos programas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2021-2027. Nos proxectos en que resulte preceptiva, pode integrarse na avaliación de impacto ambiental.

h) Xustificación acreditativa do cumprimento da normativa ambiental comunitaria, estatal e autonómica vixente, en particular a normativa reguladora da Rede Natura 2000 e demais espazos naturais protexidos, a Lei 21/2013, de avaliación ambiental, e o Real decreto lexislativo 1/2016 polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación, en caso de que resulte de aplicación polas características ou localización do proxecto.

3. No caso de investimentos en aplicacións informáticas, deberán acreditarse as condicións establecidas na punto B.1.4 anterior, mediante informe de auditor inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que verifique o cumprimento das condicións incluídas no citado punto.

4. Copia das tres ofertas que deba ter solicitado a persoa beneficiaria, de acordo co establecido no artigo 7.5 das bases reguladoras, no caso de non as ter achegado xunto coa solicitude da axuda.

5. Nos casos de creación dun novo establecemento ou de inicio dunha nova actividade: acreditación de que o beneficiario dispón de todos os permisos e autorizacións necesarias para poder desenvolver a actividade, así como a comunicación previa do inicio da actividade ou da apertura do establecemento segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2013 e certificado de situación censual da AEAT que acredite a alta na actividade subvencionable, durante o prazo de execución do proxecto, do novo establecemento obxecto de subvención.

6. Memoria técnica, que deberá cubrirse no formulario electrónico de xustificación.

Documentación xustificativa do pagamento, conforme o pagamento ten sido realizado efectivamente dentro do prazo de execución, por algún dos seguintes medios:

1. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados a data de pagamento, o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que se deberá manifestar sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente, e do cumprimento dos prazos legais de pagamento segundo a Lei 3/2004. Este informe será obrigatorio para proxectos con máis de 50 xustificantes de pagamento.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ás accións subvencionadas, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas nas accións e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibo asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ás accións subvencionadas.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos banca rios de cargo en que conste o cambio empregado.

Para seren considerados subvencionables, os gastos deberán ter sido aboados dentro do prazo de execución do proxecto e nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

Documentación acreditativa da publicidade do financiamento público:

Calquera soporte dos establecidos no anexo V das bases onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público.

2.b) Modalidade I.2. Proxectos de investimento igual ou superior a 100.000 €, cunha creación de emprego de 25 ou máis postos de traballo.

i) Documentación específica para a solicitude de axuda.

a) Memoria do proxecto, que se formalizará no formulario electrónico de solicitude de axuda.

b) Informe de vida laboral na data da solicitude de axuda que inclúa todos os centros de traballo da persoa solicitante e certificado de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

ii) Documentación para o aboamento da axuda, que se debe presentar xunto coa solicitude de cobramento.

– Documentos acreditativos dos investimentos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009 e acreditación do seu pagamento dentro do período de execución do proxecto. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionalas co gasto xustificado.

– Documentación xustificativa do novo emprego creado en Galicia, relación de traballadores contratados e custo salarial anual de cada un deles, con contratos realizados efectivamente dentro do prazo de execución, polos seguintes medios:

1. Contratos de traballo dos novos traballadores.

2. Certificado de emprego na empresa nos seus centros de traballo en Galicia na data de solicitude da axuda e en data previa ao remate do prazo de execución que reflicta todo o emprego neto creado.

– Documentación acreditativa da publicidade do financiamento público: calquera soporte dos establecidos no anexo V das bases onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO V

REQUISITOS DE COMUNICACIÓN DO FINANCIAMENTO PÚBLICO

Responsabilidade da persoa beneficiaria.

As axudas para atracción de investimentos a Galicia son cofinanciadas con fondos da Unión Europea. En relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto nos artigos 47, 50 e anexo IX do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, a persoa beneficiaria, durante o período de mantemento do investimento, recoñecerá a axuda dos fondos europeos, a través do Feder, e para iso:

a) No seu sitio web oficial, cando o dito sitio web exista, e nas súas contas nas redes sociais fará unha breve descrición da operación, de xeito proporcionado en relación co nivel de axuda, cos seus obxectivos e resultados, destacando a axuda financeira da Unión Europea.

Para cumprir con este requisito pode utilizarse a seguinte imaxe:

https://igape.gal/images/stories/Cartel_Informativo_Atraccion_2024.pdf

missing image file

b) Nos documentos e materiais de comunicación destinados ao público e relacionados coa execución da actuación, proporcionará unha declaración que destaque a axuda da Unión Europea de xeito visible.

O formato que se deberá utilizar é o seguinte:

PROXECTO COFINANCIADO POLA UNIÓN EUROPEA

missing image file

c) Para as actuacións que impliquen investimentos físicos ou nas cales se instalen os equipamentos adquiridos e cuxo custo total sexa superior a 500.000 euros, tan pronto como comecen e durante toda a súa execución colocará unha placa ou valo publicitario resistente nun lugar ben visible para o público

d) Para as actuacións cuxo custo total sexa superior a 500.000 euros e que impliquen investimentos físicos ou en que se instalen os equipamentos adquiridos, no prazo de tres meses desde a finalización da execución física, colocará unha placa permanente nun lugar ben visible para o público

e) Para as actuacións que non se inclúan no punto c) anterior, exhibirá nun lugar ben visible para o público polo menos un cartel de tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a actuación onde se destaque a axuda dos fondos europeos; nos casos en que a persoa beneficiaria sexa unha persoa física, asegurará, na medida do posible, a dispoñibilidade de información axeitada onde se destaque a axuda dos fondos europeos, nun lugar visible para o público ou mediante unha pantalla electrónica.

O formato que se deberá utilizar é o seguinte:

https://igape.gal/images/stories/Cartel_Informativo_Atraccion_2024.pdf

missing image file

Cando varias actuacións teñan lugar na mesma localización só é preciso colocar unha placa ou cartel.

Durante o período de obrigatoriedade de conservación da documentación, a persoa beneficiaria deberá conservar, preferentemente en formato dixital, unha copia de todos os materiais de comunicación e publicidade que elabore no marco da actuación. Este material deberá ser posto á disposición do organismo intermedio ou das institucións da Unión Europea, se así llo solicitan.

A persoa beneficiaria deberá respectar, en todo momento, as orientacións recollidas no documento «Uso do emblema europeo no contexto dos programas da UE 2021-2027» (https://commission.europa.eu/system/files/2021-05/eu-emblem-rules_es.pdf) e as características técnicas descritas no anexo IX do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

No caso de que o custo total do proxecto supere o importe de 10.000.000 euros, segundo exixe o artigo 50.1.e) do RDC, a persoa beneficiria organizará unha actividade ou acto de comunicación, facendo participar á Comisión Eurpea e á autoridade de xestión e ao organismo intermedio do programa Galicia Feder 2021-2027, de acordo coas instrucións que se lle comunicarán.