DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Luns, 13 de xaneiro de 2025 Páx. 1826

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 11 de decembro de 2024 pola que se da publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para atracción de empresas a Galicia para o ano 2025, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408H).

BDNS (Identif.): 807152.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

As pequenas e medianas empresas (pemes) que proxecten levar a cabo un investimento nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do regulado nas bases reguladoras. Consideraranse pemes as empresas que, á data da solicitude, respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 e con forma xurídica de sociedade mercantil.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto a concesión de axudas para o financiamento de proxectos de investimento empresarial das seguintes modalidades:

I.1. Proxectos de investimento empresarial cun investimento subvencionable entre 800.000 € e 10.000.000 de €.

I.2. Proxectos de investimento igual ou superior a 100.000 €, cunha creación de emprego de 25 ou máis postos de traballo de carácter indefinido a tempo completo.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 11 de decembro de 2024 pola que se da publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para atracción de empresas a Galicia para o ano 2025, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408H).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7700 e cos seguintes importes e distribución plurianual: 100.000 € con cargo ao ano 2025, 3.900.000 € con cargo ao ano 2026, 4.000.000 de € con cargo ao ano 2027 e 4.000.000 de € con cargo ao ano 2028.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computarse 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará o 30 de setembro de 2025, ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2024

Patricia Villajos Grande
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica