O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do día 11 de novembro de 2024, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape para a mellora da capacidade de innovación e o desenvolvemento tecnolóxico das empresas en Galicia, a través da aplicación de servizos de innovación, programa Tícket Innova e facultou a persoa titular da Dirección Xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.
Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,
RESOLVO:
Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape para a mellora da capacidade de innovación e o desenvolvemento tecnolóxico das empresas en Galicia, a través da aplicación de servizos de innovación, programa Tícket Innova, e convocar para o ano 2025 as ditas axudas en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408K).
A presente convocatoria finánciase con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Segundo. Esta convocatoria tramítase de conformidade co disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, e queda condicionada a concesión destas axudas á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.
Terceiro. O prazo de presentación das solicitudes da axuda comezará a computarse 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará o 30 de setembro de 2025 ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.
Cuarto. Créditos
O crédito dispoñible para concesións nesta convocatoria aboarase con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:
|
Partida orzamentaria |
Ano 2025 |
|
09.A1.741A.7700 |
1.000.000,00 € |
A persoa titular da Dirección Xeral do Igape poderá ampliar o crédito, logo de declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.
Quinto. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses desde a presentación da solicitude de axuda no Igape e, transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.
Prazo de xustificación: as persoas beneficiarias das axudas por importe maior de 29.990 € deberán presentar a solicitude de cobramento antes do 30 de novembro de 2025.
Sexto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que se lle debe efectuar á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario.
Sétimo. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas desta resolución.
Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2024
Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica
Bases reguladoras das axudas para a mellora da capacidade de innovación e o desenvolvemento tecnolóxico das empresas en Galicia, a través da aplicación de servizos de innovación, programa Tícket Innova
A Consellería de Economía e Industria, no recente Decreto 140/2024, do 20 de maio, onde se define a súa estrutura orgánica, establece entre as súas funcións a promoción e dinamización da economía, o impulso e a coordinación da política económica e industrial, así como o apoio xeral ao sector empresarial, fomentando a mellora da competitividade das empresas, incidindo no desenvolvemento tecnolóxico e na innovación, na transformación dixital, na sustentabilidade e na internacionalización.
O Igape, no cumprimento das súas funcións, desempeña un rol fundamental no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúan a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da Comunidade galega.
O Igape, como ente de dereito público, é responsable, conforme a súa lei de creación, de definir a iniciativa e os programas de promoción e fomento do desenvolvemento rexional en cooperación coas distintas administracións e con outros entes públicos de promoción para contribuír á dinamización da economía de Galicia, impulsando a capacidade de innovación, a explotación das vantaxes propias e dos factores endóxenos, a atracción de investimentos, a competitividade da economía e o conxunto de actuacións de asesoramento, promoción, información e apoio que exixa o cumprimento dos seus obxectivos. Pola súa vez focalizará, entre as súas outras competencias, o fomento e promoción da innovación empresarial no sistema produtivo rexional como resposta directa para impulsar o crecemento e a competitividade empresariais.
A Resolución do 28 de maio de 2024, do Igape, pola que se crea a nova Área de Innovación Empresarial dentro da súa estrutura organizativa, introduce a misión de promocionar, avanzar e incrementar o sistema de innovación galego no tecido produtivo e na empresa, coordinando e colaborando na mellora da innovación do sistema económico galego a través da transferencia ao tecido produtivo dos resultados da investigación e desenvolvemento co obxectivo de incrementar a capacidade competitiva da empresa galega.
O 8 de abril de 2022 o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período, así como o Plan galego de investigación e innovación 2022-2024, que concreta desde un punto de vista operativo este marco estratéxico.
A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e a sociedade galega. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e os esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a tres prioridades temáticas transversais, e pola outra reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de cinco obxectivos estratéxicos arredor dos cales articula os instrumentos e actuacións para desenvolver integrados nos correspondentes programas.
Estas axudas enmárcanse na RIS3 de Galicia 2021-2027, e responden aos tres retos e ás tres prioridades. Adecúanse co obxectivo estratéxico 2 (equilibrar a excelencia na investigación e a súa aplicabilidade no mercado), integrándose, polo tanto, no programa Innova e emprende.
No novo marco de especialización intelixente para o período 2021-2027 un dos obxectivos con respecto á innovación empresarial é definir itinerarios de apoio que respondan á heteroxeneidade do tecido empresarial e dean resposta tamén ás diferentes etapas de xeración e progreso da innovación ata converterse en valor no mercado.
Esta actuación tamén se encadra na Estratexia galega de impulso á biotecnoloxía, que inclúe como un dos seus eixes prioritarios o eixe 2: fortalecemento e consolidación empresarial, no cal se integra o programa de actuación B1: capacitación e competitividade innovadora.
En Galicia existe un contorno moi propicio para o progreso da innovación toda vez que o ecosistema de innovación galego conta con numerosos axentes de primeiro nivel, tanto no eido público como no privado, tales como centros tecnolóxicos e empresas especializadas en servizos de apoio á innovación, empresas provedoras de servizos tecnolóxicos e de tecnoloxías facilitadoras... que dotan a nosa comunidade dunha oferta moi importante de coñecemento científico e técnico para o tecido empresarial galego.
A abundante e diversa oferta de axentes presentes no ecosistema rexional de innovación non é incompatible, con todo, coa existencia ao mesmo tempo dunha baixa taxa de absorción, por parte das pequenas e medianas empresas, da innovación xerada na rexión, e de forma moi especial polas pemes non tecnolóxicas pertencentes a sectores tradicionais.
Para incrementar o potencial de innovación das pequenas e medianas empresas, ao mesmo tempo que se aumentan os fluxos de transferencia de tecnoloxía, é necesario crear instrumentos áxiles que incentiven a adquisición de servizos técnicos específicos de apoio á innovación e desenvolvemento tecnolóxico por parte das pequenas e medianas empresas, como ferramentas para a mellora dos seus produtos, procesos e servizos, e da súa produtividade.
Estas axudas establécense, en suma, para promover unha maior absorción por parte das pemes galegas dos servizos de apoio á innovación, como instrumento para a diferenciación dos seus negocios no mercado e para o aumento da súa produtividade, coa finalidade última de crear e consolidar nas pequenas e medianas empresas unha actitude innovadora que faga innecesarios estes incentivos nun futuro a medio prazo.
Co obxectivo de impulsar o uso de servizos de innovación por parte das pemes galegas, preténdese desenvolver o procedemento que facilite o acceso das pequenas e medianas empresas á tecnoloxía e á innovación, mediante a concesión directa de axudas, na modalidade de subvención, dirixidas ás pemes.
Para iso incentivarase a colaboración activa entre as pemes, os centros tecnolóxicos e as empresas especializadas na prestación de servizos de apoio á innovación, mediante acordos que comporten a prestación de servizos técnicos de apoio á innovación empresarial, incluídos os relativos á xestión da innovación e a súa implantación no mercado.
As principais persoas beneficiarias destas actuacións serán pequenas e medianas empresas galegas e, de forma moi especial, as pemes non tecnolóxicas pertencentes a sectores tradicionais non intensivos en innovación.
Para acadar estes obxectivos poderanse publicar diferentes convocatorias en concorrencia non competitiva, que serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape. As convocatorias incluirán o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.
As axudas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007.
Artigo 1. Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas a incentivar o uso de servizos para o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación polas pequenas e medianas empresas (pemes), en especial, polas pertencentes a sectores tradicionais non intensivos en innovación.
2. A finalidade destas axudas é fomentar a implementación da innovación nas pemes galegas e a transferencia de tecnoloxía entre os centros tecnolóxicos e as empresas, como valor engadido e como instrumento para o incremento da súa produtividade, crecemento e diferenciación no mercado.
3. As axudas destinaranse a financiar a contratación, por parte das pemes, de servizos especializados de apoio á innovación que inclúan os servizos relativos á xestión da innovación e a súa implantación no mercado, realizados a través de empresas de consultoría especializadas na prestación de servizos de innovación e centros tecnolóxicos galegos.
Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación
1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.
2. As solicitudes resolveranse atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito, do cal se dará a correspondente publicidade.
Para os efectos de determinar a prelación temporal, a data para ter en conta será a data e hora de presentación da solicitude. No caso de presentación de achegas ou de que a solicitude requira emenda, teranse en conta a data e a hora en que a persoa solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida. No caso de que máis dunha solicitude teña a mesma data de presentación, prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación fose anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á cal o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.
3. Non se poderán outorgar subvencións por unha contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación, transferencia ou incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.
4. As axudas previstas nestas bases encádranse no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis; no Regulamento (UE) 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola e no Regulamento (UE) 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura, ou nas normas que os modifiquen ou os substitúan.
5. A presente convocatoria finánciase mediante fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas
1. Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións para os mesmos gastos.
2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 300.000 euros nos tres anos previos á concesión da axuda. Para as empresas do sector da pesca, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 40.000 euros nos tres anos previos á concesión da axuda, e para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 50.000 euros nos tres anos previos á concesión da axuda.
3. A solicitude e/ou obtención doutras axudas ou subvencións aos mesmos gastos ou a solicitude e/ou obtención doutras axudas ou subvencións en réxime de minimis deberá comunicárselle ao Igape tan axiña como se coñeza. En todo caso, antes de conceder a axuda, requirirase da persoa solicitante unha declaración escrita ou en soporte electrónico sobre calquera axuda recibida para os mesmos gastos ou en réxime de minimis. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.
Artigo 4. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas galegas (en diante, pemes) ou cun centro de traballo en Galicia.
2. Para os efectos das presentes bases, consideraranse pemes as empresas que, na data da solicitude, respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, e con forma xurídica de sociedade mercantil.
3. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:
a) As empresas que sexan prestadoras dos mesmos ou similares servizos para os cales solicitan a axuda.
b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, como consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
c) As empresas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou que incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.
d) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas posteriores modificacións, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
Artigo 5. Condicións e conceptos subvencionables
1. Serán subvencionables os custos de contratación de servizos externos especializados en materia de innovación e desenvolvemento tecnolóxico (empresas especializadas en innovación e centros tecnolóxicos) efectuados desde o 1 de xaneiro de 2025 ata a data da solicitude da axuda. O importe mínimo de gasto subvencionable deberá acadar os 10.000 €.
2. Non serán subvencionables en ningún caso impostos, xuros e gastos financeiros, e taxas.
3. En ningún caso os gastos subvencionables poderán ser superiores ao valor de mercado.
4. As contratacións relativas á prestación dos servizos asociados aos tíckets de innovación terán que estar realizadas e pagadas dentro do prazo de execución, que abrangue desde o 1 de xaneiro de 2025 ata a data da presentación da solicitude.
5. Existen 6 modalidades de tíckets Innova:
a) Estratexia e xestión da innovación.
– Estudos de viabilidade tecnolóxica e industria.
– Estudos de vixilancia tecnolóxica e estado da técnica.
– Auditoría/consultoría en produto/servizo.
– Estudos de mercado, ensaios, análese e validación experimental de novos prototipos de novos produtos e/ou servizos, procesos piloto, novos métodos ou materiais.
– Obtención de certificacións de normas oficiais vinculadas á actividade innovadora.
– Asesoramento para a identificación, monitorización e acompañamento de licitacións de CPI (compra pública de innovación).
– Actividades de deseño industrial, enxeñaría e posta a punto de novos sistemas de produción vinculados a novos produtos, procesos ou servizos diferenciadores.
b) Deseño para a innovación.
– Conceptualización e deseño de novos produtos e servizos diferenciais.
– Deseño de marca e identidade corporativa.
c) Xestión da protección do coñecemento da innovación.
– Asesoramento na xestión da protección do coñecemento da innovación industrial, patentes, marcas comerciais e deseños industriais, etc.
d) Certificacións para as deducións fiscais en I+D+i.
e) Preparación de propostas a programas e axudas europeas.
f) Deseño de novos procesos ou servizos baseados en tecnoloxías dixitais emerxentes.
– Realidade aumentada, a impresión 3D, a automatización avanzada e robótica, así como internet das cousas ou sistemas intelixentes embebidos.
– Sistemas de intelixencia artificial (intelixencia de negocio, big data e similares).
– Ciberseguridade.
6. En ningún caso serán subvencionables as actuacións ou actividades habituais da empresa nin a modificación ou adaptación de procesos produtivos, produtos ou servizos existentes que non supoñan unha innovación. En concreto, exclúense as actividades destinadas:
a) Ao cumprimento de normativa obrigatoria.
b) Ás análises, ensaios ou caracterizacións habituais ou recorrentes non vinculados ao proxecto subvencionable.
c) Á fabricación ou produción de prototipos.
d) Á implantación de certificados de calidade, ambiente, boas prácticas ou similares.
e) Á análise, ensaios ou caracterizacións habituais ou recorrentes.
f) A calquera tipo de acción formativa.
g) A accións de implantación de solucións dixitais na empresa que non supoñan innovacións en servizos, procesos e organización como melloras de aplicacións ou software xa existente ou a súa adaptación, os desenvolvementos ofimáticos (ERP, CRM, páxinas web, plataformas de comercio electrónico, xestións de redes, clientes, intelixencia e análise de negocios) e ferramentas de oficina virtual, financeiros ou contables, e calquera outra aplicación asimilable ás anteditas.
h) A servizos de telecomunicacións ou de almacenamento ou hospedaxe da información.
i) A arrendamento de equipos (hardware), redes ou sistemas físicos de tecnoloxías.
7. Os gastos que se subvencionan deberán respectar o establecido nesta convocatoria e serán exclusivamente custos directos.
8. Con carácter xeral, os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. Enténdese que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e o artigo 43.2 do Decreto que desenvolve a citada lei. Así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.
9. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables en que incorrera nas súas operacións comerciais deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas modificacións posteriores.
10. Cando o importe dos gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben no momento de publicar estas bases), a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que os presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia asinado por un experto independente.
As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos:
a) Comparabilidade: deberán referirse á mesma tipoloxía de elemento obxecto de investimento, con prestacións similares, e conter conceptos análogos e comparables e co detalle suficiente para a súa comparación.
b) Non vinculación: os provedores das tres ofertas non poderán ser vinculados entre si nin coa empresa solicitante. Para estes efectos, enténdese que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei. Así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.
c) Identificación do ofertante e do destinatario: deberán conter a razón social, o domicilio e o número ou código de identificación fiscal. Excepcionalmente, poderán admitirse ofertas ou orzamentos en que se omita algún dos elementos identificativos do emisor ou do destinatario cando, ao criterio dos servizos técnicos do Igape, se considere que están clara e inequivocamente identificados o ofertante e o destinatario.
d) Data: todas as ofertas deberán mostrar unha data de emisión.
Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).
Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a persoa solicitante non escolla a oferta de menor prezo, considerarase subvencionable o importe da oferta elixida, logo da sucinta motivación de que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios técnicos adicionais ao prezo.
Artigo 6. Contía e intensidade da axuda
Concederase unha axuda do 80 %, ata un máximo de 48.000 €, para os gastos realizados pola empresa beneficiaria durante o período subvencionable, tal e como se detalla a continuación:
|
Gasto |
Subvención |
Intensidade |
|
De 10.000 € ata 60.000 € |
De 8.000 € ata 48.000 € |
80 % |
Artigo 7. Forma e lugar de presentación das solicitudes
1. Unha mesma entidade só poderá presentar unha solicitude en toda a convocatoria, e deberá escoller para iso, un servizo entre os seis correspondentes aos seis tíckets para a innovación descritos nesta convocatoria.
De presentarse máis dunha, arquivaranse automaticamente as rexistradas despois da primeira, agás desistencia expresa das outras por parte da persoa solicitante.
2. Para presentar a solicitude, a persoa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios.
No devandito formulario, a persoa representante deberá realizar as seguintes declaracións relativas á persoa solicitante:
a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como o deber de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.
b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.
c) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.
d) Que cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas para as cales se propón a concesión da axuda teñen a condición de peme.
e) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables durante un período de catro anos desde a súa presentación.
f) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. Enténdese que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e no artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei. Así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.
g) Declaración das axudas concorrentes para a mesma actuación, solicitadas ou concedidas.
h) Declaración sobre calquera outra axuda de minimis recibida e/ou solicitada nos tres anos previos á concesión da axuda.
i) Declaración de non encontrarse nas circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei de subvencións de Galicia.
j) Para as entidades suxeitas a inscrición no Rexistro Mercantil: que cumpriu coa obriga de depósito no Rexistro Mercantil das contas anuais correspondentes ao último exercicio coa obriga de depósito, segundo os artigos 366 e 368 do Regulamento do Rexistro Mercantil (Real decreto 1784/1996, do 19 de xullo) e o artigo 279.1 do texto refundido de Lei de sociedades de capital.
3. No caso de subvencións de ata 29.990 €, no formulario incluirase a xustificación dos gastos realizados (facturados e pagados) mediante a modalidade de conta xustificativa simplificada, regulada no artigo 51.1 do Decreto 11/2009.
A conta xustificativa simplificada incluirá:
1º. Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.
2º. Unha relación clasificada dos gastos, con identificación do acredor e do documento, o seu importe con e sen IVE, a data de emisión e a data de pagamento.
De acordo co establecido no artigo 31 da lei 30/2008, xeral de subvencións, os gastos para os cales se solicite axuda deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
3º. O detalle doutros ingresos ou subvencións que teñan financiado os custos subvencionados, con indicación do seu importe e procedencia.
Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, os orixinais da documentación ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes.
4. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
5. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade da persoa solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento deberá estar asinado electronicamente por cada un dos autorizantes.
Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, anotarase unha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
No momento da presentación, o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.
As persoas solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da presentación na oficina virtual do Igape (https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual).
As solicitudes presentadas non poderán modificarse.
Artigo 8. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:
a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.
No caso de sociedades rexistradas no Rexistro Mercantil, poderá solicitarse, motivadamente, algunha ou algunhas das escrituras referidas no parágrafo anterior cando a información obtida do Rexistro Mercantil non resulte suficiente para concluír sobre a personalidade da sociedade ou da súa representación.
b) Declaración do imposto de sociedades do último exercicio pechado.
c) As contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado para o cal se cumpriu o prazo de aprobación legalmente establecido, ou de depósito, no caso de deber de depósito no Rexistro Mercantil, xunto co informe de auditoría no caso de que a empresa estea obrigada a someter as súas contas a auditoría.
Así mesmo, no caso de que a solicitante estea integrada nun grupo de sociedades que consolide contas, anexará as contas anuais consolidadas. Anexaranse, igualmente, as contas anuais de todas as entidades que deban ser tidas en conta para os efectos de determinar a consideración ou non de peme da persoa solicitante, salvo que estas estean integradas nas contas consolidadas que, se é o caso, fosen presentadas.
d) Declaración da condición de peme, que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude, con datos das contas anuais do último exercicio pechado na data da solicitude.
e) En relación coa declaración doutras axudas para o mesmo proxecto e doutras axudas de minimis recibidas durante os tres anos previos, cando teña axudas concedidas, deberá achegar copia das resolucións de concesión.
f) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará polos seguintes medios de proba:
1º. As persoas físicas e xurídicas que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, en que afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro. Poderán tamén acreditar a dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos no punto 2º e con suxeición á súa regulación.
2º. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:
i. Certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagamentos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se alcanza o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinado neste punto, con base na información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.
Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.
ii. No caso de que non sexa posible emitir a certificación de auditor a que se refire o número anterior, Informe de procedementos acordados elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que, con base na revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pagamento a provedores da sociedade nunha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou no caso de que se detectasen, estas non impidan alcanzar o nivel de cumprimento requirido no punto segundo da letra d) da disposición derradeira sexta da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.
g) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidas electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Artigo 9. Comprobación de datos
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) NIF da entidade representante.
d) Consulta da documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo a letra a) do artigo 8.1 das bases.
e) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
f) Consulta de concesións pola regra de minimis.
g) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.
h) Imposto de actividades económicas (IAE).
i) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa AEAT.
j) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.
k) Certificado de estar ao día do pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo a través do enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Artigo 11. Órganos competentes
O órgano competente para instruír o procedemento de concesión da subvención será a Área de Innovación do Igape.
A persoa titular da Dirección da Área de Innovación do Igape é competente para resolver os arquivos, as desistencias e as renuncias de dereitos nos expedientes tramitados na súa área, nos casos previstos na lexislación vixente, por delegación do Consello de Dirección.
A competencia para ditar a resolución que poña fin ao procedemento na vía administrativa correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.
Artigo 12. Instrución do procedemento, resolución e notificación
1. As solicitudes de axuda serán avaliadas polos servizos técnicos do Igape en función dos datos relativos á persoa solicitante e dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario electrónico e da documentación presentada.
En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e ao ser unha convocatoria de axudas en concorrencia non competitiva, as axudas resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes. Non obstante, naqueles supostos en que se lles requira ás persoas solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou na documentación presentada, ou se presenten documentos posteriores, entenderase por rexistro de entrada da solicitude a data en que o dito requirimento foi correctamente atendido.
De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos.
Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición e arquivarase o expediente, logo da correspondente resolución.
Unha vez instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar a proposta de resolución, poráselles de manifesto ás persoas interesadas para que, no prazo de dez días, poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas.
2. A Área de Innovación ditará proposta de resolución con base neste procedemento, e elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen resolverá a concesión das subvencións por delegación do Consello de Dirección do Igape.
A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, a contía da subvención e as obrigas que correspondan. Informarase a persoa beneficiaria sobre o carácter de minimis da axuda, facendo unha referencia expresa e completa ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis.
Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.
3. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria é o establecido na resolución de convocatoria. Transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.
4. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación realizada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
De conformidade co artigo 47 da Lei /2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, o Igape realizará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 13. Réxime de recursos
As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Potestativamente, recurso previo de reposición:
– Ante a persoa titular da Dirección da Área de Innovación, no caso de recursos de reposición contra as resolucións de arquivamento.
– Ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, no caso de recursos de reposición contra as resolucións de concesión ou denegación das axudas, por delegación do Consello de Dirección do Igape.
En ambos os casos, o prazo para interpor o recurso será dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.
b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Artigo 14. Modificación da resolución
Unha vez ditada a resolución de concesión, non se admitirán modificacións.
Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias
Son obrigas das persoas beneficiarias:
a) No caso de subvencións de importe superior a 29.990 euros, xustificaranse os gastos que fundamentan a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión.
b) Xustificar ante o Igape, de acordo co previsto nestas bases e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións da axuda, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e gozo da subvención.
c) Realizar o reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007.
d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, ou a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas.
Para tal fin, deberá dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados, nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control durante, polo menos, un período de 4 anos desde a súa presentación.
e) Comunicarlle ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien os gastos subvencionados, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.
f) Facilitar cantos datos resulten necesarios para a valoración da convocatoria, no marco da avaliación da RIS3 de Galicia 2021-2027 ou doutros mecanismos relacionados coa medición da I+D+i.
g) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, segundo o establecido no anexo III destas bases, durante a execución do proxecto.
h) Conservar os estudos, auditorías, certificacións, etc. que se desenvolven no marco desta axuda.
i) Todo o anterior sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 16. Xustificación das subvencións de non aplicación da conta xustificativa simplificada
1. No caso de subvencións de importe superior a 29.990 euros, para o cobramento da subvención concedida, a empresa beneficiaria, dentro do prazo establecido na resolución de convocatoria, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, e incluirá unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.
2. A persoa beneficiaria deberá presentar a solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo II), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, a persoa beneficiaria deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.
4. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá a persoa beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.
5. Xunto coa solicitude de cobramento, a empresa beneficiaria da axuda presentará a seguinte documentación:
a) Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado.
b) Documentación xustificativa do pagamento, conforme este foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución, por algún dos seguintes medios:
1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.
2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supor unha redución no valor patrimonial dos bens alegados coma subvencionables no expediente.
No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.
No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ás accións subvencionadas, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas nas accións e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou xustificante asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ás accións subvencionadas.
As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.
c) As tres ofertas que deba ter solicitado a empresa beneficiaria, no caso de non achegalas coa solicitude de axuda.
d) Calquera soporte dos establecidos no anexo III das bases onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público.
e) Naqueles proxectos en que as colaboracións externas ou a adquisición de activos inmateriais superen os 30.000 €, deberán entregar informe dun enxeñeiro colexiado, cualificado no ámbito en que se desenvolva o proxecto e con ausencia de conflito de interese, que se pronuncie sobre a adecuación ao mercado dos prezos aboados pola persoa beneficiaria e o efectivo desenvolvemento do proxecto, de acordo coa memoria técnica xustificativa e dentro do período de execución.
6. A persoa beneficiaria deberá presentar a documentación xustificativa obrigatoriamente por vía electrónica. A persoa beneficiaria responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
7. En todos os casos, as persoas beneficiarias deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que a persoa beneficiaria se opoña á consulta ou non preste o consentimento expreso, deberá achegar as certificacións xunto co resto da documentación xustificativa.
8. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento, que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, de ser o caso, das cantidades previamente aboadas.
Artigo 17. Pagamento das axudas
1. Para importes de subvención de ata 29.990 €, o aboamento das subvencións reguladas nesta convocatoria realizarase una vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos. Resolverase a concesión da axuda e efectuarase o seu pagamento no número de conta indicado na solicitude.
2. Para importes de subvención maiores de 29.990 €, o aboamento da axuda realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.
Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que a persoa beneficiaria os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.
O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007 e no título IV do seu regulamento.
Artigo 18. Reintegro
1. Para as subvencións de ata 29.990 €:
Producirase o reintegro da subvención no suposto de concorrencia das causas establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007 ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.
O procedemento para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.
Procederá o reintegro total da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:
a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.
b) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, concretamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas.
c) Non dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados, nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.
2. Para as subvencións superiores a 29.990 €:
Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, de concorrencia das causas establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.
O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:
a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.
b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou gozo da subvención.
c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, concretamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas.
d) Non dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados, nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario.
e) Cando, como consecuencia de incumprimento parcial, o investimento subvencionable sexa inferior ao 50 % do concedido.
f) A percepción doutras subvencións públicas, incompatibles coa totalidade da subvención prevista nestas bases, suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro do 100 % da subvención concedida.
g) Non comunicarlle ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.
h) Non dar publicidade do financiamento do proxecto, de acordo co establecido no anexo III destas bases.
i) Non acreditar estar ao día das obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.
Entre as causas de perda parcial, inclúese a seguinte: no caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de efectuar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. En particular, unha execución por debaixo do 50 % da base subvencionable aprobada considerarase un incumprimento total.
3. Devolución voluntaria da subvención.
De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida mediante o seu ingreso na conta ES83 2080 0388 2731 1000 0584, en concepto de devolución voluntaria da subvención.
En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.
Artigo 19. Réxime sancionador
Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 20. Fiscalización e control
As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.
Artigo 21. Comprobación de subvencións
1. O Igape comprobará a xustificación adecuada da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.
No caso das empresas beneficiarias ás cales se lles aplica a conta xustificativa simplificada, como mínimo farase unha comprobación nunha mostra aleatoria do 10 % das subvencións concedidas.
No caso das empresas beneficiarias ás cales non se lles aplica a conta xustificativa simplificada, a comprobación material de facturas e xustificantes do gasto será de 4 anos desde a súa presentación.
2. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes do gasto será de catro anos desde a súa presentación.
3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores, será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 22. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións teñen a obriga de subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 23. Remisión normativa
Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:
a) Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L do 15 de decembro); Regulamento (CE) 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño), e o Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), modificado polo Regulamento (UE) 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro (DOUE L 51, do 22 de febreiro).
b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.
d) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
e) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos e Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da administración electrónica.
f) No resto da normativa que resulte de aplicación.

